LITERATURA

     Inclúo aquí materiais para o alumnado, textos literarios, documentos sonoros ou fotográficos de autores, algúns proxectos desenvolvidos nas clases, etc.:

* Manuel María: o muiñeiro da palabra comprometido con Galicia.
* Os Xogos Florais.
* Presentación en PowerPoint "A prosa no 1º terzo do século XX".
* Edición facsimilar de "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro.
* Liñas de comentario dun poema de Xoán Manuel Pintos (1853).
* Comentario básico para 4º de ESO de "A orella dereita de Antón de Leivas", de Álvaro Cunqueiro.
* Liñas de comentario de O caso dos tres fornos, de Rafael Dieste.
*Lendas e contos populares. Escolma realizada polo alumnado de 1ºA de Bacharelato.
* Escolma poética "O amor na poesía galega".
* Enlaces para ver e escoitar a Castelao.
* Enlaces para escoitar a Ramón Otero Pedrayo.
* Enlace para escoitar a Rafael Dieste
* Eterna Rosalía.
* Liñas para o comentario dos poemas "O cartafol do vento", de Manuel Antonio, e "Enterro" de Luís Amado Carballo.
* Comentario sinxelo dunha cantiga de amor. 
* Comentario sinxelo dunha cantiga de amigo.
* Comentario básico dun poema de Ramón Cabanillas.
* Achegamento básico a Manuel Antonio e De catro a catro.
* Temas de literatura de 2º de bacharelato adaptados ás probas de selectividade.
* Cancioneiro do mar.
*  Relatorio de Manuel María sobre Ramón Otero Pedrayo .
* Achegamento esquemático á  historia da literatura galega.
* Liñas de estudo da literatura medieval.
* Caligramas do alumnado de 4ºA do IES Isaac Díaz Pardo.
* Retratos da mocidade sadense. Alumnado de 1º de BACH.

MANUEL MARÍA, O MUIÑEIRO DA PALABRA COMPROMETIDO CON GALICIA

Breve achegamento á figura do poeta da Terra Chá a quen se lle dedican as Letras Galegas de 2016

OS XOGOS FLORAIS (artigo completo)

Os xogos florais instaurados na antiga Roma (Ludi Floreales) dedicados á deusa Flora tiñan un carácter erótico e sensual. Pouco teñen que ver cos xogos florais instituídos posteriormente en 1324 na cidade de Toulouse (Francia), rexistrados en lingua provenzal. A través dunha carta circular convocábase a todos os trobadores ou poetas a que comparecesen na cidade para recitaren os seus versos, prometéndolles que se outorgaría unha violeta de ouro a aquel que recitase os considerados mellores versos.
Os xogos florais de Barcelona instauráronse o primeiro domingo de maio de 1859 co lema de “Patri, Fides, Amor”, facendo así alusión aos tres premios máis importantes a conceder: a Flor Natural ou premio de honra, outorgado ao mellor poema amoroso; a Rosa de ouro, ao mellor poema patriótico, e a Violeta de ouro e prata ao mellor poema relixioso. Estes certames poéticos tiveron o apoio de amplos sectores da intelectualidade e da política catalá, o cal contribuíu enormemente a prestixiar a lingua e literatura catalá.
En 1697, a Universidade de Santiago editou unha colección poemática trilingüe (latín, castelán e galego) baixo o título de Festas Minervais coa que  pretendía honrar a memoria de D. Alonso de Fonseca. Nesa publicación aparecen 9 romances de 80 versos cada un escritos en lingua galega e que constitúen unha das mostras literarias cultas da nosa lingua no tempo dos Séculos Escuros.


           

Minerva, na mitoloxía romana, é a deusa da sabedoría, as artes, as técnicas de guerra, ademais de protectora de Roma e patroa dos artesáns.

A Universidade de Santiago de Compostela recupera en 1953 as Festas Minervais. Dese xeito convoca un certame literario no que premia obras poéticas e narrativas en lingua galega. Precisamente esta denominación servirá para se referir a toda unha xeración de poetas das nosas letras que asistiron á universidade e participaron nestas Festas Minervais. Entre outros destacan: Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Bernardino Graña, Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Salvador García Bodaño, Arcadio López Casanova, Xosé Luís Franco Grande...  


OS XOGOS FLORAIS DA CORUÑA EN 1861

Os primeiros Xogos Florais que se celebraron na Galicia contemporánea datan do 2 de xullo de 1861. Desenvolvéronse na cidade da Coruña. O seu promotor foi Antonio de la Iglesia (1822-1892, autor e ensinante) e participaron na súa organización, entre outras persoas, Juana de Vega (1805-1872, condesa de Espoz e Mina) e Benito Vicetto (1824-1878, historiador ferrolán).

Antonio de la Iglesia
Juana de Vega
Benito Vicetto
 Ao ano seguinte editouse, baixo o mecenado de Pascual López Cortón (avó de Xoán Vicente Viqueira Cortón) o Álbum de la caridad, primeira antoloxía da poesía galega, que debe o seu nome ao feito de que todos os beneficios económicos da publicación serían para o Padroado da Caridade. A compilación das obras fíxoa o propio Antonio de la Iglesia.

Pascual López Cortón
Este Álbum marcará un fito esencial na historia da literatura galega por ser considerado a primeira antoloxía poética do Rexurdimento das nosas letras. A obra recolle toda a información relativa ao desenvolvemento dos Xogos Florais, os traballos premiados no certame, a antoloxía poética denominada Mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos, na que están representados, entre outros, insignes poetas como Aurelio Aguirre, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Nicomedes Pastor Díaz, Xoán Manuel Pintos e Eduardo Pondal. Por último, no apartado titulado Mención de otros autores, recóllense os nomes doutros moitos escritores da época sen representación no Álbum.

Francisco Añón Paz (A Serra de Outes, 1812 - Madrid, 1878), é o autor do poema A Galicia, o único premiado escrito en galego. No seu momento este poema foi candidato a se converter en letra do himno galego. 

Francisco Añón
Ai, esperta, adorada Galicia,
dese sono en que estás debruzada,
do teu rico porvir a alborada
polo Ceo enxergándose vai.
Xa cantando os teus fillos te chaman,
e cos brazos en cruz se espreguizan...
¡Malpocados! O que eles cobizan
é un bico dos labios da Nai.


Dese chan venturoso arrincado
pola man do meu negro destino,
hastra mesmo soñando maxino
eses campos risonos cruzar.
E correr polas hortas e prados,
onde leda pasou miña infancia,
respirando a süave fragancia
de xazmín, caravel, azahar.

Coido ver esas rías serenas,
escumando con barcos veleiros,
e cantares oír feiticeiros,
que en ningures tan doces oín.
Inda creo sentir as labercas,
que pineiran nos aires cantando,
cando o sol vai as nubes pintando
de amarelo, de lume e carmín.

Ao través de aguzados penedos
penso ver empinados petoutos,
viñas, hortas, devesas e soutos,
que apouvigan os ventos do Sul.
E saltando regueiros e valos,
cata xa outros bos horizontes,
outras veigas, mariñas e montes,
que se perden na brétema azul.

Soño ahí que entre verdes pereiras
fouliadas alegres escoito,
cando o Ceo se reviste de loito
nas poéticas noites do bran.
E que en medio de nenas garridas
canta un mozo con voz pracenteira,
para o lado tumbada a monteira,
unha orella tapando coa man.

Eu soñei ver na cume do Pindo,
adornados de mirto e loureiros,
escritores poetas guerreiros,
que sorrindo se daban a man.
Eran eses os fillos mais caros,
que da Patria aumentaron a gloria:
os seus nomes nos fastos da historia
con diamante grabados serán.

E dimpois unha endrómena rara
vin moverse con ágoa fervente,
e silvando como unha serpente,
como un lóstrogo os campos cruzou.
Era aquel o porvir que xa soa
e das probes aldeas fai vilas...
¡Adiós cantos e Musas tranquilas!
O imperio da industria empezou.

Acordei... O meu soño dourado,
como fume pasou de repente,
e magoado o meu peito se sente
de soidades e amor palpitar.
Marmurei: —¡Adorada Galicia! ...
(E dos ollos chovíanme as bágoas).
¡Quen pudera beber túas ágoas,
e teus aires feliz respirar!

De ti lonxe, querido corruncho,
eu mirrándome estou de amargura,
como a froita que vai xa madura,
e entre silvas o vento guindou.
¡Teño envidia da libre andoriña,
que ahí chega por todos os maios!
¡Teño envidia das nubes e raios,
que o Sudeste a esas terras levou!

A ti voa entre ardentes suspiros,
sobre as trémulas alas do vento,
a soidade do meu pensamento,
que decote cravado está en ti.
Por diversos países que eu vaia,
ti serás miña doce memoria...
¡Mesmo entrar non quixera na gloria
sin primeiro pasar por ahí!


Eduardo Pondal publicou o seu primeiro poema en galego, A campana de Anllóns, e Rosalía de Castro asinaba o poema titulado Adios que eu voume, poema que incluía unha estrofa  que foi suprimida logo na edición do libro Cantares  Gallegos en 1863. A dita estrofa era a seguinte:

 Por xiadas, por calores ,
 desde qu´amañece ó día ,
 dou á terra os meus sudores
 mais canto a terra cría
 todo… todo é dos señores. 


Rosalía de Castro

Eduardo Pondal

Xoán Manuel Pintos Villar (Pontevedra, 1811 - Vigo, 1876) está considerado un dos Precursores do Rexurdimento literario.  A Gaita Gallega (1853), foi a única obra súa publicada en vida. O soneto acróstico que reproducimos a seguir QUE VIVA GALICIA, presente en A Gaita Gallega, tamén aparece no Álbum de la caridad.



Xoán Manuel Pintos Villar


Os Xogos Florais da Coruña de 1861 abriron o camiño para outros que se desenvolveron en diversas localidades de Galicia: Pontevedra (agosto dese mesmo ano de 1861, posteriormente en 1880, 1882, 1884 e 1886), Santiago de Compostela en 1875, Ourense en 1876, Vigo en 1883 e Tui en 1891. Todos eles coincidiron no seu obxectivo básico: prestixiar a lingua galega.
Os Xogos Florais celebrados no Teatro Principal de Tui o 24 de xuño de 1891, constituíron o primeiro acto público desenvolvido integramente en galego. Pretendíase prestixiar a lingua e a cultura galega mediante un concurso literario no que os autores deberían presentar traballos inéditos escritos en galego en calquera das súas formas dialectais, incluíndo o galego berciano e o da comarca do Eo-Navia.



O xornal El Eco de Galicia, editado na Habana, daba cumprida información no seu número 472 (11 de xullo de 1891) de como o día 18 dese mesmo mes se reuniría “O Consistorio dos Xogos Florais”, composto por Manuel Murguía, Salvador  Cabeza de León, Alfredo Brañas e outras personalidades para xulgar as máis de cincuenta composicións presentadas.
Ás tres da tarde do 24 de xullo de 1891 ergueuse o pano do Teatro Principal de Tui iniciándose así os Xogos. O daquela crego, Manuel Lago González (despois bispo de Tui) leu un discurso que iniciou recordando as palabras do poeta Francisco Añón:      
Ai, esperta, adourada Galicia
dese sono en que estas debruzada:
Do teu rico porvir a alborada.
Pol-o ceu exergándose vai.

Afirmou que con este acto a nobre lingua galega se presentaba por primeira vez nas públicas solemnidades por enriba do castelán.
Despois, Manuel Murguía leu un discurso no que reivindicaba a lingua e a nacionalidade galegas:
Léngoa distinta -di o aforismo político- acusa distinta nacionalidade. Digámo-l'o nós tamén, se nos compre con maor firmeza ainda, e poñamos de nós o que faga falla pra que sea para sempre esta léngoa en consonancia c'o noso espríto, e feita como ningun-ha outra, pra espresión d'un-ha literatura tan oposta ô genio d'a de Castilla como é esta que nós temos.
A seguir, Salvador Cabeza de León, secretario dos Xogos, procedeu á lectura da memoria destes e a abrir os sobres que acreditaban os premiados:
Coa "Rosa natural", don Eladio Rodríguez, da Coruña, pola súa composición "DESPERTA". Foi lida no acto por Alfredo Brañas.
Coa "Rama de roble", don Martín Diez Spuch, de Tui, pola composición, "O Derradeiro Trovador", lida polo autor.
Coa "Violeta de prata e ouro" don Juan Barcia Caballero, de Santiago.
Con "Clavillo", dona Filomena Datto Muruais, de Ourense, por la composición "O gaiteiro de Xixón" e don Urbano González, da Coruña, obtivo outro premio por unha comedia nun acto.
Para rematar o acto, Alfredo Brañas, mantedor dos xogos, catedrático da Universidade de Santiago e un dos rexionalistas máis recoñecidos e populares, pronunciou un encendido discurso aplaudido fervorosamente polos asistentes:
Todo esto xunto, siñores e siñoras, cega á miña vista, fire mainiña é amorosamente o meu corazón, excita á miña sensibilidade, cal si recebira una corrente voltaíca y-obrigame á excramar c'o pensamento posto en Dios y-o corazón n'a terra nativa: "Temos pátria, temos lenguaxe, temos fé...¡ estamos salvados!
A medalla conmemorativa deses xogos florais, realizada en Vigo polo xoieiro Enrique Pérez en 1891, reproduce nunha das caras unha ave fénix agromando das chamas, acompañada da lenda "SURGE ET AMBULA"; érguete e camiña. Na outra cara pode lerse a lenda: "TUY PRIMEIRA CONVOCATORIA ANO MDCCCLXXXXI - CONSISTORIO DOS XOGOS FRORAIS-GALICIA".

Betanzos organizou os seus primeiros Xogos Florais no ano 1886, vinte e cinco anos despois dos celebrados na Coruña. O periódico local Las Mariñas, baixo o lema Patria, Fides, Amor e co obxectivo de promover as letras galegas convocou este primeiro certame literario, que tería continuidade nos seguintes anos de 1887 e 1901. As propias bases dos Xogos fan constar que, en igualdade de condicións, preferiríanse os traballos escritos en lingua galega. Das oito modalidades de premios, en sete delas podían presentarse textos en galego ou en castelán, e nunha delas, “poesía dedicada á muller”, tería que estar escrita obrigatoriamente en galego. Entre os premiados figuran Enrique Labarta Pose e Eladio Rodríguez González. O acto de entrega de premios dos celebrados en 1887 estivo presidido Por Martínez Salazar, estando presentes tamén Galo Salinas, Eugenio Carré e Manuel Lugrís Freire.
Segundo a Doutora en Filoloxía, Concepción Delgado Corral, os terceiros Xogos Florais de Betanzos  (1901) son a constatación do decaer do espírito galeguista provocado polos grupos culturais dominantes da localidade, e só compensado en parte pola presenza final de importantes galeguistas no xurado.

Outros Xogos Florais betanceiros destacables foron os celebrados en 1918, dous anos despois da constitución das Irmandades da Fala. O organizador foi Francisco Vales Villamarín ( Betanzos, 1891-1982, historiador, secretario perpetuo da Real Academia Galega e cronista oficial de Betanzos) e o presidente do xurado, Manuel Murguía. Algúns dos premiados foron Uxío Carré Aldao, Lois Peña Novo e Ángel del Castillo.



Francisco Vales Villamarín



 Nos de 1946, tempo de prohibicións e censuras, o Premio de Honra e Flor Natural foille concedido ao poeta lugués Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado nestas Letras Galegas de 2014, polo seu poema Nascida d´un sono.
Xosé María Díaz Castro
NASCIDA D’UN SONO
                          I

 Ven aos meus versos como vas á feira,
 cantando e ríndo ao vento das Mariñas.
 Ven, puño de cerixas cristaíñas,
 entra no meu soneto, betanceira!

 Como esborrexen pol-a carballeira
 as anduriñas tras das anduriñas,
 brinca, anduriña, pol-as rimas miñas
 cal te dou Dios, enteira e verdadeira.

 E xa feito de ti, louro e compreto
 cos iambos dos te pasos donaireiros,
 co lume dos teus ollos tan profundo,

 eu ceibaréi ao vento o meu soneto
 pra que o teu nome suba antr’os loureiros
 hastr’ás estrelas, prefumando o mundo!


                         II

 Piséi a sombra viva dos guindeiros
 e pidinlle auga fresca. Pró a garrida
 doume unha auga tola i-acendida,
 i-empezóu a falar... Ai betanceiros,

 qué ollos aqueles, soles verdadeiros,
 duas espranzas pra unha sola vida!
 Qué ofrenda a porzolana repolida
 das mans, feitas pra tronos ou mosteiros!

 I-aquel falar ardente cal non fora
 un despertar de melros sob a aurora
 i-aquel fuxir xogando d’anduriña!

 Cantade ao sol i-ao mar, porque podedes,
 vos os que arades i-os que tendes redes.
 Qué aguinaldo dou Dios aos da Mariña! 


                      III

 Variña d’avelairo, pra ti fora
 cativo o bronce i-a palabra escura.
 noiva a tecer damascos de ternura,
 nai, santa nai que canta cando chora!

 Nácech’o sol nos ollos a cadora,
 enterrouse en ti o sol hastr’á centura!
 Boca pra un anxo, ai Deus, guinda madura!
 Ai Deus, surrisa aberta com’a aurora!

 Sal do poema xa, céibate á ría
 da Vida, corpo enteiro da alegría,
 pés voandeiros, corazón sin lixo!

 Así, sin versos, para qu’eu te queira,
 ti, nascida dun sono, betanceira,
 com’a permeira estrela que Dios fixo!


Nos Xogos Florais de 1952 a temática obrigatoria foi a solemne e entusiasta louvanza do noso soado viño, ledo e xalgareteiro como unha muiñeira. Álvaro Cunqueiro foi o encargado de abrir o acto de entrega de premios deste certame, no que don Ramón Otero Pedrayo figuraba como mantedor.

