PROXECTO DCINE

  1. Proxecto DCine
  2. Cabeceira oficial de Gallaecia filmes.
  3. Presentación do primeiro anuncio publicitario producido por Gallaecia filmes.
  4. Eleccións ao consello escolar 2012 (anuncio publicitario)
  5. I CICLO  NOVEMBRO DE MEDO.
  6. Cartel da primeira produción: 
  7. Fontes e lavadoiros no concello de Sada.
  8. Comeza  a rodaxe  do primeiro documental.
  9. Día de rodaxe no lavadoiro de Carnoedo.
  10. Presentación: "A inmensa pegada de Isaac Díaz Pardo".
  11. Visita de Xosé Neira Vilas ao IES Isaac Díaz Pardo.
  12. Celso Emilio Ferreiro cumpre cen anos.
  13. Documental: "Fontes e lavadoiros no concello de Sada".
  14. Documental: Acto de inauguración oficial do "Ano Cultural Manuel Lugrís Freire".
  15. Documental: Mesa redonda sobre Manuel Lugrís Freire
  16. GALEGO, A CHAVE DO MUNDO.
  17. Gravación de "Galego, a chave do mundo".
  18. ESTREA de "Así se rodou 'Galego, a chave do mundo'".
  19. Documental: "Así se rodou Galego, a chave do mundo".
  20. Exposición sobre Don Quixote.
  21. Se eterno, doa vida.
  22. IES Isaac Díaz Pardo: 25 anos de ensino público de calidade.
  23. Acto de celebración dos 25 anos do IES Isaac Díaz Pardo.
  24. Galego, o paso adiante.
  25. Homo sapiens ludens.
  26. Documental sobre Manuel Lugrís Freire.
  27. A Cara oculta da Filla da Ría de Prata. (Medioambiental).
  28. Luísa Villalta: paixón e compromiso.
  29. Roteiro Pondaliano 2013.
  30. Coas pálpebras baixas.
  31. Paixón e compromiso.
  32. Miña Pomba dourada.
  33. A chave do mundo.
  34. Campos de soidade.
  35. Ondas do mar.
  36. Roteiro oteriano 2014. 
  37. Negra sombra.
  38. Como un irmán che falo.
  39. Galego, a nosa creación común.
  40. As matemáticas, a fonte da vida.



PROXECTO DCINE


  Xosé Anxo Seoane Cao
IES ISAAC DÍAZ PARDO
 SADA
CURSO 2012/2013

  
RAZÓNS QUE XUSTIFICAN O PROXECTO

 Educación debe ser un medio para o cambio e o desenvolvemento social e persoal, e debe centrarse –no ámbito de actuación do noso proxecto- na apreciación artística, o goce e o desenvolvemento integral do alumnado. Neste contexto, o cinema é un medio pedagóxico de suma importancia, aínda que sexa o gran esquecido nos proxectos curriculares. Porén, a proposta curricular permite propor contidos e proxectos de aprendizaxe que poden relacionarse coa educación audiovisual en xeral e o cinema en particular.

Non pretendemos que o cinema teña un tratamento semellante ao que tivo, por exemplo, a literatura nos currículos tradicionais. No noso proxecto non pretendemos soamente que o alumnado aprenda a apreciar o cinema, senón que o que queremos desenvolver é querer apreciar o cinema e producir cinema.

Queremos organizar unha sala para a exhibición de filmes e queremos producir filmes. O cinema é un elemento fundamental para coñecer a sociedade e para mellorala. O formato audiovisual ten una boa acollida en todos os sectores da sociedade e máis, se cabe, entre os mozos, o cal nos asegura o seu emprego como ferramenta educativa para a formación en valores do alumnado. O cinema ten neste sentido un papel fundamental nos procesos de socialización xa que transmite valores e modelos de referencia. Asemade, a súa capacidade de difusión nas actividades de lecer da mocidade fan que poida converterse nun elemento fundamental nos procesos educativos.

O ámbito de traballo que pretende abranguer o noso proxecto DCine conforma un conxunto de coñecementos de carácter social, lingüístico e tecnolóxico que deberemos abordar  globalmente, integrándoos nun todo, en cada unha das producións audiovisuais que pretendemos realizar.

