14/4/13

ARTIGO PUBLICADO NA REVISTA "AREAL"

     O pasado venres 12 de abril, presentouse na casa da cultura "Pintor Lloréns" de Sada o número 6 da revista cultural AREAL, editada pola AC Irmáns Suárez Picallo. 
     Conta a revista con moitos artigos de interese, mais gustaríame reproducir un que considero moi importante xa que nos pon na pista dun persoeiro moi significativo dentro da nosa cultura, descoñecido para moitos e directamente relacionado con Manuel Lugrís Freire. Trátase do seu cuñado Urbano, o irmán de Pura González, a segunda esposa do ilustre sadense.
Para os que non poidan ler directamente o artigo na revista, velaí vai o seu contido. É da autoría dos netos de Urbano.

URBANO GONZÁLEZ VARELA, In memoriam
Irmáns Cabeza de León-González Varela

Urbano González Varela naceu en Santiago de Compostela o día 3 de marzo de 1868 e morreu, tamén na cidade compostelá, o 24 de abril de 1906, ao pouco de cumprir os trinta e oito anos. Era fillo de Secundino González Valdés, quen fora fundador do Centro Galego da Habana, e de Patrocinio Varela. Era o irmán de Pura González, a segunda esposa  do escritor e político sadense Manuel Lugrís Freire.
Malia tan prematura morte, a súa obra como pintor, ilustrador gráfico, prosista, poeta, dramaturgo e xornalista é moi extensa. Ademais da súa faceta artística, exerceu como profesor en diversos centros de ensinanza dentro e fóra de Galicia. A súa sensibilidade artística e a súa simpatía persoal, fixo que fora considerado un dos grandes artistas galegos do seu tempo, do mesmo xeito que tamén o era Pura, a súa irmá, concertista e catedrática de piano.
José Antonio Durán, no seu documental para a Televisión de Galicia A saga dos Lugrís, referíase a eles do seguinte xeito: O segundo casamento de Manuel Lugrís Freire tivo extraordinaria repercusión familiar. Con Urbano e Pura González Varela, formados en Cuba, Nova York e Madrid, o refinamento, a pintura, a música, entran na casa dos Lugrís.
Este mesmo autor, publicaba o 10 de xuño de 1982 en La Voz de Galicia, unha páxina sobre Urbano na que entre outras cousas dicía: Hoxe, moitos anos despois da súa prematura morte, quedamos sorprendidos ante esa galería de retratos, ambientes, viñetas, cuxa calidade resalta ante a mirada máis cega.
Juan Naya Pérez, periodista, historiador e académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, escribía o 17 de marzo de 1984 en La Voz de Galicia: Urbano era simpático, tolerante e xeneroso. Vivía coa ledicia propia dos anos da xuventude e alternaba, non soamente con aqueles que lle eran máis afíns en arte, como Ovidio Murguía, Vaamonde e Lorman; ou en xornalismo con Faginas, Barreiro, Dafonte e Pan de Soraluce, senón tamén co resto dos seus concidadáns. En todos os sitios era admirado e querido.
Interveu tamén na política rexionalista da época, pertencendo, xunto con Manuel Lugrís, Manuel Murguía, Salvador Golpe e Francisco Tettamancy entre outros, á Cova Céltica, faladoiro de intelectuais de ideoloxía rexionalista.
A súa formación profesional foi moi ampla. Iniciou os seus estudos en Santiago de Compostela. De alí pasou á Habana, onde estudou na Academia de Belas Artes San Jorge, e desta pasou á de Arquitectura de Nova York. Ao rematar a súa estadía en Nova York, trasladouse a Madrid. Durante catro anos estivo co pintor e mestre de pintores, Casto Plasencia. Foi esta unha das etapas de aprendizaxe máis fértiles para Urbano. De Plasencia, ademais de alumno, foi gran amigo. Nos últimos anos de vida deste gran pintor, cando aínda non rematara unha das obras na que máis cariño puxera este gran mestre, escribiulle unha dedicatoria: “A mi único discípulo, Urbano”. Esta obra que lle regalou estivo na casa dos herdeiros de Urbano ata mediados dos anos 50. Á morte de Plasencia, Urbano, sobre unha paleta de gran tamaño, pintou un retrato xacente do seu gran mestre. Esta paleta atópase actualmente en Madrid, na casa dun dos netos de Urbano González.