Ramón Otero Pedrayo coa Raíña dos Xogos, Elena García-Sabell, 

os alabardeiros e as danzas de mareantes na Porta da Vila, Betanzos, en 1952



PRESENTACIÓN EN POWERPOINT
A PROSA NO 1º TERZO DO SÉCULO XX


Partindo do traballo realizado polo alumnado de 4ºA do IES Isaac Díaz Pardo, como proxecto de traballo para a materia de lingua galega e literatura, elaborouse a seguinte presentación en PowerPoint.



EDICIÓN FACSIMILAR DE "CANTARES GALLEGOS" DE ROSALÍA DE CASTRO


En 1863 Rosalía de Castro editou en Vigo Cantares Gallegos, un poemario de inspiración popular que "inaugura a cultura galega contemporánea", en palabras do profesor Anxo Angueira. Co gallo de celebrar os 150 anos da súa edición, o Consello da Cultura Galega ofrece unha versión facsimilar desta primeira edición viguesa de Cantares Gallegos, na que se desenvolven moitas das temáticas literarias de Rosalía de Castro.


Nota: De suma importancia para o alumnado de 1º de bacharelato.



LIÑAS DE COMENTARIO DUN POEMA DE XOÁN MANUEL PINTOS (1853)


Ou Galicia, Galicia boi de palla
Canta lástima ten de ti o Gaiteiro!
O aguilón que che meten é de aceiro
E con el muita forza te asoballa.
No lombo teu zorrega, bate e malla
Fasta o máis monicreque ferrancheiro,
E calesquer podenco forasteiro
Te vafa de vergonza sin migalla!
Agarima alleeira eses ingratos
Ou víboras que postas ó teu peito
Co ferrete che rompen mil buratos!
Si o sangre teu refugas do teu leito
Malas novas madrasta de insensatos
Dos fillos teus ó amor non tes direito.

Xoán Manuel Pintos, A Gaita Gallega, 1853.


1. AUTOR, OBRA, CONTEXTO.
 Xoán Manuel Pintos Villar é unha das figuras máis importantes da primeira metade do século XIX. Naceu en Pontevedra en 1811 e sendo moi novo trasladouse á Coruña para estudar Humanidades no Colexio dos Padres Dominicos. Posteriormente estableceuse en Compostela coa intención de cursar Dereito, carreira que rematou en 1835. Co tempo chegaría a exercer como xuíz en Cambados e como fiscal no seu lugar natal. Foi nomeado Rexistrador da Propiedade de Vigo, cargo no que se mantería até a súa morte.
     O pontevedrés é autor dun único libro trilingüe, A Gaita gallega tocada polo Gaiteiro, ou sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega e ainda mais (1853), que ten como finalidade achegar o idioma de Galiza ao público lector. Inclúe nela un Breve diccionario gallego escrito por el tamborilero, para facilitar la inteligencia de la Gaita Gallega tocada por el Gaiteiro, que intentaba servir de axuda para a súa comprensión.     Ademais de  A Gaita Gallega, Pintos deixounos un amplo conxunto de poemas, espallados polas publicacións galegas da época. Pintos faleceu en Vigo en 1876.
En 1853 aparece A Gaita Gallega, que vén ser o primeiro libro da literatura galega do século XIX. O libro é unha miscelánea de textos diferentes, en verso, en prosa, en galego, en castelán e incluso en latín. De temática variada e cuns claros obxectivos: exaltación, defensa, divulgación e necesidade de estudo da lingua galega e de Galicia.
O libro aparece divido en sete “foliadas” cun fío condutor en todas elas: o diálogo entre o gaiteiro e o tamborileiro, entre o mestre e o discípulo, entre o galego e o foráneo. Pedro Luces, un mozo de Castela que se instala en Galicia e que por respecto ao país debe adoptar os seus costumes e tradicións. Hai ademais un conxunto de receitas de tipo gramatical sobre o galego, a denuncia da emigración, algunha crítica moralizante e a publicidade de glorias pasadas como Sarmiento.
O contexto no que emerxe a figura de Pintos está marcado polas Cortes de Cádiz (1812); a alternancia dos períodos liberais e absolutistas; o inicio das guerras carlistas tras a morte de Fernando VII; a división administrativa en provincias (1833); o levantamento de abril en Lugo e outras cidades galegas a cargo de Solís e outros militares, co apoio dos intelectuais galegos, que acaba cos fusilamentos de Carral e o exilio de moitos dos implicados (1846); o provincialismo; o rexionalismo e o inicio do rexurdimento literario (1863); a I República (1873) e a Restauración da monarquía na persoa de Alfonso XIII o mesmo ano no que morre Pintos (1876).
Pintos non é simplemente o autor de A Gaita Gallega, senón que é fundamentalmente unha das cabezas visibles do movemento de recuperación da nosa lingua e cultura, grazas ao cal Galicia recobrou tamén o seu ser para o futuro.

2. ANÁLISE DO TEXTO.
O poema constitúese en documento importante para coñecermos a situación de Galicia no século XIX. É, en efecto, una auténtica radiografía da situación de Galicia naquel tempo. Nesta “placa” destacan dúas “eivas”: por una banda, a explotación que sofre Galicia, e, por outra, os efectos que tal circunstancia provoca nos seus habitantes: fascinación polo alleo e desprezo polo propio (alienación).
O poema iníciase cunha invocación, “Galicia” e inmediatamente cunha metáfora, “boi de palla”. Chama a atención como Pintos constrúe esta metáfora en base a dous elementos semanticamente distantes e incluso contrapostos, boi e palla. Mentres o “boi” representa a forza, a resistencia, a dureza, a capacidade de traballo; a “palla”, a fraxilidade, a moleza, a inestabilidade. Ao facelo así, está debuxando un proceso de dexeneración: como un elemento forte, poderoso, consistente e duro acaba converténdose nunha caricatura de si mesmo.
A seguir aparece a palabra “Gaiteiro” cun forte valor simbólico. A gaita e mais o gaiteiro son reiteradamente escollidos como símbolos da esencia singular da cultura galega. O Gaiteiro é precisamente o personaxe que sustenta o libro e quen introduce ao tamborileiro nas cousas do país e na súa lingua. O Gaiteiro aquí xoga dous papeis significativos. Por unha banda é o símbolo e representante arquetípico da cultura popular galega e por outra é tamén o símbolo da resistencia, a voz diferenciada que lle abre os ollos ao pobo e que enxalza o valor do propio. Ten mágoa de Galicia porque aparece sometida, colonizada e non reacciona aos abusos, aos desprezos e agresións de calquera forasteiro. Ademais dos axentes da agresión aparecen palabras asociadas que dan conta dunha violencia extrema: aguilón, aceiro, víboras, ferrete. Palabras estas que denotan dureza punzante que causan un sufrimento brutal.
De novo se dirixe a Galicia para lle recriminar a súa actitude. Galicia debe facer o contrario do que se describe para gañar o amor dos seus fillos. A imaxe utilizada agora para Galicia é a de madrasta, xa que coida aos de fóra (os que a maltratan) e rexeita aos seus propios fillos. Esta imaxe de autoinculpación pretende alertar os propios galegos de que deben ser eles os que loiten contra esta situación.
En definitiva, Pintos quéixase da situación de atraso e miseria na que se atopa Galicia e pon de manifesto os efectos que tal situación lles ocasiona aos galegos, que son rexeitados en contraste coa boa acollida que se lles dá aos alleos.
En canto á forma, o poema é un soneto. Os 14 hendecasílabos distribúense en dous cuartetos de rimas abrazadas ABBA  ABBA e dous tercetos con rimas encadeadas diferentes dos cuartetos CDC  DCD.
En todo o poema predomina unha entoación exclamativa. Por último podemos salientar tamén que o léxico empregado é popular, referido ao conxunto do pobo galego: gaiteiro, boi, palla…
Para concluírmos, debemos resaltar que o poeta está condicionado pola situación do galego e de Galicia, e busca contribuír ao proceso de recuperación dos signos de identidade nacional, comezando pola fala e seguindo polas desgrazas que sofren arreo as clases populares. Así, mentres nos cuartetos describe a situación de Galicia e no primeiro terceto analiza as consecuencias que esa situación ten, na última estrofa tira unha reflexión final: a nai Galicia non ten dereito ao amor dos seus fillos mentres os trate peor que aos foráneos. O obxectivo que persegue é precisamente conseguir o contrario do que describe, é dicir preténdese reverter a situación e espertar o amor dos galegos á súa terra, á súa patria. 



A orella dereita de Antón de Leivas
Os outros feirantes, Álvaro Cunqueiro, 1979.


Antón de Leivas vivía cos seus pais e irmáns en Vilarelle, na casa que está mesmo á beira da fraga de Unces. Era un mozo de vintecatro anos, de mediana estatura, e arroibado, como soen ser os de Vilarelle. Os Leivas tiñan unha boa labranza, e era seu o bosque de Portela, que por derriba do camiño todo é un faiedo. Un domingo calquera, ao saír da misa, un amigo de seu chamou a Antón de Leivas aparte.
-Estiven detrás de ti na misa, e non me cansaba de mirarche a cachola, que tes a orella dereita muito máis grande que a esquerda. ¡Antes nona tiñas así!
-Pois no servicio militar non me dixeron nada -replicou Antón, levando a man á susodita orella dereita.
Xa na casa, consultou coa nai e irmáns, e todos atoparon que a orella dereita lle medrara máis do debido, e engordado embaixo. A orella, asegún o parecer da familia e dos veciños, seguíalle medrando a Antón. Este andaba cismando no choio, e decidiu ir de menciñeiro, a un que había en Liñares, que se chamaba Secundino, e que sempre comentaba que se adiantaba en dar as doencias de Xan ou Pedro aos millores médicos de Lugo. O señor Secundino estudoulle as orellas a Antón, mediullas, e logo de pensalo un pouco, comentou:
-¡De boa te libraches! Ibas ter un apostema finchado nos interiores, e nun descuido
pasóuchese á orella, donde está benigno.
Antón voltou a Vilarelle máis tranquilo. A orella deixara de medrar, según os que acudían a mirarlla. Un día unha veciña, viúda dun garda forestal, coruñesa ela, mui branca de pel e aínda de bon ver ademirando a orella de Antón, preguntou si se escoitaría algo dentro dela, e acaroando a súa orella esquerda á famosa de Antón, e a súa meixela á meixela do mozo, exclamou:
-¡A mar! ¡Escóitase a mar como nas caracolas mariñas!
E dende entón muita xente, especialmente nenos, quería escoitar a mar na orella de Antón de Leivas. Hasta quixo María de Don, unha moza mui garrida, que nunca lle fixera caso a Antón. María agora pasaba as horas escoitando a mar na orella de Antón, e sorría. E tal foi a cousa que fixéronse noivos, e casaron. María díxolle a Antón que non quería que a coruñesa, a viúda do garda forestal, volvese endexamais a escoitar na súa orella a mar do Orzán. Nenos, os que quixeran.
María tiña un irmán en Venezuela, e ao verán seguinte ao maio da súa voda con Antón,
chegou a Vilarelle de vacacións. Moreno, mui elegante, con zapatos brancos e fumando roibo, e con gran variedade de corbatas e sombreiros. Abrazou ao seu cuñado Antón, mirouno e remirouno, comparou as orellas delambas, e levouno a carón do palleiro pra falaren sin seren ouvidos.
-¡Oye, chico, esto es una vaina! ¡Tienes las dos orejas iguales!
-Pois todo o mundo me ve a dereita meirande que a esquerda... Ademais, escóitase nela a mar.
-¡Eso es lo que los periodistas científicos de Caracas llaman "un caso de sugestión colectiva" y nada más.
-¿Non llo dirás a ninguén? -inquiría Antón, entristecido.
-¡Que vaina, cuñado! ¡Yo como un muerto!
Antón respirou, porque lle estaba sacando algúns cartos á orella dereita. As nais traguían os fillos raquíticos ou que non medraban, e frotaban as súas cacholiñas contra a orella de Antón. Este cobraba tres pesos por sesión, e as nais agradecidas deixábanlle de regalo un queixo ou un pito.
Antón estaba desexando que o cuñado se volvese pra Venezuela. Porque en canto estaban soios, non facía máis que comentarlle:
-¡Un caso célebre de sugestión colectiva!

COMENTARIO

Este “conto”, que pertence ao libro de Álvaro Cunqueiro Os outros feirantes, publicado en 1979, reproduce o perfil dun mozo galego utilizando as características da narrativa de transmisión oral e dándolle visos de realidade a unha historia que perfectamente se pode inserir nun mundo de fantasía.

Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo, 1911 – Vigo, 1981), fillo de boticario, axiña entrou en contacto coa natureza, cos tipos populares do país e coa rica tradición oral da nosa literatura que logo recreará na súa obra.

Estuda bacharelato en Lugo e posteriormente Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, estudos que nunca concluíu, onde entra en contacto cos movementos artísticos do momento. No período anterior á guerra, Cunqueiro é esencialmente poeta.

Durante a República participa no movemento galeguista, afastándose deste a partir da constitución da Fronte Popular. Na guerra civil colabora en xornais e comprométese co bando vencedor, do que logo se afastará.

A partir do ano 47 retírase a Mondoñedo e dedícase case exclusivamente a escribir, como xornalista e como autor de narrativa de ficción, tanto en galego como en castelán.

En 1961 ingresa na Real Academia Galega. A partir de 1965 dirixe El Faro de Vigo ata 1970. Gaña o premio Nadal en 1969 e é recoñecido como un prestixioso literato en todo o estado. Dez anos despois do seu pasamento dedicáronselle as Letras Galegas. Quixo que a súa lápida dixese: “Aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.

Os anos que seguen á sublevación militar supuxeron un baleiro na produción literaria en lingua galega. Na década dos 50, coa fundación da editorial Galaxia, tivo lugar unha progresiva e fecunda recuperación da nosa cultura. Na narrativa de posguerra, amais dalgúns escritores que trataron unha temática de circunstancias, iniciaron a súa andaina figuras fundamentais como Blanco Amor, Áxel Fole, Cunqueiro e Neira Vilas.

Os outros feirantes, publicado en 1979 (derradeira obra de Cunqueiro en formato libro), forma parte dun conxunto máis amplo no que hai que situar Escola de menciñeiros (1960) e Xente de aquí e de acolá (1971). O autor fai explícito o carácter unitario que confire a estas obras ao afirmar que cando escribía ambos os tres libros estaba realmente a escribir un único libro no que perfilaba o perfil da xente galega que el coñecera: galegos que cren, máxicos, con vivacidade…

Certamente, os tres libros teñen unha estrutura formal e temática unitaria: o narrador, o espazo, a confluencia entre o real e o fantástico e as interferencias entre o popular e o literario. Ofrécenos unha chea de tipos humanos que no seu conxunto conforman unha personaxe colectiva que retrata claramente a idiosincrasia do pobo galego.  

Na obra de referencia, hai un primeiro aspecto no que debemos reparar e non é outro que o propio título: “Os outros feirantes”. Por unha banda, as persoas que podemos atopar nas feiras, un lugar público, social, de encontros e conversas; por outra, os outros, que fai referencia non aos feirantes comúns, senón a aqueles que teñen un trazo, unha peculiaridade da que falar.

Antón de Leivas é un deles. A súa orella dereita, a dicir dos seus veciños, máis grande cá esquerda, é a súa peculiaridade. Estamos polo tanto ante un personaxe que sofre unha eiva ou malformación estraña e que curiosamente esa eiva, a deformación da súa orella é a que o fai singular, único, incluso para casar e sacarlle proveito. Trátase dunha eiva á que os seus veciños axiña lle confiren poderes extraordinarios e curativos.

A partir do comentario dun amigo de Antón: “tés a orella dereita máis medrada que a esquerda”, entramos nun caso de suxestión colectiva, xa que ninguén di o contrario (a non ser posteriormente o cuñado, elemento alleo), sobre todo despois da consulta dun menciñeiro de sona que incluso lles adianta os diagnósticos complexos aos médicos. Tamén aparece a referencia ao servizo militar, como claro elemento de contacto da realidade galega cos mundos de fóra: “cando Antón fixo o servizo militar non lle dixeron nada da orella”.  

O feito de que unha viúva coruñesa manifeste que na orella de Antón se escoita o mar, como nunha caracola mariña, acrecenta o feito marabilloso. Agora todos queren escoitar na orella dereita de Antón o mar. O fenómeno vai aumentando e tamén as nais levan os seus fillos para que medren, como a orella.

O narrador que nos conta esta historia é moi sutil á hora de nos introducir os elementos marabillosos. Cóntanos a historia como algo vivido de preto, con toda unha chea de detalles que lle confiren credibilidade ao conxunto. A localización xeográfica e as referencias toponímicas son empregadas non soamente para localizar a historia senón que tamén para darlle credibilidade, do mesmo xeito que describe a Antón con detalles precisos, con relacións de parentesco, físicamente... Tamén utiliza para lle dar veracidade ao relato a presenza de determinados personaxes como o menciñeiro Secundino, autoridade na materia, que incluso mide a orella (non sabemos o resultado, por certo).

O personaxe principal é Antón de Leivas. Aparece definido polo seu nome e a referencia da súa familia (Os Leivas), pola súa descrición física, na que sobresae o seu trazo diferenciador, a orella dereita, as súas relación de parentesco e mesmamente a súa personalidade, que intuímos no transcorrer da historia.

O resto de personaxes aparecen con menos detalles, simplemente salientando aqueles elementos que nos interesan dado o seu papel no relato. Destacan as dúas mulleres, contrapostas: a viúva, aínda de bo ver, e María de Don, a futura esposa. Por outra banda, un personaxe colectivo, o pobo no seu conxunto, que cre, fantasioso, ignorante, temeroso, paxolo, que se deixa levar. En contraposición, o cuñado de Antón, o elemento alleo. Alleo no vestir, na procedencia e na fala (fala castelán) xa que se trata dun emigrante en Venezuela. É distinto en todo e non goza das características dos demais. Non se deixa levar polo que todos cren e mantén unha postura de racionalidade e obxectividade. É quen nos alerta do caso de suxestión colectiva. Como contrapunto da autoridade dos médicos e do menciñeiro Secundino, das crenzas da aldea, aparece a “cultura” da gran cidade, de Caracas, representada polo irmán de María de Don.