As novas tecnoloxías da información e os medios de comunicación de masas son cada vez máis determinantes na configuración dos feitos e dos acontecementos sociais. Isto obríganos a seleccionar cantidades inxentes de información que se difunden en diferentes medios, e con diversas intencionalidades. Tamén deberemos prestar atención ás dimensións educativas fundamentais do coñecemento social e lingüístico, as dimensións cultural, funcional, ética e estética.

En canto á dimensión comunicativa, debemos desenvolver as habilidades lingüístico--comunicativas para que os alumnos e alumnas produzan discursos axeitados ás distintas situacións e intencionalidades. Deberemos desenvolver as técnicas de comprensión textual, emprego de fontes informativas, indagación e presentación de datos e informacións necesarias. Pero, ademais, debemos ter en conta os usos creativos e lúdicos da lingua, orientados a fomentar o  desenvolvemento das capacidades creativas.

Este proxecto non pretende a memorización de ningún contido, nin tampouco a súa reprodución. Pretendemos crear situacións e experiencias de aprendizaxe nas que, a través da análise da información, a discusión, a indagación e o punto de vista compartido, os alumnos e alumnas sexan quen de construír os seus propios coñecementos a través das distintas realizacións audiovisuais. Isto ademais contribuirá a crear as condicións necesarias para que sigan interesándose pola cultura social e sigan aprendendo no futuro inmediato.

Por outra banda, a inclusión das competencias básicas no currículo ten a finalidade de integrar as diferentes aprendizaxes, tanto as formais, incorporadas ás diferentes áreas ou materias, como as informais e non-formais. Ademais, permitiranlles a todos os estudantes integrar as súas aprendizaxes, poñelas en relación con distintos tipos de contidos e utilizalas de maneira efectiva cando lles resulten necesarias en diferentes situacións e contextos (aprendizaxes funcionais, prácticas..., competencias). Este é un dos puntos fortes do proxecto DCine xa que inclúe e integra nun todo todas as competencias básicas, e faino a través da realización de documentais, curtametraxes e filmes.
Dado o carácter integrador deste proxecto e dado que responde fielmente ás principais competencias que deben acadar os alumnos da Educación Secundaria Obrigatoria, o seu desenvolvemento capacitaraos para a súa realización persoal, o exercicio da cidadanía activa, a incorporación satisfactoria á vida adulta e o desenvolvemento dunha aprendizaxe permanente ao longo da vida.
As aprendizaxes que resultan dos proxectos audiovisuais que desenvolveremos contribuirán ao desenvolvemento pleno de todas as competencias básicas da etapa, en consonancia coa utilización doutros recursos adoptados como o uso da biblioteca escolar, a aula de informática e os medios audiovisuais que favorecerán o desenvolvemento de todas as competencias, a saber:
a) Competencia en comunicación lingüística
Desenvolvemento da capacidade para interactuar de forma competente mediante a linguaxe nas diferentes esferas da actividade social e contribúe dun xeito decisivo ao desenvolvemento de todos os aspectos que conforman a competencia en comunicación lingüística.
b) Tratamento da información e competencia dixital
Tratamento da información e competencia dixital ao ter como unha das súas metas proporcionar coñecementos e destrezas para a busca e selección de información relevante de acordo con diferentes necesidades, así como para a súa reutilización na produción de documentais e curtametraxes. A busca e selección de moitas destas informacións requirirá o uso axeitado de bibliotecas e a utilización de Internet; a realización guiada destas buscas constituirá un medio para o desenvolvemento da competencia dixital.
c) Competencia social e cidadá
Aprender linguas é aprender a comunicarse cos demais, a comprender o que estes transmiten e a aproximarse a outras realidades. Practicamente todo o currículo contribúe ao desenvolvemento desta competencia, xa que a comprensión da realidade social, actual e histórica é o propio obxecto de aprendizaxe. Contribúe a entender os trazos das sociedades actuais, a súa pluralidade, os elementos e intereses comúns da sociedade na que se vive, contribuíndo ademais a crear sentimentos comúns que favorezan a convivencia.