A súa actividade laboral, de igual xeito que a artística, foi extensa e variada. En 1893 obtivo por oposición a praza de “Modelado e Baleirado de Adorno” na Escola de Artes da Coruña, e en 1898 a Cátedra de Pintura na Escola de Artes de Oviedo. En xullo de 1901 trasladouse á Coruña, ao ser nomeado profesor da escola coruñesa. Alí gañou a praza de “Aplicación do Debuxo Artístico ás Artes Decorativas” e ao pouco tempo volveu a Santiago de Compostela, onde ocupou a “Cátedra de Debuxo Xeométrico” na Escola Especial de Artes e Industrias.
En construcións civís da zona noroeste, e especialmente nas obras de ampliación da Universidade de Santiago e da Universidade Central de Madrid, prestou servizos oficiais realizando traballos de debuxo xeométrico, quedando ao fronte destas obras en varias ocasións.
É autor dunha monografía sobre Gregorio Hernández, obra que foi premiada polo Ateneo León XIII e pola Sociedade Económica de Amigos del País.
Como pintor realizou unha grande cantidade de obras, nas que resalta o gran dominio da tonalidade e o debuxo, unidos á grande sensibilidade do artista. Foi un gran dominador do retrato, do cal deixou excelentes exemplos. Dos seus cadros podemos destacar: O primeiro labor (posiblemente unha das súas mellores obras), A Catedral vista desde A Ferradura, Homero, Fermosiña, O xuízo de París (parodia de Rubens), O cego da zanfona, Rebeca e Eliezer (que obtivo a primeira Gran Medalla ofrecida polo concello da Coruña na exposición de 1890) e Retrato dunha vella (dedicado ao seu grande amigo Ovidio Murguía).
Como retratista algúns dos seus cadros máis significativos poden ser os que lles fixo a D. Nicolás Villageliu (encargado polo Centro Galego da Habana para honrar ao seu primeiro presidente), ao Xeneral Julián García Reboredo (o seu sogro), o de D. Secundino González Valdés (no Museo de Belas Artes da Coruña), o de D. Daniel Carballo (no concello da Coruña), o de D. Román Pereiro e o de D. Alfredo Brañas.
A obra pictórica de Urbano González foi gabada en toda a súa extensión por expertos en arte tan insignes como Alejandro Ferrant, e por outras testemuñas da época, algunhas delas de fóra de España.
Un exemplo palpable dos seus grandes dotes de pintor aínda se pode gozar observando as pinturas do teito do paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, obra que lle foi encargada polo Ministerio de Instrución Pública a través dun concurso convocado para o efecto. As bases do dito concurso sinalaban que debería tratarse de tres grandes lenzos representando asuntos alegóricos da Sabedoría, da Historia, das Ciencias e das Artes. Este concurso ganouno tras votación unánime do xurado. Desta adxudicación existen na actualidade certificados expedidos no seu tempo que acreditan o encargo. Á parte disto, moitas publicacións deron información desta obra, como por exemplo a que lle dedicou a revista semanal ilustrada Galicia, da Habana, que nun artigo do 29 de maio de 1904, referíndose a Urbano, escribía: Foi un dos directores artísticos das obras de reconstrución da universidade compostelá, obtendo por concurso as pinturas do seu paraninfo, en cuxos traballos se ocupa actualmente.
Na realización desta obra foi axudado polo pintor valenciano afincado en Santiago, amigo seu, Fenollera.