Os espazos nos que se desenvolve esta historia podémolos considerar en dous ámbitos: Por unha banda, o mundo galego, a realidade xeográfica da aldea, Vilarelle, en Lugo e de todas as referencias toponímicas. Por outra, o mundo de fóra, a cidade, Caracas, que aparece vinculada a través do cuñado de Antón, emigrante en Venezuela. Tamén a referencia do servizo militar, fóra de Galicia.

A organización temporal está en función da posición do narrador. Este cóntanos unha historia acontecida anos atrás situándose no presente e omitindo a localización temporal exacta dos feitos. Sabemos dende o principio que hai un distanciamento temporal dos feitos con respecto ao presente, pero non hai unha data concreta. Esta dualidade entre o presente da narración e o pasado obsérvase moi ben se nos fixamos nos verbos empregados. Con isto vai permitir o xogo realidade-fantasía, situándose nun tempo pasado no que todo parece posible.

En canto á estrutura do relato vemos unha vez máis o entronque cos modelos da literatura oral. Deste xeito, o relato comeza coa presentación directa do personaxe a través da súa descrición física e outras circunstancias. Logo, o desenvolvemento liñal da acción. Por último, un final anticlimático, cun toque de ironía, humor e certa complicidade: “un célebre caso de suxestión colectiva”. Semella que soamente no país somos quen de observar a diferenza de tamaño das orellas; os de fóra non teñen a capacidade de percibir o meirande tamaño dunha delas.

A preocupación de Cunqueiro pola súa linguaxe, o respecto que lle inspiraba a palabra, levouno a autodefinirse como un xardineiro da linguaxe. A súa escrita é extremadamente coidada e rica. Utiliza as palabras con precisión, palabras cheas de viveza, con todo luxo de matices que expresan eficazmente a maneira de ser dos seus personaxes e polo tanto do ser colectivo galego. Por veces atopamos trazos dialectais pertencentes á área mindoniense e tamén algunhas fórmulas case desaparecidas da fala que hoxe soamente lle escoitamos á xente vella. Por outra banda, predominan as solucións ortográficas normativas do momento, nun claro intento de fixar con rigor un galego estándar.

En definitiva, como ben podemos observar neste relato, Cunqueiro realiza un magnífico traballo de literaturización da materia de tradición oral, cunha clara finalidade non exclusivamente lúdica, senón pretendendo indagar na alma do ser galego para, en conxunto, determinar o “paisano galego”. A imaxinación é utilizada como o único instrumento válido para nos achegar á complexidade do real: a imaxinación para producir visións non convencionais do noso mundo e da esencia do noso ser. Este talante imaxinativo do noso pobo maniféstase claramente neste relato xa que, como posteriormente se nos explica, a anomalía (orella dereita) non será senón produto dunha visión enganosa que xera un proceso de suxestión colectiva.




LIÑAS DE COMENTARIO DE “O CASO DOS TRES FORNOS”, DE RAFAEL DIESTE.

1. AUTOR, OBRA, CONTEXTO:
Estamos ante un relato pertencente ao libro Dos Arquivos do Trasno, do autor rianxeiro Rafael Dieste González. O libro está composto por vinte relatos breves, aínda que cando foi publicado en 1926 por primeira vez, constaba só de oito. Dieste foi engadíndolle outros ata que acadou os vinte da versión definitiva, editada en 1962.
  Un dos grupos xeracionais importantes anterior á guerra civil creouse arredor do Seminario de Estudos Galegos, fundado en 1923 por profesores e estudantes da Universidade de Santiago, co obxecto de promover o estudo científico da realidade galega. Próximos a este grupo, aínda que sen constituír un grupo homoxéneo, están varios escritores nados en torno ao 1900 que son coñecidos cos nomes de Novecentistas ou Xeración de 1925. Rafael Dieste constitúese como o grande narrador deste grupo xeracional.
Nace en Rianxo, en 1899. Matricúlase na Escola Normal (Maxisterio) de Compostela. Interrompe os seus estudos para viaxar a México da man dun dos seus irmáns. De regreso a Rianxo, finaliza a carreira e inicia a súa relación coa literatura. Entra en contacto co nacionalismo a través do maxisterio de Vicente Risco, como tantos outros do seu tempo.  De regreso da guerra de Marrocos colabora en varios xornais de Vigo.  Un ano despois da publicación de Dos Arquivos do Trasno publica a peza dramática  A fiestra valdeira.  En 1932 trasládase a Madrid e participa nas Misións Pedagóxicas. A sublevación fascista sorpréndeo sendo director do Teatro Español de Madrid.    Forma parte da Alianza de Intelectuais Antifascistas e colabora na revista  Nova Galiza.
Despois dunha estadía en Uruguai, estableceuse en Bos Aires, onde traballou como director literario na Editora Atlántica. En 1948, viaxou por Europa como comisionado do Museo Nacional de Artes Plásticas de Montevideo, e aceptou un posto de lector de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Cambridge, ao que seguiría outro lectorado no Instituto Tecnolóxico de Estudos Superiores de Monterrei. En 1954 regresou a Bos Aires e á Editorial Atlántida.
En 1961 volveu a Rianxo e, un ano despois, publica en Galaxia unha reedición de  Dos Arquivos do Trasno, ampliando o número de contos a 20. A mediados desa década instálase na Coruña e en 1970 ingresa na Real Academia Galega como membro de número. O seu discurso de ingreso é Da vontade de estilo na fala popular, discurso que le o día 18 de abril.
Poucos meses antes da súa morte (15/10/1981), apareceu o volume  Antre a terra e o ceo, que recolle artigos publicados en  El Pueblo Gallego na década de 1920. En 1981 foi nomeado Membro de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega e, en 1995, dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Dos Arquivos do Trasno, libro publicado en 1926, contiña inicialmente oito relatos; dende a segunda edición, en 1962, Dieste ampliou o número a vinte. O libro ábrese cunha introdución que condensa unha moderna teoría do conto exposta en forma de proverbios. Dous son os principios que a gobernan: unidade emotiva e remate esencial. O eixo temático da narrativa de Dieste xira arredor da psicoloxía e das experiencias extraordinarias da xente galega. Segundo o autor "O conto é o remuíño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz". Son contos breves, intensos, de linguaxe estilizada, nos que o sobrenatural e o misterioso se introducen na realidade. O propio título indica que o libro ten parte de realidade (arquivos) e parte de fantasía (trasno). Os acontecementos que conta son as historias que contaban os maiores, acontecementos reais, un pouco misteriosos e contados cun chisco de imaxinación e fantasía. Os seus personaxes ben poderían ser os que forman a sociedade galega, en toda a súa amplitude e diversidade. A temática, moi variada, vai dende a morte, a morriña, a presenza dos mortos, o misterio, a dignidade…, ata a emigración e o retorno á terra.
A historia do século XX vén marcada polas dúas guerras mundiais, a revolución rusa e a denominada guerra fría. O período entre guerras (1920-1936) iníciase cunha euforia económica que rematará co “crack do 29”. É un período moi dinámico a nivel estético e artístico; en xeral, sucédense numerosas correntes. A arte social tende a denunciar os problemas sociais e políticos. A arte experimental caracterízase pola vontade de romper con todo o anterior e pola busca de innovacións orixinais. Esta tendencia culmina coas vangardas. Por outra banda, ante a dor e a morte experimentada nestas primeiras décadas do século XX, xorde a anguria existencial e a necesidade de lle atopar sentido á vida nunha situación que chega a ser de profunda desesperación.
En España, o reinado de Afonso XIII está marcado polas tensións sociais e das distintas rexións. A ditadura de Primo de Rivera suspende a Constitución e as liberdades políticas. A II República revitalizou as arelas dun estado plurilingüe e multicultural. A guerra civil e o Franquismo marcaron un período escuro na historia de España, con consecuencias negativas para o desenvolvemento das linguas e culturas peninsulares.
En Galicia, o agrarismo e a crise económica marcan os primeiros anos do século. A aparición do nacionalismo, a partir das Irmandades da Fala (1916) e do Partido Galeguista (1931) deulle un gran pulo á lingua e cultura propias.
Neste contexto xorde Rafael Dieste (1899-1981) e a súa obra Dos Arquivos do Trasno (1926, 1962).

2. ANÁLISE DO CONTIDO:
Tema.
Trátase dunha historia que conta un home de mar, fogoeiro, para sermos máis precisos, coa que nos quere demostrar como actuou con dignidade ante un conflito laboral. É un caso de amor propio, de integridade moral, manifestada por un traballador de carácter ante unha situación de posible explotación laboral.
Argumento.
Ante un público de ambiente mariñeiro, en tempo presente, un home que fora fogoeiro nun barco, xustifica o seu comportamento de dignidade e orgullo nun caso que lle acontecera. Para que ninguén dubide da veracidade do seu relato, pon de testemuña dos feitos a un dos presentes, compañeiro de abordo del naquel tempo.
Primeiro, explica con todo detalle como é o traballo dos fogoeiros nun barco, aclarando perfectamente cales son as súas obrigas: alimentar os tres fornos, mais limpar de escorias un só.  Despois conta a historia. O maquinista mándalle limpar os tres fornos (para aforrar gastos), cousa á que se nega o fogoeiro repetidamente, insistindo en que limparía soamente un. O maquinista dálle parte ao capitán e volta coa resposta irónica de que limpe só un, que ben lle abonda. O fogoeiro, doído no seu amor propio e indignado, conta como limpou os tres fornos e como cando chegaron a porto se presentou ante o capitán e como lle pediu a conta e lle dixo que marchaba. O capitán négalla e marcha sen ela. Finalmente, despois de andar todo o día por Marsella adiante, o fogoeiro atópase nunha tasca, alguén lle pousa unha man no lombo e dille: busqueite todo o día, compañeiro. Logo disto, no que podemos considerar un epílogo, xa no tempo presente, o fogoeiro explícalles aos presentes que volveu ao barco xa que aquel que lle pousara a man no lombo era o seu capitán.
Narrador:
Estamos ante un narrador protagonista que nos conta en primeira persoa uns feitos que lle aconteceron no pasado. Adopta unha postura obxectiva e pretende ser fiel á realidade. Pon de testemuña a un compañeiro que tamén coñece a historia. Relata a súa experiencia cun ton serio e certamente confidencial, ante uns ouvintes que o escoitan con atención.
Estrutura:
Introdución: Dende o principio ata que se inicia o diálogo co maquinista. Nesta introdución podemos observar tres partes claramente diferenciadas. O primeiro parágrafo correspóndese coa discusión que provoca que o narrador-protagonista conte uns feitos que lle aconteceran tempo atrás e que servirá de exemplo e argumento probatorio da súa tese na discusión. O segundo parágrafo é a referencia á testemuña que está presente e que acreditará que o que se conte é certo. A terceira parte desta introdución é a explicación do traballo do fogoeiro a respecto dos fornos.
Desenvolvemento: En primeiro lugar, o diálogo que mantén co maquinista e as negativas do fogoeiro a limpar os tres fornos. Unha segunda parte que vai dende que o maquinista dá parte ao capitán e que inclúe a resposta deste ata a reacción indignada do protagonista e como limpa os tres fornos. A terceira parte, na que se produce o momento de máxima tensión, correspóndese co diálogo co capitán, xa en porto, como lle pide a conta e marcha sen ela.
Desenlace: Unha primeira parte na que vemos ao fogoeiro deambulando por Marsella, e unha segunda cando estando nun bar de mala xente, sente como alguén lle pousa a man sobre o lombo e lle di: Busqueite todo o día, compañeiro. O final absoluto do conto aparece nunha especie de epílogo no que se dirixe aos ouvintes e lles explica o remate da historia: Volvín ao barco, aquel que me pousara a man no lombo era o meu capitán.
Como se pode observar presenta unha estrutura clásica: introdución-desenvolvemento-clímax-desenlace. Hai dúas accións centrais, unha física: limpar os fornos, e outra moral: o autodespido por considerar que se está a cometer un abuso laboral. Finalmente, hai unha acción compensadora, a do regreso ao barco pola intervención directa do capitán.
Espazo-tempo:
O tempo narrativo prodúcese anos despois de ter acontecidos os feitos que se relatan, o cal implica un “flash-back” dende o tempo en que se conta a historia ata o tempo en que se teñen producidos os feitos. O espazo narrativo está constituído por un lugar sen determinar, pero claramente de ambiente mariñeiro. Pode ser un lugar de encontro de vellos mariñeiros, preto dun peirao, ou incluso unha taberna de ambiente portuario.
O tempo real é unha mañá estando preto do porto de Marsella ata a noite dese mesmo día que é cando o capitán atopa o fogoeiro. O espazo real está constituído polo barco, especialmente polas “fonduras”, o lugar onde están os tres fornos. Está tamén a cidade de Marsella e, especialmente, os barrios de “mala xente” preto do porto.
Personaxes:
O protagonista é sen dúbida o fogoeiro, un mariñeiro galego forte, de rexo carácter e de xenio, orgulloso e digno, íntegro, que sabe como actuar nunhas circunstancias difíciles e que sabe loitar polos seus dereitos. Sabe tamén perdoar cando aqueles que se equivocan saben recoñecer o seu erro e pedir desculpas, como fai o capitán. Contraposto ao fogoeiro está o maquinista. Tamén neste sentido de personaxe antagonista ao fogoeiro está o personaxe inicial que provoca a discusión que dá pé á historia. O capitán xoga un papel de árbitro; é quen de atallar o abuso laboral poñéndose á altura do traballador: busqueite todo o día, compañeiro, recoñecendo o seu erro e recoñecendo a valía do fogoeiro. Están tamén os ouvintes, os personaxes ambientais e un compañeiro de abordo por aqueles tempos que o fogoeiro pon como testemuña dos feitos.

3. ANÁLISE FORMAL:
Neste apartado debemos preocuparnos dunha maneira sinxela de responder a dúas cuestións básicas: Como nos contan a historia? Que recursos empregan?
Por unha banda é bastante evidente que a presenza de certos trazos dialectais (no texto orixinal) e a lingua empregada polos personaxes danlle ao relato un ton apropiado ao ambiente mariñeiro. Por outra banda, poderiamos facer un exercicio de comparación do texto orixinal coa escrita que hoxe se consideraría correcta tendo en conta a normativa actual. Transcribe, polo tanto, a fala popular e coloquial, sen apenas rebuscamentos, coas expresións propias dos personaxes de clases populares.
A presenza masiva de verbos, responsables da acción narrada, aparecen predominantemente en primeira persoa. Hai un dominio do modo indicativo, máis obxectivo e denotativo na narración dos feitos iniciais e finais, alternando nos momentos claves de alta tensión co subxuntivo, que connota mellor o estado de ánimo do protagonista (vaia, dea). Tamén aparece o imperativo (limpe, non limpe…). Alterna tamén o presente co uso do pasado, indicando a progresión dos feitos e a regresión temporal.
Debemos sinalar tamén a presenza de certos campos semánticos relacionados con palabras do léxico mariñeiro (fornos, cuberta, fonduras, maquinista, botes, fogoeiro, barco…), e tamén con palabras relacionadas co temperamento (varudo, espilido, arroutadas, peito, obrigas, parvo…).

4. CONCLUSIÓN:
O autor do texto, escritor comprometido co galego e a súa causa, amósanos unha historia de ambiente mariñeiro a través dun personaxe íntegro, que sabe manter a súa dignidade e loitar polos seus dereitos. Achéganos emotivamente a este fogoeiro que pretende converter en modelo, en representante arquetípico do que é ser galego e de como se debe actuar. Trátase dunha sinxela mostra de como toda unha colectividade debe reaccionar con valentía e dignidade cando lle pisan os seus dereitos.



ESCOLMA DE LENDAS E CONTOS POPULARES



Selección de lendas e contos populares galegos de tradición oral realizada polo alumnado de 1ºA de bacharelato do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, como proxecto de traballo para a materia de Lingua Galega e Literatura.





ESCOLMA "O AMOR NA POESÍA GALEGA"


Achega dos alumnos e alumnas de 4ºA de ESO do IES Isaac Díaz Pardo para ter presente que "O único que queda é o amor" neste día tan especial para moitos/as.
Esta escolma ofrécenos un paseo "negro sobre branco, con notas vermellas" pola poesía galega, e a interpretación persoalísima que os autores fan do amor.




ENLACES PARA VER E ESCOITAR A CASTELAO




Castelão, voz real, desde Uruguay (legendado em galego)


Castelao, voz real na radio desde España.



ENLACES PARA ESCOITAR A RAMÓN OTERO PEDRAYO



Ramón Otero Pedrayo: "A paisaxe galega, as súas leis e tipos"




ENLACE PARA ESCOITAR A RAFAEL DIESTE

Homenaxe a Rafael Dieste




Eterna Rosalía


Eterna Rosalía é un pequeno documento realizado con fotografías e breves pés de imaxe que pretende homenaxear a Rosalía de Castro no seu 175 aniversario. Pode complementar a información ofrecida no roteiro rosaliano.




Open publication - Free publishing - More literatura


 Liñas para o comentario dos poemas "O cartafol do vento", de Manuel Antonio, e "Enterro" de Luís Amado Carballo.




O cartafol do vento.

O VENTO perdeu as follas
do seu cartafol
-esas que os chuvascos
mecanógrafos
teclean no manual dos mastros?

As gavotas non teñen quitasol
pero fan raudos equilibrios
polo aramio transparente
de tódalas ortodrómicas do ceo

O pailebote sen velas
-Serán esas que o vento
levou no seu cartafol?
tamén fai equilibrios no ronsel

Coa boca aberta
-caille a baba-
está mirándonos o babión do Sol.

Manuel Antonio, De catro a catro, 1928


1. Contextualización: época, autor, obra.

* A xeración vangardista
Os escritores nados arredor do 1900, aqueles que constitúen a xeración seguinte á xeración das Irmandades da Fala (1916) e do Grupo Nós (1920), levaron a cabo a renovación das letras galegas. Coñecidos co nome de novecentistas, vangardistas ou xeración do 25 incorporaron á nosa literatura os principios estéticos e as novidades característicos dos principais movementos vangardistas europeos (ismos), que responden todos eles a unha reformulación teórica das artes.
Esta xeración vangardista rompe coa tradición inmediata e tamén coa dependencia dos grandes mestres do Rexurdimento, levando a cabo a actualización e modernización da nosa lírica, que se pon así en relación coas grandes correntes europeas. Ademais crean revistas literarias como Ronsel, Alfar, Resol, Cristal, Papel de color… como canle de expresión.