        Favorece tamén que o alumnado poida adquirir un maior grao de conciencia a cerca da organización espacial das sociedades, as súas dimensións demográficas, económicas ou sociais, os modos de intervención e os seus posibles impactos.
d) Competencia cultural e artística
A lectura, interpretación e valoración das obras literarias contribúen de forma relevante ao desenvolvemento da competencia artística e culturalentendida como aproximación a un patrimonio literario e a uns temas recorrentes que son expresión de preocupacións esenciais do ser humano. A súa contribución será máis relevante en tanto se relacione o aprecio das manifestacións literarias con outras manifestacións artísticas, como a música ou o cine.

      Coñecer e valorar as manifestacións do feito artístico facilitará esta competencia se realmente se contempla unha selección de obras de arte relevantes, ben sexa polo seu significado na caracterización de estilos ou artistas ou por formar parte do patrimonio cultural, dótase o alumnado de destrezas de observación e de comprensión daqueles elementos técnicos imprescindíbeis para a súa análise que despois se plasmarán nas producións audiovisuais.

e) Competencia matemática.

     O coñecemento dos aspectos cuantitativos e espaciais da realidade permite colaborar na súa adquisición na medida en que se incorporan operacións sinxelas, magnitudes, porcentaxes e proporcións, nocións de estatística básica, uso de escalas numéricas e gráficas, sistemas de referencia ou recoñecemento de formas xeométricas, así como criterios de medición, codificación numérica de informacións e a súa representación gráfica. A utilización de todas estas ferramentas na descrición e análise da realidade social, etnográfica e natural  amplían o conxunto de situacións nas que os alumnos perciben a súa aplicabilidade e, con iso, fan máis funcionais as aprendizaxes asociadas á competencia matemática.
f) Competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico.
A percepción directa ou indirecta do espazo no que se desenvolve a actividade humana constitúe un dos principais eixes de traballo deste proxecto. O coñecemento da interacción home-medio e a organización do territorio resultante analiza a acción do home na utilización do espazo e dos seus recursos, no soamente os problemas que por veces xera, senón tamén aquelas accións que dende un uso responsable de ambos, buscan asegurar a protección e o coidado do medio ambiente.

g) Competencia para aprender a aprender

Apréndese a falar e a escoitar e a ler e escribir para a interacción comunicativa, pero tamén para adquirir novos coñecementos. Aprender a observar e a recoller a esencia do observado e ademais a narralo, a transmitilo. O acceso ao saber e á construción de coñecementos mediante a imaxe, o son… relaciónase directamente coa competencia básica de aprender a aprender.
Tamén se contribúe cando se favorece o desenvolvemento de estratexias para pensar, para organizar, recuperar información… e ofrecérllela aos demais a través da imaxe e o son.
h) Autonomía e iniciativa persoal
Aprender a usar a linguaxe cinematográfica é tamén aprender a analizar e resolver problemas, trazar plans e emprender procesos de decisión, xa que unha das funciones da linguaxe cinematográfica é regular e orientar a nosa propia actividade.

    Para que este proxecto contribúa á autonomía e iniciativa persoal cómpre favorecer o desenvolvemento de iniciativas de planificación e execución, así como procesos de toma de decisións, presentes máis claramente na realización de producións audiovisuais xa que implica idear, analizar, planificar, actuar, revisar o feito, comparar os obxectivos previstos cos alcanzados e extraer conclusións.

No plano sociolingüístico, está demostrado que o galego ten máis presenza no rural e menos nas cidades, e que os valores de bilingüismo están máis presentes en vilas como Sada, aínda que a súa proximidade á cidade determina claramente o seu carácter urbano e a progresiva castelanización do seu entorno, sobre todo nos máis novos. Esta circunstancia depende claramente da configuración social do territorio que está a vertebrar un novo modelo do espazo no que o trazo característico é a aparición das áreas metropolitanas.

Por outra banda, os usos na familia tenden a castelanizarse nestes últimos anos, algo que tamén resulta evidente no noso contorno.

A escolarización en galego influíu positivamente na competencia lingüística, sobre todo nos tramos de idade que recibiron o ensino do galego, porén esta maior competencia lingüística en lingua galega non se traslada aos niveis de uso agardados.