Moitos anos despois, o 17 de marzo de 1984, no diario La Voz de Galicia, o académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes, Juan Naya Pérez escribía: Non rematarei estas notas sen engadir que Urbano González foi un pintor de orixinalidade e mérito; os seus cadros son un excelente recordo, como o que deixaron os seus pinceis no salón de actos do Paraninfo da Universidade de Santiago, cuxo decorado se lle adxudicou en disputado concurso, facéndose así xustiza ao seus innegables méritos.
Os bocexos desta obra, dende a súa realización ata principios dos anos 50, estiveron en poder de Da. Carmen García Arbuthnot, viúva de Urbano. Por esas datas fóronlle solicitados en préstamo polo pintor e crítico Gamallo Fierros, amigo da familia, quen prometeu perante os netos do pintor Urbano devolvelos canto antes, promesa nunca cumprida, quizais porque Carmen faleceu en 1953.
Polos seus méritos como pintor, o día 22 de xuño de 1902, foi admitido membro da Academia de Belas Artes da Coruña, presidida esta por D. Jaime Ozores, Marqués de San Martín de Hombreiro.
Urbano González tamén foi periodista, narrador e poeta. Pertenceu á primeira xunta directiva do periódico La Voz de Galicia, fundado por D. Juan Fernández Latorre o 4 de xaneiro de 1882, do cal foi primeiro director de arte e redactor. Neste diario colaborou como autor de contos, poemas, artigos e tamén como ilustrador gráfico. Son innumerables os debuxos de Urbano publicados, sendo exemplo deles: o dedicado ao centenario do Quixote en Galicia, ou os que reproducen o sartego de Fernán Pérez de Andrade, a portada de Santa María do Azougue, a Ría de Betanzos, o templo dos pais xesuítas, a fachada das Torres do Allo… A meirande parte das primeiras páxinas ilustradas deste periódico son obra súa.
Colaborou tamén noutros xornais da época, tales como El Eco de Galicia, El Noroeste, ou El Alcance, nos cales se conservan ilustracións da súa autoría nas primeiras páxinas. Nalgúns destes xornais tamén chegou a facer crítica musical con notable acerto. Na Revista Gallega, semanario de literatura e intereses rexionais, dirixida por Galo Salinas, publicou varios dos seus contos.
O día 24 de xullo de 1891, nos primeiros Xogos Florais realizados en Tui (primeiro acto público en Galicia realizado enteiramente en galego), obtivo o premio á mellor obra de teatro escrita en verso e en galego con Amor e meiguería.
 Como anécdota podemos comentar que o Secretario da Asociación Rexionalista Galega (presidida por Manuel Murguía) D. Salvador Cabeza de León, foi quen pechou o acto co seu discurso e quen leu o fallo do xurado. Moito tempo despois, Salvador Cabeza converteríase no consogro de Urbano González.
Urbano publicou libros de contos como Entre luces e Cantares, e a obra ensaística Estudo sobre Gregorio Hernández, xa citada anteriormente. Innumerables foron os seus poemas, sendo un dos mellores Ela, ao que Carballo Calero definiu como moi inspirado e dun romanticismo nórdico e intimista. Inspirándose no poema de Urbano Carmela, o afamado músico José Baldomir Rodríguez compuxo unha melodía moi popular na época.
Foi socio fundador e primeiro presidente da Asociación da Prensa da Coruña. O 13 de xullo de 201O, o concello da Coruña acordou dedicarlle o seu nome a unha rúa da cidade.
Na súa prematura morte, todos os xornais e institucións galegas publicaron artigos e composicións de loanza e de gran pesar polo  seu falecemento, sendo unha das máis sentidas a que o seu cuñado, Manuel Lugrís Freire, lle dedicou e que serve como ilustración a este artigo escrito in memoriam do noso avó, Urbano González Varela.


No hay comentarios:

Publicar un comentario