* Principais liñas de vangarda
Baixo o nome de Imaxinismo ou Hilozoísmo coñécese o movemento poético que, xurdido en torno a Luís Amado Carballo, presenta un novo tratamento da temática paisaxística. É unha liña poética que non cumpre estritamente cos principios vangardistas xa que, entre outros aspectos, non rexeita a métrica e estrutura o poema estroficamente, sen a fragmentación característica das vangardas. Aproxímase ao Creacionismo nas súas imaxes e metáforas abertas ao sensorial, acústico e auditivo. A ausencia do elemento humano e a animación da paisaxe, que pasa a ser protagonista, son outras das súas características salientables. É precisamente a non ruptura coa escrita poética dominante ata ese momento unha das razóns que explican o enorme éxito desta corrente nas nosas letras.
A divulgación da lírica medieval supuxo unha reafirmación da nosa literatura ao ampliar cuantitativa e cualitativamente a nosa tradición literaria. Aínda que non podemos falar estritamente de vangarda, o aproveitamento de fórmulas, temas, estruturas e ambientación característicos da lírica medieval ao servizo dun discurso renovador deu como resultado a corrente Neotrobadorista, con Fermín Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro como principais representantes.
A vangarda plena está representada polo creacionismo de Manuel Antonio Pérez Sánchez, autor de De Catro a Catro  (1928), único libro que chegou a publicar en vida. Antes, en 1922, asinara conxuntamente co artista plástico Álvaro Cebreiro o manifesto ¡Máis Alá! onde propoñía unha ruptura total coa literatura galega que se viñera facendo ata a data. En 1924, nas páxinas do xornal Galicia publicou un novo texto, Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu, no que incide novamente nos afáns vangardistas.

* Manuel Antonio
A obra de Manuel Antonio é froito da experiencia das lecturas e dos descubrimentos persoais; da influenza de Vicente Risco, con quen mantivo unha importante correspondencia epistolar, e da asimilación da estética dos principais movementos poéticos vixentes no seu tempo, fundamentalmente do creacionismo e o ultraísmo. A poesía galega seguía sendo ruralista, romántica e sentimental. Coa chegada de Manuel Antonio a poesía galega ponse á par do seu tempo e entra na modernidade.
Manuel Antonio Pérez Sánchez (Rianxo, 1900-1930) cursou estudos de bacharelato en Santiago de Compostela. Xa de mozo adopta unha postura radical en defensa do idioma e ingresa nas Irmandades da Fala. Comeza a publicar nas revistas e xornais da época. En 1919 participa na Asemblea Nacionalista de Monforte e inicia os seus estudos de Náutica en Vigo. En 1922, xunto con Álvaro Cebreiro publica o manifesto Máis Alá!, no que amosa o seu compromiso político e creativo.
Inicia a súa etapa de mariño mercante e no Paquebote “Constantino Candeira” escribe os poemas de De Catro a Catro, único poemario que chega a ver editado en vida, 1928. Logo de recorrer diversos países de América e África, viaxes nas que continúa a súa produción poética, regresa a Rianxo gravemente enfermo. Morre o 28 de xaneiro de 1930.
Manuel Antonio representa, pola súa actitude vital, pola súa formación e inquietudes artísticas, polo seu traballo creativo, o prototipo do artista de vangarda: rupturista, antiacadémico, incorformista e comprometido.
A creación poética é para Manuel Antonio liberdade e individualismo, ou sexa, afastamento de escolas e correntes. Adóitase dividir a súa traxectoria poética en tres etapas: a primeira, caracterízase pola ruptura coa literatura anterior e a interiorización das vangardas (Con anacos do meu interior, Foulas e Sempre e mais dispois); a segunda, supón o cumio dunha voz poética propia (De Catro a Catro), e a terceira, é unha volta a formas máis tradicionais (Viladomar).

* De Catro a Catro
De Catro a Catro, composto durante a primeira navegación de Manuel Antonio, constitúe unha sorte de caderno de bitácora (follas sen data dun diario de abordo). Está composto por dezanove poemas e reflicte, seguindo unha liña temporal, a viaxe marítima que realizou. Principia con “Intencións”, o eu poético abandona a beiramar e lánzase ilusionado a unha nova experiencia. Continúan dezasete poemas nos que manifesta unha vivencia intensa do mar e unha experiencia íntima en contacto co cosmos que o rodea. No medio da navegación unha escala en terra, os poemas oito e nove. Rematando a viaxe coa volta a terra, o poema “Adeus”, unha despedida saudosa e o regreso á vila natal. No texto creacionista a xustaposición de imaxes é a auténtica creadora; unha imaxe baseada na prosopopea que nos presenta a realidade desde distintos puntos de vista, nunha completa fragmentación da perspectiva e reducindo o poema a unha superposición de visións.
O tema central sería o da soidade do suxeito (a soidade do EU agachada normalmente baixo a ambigüidade e a polivalencia dun NÓS), pero tratado con perspectiva múltiple (Cubismo). Con este, outros motivos complementarios como a despedida, a separación, o abandono, a nostalxia, a carencia, o fracaso e, sobre todo, a morte.

 2. Análise do poema: o contido.
Este poema aparece na posición undécima no conxunto dos 19 poemas que compoñen De Catro a Catro. A voz poética está en plena travesía e segue afondando na soidade e o abandono dende un ton certamente pesimista. O tema central é a imposibilidade de fuxida, non hai vento, domina o estatismo. Sen o alento vital do vento non hai saída. O barco, sen velas, non navega e agárrase ao pasado, á nostalxia.
A perda, a ausencia e por último o abandono do Sol posibilitan esta nostalxia, este ancorarse ao pasado, facer equilibrios no ronsel:
O vento perdeu as follas do seu cartafol
As gaivotas non teñen quitasol
O paquebote sen velas
O babión do Sol está mirándonos coa boca aberta
O eu poético desdóbrase en dous, na voz narradora (terceira persoa: perdeu, tecolean, teñen, fan…) e no suxeito paciente, en NÓS (mirándo-nos). Este desdobramento permítenos ver dende fóra (espectadores) e tamén dende dentro (perspectiva da primeira persoa).
O tema está encadrado nunha paisaxe mariña. No mar, na infinidade do mar non hai saída. Un mar en calma. En pleno día, o sol está no alto. O barco, o soporte físico do eu/nós poético, está parado, facendo equilibrios no ronsel, no pasado. Está sen velas, sen posibilidade de recoller o vento e polo tanto o pulo necesario para seguir a viaxe. As velas perdidas, as que tamén perdeu o vento. Serán esas velas as páxinas en branco que hai que ir enchendo para proseguir a viaxe, como as páxinas en branco que a vida, o transcorrer da vida vai enchendo?
Non hai saída, non hai perspectivas de futuro, polo que estamos ancorados ao pasado. A perda, o abandono, as ausencias e a saudade danlle un ton pesimista ao poema.

3. Análise do poema: a forma.
Un dos elementos esenciais das vangardas consiste na ruptura formal con respecto á poética tradicional. Así chama a atención a propia disposición da marxe esquerda dos versos, xa que debemos subliñar o uso con valores significativos dos espazos en branco (ex. verso 3 estrofa 1) para intensificar o tema.
Tipograficamente chama a atención a ausencia de signos de puntuación, agás os guións que introducen un inciso na cuarta estrofa, e os signos de interrogación nas estrofas primeira e terceira que nos identifican follas = velas. A pesar disto mantéñense as maiúsculas para indicar o inicio da frase e o Sol aparece grafado da mesma maneira para acrecentar o seu valor semántico.
Atopamos tamén unha ausencia de rima (agás a rima asonante entre o 3º e 5º versos da primeira estrofa) e composicións estróficas regulares. Opta polo versolibrismo, aínda que conserva un certo ritmo marcado polas interrogacións retóricas.
O autor utiliza unha linguaxe fortemente expresiva e persoal. Sintetiza a utilización de palabras especificamente mariñeiras (mastros, pailebote, velas, ronsel) con termos tirados das innovacións tecnolóxicas do momento (tecolean, mecanógrafos, ortodrómicas), xeralmente asociados a elementos da natureza (chuvascos mecanógrafos, ortodrómicas do ceo).
O poeta emprega unha serie de símbolos entre os que ocupan un papel central os seguintes:
·    O barco ( o pailebote): Elemento asociado á viaxe é símbolo do corpo ou vehículo da existencia. O barco é o home, o eu do poeta. As diversas partes do barco van asociadas tamén a este mundo simbólico. Así, os mastros soportan as velas que recollen o pulo vital que posibilita a viaxe. As velas son tamén as follas en branco do caderno de bitácora que a experiencia acumulada na viaxe vai enchendo. O ronsel asóciase á popa e relaciónase coa saudade, co pasado que fica atrás.
·   O vento: O elemento atmosférico que move o barco, que posibilita a navegación, a travesía. A súa ausencia determina o estatismo, a imposibilidade de progresar na viaxe. Por outra banda, tamén pode converterse en morte cando provoca os naufraxios.
·    O Sol: O principio vital por excelencia é un mero espectador.
O poema está estruturado en base a imaxes múltiples ou polipétalas, un xogo de analoxías sorprendentes que crean unha realidade nova. Fronte á actitude imitativa da poesía tradicional, que plasmaba retallos da realidade externa e común, observamos no poema unha sucesión de imaxes que complementan o universo simbólico antes analizado e crean unha realidade dende distintos puntos de vista ofrecéndonos unha superposición de visións construíndo neste poema unha nova paisaxe mariña.
Na primeira estrofa, a imaxe múltiple é a seguinte:
O vento ten un cartafol no que garda todas as velas que lle vai quitando aos barcos. O vento perdeu esas follas/velas. Por outra banda, os chuvascos son mecanógrafos que escriben empregando esas follas/velas, soportadas polos mastros, que o vento perdeu.
Na segunda estrofa:
As gaivotas son equilibristas e fan equilibrios (sen quitasol) nas ortodrómicas do ceo.
GAIVOTAS EQUILIBRISTAS SEN QUITASOL NAS ORTODRÓMICAS
Na terceira:
Agora é o barco quen fai equilibrios, neste caso no ronsel e sen velas.
PAILEBOTE EQUILIBRISTA SEN VELAS NO RONSEL.
Na cuarta estrofa:
O Sol é un parvo e está mirándonos abraiado, coa boca aberta, dende o alto.
A presenza destas imaxes dános idea de simultaneidade, a pesar incluso das referencias temporais que aparecen nos verbos (presente –tecolean-, pasado –perdeu-, futuro –serán-).
Tamén son evidentes as personificacións: os chuvascos son mecanógrafos, as gaivotas son equilibristas, o barco tamén fai equilibrios e o Sol é un parvo a quen lle cae a baba.

4. Conclusión.
Neste poema de Manuel Antonio, pertencente ao seu libro De Catro a Catro podemos ver como o poeta se inscribe nunha liña poética vangardista ao termos en conta os recursos empregados, fundamentalmente no uso da imaxe múltiple. A pesar disto obsérvase unha preocupación existencial na que a soidade do individuo e a imposibilidade de fuxir dun mesmo o enche todo.

                                                                                             


  ENTERRO

Rosario de salaios       
na lama do camiño      
a pur do morto arrastro.

Os sinos sachaban
no camposanto
terra mollada.

No frío silencio
caeu a pedrada
do cadaleito.

Bicaron ao morto
os beizos mollados
do ceo d’outono.

Ficaron as bágoas
e as despedidas
tamén enterradas.

Luís Amado Carballo, Proel, 1927


1. Contextualización: época, autor, obra.

* A xeración vangardista
Os escritores nados arredor do 1900, aqueles que constitúen a xeración seguinte á xeración das Irmandades da Fala (1916) e do Grupo Nós (1920), levaron a cabo a renovación das letras galegas. Coñecidos co nome de novecentistas, vangardistas ou xeración do 25 incorporaron á nosa literatura os principios estéticos e as novidades característicos dos principais movementos vangardistas europeos (ismos), que responden todos eles a unha reformulación teórica das artes.
Esta xeración vangardista rompe coa tradición inmediata e tamén coa dependencia dos grandes mestres do Rexurdimento, levando a cabo a actualización e modernización da nosa lírica, que se pon en relación coas grandes correntes europeas. Ademais crean revistas literarias como Ronsel, Alfar, Resol, Cristal, Papel de color… como canle de expresión.

* Principais liñas de vangarda
Baixo o nome de Imaxinismo ou Hilozoísmo coñécese o movemento poético que, xurdido en torno a Luís Amado Carballo, presenta un novo tratamento da temática paisaxística. É unha liña poética que non cumpre estritamente cos principios vangardistas xa que, entre outros aspectos, non rexeita a métrica e estrutura o poema estroficamente, sen a fragmentación característica das vangardas. Aproxímase ao Creacionismo nas súas imaxes e metáforas abertas ao sensorial, acústico e auditivo. A ausencia do elemento humano e a animación da paisaxe, que pasa a ser protagonista, son outras das súas características salientables. É precisamente a non ruptura coa escrita poética dominante ata ese momento unha das razóns que explican o enorme éxito desta corrente nas nosas letras.
A divulgación da lírica medieval supuxo unha reafirmación da nosa literatura ao ampliar cuantitativa e cualitativamente a nosa tradición literaria. Aínda que non podemos falar estritamente de vangarda, o aproveitamento de fórmulas, temas, estruturas e ambientación característicos da lírica medieval ao servizo dun discurso renovador deu como resultado a corrente Neotrobadorista, con Fermín Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro como principais representantes.
A vangarda plena está representada polo creacionismo de Manuel Antonio Pérez Sánchez, autor de De catro a catro  (1928), único libro que chegou a publicar en vida. Antes, en 1922, asinara conxuntamente co artista plástico Álvaro Cebreiro o manifesto ¡Máis Alá! onde propoñía unha ruptura total coa literatura galega que se viñera facendo ata a data. En 1924, nas páxinas do xornal Galicia publicou un novo texto, Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu, no que incide novamente nos afáns vangardistas.

* Luís Amado Carballo
Nace en Pontevedra en 1901. estuda Filosofía e Letras e faise mestre de escola. Dedícase tamén ao xornalismo. Unha das voces máis prometedoras da lírica galega non puido deixarnos unha obra rematada e madura, xa que a súa curta vida (morreu no ano 1927) non lle permitiu amosarnos todas as súas posibilidades creativas.
Amado Carballo inicia a súa andaina literaria con pezas narrativas, mais son obras de xuventude sen maior transcendencia. Como poeta publicou en vida un único poemario, Proel, en 1927, a penas tres meses antes da súa morte. Con posterioridade apareceu en 1928 O Galo.
A obra de Luís Amado, influída polas vangardas europeas e americanas, mestura imaxes de raíz vangardista con metros e ritmos de aparencia popular. A súa poesía especialízase na temática paisaxística na que predomina o campo sobre a mariña. Na súa descrición paisaxística o elemento humano case desaparece e humaniza, en troques, o inanimado. Pódese dicir, polo tanto, que a súa é unha obra en busca da humanización da paisaxe. Na súa obra predominan os versos octosilábicos con rima asonante. Igual que Manuel Antonio vai estruturar os seus poemas mediante a xustaposición de imaxes. Foi quizais o poeta de máis éxito e o máis imitado despois da guerra civil.

* Proel
Trátase do único poemario publicado en vida. Consta de 35 composicións máis un limiar no que o autor plasma a súa vontade de xuntar tradición e renovación sen perder o compromiso coa terra. Estamos ante unha lírica a medio camiño entre a tradición (da que toma o tema da paisaxe, a personificación da natureza e das súas forzas e o gusto polo mundo da terra) e as vangardas (creación de novas imaxes).
A sensorialidade é unha das características máis destacadas. Ás imaxes, metáforas e símiles imprímelles matices sensoriais que non son outra cousa que instantáneas paisaxísticas.
Enterro é unha das 35 composicións poéticas (a 19) que compoñen Proel.  Neste poema podemos observar case todas as características salientables da poesía de Luís Amado Carballo, principal representante da liña poética hilozoísta ou imaxinista.

2. Análise do poema: o contido.
Estamos ante a descrición dun enterro, un dos ritos máis importantes da nosa cultura. Describe o enterro en cinco imaxes que reproducen progresivamente a comitiva que transporta o féretro, a preparación da “cova” no camposanto mentres os sinos tocan a morto, o momento propio do enterramento e as despedidas. Cinco trazos, cada un como unha pincelada. E todo isto sen a presenza do home. A única referencia humana aparece na primeira estrofa: “morto”.
Detallando máis polo miúdo:
1ª estrofa: Imaxe da comitiva do enterro. O morto, transportado, arrastrado pola lama do camiño e os familiares, amigos, veciños, ao seu par (rosario de salaios).
2ª estrofa: A comitiva diríxese dende a igrexa ao cemiterio. Óense as badaladas da igrexa tocando a morto (sinos), que ao mesmo tempo é o ruído do sacho que está a cavar a fosa onde imos deixar o cadaleito.
3ª estrofa: É o momento en que se deposita o cadaleito no fondo da fosa, como unha pedrada.
4ª estrofa: As despedidas antes de que se produza o enterramento, o momento de cubrir de terra a fosa, xa co cadaleito e o morto dentro.
5ª estrofa:  A despedida definitiva e quizais o esquecemento.