Entendemos por lingua inicial ou materna aquela que o individuo aprende a falar. É a que os pais lles transmiten aos seus fillos cando estes aprenden a falar.

Un dos factores determinantes no descenso do uso da lingua galega está precisamente na perda do galego como lingua materna. Os pais, a pesar de que en casos son galegofalantes habituais, mudan a súa lingua para se dirixiren aos seus fillos.

Soamente o 4 % do alumnado do noso centro ten o galego como lingua inicial ou materna.

lingua habitual é a lingua que se emprega a cotío nas diferentes relacións comunicativas e nos distintos ámbitos.

O castelán é a lingua habitual na gran maioría do alumnado en todos os ámbitos comunicativos. A presenza do valor "só en galego" percíbese nas relacións familiares, nunhas porcentaxes moi similares a aqueles que teñen o galego como lingua materna. Destaca neste sentido a maior porcentaxe de alumnos que usan o galego nas relacións cos avós, porcentaxe que diminúe significativamente no caso dos pais e dos compañeiros e amigos. Esta circunstancia está en relación coa perda de galegofalantes conforme a idade dos individuos é menor. Por outra banda, é moi significativo o feito da pouca presenza do galego nas relacións cos compañeiros e cos profesores, é dicir, no ámbito escolar, a pesar do seu uso nas materias de obrigado cumprimento.

Tendo en conta as catro destrezas básicas (entender, falar, ler, escribir) que determinan o nivel de competencia lingüística, o alumnado considérase máis competente no uso do castelán que no uso do galego. Obviamente o nivel de competencia diminúe na escrita e na lectura. Todos e todas manifestan entender e saber falar en galego, non obstante esa competencia lingüística non se traduce en galegofalantes habituais.

  En galego a media situaría as súas destrezas básicas no nivel “bastante”. En castelán en “moito”. A percepción que os alumnos e alumnas teñen é de que acadan máis competencia lingüística en castelán ca en galego. Nunha cualificación numérica de 0 a 10 as notas medias que eles se outorgarían serían: castelán:9,25; galego:8.

  É lóxica esta percepción xa que está relacionada directamente coas porcentaxes evidenciadas pola lingua habitual, claramente favorables para o castelán. A competencia lingüística en calquera lingua acádase polo seu uso nos diferentes ámbitos e situacións comunicativas. Deberemos ter en conta ademais cales son as razóns polas que un individuo, aínda tendo competencia nunha lingua, non a usa.

As actitudes cara a unha lingua son fundamentais á hora de utilizala ou non. No caso da lingua galega a existencia de prexuízos individuais e sociais determina que moitos posibles falantes non cheguen a facer efectiva a súa competencia. Calquera plan de actuación para a normalización lingüística que leve consigo o medre progresivo do uso da lingua propia ten que incluír necesariamente estratexias para vencer e superar vellos e novos prexuízos lingüísticos. As linguas están  por riba dos argumentos prácticos e mesmamente do número de falantes que posúan ou da súa utilidade para se relacionar comercial ou persoalmente con falantes doutros lugares do mundo. Á marxe deses aspectos está a identidade dun pobo, a peculiaridade que nos pode definir, nunca para arredarnos do mundo, senón todo o contrario, para que dende a nosa orixinalidade poidamos ofrecerlles aos demais o mellor de nós mesmos, e connosco, a nosa lingua propia, o galego.

 Estes datos poñen en evidencia, entre outros aspectos, que o proceso de dinamización e de fomento do uso da lingua galega no ensino resúltalle indiferente a unha grande porcentaxe de alumnos. Tamén é moi significativo que máis da cuarta parte do alumnado entrevistado amose unha actitude desfavorable ao proceso de normalización do galego, tanto a nivel educativo como a nivel social.

  
OBXECTIVOS QUE SE PERSEGUEN

Tendo en conta o currículo, a escasa relevancia académica da linguaxe cinematográfica no proxecto curricular de centro, as circunstancias específicas da nosa comunidade educativa e dos seus membros, así como a necesidade de participar activamente no contorno para comprendelo e melloralo dende estratexias de mellora, de busca da excelencia educativa, fixamos os seguintes obxectivos xerais:

1.   Incorporar dun xeito activo a linguaxe e a cultura cinematográfica no proxecto curricular do centro.

2.     Crear o Espazo DCine no centro educativo para o visionado de filmes de realización propia e outras producións, elaborando e programando actividades para o antes e o despois das sesións.

3.    Aproveitar a temática e o contido dos filmes seleccionados para formar no alumnado valores, actitudes e habilidades sociais imprescindibles para o seu desenvolvemento persoal e social.

4.      Favorecer no alumnado a afección polo cine como fórmula positiva de utilización do seu tempo de lecer, desenvolvendo ademais as súas posibilidades como fonte de información e de enriquecemento persoal.

5.      Crear Gallaecia FILMESa produtora de audiovisuais do centro, co proxecto inicial de realizar as seguintes producións cinematográficas:

·        Documental sobre fontes e lavadoiros no concello de Sada.
(Xa iniciado na súa fase de documentación.)
·        Documental sobre a figura de Luísa Villalta.
·        Curtametraxe de promoción da lingua galega.
·        Filme baseado na(s) obra(s) dramática de Roberto Vidal Bolaño.

6.   Potenciar o uso do galego en todas as actividades realizadas ao abeiro deste proxecto para posibilitar que todos os seus membros, especialmente o alumnado, acaden a competencia efectiva en lingua galega.

7.    Posibilitar e fomentar a ampliación do uso da nosa lingua por parte da comunidade educativa, tanto na oralidade como na escrita, e afianzar a confianza e dignidade no seu emprego como vehículo natural e propio de comunicación.

8.    Promover o uso activo de ferramentas das tecnoloxías da comunicación en galego, implicando activamente a toda a comunidade escolar, en especial o alumnado, nun labor dinamizador do uso da lingua galega e da súa valoración positiva, con repercusións máis alá dos límites do centro, contribuíndo a que cada vez se estenda máis o uso do galego nas novas tecnoloxías.

9.   Fomentar as relación interxeracionais a través da realización de documentos audiovisuais en lingua galega.


ACCIÓNS A DESENVOLVER

A dinámica do proxecto ten dúas actuacións fundamentais:

a) Creación do Espazo DCinelugar onde se proxectarán diversas películas ao longo do curso escolar, seleccionadas atendendo a dous factores determinantes: a idade do alumnado e o seu contido en valores.

Cada unha das películas seleccionadas contará cunha guía de actividades que incluirá unha serie de actividades na aula antes e despois do visionado.

b) Creación de Gallaecia FILMES, a produtora de audiovisuais do centro, con catro producións programadas entre documentais, curtametraxes e filmes.

Trátase de que o alumnado participante se implique directamente no proceso de realización das producións audiovisuais nas fases de: documentación, elaboración de guión, produción, gravación, montaxe e edición.

horario dos ciclos de cinema serán prioritariamente os recreos ou horas lectivas das materias implicadas no filme,  e, no caso de estreas de producións propias, en horario non lectivo e no que se facilite a participación de todos os membros da comunidade educativa.

No caso das producións propias, todas as actividades se realizarán fóra do horario escolar, incluídos os sábados pola mañá, en horario probable de 10:00 a 12:45.

Os recursos humanos cos que conta o proxecto limítanse a dúas persoas: Xosé Anxo Seoane Cao, profesor do IES Isaac Díaz Pardo, e Javier González Garrido, alumno da Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Os recursos materiais necesarios para levar a cabo o proxecto nas súas dúas actuacións principais son: cámara de vídeo, equipo de iluminación, equipo de son, equipo informático, de edición de materiais audiovisuais, equipo de reprodución audiovisual e material funxible para a edición de guías, carteis, folletos promocionais, informativos…

  
AVALIACIÓN DO PROXECTO

A avaliación do programa Espazo DCine realizarase a partir dun cuestionario facilitado co material didáctico no que se valorarán aspectos como a elección de películas, o material didáctico, o proceso de desenvolvemento proposto e o nivel de comprensión e a análise dos filmes amosado no traballo das distintas actividades propostas.