3. Análise do poema: a forma.
Estamos ante un poema que se atopa a medio camiño entre a tradición e as vangardas. Tradición no seu tema, a descrición dun enterro como elemento configurador da paisaxe galega, mais sen presenza humana manifesta, a non ser a referencia inicial do morto.
Tradición na súa forma. Estrutura o poema en cinco estrofas de tres versos heptasílabos (arte menor) con predominio de rima asonante nos versos impares, quedando soltos os pares (soledad).
Influenza das vangardas na creación de novas imaxes, procedemento que consiste na substitución-identificación duns elementos por outros sen relación lóxica, ou cunha certa semellanza subxectiva, evocando unha visión multicolor da realidade. Por exemplo: rosario de salaios = comitiva do enterro / os sinos = sepultureiros / pedra = cadaleito / ceo do outono = a muller do defunto. Neste caso debemos prestar atención ao valor múltiple da palabra rosario xa que se refire a tres dos seus significados: o rezo, o obxecto e a sucesión de persoas.
Xunto con esta sucesión de imaxes plásticas encadeadas, aparece a personificación da paisaxe, os elementos configuradores da nosa paisaxe aparecen humanizados ao atribuírenselles características propias dos seres animados ou humanos a elementos que non o son. Por exemplo: Os sinos sachaban (enterrador), O ceo do outono ten beizos e bica o morto (muller).
A estas imaxes e personificacións atribúelles o poeta matices sensoriais, matices que nos remiten ao que podemos percibir cos diferentes sentidos. Así están presentes: o oído (o son das campás, o ruído dos sachos, os salaios da comitiva, o ruído que produce o cadaleito ao descender á fosa –pedrada-), o tacto (a lama do camiño, a terra mollada, os bicos, a chuvia), e a vista, a visión panorámica e dende múltiples perspectivas do enterramento.
 Por último, dentro da utilización de oracións simples e da ausencia de artificios sintácticos, podemos observar a presenza de palabras que poderiamos agrupar en dous campos semánticos:
- Todas aquelas palabras que fagan referencia á dor producida pola morte: salaios, frío, silencio, bágoas, despedidas, enterradas, morto, cadaleito.
- As que fan referencia á chuvia que cae e que amplifica tamén a escena dramática do enterramento: lama, mollada, mollados, bágoas.

4. Conclusión.
Enterro, poema recollido na única obra que Luís Amado Carballo publicou en vida, Proel, é un claro exemplo dun poema imaxinista que describe unha escena característica, tradicional e presente, da nosa paisaxe. A pesar da súa temática, a presenza humana é anecdótica e salienta os elementos da paisaxe, elementos humanizados a través da prosopopea. Neste poema combínanse sabiamente as novas correntes das vangardas coas formas tradicionais da nosa poesía.



Comentario sinxelo dunha cantiga de amor.

Quer’eu em maneira de proençal                      A                     

fazer agora um cantar d’amor                           B

e querrei muit’i loar mia senhor                         B

a que prez nem fremosura nom fal,                  A

nem bondade; e mais vos direi ém:                  C

tanto a fez Deus comprida de bem                   C          

que mais que todas las do mundo val.              A



Ca mia senhor quizo Deus fazer tal,                 A

quando a faz, que a fez sabedor                       B

e todo bem e de mui gram valor,                       B

e com tod’est[o] é mui comunal                         A

ali u deve; er deu-lhi bom sém,                          C

e desi nom lhi fez pouco de bem                       C

quando nom quis lh’outra  foss’igual                  A



Ca mia senhor nunca Deus pôs mal,                 A

mais pôs i prez e beldad’e loor                           B

e falar mui bem, e riir melhor                              B

que outra molher; desi é leal                               A

muit’, e por esto nom sei oj’eu quem                  C

possa compridamente no seu bem                    C

falar, ca nom á, tra-lo seu bem, al.                     A


DON DINÍS DE PORTUGAL
(CBN 520 bis; CV 123)

Paráfrase:

Quero, seguindo a moda provenzal
facer agora un cantar de amor
e quererei loar moito á miña “senhor”
a quen honra e fermosura non lle faltan
nin bondade; e direivos máis sobre ela:
Deus a fixo tan chea de calidades
que é máis que todas as do mundo.

Pois Deus quixo facer á miña “senhor” de tal xeito
cando a fixo, que a fixo coñecedora
de todo ben e de gran valor,
e ademais é moi sociable
cando debe; tamén lle deu bo sentido,
e fíxoa tan ben
que non quixo que outra fose igual a ela.

Porque na miña “senhor” nunca Deus puxo o mal,
e si puxo honra, beleza e mérito
e capacidade de falar ben e de rir mellor
que calquera outra muller; é tamén leal
moito, e por isto non sei quen hoxe
poida cabalmente das súas perfeccións,
falar, xa que non existe ningunha cousa fóra delas.





1. Contexto, autor, obra.

Dentro da lírica medieval galego-portuguesa (finais do século XII a mediados do XIV), a cantiga de amor,  un cantar no que un home se dirixe a unha dona, constitúe o grupo con maior número de composicións dentro da lírica profana. A cantiga de amor galega constitúe unha imitación consciente da cançó provenzal. A paixón amorosa do trobador cumpre todas as características do amor cortés, dende a total submisión á dama ata o tópico de morrer de amor. A dama descríbese como un ser case sobrenatural, perfecto na orde moral e física. O trobador, que se consideraba indigno da súa dona, podía ser un simple suspirante (fenhedor), ou ter ascendido na escala do proceso amoroso ás fases de suplicante (precador), namorado (entendedor), ou mesmo ao dificilmente alcanzable estado de amante correspondido (drut). O que padece de amor ha de gardar sobre todo a virtude da mesura: discreción, humildade, fidelidade e servizo permanente á súa “senhor”.
Entre os trobadores do período dionisíaco destaca o propio rei don Dinís, o máis fecundo dos nosos trobadores: 76 cantigas de amor, 52 de amigo, 10 de escarnio e maldicir  e 3 pastorelas. As súas composicións están recollidas no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa, tamén chamado Colocci-Brancuti; no Cancioneiro da Vaticana, e tamén no Pergamiño Sharrer, datado a finais do século XIII ou comezos do XIV, que consta de sete cantigas de amor de D. Dinís con música.

2. Temática.

O trobador quere facer un canto de amor –a imitación dos provenzais- para loar a súa “senhor”. Descríbea case como un  ser sobrenatural, perfecto na orde moral e física. A mesura impídelle pronunciar o nome da señora, polo que o substitúe por un pseudónimo poético ou “senhal”. O poeta débelle submisión e homenaxe á súa amada. A “senhor” aparece descrita coas seguintes calidades e virtudes: fermosura, bondade; coñecedora de todo ben, de gran valor, sociable, honrada, beleza, falar ben, rir mellor, moi leal… En definitiva, vale máis que todas as do mundo, tanto que Deus non quixo que ningunha outra fose igual a ela.
Nesta cantiga, non hai máis que a loa da amada. Non se desenvolve o mundo das relacións home/muller, nin sequera vistas dende unha relación imposible, como algo que nunca se poderá realizar e, polo tanto, non se dá o amor como fonte de sufrimento (a coita de amor).
O trobador, indigno da súa amada, é un simple suspirante (fenhedor), e quizais aspira a ser recompensado e ascender na escala do proceso amoroso á seguinte fase, a de suplicante (precador), ou namorado (entendedor), ou o estado inalcanzable de amante correspondido (drut).

3. Forma.

Tradicionalmente víñase facendo unha clasificación das cantigas de amor en: a) cantigas de mestría e b) cantigas de refrán, atendendo, loxicamente, á presenza ou ausencia deste último recurso ao longo de cada texto.  As diferenzas da cantiga de amor galego-portuguesa coa cançó débense á influenza que exerceu sobre a lírica trobadoresca o lirismo popular autóctono, que se manifesta especialmente no xénero da cantiga de amigo.
Neste caso estamos ante unha cantiga de mestría xa que non existe o refrán. Está formada por tres estrofas (cobras) de sete versos cada unha delas (palavras). Os versos son decasílabos.
A rima é consoante macho xa que rematan os versos en sílaba aguda. As estrofas manteñen un único esquema de rimas polo que reciben o nome de unisonantes.
Aínda que o procedemento máis característico da nosa lírica medieval é o paralelismo, este é un trazo máis característico da cantiga de amigo, que tamén aparece nas cantigas de amor de refrán. Non é este o caso. nesta cantiga os procedementos formais que podemos apreciar son aqueles que consisten na repetición dunha mesma palabra ou grupo de palabras en lugares simétricos dentro da mesma estrofa, o dobre, como  en:

Ca mia senhor quizo Deus fazer tal,                                   

quando a faz, que a fez sabedor                                            

e todo bem e de mui gram valor,                                       

e com tod’est[o] é mui comunal                                                                 

ali u deve; er deu-lhi bom sém,                    

e desi nom lhi fez pouco de bem                                        

quando nom quis lh’outra  foss’igual       

                         

O mordobre é outro artificio que consiste na reprodución dun mesmo lexema con variación de sufixos; en moitos casos trátase de diferentes formas dun verbo.

Quer’eu em maneira de proençal                                                                                      

fazer agora um cantar d’amor                                                                        

e querrei muit’i loar mia senhor                                                                 

a que prez nem fremosura nom fal,                                   

nem bondade; e mais vos direi ém:                                  

tanto a fez Deus comprida de bem                                                            

que mais que todas las do mundo val.                             



Ca mia senhor quizo Deus fazer tal,                                   

quando a faz, que a fez sabedor                                            

e todo bem e de mui gram valor,                                       

e com tod’est[o] é mui comunal                                                                 

ali u deve; er deu-lhi bom sém,                                                                   

e desi nom lhi fez pouco de bem                                        

quando nom quis lh’outra  foss’igual                                



Ca mia senhor nunca Deus pôs mal,                                  

mais pôs i prez e beldad’e loor                                                                    

e falar mui bem, e riir melhor                                                                      

que outra molher; desi é leal                                                                        

muit’, e por esto nom sei oj’eu quem                             

possa compridamente no seu bem                                    

falar, ca nom á, tra-lo seu bem, al.             


A atá-fiinda é un sistema de concatenación de estrofas polo cal pode ser indispensable para a comprensión dunha estrofa algunha palabra ou verso da estrofa seguinte, tal e como acontece nesta composición, onde se dá un contido progresivo no que na estrofa seguinte é onde se proporciona a razón do dito anteriormente.
Algunhas cantigas de amor de mestría teñen un par de versos finais que reciben o nome de fiinda, unha especie de conclusión ou remate, que non aparece neste caso.

4. Conclusión.

Nesta cantiga de amor, o trobador loa a dama, a súa “senhor”, e descríbea como un ser perfecto, único. O poeta atópase na escala máis baixa do proceso amoroso, polo que o que máis destaca nel é a discreción, a fidelidade e o servizo permanente á súa señora. Estamos ante a sublimación e idealización do amor.
Podemos clasificala dentro das cantigas de amor de mestría, xa que xorde como imitación do lirismo provenzal e non está influenciada polo lirismo autóctono, polo que non presenta refrán e si os artificios de repetición característicos da cançó.




Comentario sinxelo dunha cantiga de amigo.


                                               -Digades, filha, mia filha velida:
                                                porque tardastes na fontana fría?                              
                 Os amores hei.                                         

            -Digades, filha, mia filha louçana:                 
            porque tardastes na fría fontana?                 
                 Os amores hei.                                         

            -Tardei, mia madre, na fontana fría,             
            cervos do monte a augua volvían.                
                 Os amores hei.                                         

            -Tardei, mia madre, na fría fontana,              
            cervos do monte volvían a augua.                
                Os amores hei.                                          

            -Mentir, mia filha, mentir por amigo!           
            Nunca vi cervo que volvess'o río.                 
                Os amores hei.                                          

            -Mentir, mia filha, mentir por amado!           
            Nunca vi cervo que volvess'o alto.               
                Os amores hei.                                          

                                                PERO MEOGO [B 1192 / V 797]


1. Autor, obra, contexto.

Esta composición poética de Pero Meogo é unha das 1680 composicións poéticas profanas que foron escritas entre finais do século XII e mediados do XIV na lingua romance galego-portuguesa e que encadramos polo tanto dentro da denominación xeral de Lírica Medieval Galego-Portuguesa.
O nacemento desta literatura produciuse baixo unhas condicións de prosperidade social e económica. Precisamente Galicia atravesa unha etapa histórica de gran desenvolvemento nestes séculos a pesar da progresiva perda de poder político.
A literatura galega deste período non se distingue da portuguesa, nace e desenvólvese nos mesmos séculos en que Portugal inicia a súa formación como reino independente, pero é anterior á división lingüística entre galego e portugués.
Como acontece en case todas as literaturas, as primeiras manifestacións da literatura galega son de carácter lírico. Aínda que hai sobrados indicios que proban a existencia en Galicia dunha tradición popular oral deste tipo de cancións, o motivo determinante de que naza a literatura galega escrita a finais do século XII é a chegada do lirismo provenzal. Os primeiros trobadores galegos comezan imitando a moda literaria que vén de Provenza, pero inmediatamente incorporan ao seu repertorio cantigas de tipo tradicional galego, a imitación das que cantaba o pobo e que se viñan conservando por tradición oral. Así, dos tres xéneros principais da lírica galegoportuguesa medieval, cantigas de amigo, cantigas de amor e cantigas de escarnio e maldicir, o primeiro é o tradicional.
Se ben Compostela foi impulsor do primeiro lirismo trobadoresco galegoportugués, este axiña se espallou polas cortes de Castela, León e Portugal. A maioría dos poetas son galegos e portugueses, pero tamén os hai doutras procedencias aínda que todos utilizaban o galegoportugués, que se converteu na lingua lírica peninsular durante os séculos XIII e XIV. De Pero Meogo, o autor desta cantiga, poucos datos se teñen. Probablemente fose un clérigo galego, autor de nove cantigas de amigo, que viviu probablemente na segunda metade do século XIII. As nove cantigas deste xograr teñen unha grande unidade temática e recorren a miúdo aos mesmos símbolos eróticos, como son o cervo e a auga.
A cantiga obxecto da noso comentario está recollida no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa co número 1192. Este cancioneiro era coñecido polo nome de “Cancioneiro Colocci-Brancuti” desde que foi descuberto en Italia a finais do século XIX, pero na primeira metade do século XX foi adquirido polo goberno portugués. Ten máis de mil seiscentas cantigas dos diferentes xéneros. A colección de cantigas vai precedida dun tratado de poética (Arte de Trovar), que estuda os diversos tipos de composicións e os trazos formais que as caracterizan.
No Cancioneiro da Vaticana tamén aparece esta cantiga coa numeración 797. Foi descuberto na Biblioteca Vaticana de Roma e contén máis de mil duascentas cantigas dos diferentes xéneros. É unha copia manuscrita feita na Italia do Renacemento a partir dalgún cancioneiro hoxe perdido.

2. Tema.
Unha nai pregúntalle á súa filla o motivo da súa tardanza na fonte. Esta contéstalle que o motivo foi a presenza de cervos que revolvían a auga. A nai non acepta a desculpa e dille que está mentindo, que o verdadeiro motivo da súa tardanza foi porque estivo na fonte co seu amigo.
A presenza da palabra “amigo” e o feito de que a voz poética sexa unha muller, lévanos a identificar claramente este texto como unha cantiga de amigo, aínda que neste caso non se dá o tópico do laio da muller pola ausencia do amigo, do amado.
É unha cantiga de amigo dialogada, na que interveñen, naturalmente, a nai e a filla. O papel que lle corresponde neste caso á nai é basicamente o de vixilancia da filla, o de control. A filla aparece caracterizada como “velida”, “louçana”.
Os elementos da natureza cobran especial importancia e o seu valor como símbolos eróticos son evidentes. O cervo representa o amigo, o amado e convértese en símbolo erótico: a virilidade do macho que revolve a auga, símbolo este de feminidade e que representa a amada.
O refrán funciona a nivel temático como un xeito particular de conclusión: teño amores.

3. Forma.
A Arte de Trovar distingue as cantigas de amigo pola característica de ser a muller quen fala. Dende o punto de vista da forma, o trazo máis distintivo desta cantiga é o paralelismo. Este é un procedemento repetitivo que enlaza as estrofas de dúas en dúas, facendo que os versos da segunda estrofa sexan unha pequena variante dos versos da primeira:

           -Digades, filha, mia filha velida:               A
I          porque tardastes na fontana fría?           B
                Os amores hei.                                   Refrán


            -Digades, filha, mia filha louçana:            A’
II          porque tardastes na fría fontana?          B’

                 Os amores hei.                                   Refrán

Nos primeiros versos das dúas primeiras estrofas o paralelismo prodúcese por substitución da última palabra “velida” por outra co mesmo significado “louçana”. Nos segundos versos prodúcese por alternancia: “fontana fría?”, “fría fontana?”

            -Tardei, mia madre, na fontana fría,            C
III       cervos do monte a augua volvían.                D
                 Os amores hei.                                        Refrán


            -Tardei, mia madre, na fría fontana,           C’
IV       cervos do monte volvían a augua.               D’
                Os amores hei.                                        Refrán


Nos primeiros e segundos versos das estrofas terceira e cuarta o paralelismo prodúcese por alternancia: “fontana fría?”, “fría fontana?”, e  “a auga volvían”, “volvían a auga”.

            -Mentir, mia filha, mentir por amigo!            E
V         Nunca vi cervo que volvess'o río.                 F
                   Os amores hei.                                      Refrán


           -Mentir, mia filha, mentir por amado!            E’
VI       Nunca vi cervo que volvess'o alto.                F’
                 Os amores hei.                                        Refrán


 Nas estrofas quinta e sexta o paralelismo prodúcese por substitución da última palabra “amigo”, “río”  por outra co mesmo significado “amado”, “alto”.
Por outra banda, cada unha das estrofas presenta dous versos seguidos dun refrán que se repite ao longo da cantiga: “os amores hei”.
Ao ser esta unha cantiga dialogada, non se observa o leixaprén, é dicir, a repetición dos segundos versos dun par de estrofas como primeiros versos do par seguinte, aínda que nos dous primeiros pares de estrofas pódese apreciar o paralelismo en canto a que a resposta da filla constrúese en base á pregunta que a nai lle fai:

       -Digades, filha, mia filha velida:                          A
I       porque tardastes na fontana fría?                 B        
                 Os amores hei.                                        Refrán


       -Digades, filha, mia filha louçana:                       A’
II      porque tardastes na fría fontana?                 B’
                 Os amores hei.                                        Refrán

            -Tardei, mia madre, na fontana fría,          C
III       cervos do monte a augua volvían.                   D
                 Os amores hei.                                        Refrán

            Tardei, mia madre, na fría fontana,            C’
IV       cervos do monte volvían a augua.                   D’
                Os amores hei.                                         Refrán

Non se produce no seguinte par de estrofas.
Tendo en conta que o cómputo silábico métrico na lírica medieval abranguía ata a última sílaba tónica do verso (o mesmo que sucede no francés, a diferenza do sistema de cómputo italiano e castelán, que conta unha sílaba máis a partir da última acentuada) os metros empregados nesta cantiga son o pentasílabo no refrán e o decasílabo no resto dos versos.