No caso de Gallaecia FILMES, avaliamos a partir da valoración das producións realizadas. A avaliación baseámola no traballo cotiá e no resultado final obtido no desenvolvemento de cada unha das ditas producións realizadas.




*************************************************************************

     Xa podes ver a cabeceira oficial de introdución de todas as producións de Gallaecia Filmes, a produtora de cinema que acabamos de crear no IES Isaac Díaz Pardo de Sada ao abeiro do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

     Participa e deixa os teus comentarios.







*******************************************************************************

PRESENTACIÓN DO PRIMEIRO ANUNCIO PUBLICITARIO
PRODUCIDO POR GALLAECIA FILMES



**************************************************************************
ELECCIÓNS AO CONSELLO ESCOLAR 2012


Preséntovos a primeira produción de "Gallaecia filmes", a produtora de audiovisuais do EDLG do IES Isaac Díaz Pardo de Sada.  Trátase dun sinxelo anuncio que quere fomentar a participación do alumnado no proceso de elección dos seus representantes no consello escolar do instituto. Adrián Riveiro (cámara) e Daniel López (montaxe), dous alumnos de 4º da ESO, son os realizadores do documento.



**********************************************************************




LUNS (Animación)

The lady and the Reaper
Curtametraxe de animación que narra as últimas horas dunha anciá solitaria e a loita entre a ciencia e a morte. Dirixida por Javier Recio Gracia e producida por Antonio Banderas.

Colleita grotesca
Uns perturbadores seres metade homes, metade máquinas, traballan uns campos de cultivo nun ciclo vital que lle proporciona alimento a unha terra famenta que se nutre dos seus embrións.

Un conto antes de durmir
Se cres que os contos son bos para durmir…, quizais non deberías ver esta curtametraxe.
Inglés con subtítulos en castelán.

Vincent
Curtametraxe do (re)coñecido Tim Burton realizado en 1982. Un neno de 7 anos que está obsesionado co actor Vincent Price (un actor icona dentro do cinema de terror). Versión en castelán.  

The sandman
Curtametraxe terrorífica, seleccionada para os premios Óscar 1992.

A lenda do espantallo
Unha verdadeira obra de arte de Marco Besas, curta de animación premiada en varios festivais internacionais. Narrado por Sancho Gracia. Lingua castelá.

VENRES

Rejuvenate
Existe a forma de volver á nosa xuventude? Ela non soporta envellecer e a súa frustración desemboca nunha decisión drástica. Curtametraxe seleccionada no Festival de cine fantástico e de Terror de Sitges.

Os sogros
Gran Premio do Público no Festival de Horror de San Sebastián. Versión orixinal (francés) subtitulada en castelán.

Mamá
Desacougante curta de terror na que dúas nenas érguense atemorizadas pola chegada de "Mamá". Colaboración de Guillermo del Toro. Versión orixinal en español con subtítulos en inglés.

Zippo
Un home leva consigo todo o que necesita, literalmente, almacenado no seu propio corpo. Tamén o que non precisa. Isto é ZIPPO, curtametraxe italiana exhibida na 36ª edición do Festival de Sitges.  

10:15
Ana chega unha noite ao seu departamento. Algo anda mal. Son as 10:15 e ela deberá crer no imposible. Curtametraxe mexicana de Hugo Félix, premio nacional de cinematografía.

Stay
Unha parella atópase no medio do monte en busca dun pouco de intimidade. Pero os seus plans axiña se verán alterados... Conta con diversos premios nacionais e internacionais.

*******************************************************************

Velaquí tendes o cartel da primeira produción de Gallaecia filmes, o documental Fontes e lavadoiros no concello de Sada.




Comeza a rodaxe do primeiro documental
de Gallaecia Filmes.


Hoxe, sábado 10 de novembro de 2012, iniciamos a rodaxe da primeira produción de Gallaecia Filmes, o documental Fontes e lavadoiros no concello de Sada. A pesar das inclemencias meteorolóxicas, a chuvia permitiunos gravar as imaxes que tiñamos previstas.