4. Conclusión.
Estamos ante unha cantiga de amigo, unha breve canción que reproduce o diálogo entre unha nai e unha filla sobre o motivo da tardanza desta en chegar á casa. Presenta características temáticas e formais que a distingue como cantiga de amigo e do resto da produción lírica medieval, e procede dunha tradición autóctona do noso pobo, anterior ao trobadorismo. Nesta, a natureza cobra un papel relevante, e máis alá de constituír un simple escenario, presenta un valor simbólico no que as connotacións eróticas do cervo e a auga están en perfecta comuñón co mundo cultural galego do medievo.
A nivel formal a cantiga está construída en base a tres pares de estrofas paralelísticas de dous versos máis refrán, aínda que non aparece o leixaprén ao ser esta unha cantiga de amigo dialogada.
  
1180 palabras (sen contar as palabras do poema e das estrofas que serven de exemplo)



Comentario básico dun poema de Ramón Cabanillas.

          ¡En  pé!

¡Irmáns! En pé sereos
a limpa fronte erguida,
envoltos na brancura
da luz que cae de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
¡cantémo-lo dereito
á libre nova vida!


Validos de traidores
a noite de Frouseira
a patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo
xa afrouxan as cadeas...
¡Irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
E ó pé da enseña da nación galega
cantémo-lo dereito
á libertá da Terra!  

             
¡Irmáns no amor a Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡En pé dispostos
a non morrer sen loita!
¡O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
á libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
 berremos alto e forte:
 “A nosa terra é nosa”.


Ramón Cabanillas, Da terra asoballada, 1917


1. Autor, obra, contexto.
Ramón Cabanillas Enríquez naceu en 1876 en Cambados. Abandona o seminario eclesiástico aos 17 anos e entra a traballar na administración na súa vila natal. En 1910 emigra a Cuba, lugar onde se dá a coñecer como poeta galego coa publicación dos seus dous primeiros libros: No desterro (1913) e Vento mareiro (1915), continuando a liña de poesía social de Curros. En Cuba entra en contacto co movemento agrarista, precisamente Basilio Álvarez, líder de Acción Gallega, prologa o seu primeiro poemario e en Vento mareiro aparece o himno composto para o sindicato labrego liderado polo crego ourensán.
En 1915 retorna a Galicia. Colabora coas Irmandades da Fala e escribe no xornal A Nosa Terra. Convértese na principal voz lírica do agrarismo e do galeguismo. Publica en 1917 Da terra asoballada, libro no que aparece o poema que orixina este comentario.
Posteriormente ingresa na RAG (Real Academia Galega) e publica novas obras. A obra lírica de Cabanillas manifestase en tres direccións temáticas:
     * Poesía cívica: Recolle o facho prendido por Curros. É unha poesía influída polo compromiso co agrarismo e o nacionalismo das Irmandades da Fala. Aparece unha exaltación da Aldea fronte á cidade, unha idea de Galicia como unidade colectiva e unha chamada á rebelión.
    * Poesía intimista: Lembra a Rosalía de Castro. O sentimento amoroso e a conmoción ante a paisaxe son os protagonistas destes poemas.
     * Poesía costumista: Temática decimonónica, mais con elementos formais do modernismo.
     A poesía narrativa aparece orientada cara á recuperación das raíces e a creación de mitos como un xeito de mobilizar a conciencia colectiva. En “Na noite estrelecida” (1926) recupera os temas da materia de Bretaña: as lendas de Rei Artur e o Santo Graal.    
     Consciente da importancia do teatro como medio de popularización da nosa historia e da nosa cultura, publicou dúas pezas: “A man de Santiña” e “O mariscal”, esta última, obra posta ao servizo do ideario das Irmandades da Fala.
A súa poesía serve de ponte entre a poesía decimonónica e as vangardas literarias galegas que xorden na década dos anos vinte. Asimila a estética dos autores do Rexurdimento coas grandes correntes anovadoras do seu tempo, especialmente o modernismo.
Durante as tres primeiras décadas do século XX, en Galicia prodúcense importantes cambios sociais e culturais: o movemento agrarista reivindica unha mellora das condicións de vida do campesiñado. A creación das Irmandades da Fala no 1916 será a semente dun intenso pulo cultural e político que remata coa fundación do Partido Galeguista no 1931, e a redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia.
En pé! está dedicado á figura do Lois Porteiro Garea, catedrático na USC, concelleiro agrarista e presidente da Irmandade da Fala desta cidade. Foi un dos creadores do nacionalismo na súa vertente política, pois apostou por superar as reivindicacións puramente lingüísticas e culturais e avanzar cara á creación dunha organización política.
2. Contido.
Este poema de tema social e patriótico é un chamamento, un berro,  a chamada de atención que o eu poético en primeira persoa (Lois Porteiro Garea) lles fai aos irmáns galegos (Irmandades de amigos da Fala do País) para que se ergan serenos, pero con firmeza e determinación en torno á bandeira azul e branca (símbolo de Galicia) para liberar a Terra, para recuperala xa que é nosa.
O eu poético en primeira persoa transfórmase nun nós, colectivo, para que todos xuntos recuperemos a nosa Nación. Para isto fai un percorrido histórico polo tempo en que se produciu a perda, a doma e castración de Galicia por parte dos Reis Católicos. Aparece a figura do Mariscal Pardo de Cela e a Frouseira, a fortaleza do Mariscal.
Os tempos son chegados para liberarnos das cadeas da escravitude e para reforzar o noso espírito de loita  fai referencia a dous acontecementos históricos positivos dos que debemos tomar exemplo: o Reino Suevo e o monte Medulio. Así chegamos á recuperación da Terra: A nosa Terra é nosa.
Este tema está estruturado en tres núcleos temáticos que se corresponden con cada das tres estrofas:
1º. Chamamento aos irmáns galegos para cantar o dereito a unha libre e nova vida. Ergámonos, serenos, coa bendición da luz branca que nos ilumina. Ergámonos en paz (oliva), máis dispostos á loita se for necesario (a fouce). Ergámonos arredor da bandeira (Galicia, Terra, Nación).
2º. Referencia histórica á traizón daqueles que posibilitaron a perda da nosa Terra e a escravización da patria. Referencia do defensor da patria (Pardo de Cela). Mais, os tempos son chegados (xa afrouxan as cadeas). De novo cantemos o dereito á libre e nova vida.
3º. Intensificación do chamamento a pórse en pé e loitar por recuperar a nosa Terra. Para iso dous exemplos históricos que nos deben servir de modelo: o esplendor da libre Galicia durante o Reino Suevo e o dereito a sermos libres acadado (con sangue quente e roxa) no monte Medulio (romanización).
En definitiva, xa estamos en pé, xa está a bandeira ao vento, xa estamos dispostos, polo tanto berremos alto e forte, que nos oian: “A nosa terra é nosa”.
3. Forma.
O contido do poema está estruturado en torno a tres estrofas de doce versos cada unha delas, con estrutura paralelística 7-, 7a, 7-, 7a, 7-, 7-a, 7-, 7-a, 11-, 11-a, 7-, 7a. Rima asonante nos versos pares. É polo tanto un poema poliestrófico (3 estrofas) de doce versos cada unha nunha distribución de oito versos heptasílabos, dous hendecasílabos e de novo dous heptasílabos.
Podemos consideralo un himno xa que presenta un ton solemne destinado á afirmación colectiva. Pretende exaltar os ánimos para recuperar a terra, a patria, a nación…
O léxico empregado confírelle ao poema unha gran forza expresiva e destacan sobre todo os símbolos: fouce (símbolo dos labregos, aparello que serve para a sega, pero tamén para a loita), a oliva (a paz), a bandeira (patria, Galicia).
É moi interesante o dobre significado da expresión En pé!, que lle dá título ao poema. Por unha banda é a chamada de atención de poñerse en disposición para realizar unha tarefa; por outra, é a actitude que os pobos escravizados deben manter. Neste último caso amplificada pola expresión “a limpa fronte erguida”.
4. Conclusión.
En pé! ben se podería considerar un posible himno galego. Composto por Ramón Cabanillas e dedicado a Lois Porteiro Garea, un dos creadores do nacionalismo galego no tempo das Irmandades da Fala (1916). Esta composición, na que se fai un chamamento aos irmáns galegos a que se ergan e loiten para recuperar a súa terra, está estruturada en tres estrofas de doce versos cada unha (10 versos heptasílabos e 2 hendecasílabos) e pon de manifesto a liña poética social e patriótica predominante na poesía lírica do autor cambadés, que pon ao servizo do ideario das Irmandades da Fala todo o seu xenio creador, aquel que levou a consideralo  “poeta de raza”.
(1.130 palabras)

Achegamento básico a Manuel Antonio e De catro a catro.

Información  de  Carlos L. Bernárdez,
publicada en Edicións do Cumio.

É o unico libro publicado en vida por Manuel Antonio. A primeira edición data de 1928. Compuxo o libro a bordo do Constantino Candeira, navegando polo Atlántico e o Mediterráneo nos anos 1926/27.
            O libro foi presentado como Feixe de poemas de vangarda cuxo tema é o mar. Lirismo dun mozo mariñeiro que percorreu a bordo dun navío algúns dos camiños innumerábeis.
         Está composto por dezanove poemas. Principia con Intencións, o poeta vai comezar a singradura; abandona o mundo da beiramar e lánzase ilusionado a unha nova experiencia. Continúan dezasete poemas nos que se manifesta unha vivencia intensa do mar e unha experiencia íntima, en contacto co cosmos que o rodea. No medio da navegación unha escala en terra, os poemas oito e nove, Recalada e Navy Bar. Rematando a viaxe  coa volta a terra, o poema Adeus, unha despedida saudosa e o regreso á vila natal.
          Os textos créanse a partir da xustaposición de imaxes. Imaxes baseadas na prosopopea que alargan a visión da natureza, aumentando a capacidade suxeridora, creando unha nova realidade. É a imaxe múltiple ou polipétala que nos presenta a realidade desde distintos puntos de vista, nunha completa fragmentación da perspectiva, sen interese polo avance argumental, reducindo o poema a unha superposición de visións.
       A disposición espacial do poema é outro dos recursos presentes no libro. Utilízase o espazo en branco dunha maneira expresiva, visualizando o contido poético.
          Manuel Antonio consegue unha linguaxe fortemente expresiva e persoal, ao sintetizar a utilización de palabras especificamente mariñeiras con termos tirados das innovacións tecnolóxicas do momento, xeralmente asociados a elementos da natureza.
          O poeta visualiza simbolicamente a aventura interior do actor-suxeito. Para este proceso utiliza unha serie de simbolizadores entre os que ocupan un papel central o barco, a navegación e mais a noite, tendo asociados outros símbolos complementarios como vento, mar, terra ou sol.
          O barco é o símbolo do corpo ou vehículo da existencia. O barco é o home, o eu do poeta. Hai dous grandes mitos asociados co barco, a barca como berce (Moisés) e a barca fúnebre (Caronte). En medio, entre a vida e a morte, o barco (o home) navega.
        As diversas partes do barco van asociadas ao mundo simbólico: a proa, o mesmo que foula,  ábrese á vida, á experiencia vital; a popa, igual que o ronsel, relaciónase coa saudade, co mundo que fica atrás.
       A navegación, a travesía, a singradura, é a vida que flúe nun Mar que é tránsito, dinamismo da vida. Todo sae do mar e todo volta a el. É ambivalente, á vez imaxe da vida e da morte, incertidume e axitación.
           A noite, para os gregos filla do Caos e nai do Ceo e da Terra é un tempo de xestación, xerminación (nacer/morrer/renacer); é tamén o espazo das forzas ocultas. A noite completa o ciclo que posibilitará a experiencia do ser. O barco (o home) que flúe (mar) entre o nacemento e a morte é o náufrago nocturno que realiza unha experiencia vital única.
         Asociado a noite e mar está o mundo astral, estrela, lúa. A primeira é un símbolo do espírito e, en particular, do conflito entre as forzas espirituais ou da luz, e as forzas materiais ou das tebras. A lúa simboliza os ritmos da vida e o tempo que pasa.
         O vento está ligado ao barco cun dobre valor: como pulo vital, é a forza elemental, o alento que posibilita a viaxe; ou, en sentido negativo, símbolo de desacougo e inquedanza, podendo chegar a se asociar á morte.
       A terra é un principio pasivo, vencellado á función maternal, contraposto ao mar, afastado da experiencia do ser.
             O sol, principio vital por excelencia, é un mero espectador en De catro a catro.
           O poema Sós é quizais o que mellor resume o contido simbólico do libro. O home (barco) móvese na incertidume e ambivalencia dinámica do Mar. O nós (tripulación) é un eu lírico plural. Exprésase a incapacidade para acadar o dinamismo vital, a luz que representa o sol. O mesmo acontece co vento, elemento vital, pulo elemental que foxe polo horizonte. A soidade existencial preside a singradura do home. Na noite maniféstase a experiencia do ser, entre a vida e a morte. A saudade, o estatismo predominan e o home fusiónase co universo.


TEMAS DE LITERATURA

tema 1. 
A poesía das Irmandades da Fala.
Características, autores e obras representativas.


A literatura galega nas portas do século XX recolle a herdanza do Rexurdimento, pero as novas ideas e a nova situación social van modificando o panorama literario. A sociedade galega coñeceu nas primeiras décadas do século XX unha actividade sen precedentes dende había moito tempo e a nova literatura será reflexo da nova situación. Os poetas do tempo das Irmandades da Fala (1916) van superando os esquemas da literatura decimonónica e abrindo novos horizontes cunha clara apertura aos movementos literarios da época.
Asistimos nos primeiros anos do século XX a profundos cambios sociais en Galicia: o derrube definitivo da fidalguía, a consolidación dunha pequena burguesía industrial e financeira e sobre todo, o movemento agrario, no que o campesiñado participou activamente a través das sociedades agrarias e dos sindicatos agrícolas. Basilio Álvarez, crego ourensán que en 1910 fundou Acción Gallega, vai estar relacionado directamente cos dous máximos representantes desta xeración que se move a cabalo entre dous séculos: Antón Noriega Varela e Ramón Cabanillas
Por outra banda, as Irmandades da Fala constituíronse en 1916. Os irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte foron dous dos seus líderes. A Nosa Terra, periódico voceiro das irmandades, espalla o ideario deste movemento que podemos resumir en dous grandes obxectivos: autonomía integral para Galicia no camiño dunha federación de pobos libres da Península Ibérica e oficialización da lingua galega no noso país.
Neste contexto social e político xorden Antón Noriega Varela, Ramón Cabanillas Enríquez, Gonzalo López Abente e Xerardo Álvarez Limeses como os máis xenuínos representantes dos poetas que serven de ponte entre o legado decimonónico e a literatura galega do século XX, aínda que sen conciencia de grupo xeracional, illados e sen conexión. Quizais o único aglutinante foi o agrarismo de Basilio Álvarez.
Antón Noriega Varela, mestre en Foz, faise amigo de Antón Vilar Ponte quen o pon en contacto co movemento agrarista. Compón poemas cívicos alentando á loita agraria e forma parte da redacción do periódico local  Guau Guau, de carácter anticaciquil. Trasladado a Ourense, coñece a Otero Pedrayo quen o poñerá en contacto coa literatura portuguesa que deixará unha innegable pegada na súa produción poética. Posteriormente, Noriega reacciona contra o modernismo e reafirma a súa estética de lirismo paisaxístico renegando das novas tendencias poéticas ao tempo que se desvencella progresivamente do movemento agrarista.
É autor dun único libro, que coñeceu sucesivas transformacións e que apareceu co título Montañesas (1904 e 1910) e logo co de Do ermo (1920, 1929 e 1946). Os aspectos máis salientables da súa obra son:
·    Poesía costumista. Composicións que se manteñen na liña do realismo costumista característico do século XIX a través das que expresa nun ton popular a dura vida dos labregos e tamén as alegrías festeiras da aldea.
·     Lirismo da natureza. A actitude dominante nestas breves composicións é a tenrura polas cousas humildes da paisaxe montesía. O poeta identifícase coa soidade do ermo, que alimenta a súa lírica de humildade franciscana. Nos sonetos, o poeta abandona a fala popular e introduce numerosos cultismos, moitos deles tirados do portugués, coidando a musicalidade do verso e cunha actitude esteticista e culturalista que os diferenza das composicións breves.

Ramón Cabanillas Enríquez, o poeta da raza, publica o seu primeiro libro na Habana, en 1913, co título No desterro. Dous anos máis tarde, pouco antes de volver a Galicia, publica o segundo: Vento mareiro. Na Habana mantivo contacto con Basilio Álvarez (quen escribe o prólogo de No desterro). De volta en Galicia colabora nas Irmandades da Fala e no seu periódico A Nosa Terra, converténdose na máis importante voz lírica do momento. En 1917 publica Da terra asoballada. Máis tarde chegarán Na noite estrelecida A rosa de cen follas. Virán máis obras e recompilacións ata que finalmente aos oitenta e dous anos publica a súa derradeira obra: o poema extenso Samos, composto no mosteiro do mesmo nome.
Na súa obra poética podemos diferenciar dúas grandes liñas:
·     Poesía lírica.
Dende o seu primeiro libro, No desterro, a poesía lírica de Cabanillas maniféstase en tres direccións principais: a poesía social ou combativa, de carácter agrarista e anticaciquil (o que lle vale o apelativo de sucesor de Curros); a poesía de tipo intimista (que pode lembrar a Rosalía), e a poesía costumista onde se poden observar as pegadas do Modernismo.