Adrián Riveiro, Manuel Couce, Daniel López, Lúa Garea, Cristina Braña, Francisco Pérez Porto, Xosé Seoane, Manuel Pérez Lorenzo e Laura Pita na fonte de Cerámicas do Castro.







O equipo de traballo: Manuel Couce a Adrián Riveiro (axudantes de cámara), Daniel López (narrador), Lúa Garea e Cristina Braña (axudantes de produción), Javier González Garrido (realización) na Fonte Labarrosa. 

******************************************************************************


DÍA DE RODAXE NO LAVADOIRO DE CARNOEDO

Hoxe, sábado 1 de decembro, foi día de rodaxe para a produción "Fontes e lavadoiros no concello de Sada".  Pasamos por Pazos para recoller a Filuca López Rodríguez (naceu vai para oitenta anos no lugar da Pedreira, en Carnoedo). Dirixímonos ao lavadoiro de Carnoedo onde xa de nena ía lavar a roupa. Alí, fíxonos unha demostración de como era o proceso de lavado da roupa. Despois, para asombro de todos, colleu unha sella, botouna á cabeza e deu un paseo con ela. Moitas grazas por todo, Filuca!


Carmen Castelo Monteagudo, Xefa López Rodríguez, Javier González Garrido, Salomé Monteagudo López, Gloria Castelo Monteagudo, Filuca López Rodríguez, Xosé Seoane, Adrián Riveiro, Manuel Couce e Daniel López Conde.

****************************************************************

PRESENTACIÓN: 
"A INMENSA PEGADA DE ISAAC DÍAZ PARDO"


Sinxela montaxe audiovisual sobre Isaac Díaz Pardo. Non ten pretensións didácticas, nin biográficas. É unha achega humilde, unha introdución para unha homenaxe a un dos persoeiros máis grandes da nosa Terra.




Sempre connosco!

******************************************************************

XOSÉ NEIRA VILAS VISITA O IES ISAAC DÍAZ PARDO


Co gallo da inauguración da exposición "Querido Balbino", Xosé Neira Vilas visitou o IES Isaac Díaz Pardo. Velaí tedes unha pequena gravación realizada polo cámara Adrián Riveiro, de 4ºB.




************************************************************

CELSO EMILIO FERREIRO CUMPRE CEN ANOS

Co gallo da conmemoración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Isaac Díaz Pardo organizou co alumnado de segundo e terceiro da ESO, para o día 12 do 12 do 2012, ás 12 horas, o recitado conxunto do poema do celanovés "Deitado fronte ao mar", acto simultáneo na gran maioría dos centros de ensino de Galicia. 


*******************************************************

Documental "Fontes e lavadoiros no concello de Sada". Estreado o dezaoito de xaneiro de 2013 na casa da cultura "Pintor Lloréns" de Sada, con gran éxito de asistencia de público.



**********************************************

ACTO DE INAUGURACIÓN OFICIAL DO ANO CULTURAL MANUEL LUGRÍS FREIRE


    O pasado xoves, 14 de febreiro de 2013, desenvolveuse na praza de España de Sada o acto de inauguración oficial do Ano Cultural Lugrís Freire, ao cumprirse o 150 aniversario do seu nacemento (11 de febreiro de 1863). 

    Ademais das autoridades que presidiron o acto, interviron outras personalidades entre as que destacamos a Xosé Luís Axeitos (Secretario da Real Academia Galega) e Manuel Lugrís (neto do homenaxeado). Ademais tres representantes do alumnado do CEIP Sada e Contornos recordaron a cálida homenaxe que no centro se lle tributou a Manuel Lugrís Freire no ano 1930. Logo da ofrenda floral, a interpretación do Himno galego puxo o remate do acto que deu inicio a unha chea de eventos dedicados a Manuel Lugrís Freire que se desenvolverán durante os vindeiros meses.