·     Poesía narrativa.
Un dos aspectos máis significativos da poesía de Cabanillas é a súa épica. Xa publicara en 1925 O bendito San Amaro, un poema que narra brevemente a lenda dese santo galego, pero a súa contribución principal a este xénero son os libros titulados Na noite estrelecida e  Samos.
Na Noite estrelecida (1926) recolle temas da Materia de Bretaña. A espada Escalibur, o cabaleiro do Santo Grial e o sono do rei Artur son as tres sagas que conforman este poema. Cabanillas galeguiza esta tradición da Materia de Bretaña e insúflaa coas arelas de redención e liberdade da nosa Terra. Galicia convértese en protagonista da obra.
O Poema Samos (1958)  pode ser considerado épica, pero ten un carácter máis descritivo que narrativo, e moitas partes son puramente líricas.

A produción poética de Gonzalo López Abente, natural de Muxía, está constituída por seis libros que conteñen lírica amorosa, poemas de loita, con algúns elementos modernistas ao xeito da poesía de Cabanillas, e tamén poemas nos que o motivo principal é o mar e a paisaxe da súa terra.

Xerardo Álvarez Limeses é autor de composicións de gran liberdade métrica, sumido nun lirismo agarimoso e superficial que fai gala dun galego rico e rexo. Posúe tamén unha alegre, viva e moderna visión da paisaxe.

(935 palabras)


Tema 2. 
A prosa do primeiro terzo do século XX.
As Irmandades e o Grupo Nós: narrativa, ensaio e xornalismo.

A prosa galega acadou por obra dos homes da xeración das Irmandades un desenvolvemento que non tivera ata entón. Hai neste tempo unha abundante prosa didáctica ou propagandística: discursos, conferencias, ensaios, tratados de política…, como medio de expresión da ideoloxía nacionalista. A este labor desenvolvido polo movemento das Irmandades da Fala sumáronse varios grupos de intelectuais. O grupo ourensán deste grupo xeracional, composto por Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas, conferiulle á cultura galega unha altura que non tivera ata entón. Con eles a narrativa galega ábrese a horizontes novos, máis universais e, ao mesmo tempo, máis enraizados na nosa cultura.  O Grupo Nós, así chamado polo título da revista que publicaron, son os representantes dunha xeración de “inadaptados” que descubrirían e se achegarían a Galicia despois dun período intelectual por culturas estrañas. En estreita relación con este grupo, chamado tamén cenáculo ourensán, sitúase a figura inmensa de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
A figura de Antón Villar Ponte (fundador no 1916 das Irmandades da Fala) cobra especial relevancia polo seu labor periodístico e por iniciar o ensaísmo político. Foi autor de numerosas prosas de propaganda nacionalista baixo a forma de discursos, conferencias e artigos, recollidos na escolma Pensamento e sementeira, 1971. Nesta liña debemos situar tamén a Lois Porteiro Garea, do que quedan sobre todo pezas oratorias sobre o galeguismo. Hai que sinalar a Xoán Vicente Viqueira, catedrático de filosofía e autor de numerosas prosas de carácter galeguista, ensaios, artigos e conferencias, como outro dos autores destacados deste tempo das Irmandades.
O labor de creación das canles de expresión necesarias para a difusión literaria e cultural foi fundamental no proceso de modernización da narrativa galega que se desenvolveu neste período. A actividade editorial adquiriu un pulo sen precedentes. Ademais de A Nosa Terra (Idearium das Irmandades da Fala) e a Revista Nós “Revista mensual da cultura galega” (publicouse o seu primeiro número en 1920, en Ourense. O último, o 144, en 1936 en Santiago; non se chegou a distribuír por causa da guerra), a prensa en castelán contaba con frecuentes seccións en galego. A máis importante, a sección “¡Terra a nosa!” do xornal coruñés El Noroeste. A revista Céltiga (creada por Xaime Quintanilla en Ferrol) e a editorial Lar (fundada en 1924 por Ánxel Casal e Leandro Carré) resultaron tamén decisivas para a consolidación da prosa.
O Grupo Nós supuxo a consolidación e modernización da prosa galega nos seus máis variados rexistros (narrativa curta, novela, ensaio, discurso científico…). Con Nós, os inadaptados, Arredor de si e Dos nosos tempos, Risco, Otero e Cuevillas sintetizan a descuberta de Galicia e a súa xente como a máis apaixonante aventura intelectual destes individualistas que inician un traballo sistemático e colectivo de estudo, desenvolvemento e dignificación da realidade de Galicia, conectándoa directamente con Europa nun afán de modernización e de superación do illamento rural da cultura galega. Conxugan enxebrismo e europeización a través dun atlantismo celtista, como o amosa o interese prestado pola revista Nós á literatura irlandesa e á cultura bretoa.
Vicente Martínez-Risco e Agüero, autor en 1920 de Teoría do Nacionalismo Galego, tivo unha evolución ideolóxica que o afastou do Partido Galeguista e o levou, despois da Guerra Civil, a mostrar o seu apoio ao réxime franquista. A súa produción narrativa ten un carácter intelectual que se vencella coa súa obra ensaística e vén ser unha continuación do seu pensamento filosófico: esoterismo, atlantismo, visión cíclica da historia…, todo articulado como materia prima dos relatos, que supoñen unha ruptura coa narración galega de tipo folclórico ou costumista. Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919) foi a súa primeira novela, unha narración humorística con notas críticas referidas ás materias ocultistas tratadas no texto. O porco de pé (1928) é unha novela longa que supón o cume narrativo de Risco. Don Celidonio, comerciante de orixe castelá que chega a ser alcalde dunha cidade galega, configura a vulgaridade e o materialismo dunha familia da nova burguesía. A el contraponse o intelectual e espiritualista Doutor Alveiros.
Ramón Otero Pedrayo, don Ramón, o Patriarca das Letras Galegas…, converteuse nun modelo ético e nun símbolo do galeguismo para as xeracións máis novas. As claves do seu pensamento, cristianismo –entendido como esencia da nosa identidade- e tradición –observada como sabedoría acumulada por sucesivas xeracións-, son fundamentais para entender a súa ampla obra literaria, na que reflicte a oposición a conceptos como materialismo e modernidade, rexeitando a penetración do capitalismo e mais do Estado como perturbadores das formas de vida tradicionais.
A súa narrativa céntrase nos distintos aspectos da historia e da realidade de Galicia. Os camiños da vida (1928) está dividida en tres partes: “Os señores da terra”, “A maorazga” e “O estudante”, e amósanos a sociedade galega rural no transo da súa transformación durante o século XIX, dende os tempos da desamortización ata a revolución de 1868 que nos conduciría á  I República. Arredor de si publicouse en 1930. Nesta obra Otero Pedrayo retrata a súa xeración e retrátase a si mesmo na figura do seu protagonista, o intelectual Adrián Solovio. Este, despois de debullar as súas inquedanzas pola cultura europea, escéptico e desacougado, vive unha crise que o leva ao encontro de Galicia e de si mesmo. Despois, unha serie de narracións realistas (Pantelas, home libre, Contos do camiño e da rúa, O mesón dos ermos) que relatan a vida rural galega do século XIX  e outras narracións culturalistas, nas que os personaxes perden relevancia en prol da exposición de ideas e referencias culturais (Escrito na néboa, Fra Vernero, A romaría de Xelmírez, Devalar). A narrativa oteriana revela a súa cosmovisión e o seu compromiso galeguista. Algúns temas recorrentes na súa obra son: a tradición, a fidalguía e a paisaxe.
De entre a súa fecunda produción ensaística na que hai dende estudos xeográficos a biografías, guías, libros de viaxes, ensaios sobre a paisaxe, a aldea, a literatura, a arte…, destaca especialmente o seu Ensaio histórico sobre a cultura galega (1939), síntese do desenvolvemento histórico e cultural de Galicia dende os tempos prehistóricos ata os comezos do século XX.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é, en moitos aspectos, a figura máis relevante da historia da cultura galega do século XX. A súa biografía está intimamente vinculada aos acontecementos históricos que lle tocou vivir no plano político e cultural. A súa obra plural –debuxante, pintor, narrador, ensaísta e autor teatral- soubo conectar coa esencia máis profunda da forma de ser da poboación galega. A diferenza doutros autores da xeración Nós, Castelao non parte dun corpus ideolóxico para proxectalo na súa narrativa. Opta por mostrar a realidade daquel tempo amosando as diferentes facetas das clases populares, que son os protagonistas fundamentais das súas obras. A súa é unha prosa substantiva, depurada de adubos, na que se decanta pola sinxeleza. Xunto co humor, o lirismo constitúe outra das claves da súa obra. A técnica narrativa de Castelao maniféstase mediante uns trazos narrativos esenciais que denotan o fundamental da historia, deixando o resto da información suxerida dun xeito connotativo. Consegue deste xeito uns textos breves e sintéticos.
A primeira obra narrativa de Castelao é Un ollo de vidro, publicada en 1922 na colección Céltiga co subtítulo de “Memorias dun esqueleto”. No prólogo diríxese ao lector o propio Castelao, que explica como atopou as memorias do esqueleto que veñen a continuación. O seu humor non é alleo á sátira social de carácter anticaciquil. Cousas é a fórmula literaria máis orixinal de Castelao. En 1926 apareceu o primeiro libro de Cousas: un conxunto de prosas con ilustracións publicadas con anterioridade na prensa. A editorial Nós, en 1929, publicou unha segunda colección, e en 1934 unha edición que recolle o contido dos libros precedentes. O libro Retrincos, publicado en 1934, é unha colección de cinco contos que se nos presentan como autobiográficos e ordenados cronoloxicamente. Os dous de sempre é a única novela de Castelao e consiste nunha sucesión de relatos que gardan unidade entre eles pola referencia a dous protagonistas constantes: Pedriño e Rañolas.
O labor ensaístico de Castelao vén representado principalmente polo seu libro Sempre en Galiza. Nesta obra sintetiza o seu pensamento político, ademais de ofrecernos unhas memorias da actividade política durante os anos da República. Nel atopamos unha ollada anovadora sobre Galicia e as súas potencialidades, así como a crítica contra o modelo centralista do Estado e a proposta alternativa dun federalismo ibérico. Destacan tamén os seus traballos sobre a arte popular: As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza.
Outro dos grupos xeracionais importantes anteriores á guerra Civil creouse arredor do Seminario de Estudos Galegos, fundado en 1923 por profesores e estudantes da Universidade de Santiago co obxecto de promover o estudo científico da realidade galega. Próximos a este grupo, aínda que sen constituír un grupo homoxéneo, están varios escritores nados en torno ao 1900 que son coñecidos cos nomes de Novecentistas ou Xeración de 1925. O máis destacado narrador é Rafael Dieste, rianxeiro como Castelao. Dos arquivos do trasno, libro publicado en 1926, contiña inicialmente oito relatos; dende a segunda edición, en 1962, Dieste ampliou o número a vinte. O libro ábrese cunha introdución que condensa unha moderna teoría do conto exposta en forma de proverbios. Dous son os principios que a gobernan: unidade emotiva e remate esencial. O eixo temático da narrativa de Dieste xira arredor da psicoloxía e das experiencias extraordinarias da xente galega.
(1.573 palabras)


Tema 3.
A poesía de vangarda. 
Características, autores e obras representativas.

Os escritores nados arredor do 1900, que constitúen a xeración seguinte á xeración das Irmandades e do Grupo Nós, levaron a cabo a renovación das letras galegas. Coñecidos co nome de novecentistas, vangardistas ou xeración do 25 incorporaron á nosa literatura os principios estéticos e as novidades característicos dos principais movementos vangardistas europeos.

As vangardas responden a unha reformulación teórica das artes. As diferentes solucións reciben o nome de ismos: futurismo, cubismo, dadaísmo, creacionismo, surrealismo… Todos teñen en común:
·     A reivindicación da materia artística como algo autónomo, sen conexión co mundo real.
·     Percepción meramente intelectual da realidade e actitude antisentimental, tentando eludir calquera palpitación emocional na obra de arte.
·     Innovación da linguaxe figurada: sintaxe e imaxes fanse irracionais, mesmo absurdas, por veces.
Os poetas galegos danse a coñecer contra o 1925, publicando ademais unha serie de revistas (Ronsel, Alfar, Resol, Papel de Color, Yunque, Cristal) que se constituíron como a súa principal canle de expresión. Esta xeración de autores incorporan as novidades das vangardas, mais sen renunciar ao sentimento, fornecido non soamente pola tradición senón tamén pola pegada do saudosismo de Teixeira de Pascoaes, poeta portugués que influíu decisivamente na mocidade intelectual de principios do século XX. Pero ademais, tamén inflúen nas vangardas galegas o espírito nacionalista, herdado da xeración precedente e mais a descuberta dos Cancioneiros medievais.
Deste xeito, e tendo en conta as circunstancias específicas de Galicia, podemos falar de varias correntes poéticas, aínda que non todas se poderían incluír dentro da denominación de vangardas.
 A vangarda plena está representada polo creacionismo de Manuel Antonio Pérez Sánchez, autor de De catro a catro  (1928), único libro que chegou a publicar en vida. Antes, en 1922, asinara conxuntamente co artista plástico Álvaro Cebreiro o manifesto ¡Máis Alá! onde propoñía unha ruptura total coa literatura galega que se viñera facendo ata a data. En 1924, nas páxinas do xornal Galicia publicou un novo texto, Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu, no que incide novamente nos afáns vangardistas.
De catro a catro, composto durante a primeira navegación de Manuel Antonio, constitúe unha sorte de caderno de bitácora (follas sen data dun diario de abordo). Está composto por dezanove poemas e reflicte, seguindo unha liña temporal, a viaxe marítima que realizou. Principia con “Intencións”, o eu poético abandona a beiramar e lánzase ilusionado a unha nova experiencia. Continúan dezasete poemas nos que manifesta unha vivencia intensa do mar e unha experiencia íntima en contacto co cosmos que o rodea. No medio da navegación unha escala en terra, os poemas oito e nove. Rematando a viaxe coa volta a terra, o poema “Adeus”, unha despedida saudosa e o regreso á vila natal. No texto creacionista a xustaposición de imaxes é a auténtica creadora; unha imaxe baseada na prosopopea que nos presenta a realidade desde distintos puntos de vista, nunha completa fragmentación da perspectiva e reducindo o poema a unha superposición de visións.
Álvaro Cunqueiro (1911-1981) será o poeta galego que conecte máis decididamente co surrealismo, corrente promovida por André Bretón, publicando dous libros de contido vangardista, Mar ao norde (1932) e Poemas do si e non (1933).   
A segunda vía seguida pola xeración novecentista é o chamado hilozoísmo, escola que ten como principal representante ao pontevedrés Luís Amado Carballo, autor de dous poemarios Proel e O Galo, quen tivo unha ampla aceptación e múltiples seguidores. Está claramente influenciado polas vangardas europeas e mestura imaxes de raíz vangardista con metros e ritmos populares para nos ofrecer unha visión plástica e animada da paisaxe. Na descrición que nos ofrece da paisaxe, o elemento humano case desaparece, humanizando en troques o inanimado.
A terceira gran corrente, que se vén chamando tradicionalmente neotrobadorismo, xorde polo influxo da lectura dos Cancioneiros medievais. O abraio e conmoción que a lectura da lírica medieval provoca nos poetas novos, fai que viren os seus ollos cara á tradición, introducindo na súa poesía numerosos elementos estilísticos e temáticos medievais. Prodúcese, polo tanto, unha recreación e reformulación de estilos e temas, engadindo imaxes propias da poesía moderna. Os representantes sobranceiros desta corrente son Fermín Bouza Brey, que dá ao prelo Nao senlleira en 1933, e Álvaro Cunqueiro, autor de Cantiga nova que se chama ribeira, editado o mesmo ano, e quizais o libro máis significativo do movemento.
Outras voces poéticas importantes desta xeración vangardista son Manuel Luís Acuña, autor de Fírgoas  e Roberto Blanco Torres coa obra Orballo da media noite.
Finalmente, non se pode deixar de mencionar a figura de Luís Pimentel, presente nas iniciativas da vangarda galega dende a aparición da revista Ronsel (1924), aínda que autor de serodia difusión en libro; Triscos é de 1950 e Sombra do aire na herba aparece un ano despois da súa morte en 1959.


(794 palabras)



Tema 4.
O teatro do primeiro terzo do século XX.
As Irmandades, o Grupo Nós e as vangardas.





O teatro galego recibe no tempo das Irmandades un pulo extraordinario. No seo das Irmandades créase en 1919 o Conservatorio Nacional de Arte Galega coa intención de promover o teatro galego. O 22 de abril dese mesmo ano de 1919, o Conservatorio Nacional de Arte Galega ofrece a súa primeira función representando A man da Santiña de Ramón Cabanillas.

A Man da Santiña (publicada en 1921) é unha comedia de asunto amoroso que se desenvolve nun ambiente de clase alta. Ricardo volve das Américas con fortuna, despois de sete anos. Marirrosa, que aínda lle conserva o antigo amor, coida que que el está namorado da súa curmá Santiña. O enredo resólvese finalmente co encontro de ambos.

Cabanillas compuxo O Mariscal en 1926 a petición de Antón Vilar Ponte, que quería unha peza política coa lenda do mariscal Pardo de cela, mitificado como bandeirante da oposición galega ao centralismo, polo seu enfrontamento histórico cos Reis Católicos.

Ademais de Cabanillas e Vilar Ponte, Leandro Carré, Armando Cotarelo e Xaime Quintanilla cultivaron o teatro.

Os membros do Grupo Nós coinciden co afán xurdido nas Irmandades de crear unha dramaturxia galega capaz de ofrecer produtos de calidade e que puidesen enteresar a un público culto, co ánimo de interesalos na causa galeguista.

Vicente Risco foi o primeiro en presentar a obra O bufón d’El-Rei, editada en 1928 e estreada en Bos Aires en 1933. Trátase dun drama en catro pasos que desenvolve a súa acción na época medieval, con mencións diversas á Materia de Bretaña. O bufón está definido como un ser deforme, que medita sobre a súa propia condición maléfica.