*******************************************

MESA REDONDA SOBRE MANUEL LUGRÍS FREIRE

     Documento audiovisual sobre a mesa redonda organizada pola Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo en torno á figura de Manuel Lugrís Freire. Desenvolveuse na capela de San Roque, en Sada, o día 15 de febreiro de 2013, xusto cando se cumprían 73 anos do seu pasamento.

http://www.youtube.com/watch?v=413hxaCpveo

*******************************************

GALEGO, A CHAVE DO MUNDO

     Mañá venres, día 1 de marzo de 2013, a partir das 17:30 horas, no salón de actos do IES Isaac Díaz Pardo, gravaremos a curtametraxe Galego: a chave do mundo. Participan neste proxecto audiovisual un grupo de sete alumnos-actores de 3º de ESO, dúas guitarras (alumnos 4º ESO), un pianista (1º bacharelato) e unha cálida voz feminina (2º ESO). Ademais, o equipo técnico de Gallaecia Filmes.

     Contamos convosco. Podedes asistir como público invitado á gravación deste novo proxecto.

     Para abrir boca, déixovos unha canción de Roi Casal, Maxicamente vello. A letra é de Manuel María.


************************************************

GRAVACIÓN DE "GALEGO, A CHAVE DO MUNDO"

     Onte, venres 1 de marzo, o equipo de Gallaecia Filmes tivo unha intensa tarde de rodaxe. En quince días, máis ou menos, poderemos ver o resultado final da curtametraxe de promoción da lingua galega Galego: a chave do mundo.
     Deixo aquí tres fotografías da rodaxe.




  Héctor Franco, Carlota Fiaño, Adrián Paz e Santi Caramés.






Santiago Vicos, María Álvarez, Lara Montoto, Sara Álvarez, 

Laura Barreiro, María González e Zoe Santiso.







***************************************************

ESTREA DE "ASÍ SE RODOU GALEGO, A CHAVE DO MUNDO"


     Estade atentos durante toda esta semana. Varios carteis colocados estratexicamente polos taboleiros do centro anunciarán a estrea do documento audiovisual  Así se rodou "Galego, a chave do mundo", un conxunto de imaxes e tomas falsas da curtametraxe coa que o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto participa no concurso de vídeos do Correlingua 2013. 
     A estrea da curtametraxe Galego, a chave do mundo non se producirá probablemente ata finais do mes de marzo; xa se anunciará.
     Como ilustración das tomas falsas, velaí vai unha mostra.




*********************************************
Así se rodou "Galego, a chave do mundo"

Tomas falsas da curtametraxe coa que participamos no concurso de vídeos do Correlingua 2013.

http://www.youtube.com/watch?v=bRowItPVdtM

******************************************
EXPOSICIÓN SOBRE DON QUIXOTE REALIZADA NA CASA DE CULTURA


*****************************************************


SE ETERNO, DOA VIDA (CURSO 2012/13)



**************************************************************


HOMO SAPIENS LUDENS (CURSO 2013/14)




*******************************************************************


IES ISAAC DÍAZ PARDO: 25 ANOS DE ENSINO PÚBLICO DE CALIDADE


******************************
ACTO DE CELEBRACIÓN DOS 25 ANOS DO IES ISAAC DÍAZ PARDO.


****************************************

GALEGO, O PASO ADIANTE



DOCUMENTAL SOBRE A FIGURA DO ILUSTRE SADENSE MANUEL LUGRÍS FREIRE


**************************

A CARA OCULTA DA FILLA DA RÍA DE PRATA. 
PREMIADA NO CERTAME DE CURTAMETRAXES MEDIOAMBIENTAIS ORGANIZADO POR ADEGA.



*******************************
LUÍSA VILLALTA: PAIXÓN E COMPROMISO



***********************
ROTEIRO PONDALIANO 2013



**************************
COAS PÁLPEBRAS BAIXAS


********************

PAIXÓN E COMPROMISO


*****************************
MIÑA POMBA DOURADA



********************
A CHAVE DO MUNDO



*************************
CAMPOS DE SOIDADE



**************
ONDAS DO MAR


****************************

ROTEIRO OTERIANO 2014




*************************************************

NEGRA SOMBRA (CURSO 2014/15)


**************************************************************

COMO UN IRMÁN CHE FALO (CURSO 2014/15)



********************************************************************

GALEGO, A NOSA CREACIÓN COMÚN (CURSO 2014/15)



*******************************************************************

AS MATEMÁTICAS, A FONTE DA VIDA (CURSO 2014/15)






No hay comentarios:

Publicar un comentario