Otero Pedrayo, consciente da importancia do teatro como elemento normalizador da cultura galega, cultivou tamén este xénero literario. A lagarada (1929) é a súa primeira peza dramática. Trátase dunha traxedia dionisíaca na que a vendima e o viño fan agromar a forza das paixóns máis elementais: a cobiza e a luxuria. Os personaxes son populares e están deseñados con gran realismo. O desengano do prioiro (1952) é unha peza humorística que ten como asunto a implantación da industria dos cadaleitos no Ribeiro. Na obra mestúranse vivos e mortos con diálogos satíricos en contra do novo comercio. Tamén escribiu Noite compostelana (1973) e dezaseis pezas breves que foron publicadas en 1975 co título Teatro de máscaras.

A farsa Os vellos non deben de namorarse foi estreada en Bos Aires en 1941. Segundo o seu autor, Castelao, “é unha obra imaxinada por un pintor e non por un literato”, consideración que gaña importancia se temos en conta o relevantes que son na obra os artificios escenográficos. O motivo do vello namorado repítese tres veces en versións diferentes nos tres lances dos que consta a obra. A morte, que aparece como un personaxe, advirte en cada un dos lances ao vello do risco que leva consigo o seu namoramento serodio. A obra remata cun epílogo no que os tres vellos se encontran no cemiterio despois de mortos. Láianse do seu imprudente namoramento e coñecen grazas a un defunto chegado alí, noticias das súas mozas respectivas.

Rafael Dieste ( Xeración do 22) contribuíu á historia do teatro galego coa obra A fiestra baldeira (1927), unha comedia de estrutura clásica en tres lances e de carácter simbólico. O personaxe principal, don Miguel, e un cadro onde aparece retratado este ollando a través dunha fiestra un fondo mariñeiro constitúen o centro da acción. Don Miguel é un indiano que fora mariñeiro e a súa muller e a súa filla opóñense a que no cadro aparezan motivos mariñeiros para ocultar a súa humilde orixe. O desenlace é feliz ao reconciliarse don Miguel co seu pasado e reivindicar os valores do pobo mariñeiro.



(628 palabras)






Tema 5.

A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro.



Como consecuencia da diáspora á que se viron obrigados unha boa parte dos intelectuais galegos por mor da represión iniciada no 36, o centro da actividade literaria galega trasládase a México e Bos Aires. Nesta última cidade entrarán en contacto cos emigrados antes da sublevación militar (E. Blanco Amor, Emilio Pita…) e comezarán a publicar revistas, libros e reimpresións, para establecer deste xeito a continuidade dunha cultura ameazada, gozando da simpatía dos emigrantes galegos, situados a prol da liberdade e da República, que fixera posible o plebiscito do Estatuto de autonomía.

Autores como Luís Seoane, Emilio Pita, Lorenzo Varela, Castelao, Blanco Amor, Rafael Dieste, Manuel Varela Buxán, etc. mantiveron acesa a chama da tradición literaria e cultivaron os máis diversos xéneros. Castelao escribe no exilio parte da súa obra Os vellos non deben de namorarse, que é estreada en Bos Aires en 1941. Publica tamén no exilio Sempre en Galiza, en 1944. Blanco Amor publica A esmorga no ano 1959 e Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego, en 1961. Baixo o mecenado do exilio leváronse a cabo iniciativas como a Historia de Galicia (1963) dirixida por Otero Pedrayo e publicacións periódicas como Galicia emigrante (Bos Aires, 1954) e Vieiros (México, 1959).

A poesía.

Emilio Pita. Naceu na Coruña e emigrou de neno á Arxentina. A primeira obra publicada no exilio foi o seu libro de poemas Jacobusland (1942), ilustrado por Castelao. É un libro testemuña que pon de relevo a traxedia da guerra civil en Galicia en medio dunha nostálxica visión da natureza galega. Posteriormente publicaría Cantigas de nenos (1944), Os relembros (1959) e O ronsel verdegal (1964).

Luís Seoane. Fillo de emigrantes galegos, naceu en Bos Aires, pero estudou na Coruña e Santiago. Exiliouse en Bos Aires no 36. Home polifacético, dedicouse ao debuxo, pintura, gravado, mural, poesía… Regresou á Coruña en 1963 fundando con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Galicia. A súa obra poética iníciase coa publicación de Fardel de exiliado, unha visión moi persoal da epopea anónima da emigración galega. Posteriormente publica Na brétema, Sant-Iago (1955), As cicatrices (1959) e A maior abondamento (1972). Tres son as grandes preocupacións que inzan a súa poesía: a social e política, o coñecemento histórico e cultural e o reflexo do mundo artístico.

Lorenzo Varela. Fillo de galegos emigrantes, naceu na Habana en 1917. Volveu a Galicia para cursar os seus estudos e exiliouse en México tras a guerra civil. Marcha posteriormente a Bos Aires, onde inicia a súa produción poética. En 1944 publica Catro poemas para catro gravados obra coñecida xeralmente co título de María Pita e tres retratos medievais (álbum de gravados de Luís Seoane ao que se lle engadiron os poemas de Lorenzo Varela). Contén a exaltación de María Pita e a súa fazaña no cerco inglés á Coruña en 1589; de Roi Xordo (dirixente fidalgo na guerra dos irmandiños); do bispo Adaúlfo, e de María Balteira (soldadeira referida no cancioneiro de escarnio e maldicir). En 1954 publica Lonxe, a súa obra máis importante. Unha obra marcada pola anguria do desterro, tinguida pola visión onírica da lonxanía de Galicia.

A prosa.

Ramón Valenzuela Otero. Naceu en Silleda e despois da guerra exiliouse en Bos Aires. Colaborou en Galicia emigrante con narracións que máis tarde se publicarían no libro O naranxo (1974). En 1957 publica a novela Non agardei por ninguén, narrada en primeira persoa por un fidalgo galeguista republicano. A acción desenvólvese nos anos da guerra civil. Esta temática continúa tamén en Era tempo de apandar (1980). Constitúen ambas as dúas novelas un documento narrativo desta época e teñen moito de autobiográficas.

Silvio Santiago. Ourensán. Foxe a Portugal a raíz da guerra e de alí a Venezuela. Escribiu no exilio unha novela que publicaría ao seu regreso a Galicia en 1961: Vilardevós. Escrita con sinxeleza técnica e con intención crítica e social. ë unha pintura de costumes na que exalta o popular, servíndose das súas lembranzas de neno e de mozo nun medio rural. Postumamente publicouse O silencio redimido (1976), novela autobiográfica na que relata a época da súa condena, fuxida e desterro.

O teatro.

Manuel Varela Buxán. Naceu en 1909 na Estrada. Emigrou á Arxentina en 1930 e alí foi onde se formou dun xeito autodidáctico. Fundou a compañía “Aires da Terra” que estreou a súa primeira obra Se o sei… non volvo a casa  con grande éxito en 1938 en Bos Aires. Castelao confioulle a estrea de Os vellos non deben de namorarse, alternando a súa representación –cada dez días- con outra obra do propio Buxán: Taberna sen dono. En 1950 volta a Galicia. Dende aquela publicáronse tres tomos do seu teatro: O ferreiro de Santán-Taberna sen dono (1975) e O cego de Fornelos e outras comedias curtas, diálogos e monólogos (1981). O seu teatro caracterízase por ser un teatro directo, popular, de liña cómica e sentimental (sen refugar por iso o problema social de Galicia) e encadrado nun ambiente rural.

(833 palabras)








 Tema 6.

A prosa entre 1936 e 1976.

Os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas).



Xa se ten comentado como a Guerra Civil puxo fin a unha das etapas políticas e culturais máis brillantes da nosa historia. A represión afectou a todos os ámbitos da cultura, dende a lingua ata as editoriais, prensa, institucións, etc. A produción literaria en galego desapareceu por completo. Unha boa parte da cultura subsistiu na Galicia exterior, especialmente en Bos Aires, onde houbo unha intensa actividade. Este estancamento vai prevalecer ata a década dos 50, ano da fundación da editorial Galaxia de man de persoas como Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Ferro Couselo… Tamén en 1950 aparece a primeira novela escrita en galego, A xente da Barreira, de Ricardo Carballo Calero.



Neste contexto e para entendermos globalmente a narrativa galega deste período deberemos ter en conta as seguintes circunstancias:



a)   Mestura xeracional: Autores de distintas cronoloxías, biografía, formación, gustos estéticos… coinciden na construción dunha obra narrativa.



b)   Variación do rexistro literario: Característica da literatura deste período é unha especie de cambio de rexistro xa que autores que teñen realizado a súa actividade antes da guerra no campo da lírica ou do teatro, agora, despois da guerra, dedícanse preferentemente á narrativa.



c)    Presenza notable do conto e do relato curto. Soamente a partir dos anos 70 vaise afianzando a novela longa.



d)   Certa insularidade creativa. Os autores desta época non participan en tarefas colectivas e abordan a literatura dun xeito absolutamente solitario.



e)   A narrativa móvese pendularmente entre a tradición e a renovación: persisten os moldes narrativos anteriores (Otero); prodúcese unha aproximación ao mundo rural dende unha dobre perspectiva (Fole e Neira Vilas); recréase un mundo de ensoñacións máxicas (Cunqueiro); convértese en testemuño social dunha época (Blanco Amor) e por último prodúcese a renovación temática e técnica (Nova Narrativa Galega).



En 1950, como dixemos, Galaxia abre unha nova etapa na literatura galega. A partir destes anos, a narrativa coñece vieiros novos. Baseándonos nas características anteriores, podemos delimitar entre 1950 e 1976 algunhas correntes narrativas:

-  Escritores procedentes da etapa anterior, como Otero Pedrayo e outros que continúan na liña da Xeración Nós, como o mencionado Ricardo Carballo Calero.

-  Un grupo de autores que fan literatura de circunstancias, tratando o tema da guerra e da posterior represión franquista. Autores como Ramón Valenzuela e Silvio Santiago que constrúen as súas novelas en clave documental e autobiográfica para dar testemuño histórico desta época.

-  Un grupo de narradores fundamentais nas nosas letras, caracterizados dende o punto de vista literario pola súa individualidade:

·    Eduardo Blanco Amor (1897-1979), escritor realista de marcado carácter social, autor de tres obras ambientadas no seu Ourense natal: A esmorga (1959), editada en Bos Aires e considerada obra cume da nosa literatura, que narra en clave de traxedia o percorrido que fan tres esmorgantes marxinais polas rúas e arrabaldos de Ourense;   Os biosbardos (1962),  e Xente ao lonxe (1972).

·    Ánxel Fole (1903-1986), quen retomando a tradición da narrativa oral en Galicia nos amosa unha Galicia rural e misteriosa. A súa obra narrativa está formada por Á lus do candil (1953), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981).

·    Álvaro Cunqueiro (1911-1981). Na súa obra conxúganse os mundos mitolóxicos e literarios cos espazos galegos. Elabora unha literatura de grande orixinalidade, inzada de elementos fantásticos nos que se re formulan temas universais. Pon o lector nun mundo no que se combinan realidade e fantasía. As novelas son: Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956) e Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Os relatos breves están integrados por Escola de menciñeiros (1960), xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979), unha triloxía de retratos galegos que no seu conxunto perfilan o ser do rural galego.

·    Xosé Neira Vilas (1928-…), autor dunha grande produción que chega ata os nosos días. Dende un realismo que mantén sempre unha actitude crítica coa realidade social, reflectiu nas súas obras dunha maneira constante os temas da vida do neno rural e da emigración. É autor de Memorias dun neno labrego (1961), Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), Cartas a Lelo (1971), Querido Tomás (1980)…

-  Un grupo de mozos que xorde en torno ao ano 1960, que integran o movemento coñecido como Nova Narrativa Galega, por incorporaren as innovacións técnicas que coñecera a novela europea. Trátase dunha xeración que supón a renovación total das estruturas da nosa narrativa. Os seus representantes son Gonzalo R. Mourullo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos Casares, Xohana Torres e María Xosé Queizán, fundamentalmente. Aínda que non existe unanimidade á hora de fixar os límites cronolóxicos finais da Nova Narrativa, adoita sinalarse o 1970.

(787 palabras)


Tema 7.
A poesía entre 1936 e 1976
Xeración do 36 e poesía do exilio. Promoción de enlace. Xeración das Festas Minervais.

Xullo de 1936 supón unha creba histórica e cultural en Galicia. O galeguismo sobrevive na clandestinidade ata 1950 en que comeza unha nova xeira, abandonando a praxe política e centrándose na cultural. A literatura galega ficará amordazada ata que a fronte cultural Galaxia inicia en 1950 a recuperación das letras. No exilio, a pesar da distancia e das dificultades editoriais proseguiuse o labor político e cultural a prol de Galicia e da súa identidade. Bos Aires será durante moitos anos a capital espiritual de Galicia. Neste renacer do labor poético na posguerra é moi difícil establecer agrupamentos xeracionais, aínda así podemos establecer tres xeracións ou promocións poéticas:
·         Xeración de 1936.
·         Promoción de enlace ou xeración ponte.
·         Xeración de 1950 ou das Festas Minervais.
Forman a Xeración de 1936 un grupo de autores nados entre 1910 e 1920, que viviron de cheo a guerra civil, formados no tempo da República e discípulos directos da Xeración Nós. A obra destes poetas callará definitivamente despois de 1936. Unha póla reverdecerá en América, onde cantan os poetas Luís Seoane, Emilio Pita e Lorenzo Varela. A outra farase evidente, aínda que serodiamente, arredor das novas revistas e sobre todo na colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro.
Como consecuencia da diáspora á que se viron obrigados unha boa parte dos intelectuais galegos por mor da represión iniciada no 36, o centro da actividade literaria galega trasládase a México e Bos Aires. Aquí comezan a se publicar revistas, libros e reimpresións para establecer a continuidade dunha cultura ameazada. Destacan como poetas Luís Seoane, autor de Fardel de exiliado (1952), obra na que dende un punto de vista moi persoal canta a epopea anónima da emigración galega. Posteriormente publica Na brétema, Sant-Iago, As cicatrices e A maior abondamento. Tres son as preocupacións que inzan a súa poesía: a social e política, o coñecemento histórico e cultural e o reflexo do mundo artístico.
Emilio Pita publicou en 1942 Jacobusland, ilustrado por Castelao, onde pon de manifesto a traxedia da guerra civil en Galicia en medio dunha nostálxica visión da natureza galega. Posteriormente publica Cantigas de nenos e O Ronsel verdegal
Lorenzo Varela, logo da súa estadía en México, trasládase a Bos Aires e inicia a súa produción poética galega. En 1944 publica Catro poemas para catro gravados. Poemas que conteñen a exaltación de María Pita e a súa fazaña no cerco inglés á Coruña en 1589; de Roi Xordo (dirixente fidalgo na guerra dos irmandiños); do bispo Adaúlfo e de María Balteira (soldadeira á que se fai referencia no cancioneiro de escarnio e maldicir). En 1954 publicou Lonxe, un libro dominado pola anguria do desterro, tinguido pola saudade e por unha visión onírica da distante Galicia.
A poesía dos anos de recuperación cultural do galego na posguerra maniféstase en diversas direccións:
-   A continuación da poesía da tradición paisaxística galega, ben seguindo a orientación hilozoísta ou ben nunha dirección máis clásica, humanista.  
A continuación de certas manifestacións vangardistas propias como o Neotrobadorismo.
-   Unha poesía angustiada, existencial, de ton pesimista, que daría lugar ao que se denominou a “escola da tebra”.
-   A poesía de compromiso social que encheu o panorama poético dos anos sesenta e setenta e que tivo como principal representante a Celso Emilio Ferreiro.
O silencio que seguiu á sublevación militar de 1936 rompeuno en 1947 Aquilino Iglesia Alvariño coa publicación de Cómaros verdes, libro onde aparecen poemas na liña do neotrobadorismo e do hilozoísmo e outros nos que o autor se mergulla na paisaxe natal e no mundo rural. É o xenuíno representante do paisaxismo iniciado por Antón Noriega Varela, pero a diferenza deste, o seu paisaxismo está cargado de humanismo. Por outra banda, a súa formación clásica deixou nel un pouso que se manifesta na grande perfección formal dos seus versos.
Xosé María Díaz Castro é autor de Nimbos (1961) é o poeta do home, do home como individuo e dos seus problemas transcendentais: o amor, a vida e a morte, o tema relixioso, a paisaxe e Galicia constitúen o núcleo temático da súa poesía.
Álvaro Cunqueiro publicara antes da guerra civil tres libros con pegadas vangardistas onde logra fundir as formas populares e a cantiga de amigo medieval coas atrevidas imaxes das vangardas: Mar ao norde (1932), Poemas do si e non (1933) e Cantiga nova que se chama riveira (1933). Dona do corpo delgado (1950) é unha das primeiras obras publicadas tras a paréntese da guerra civil. O libro incorpora composicións de corte clásico ademais de continuar explorando a liña neotrobadoresca. A súa derradeira obra Herba aquí ou acolá (1980) é a súa derradeira obra poética, un conxunto heteroxéneo de poemas, pertencentes a distintas épocas, onde aborda os temas transcendentais do ser humano a través dunha recreación persoal de mitos lendarios, personaxes históricos e figuras literarias. Na segunda parte do libro, o poeta reflexiona sobre o tempo, as mudanzas e a morte.
Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912- Vigo, 1979) é considerado o máximo representante en Galicia da poesía social. Rematada a guerra instálase en Pontevedra onde dirixe a colección de poesía Benito Soto.
Realmente a súa primeira obra é de 1954, O soño sulagado. Aparece nesta obra unha voz persoal, inscrita na chamada Escola da Tebra, que ten en común certos aspectos temáticos: intimismo, desacougo, extravío existencial…, pero tamén alusións ao amor a súa nai e a súa muller, Moraima.
A publicación de Longa noite de pedra (1962) supuxo o grande acontecemento da poesía galega do século XX, pola resonancia que tivo. O título do poema inicial e do propio libro foi interpretado como un símbolo da situación de España durante a ditadura: a longa noite de pedra da opresión , insolidariedade e falta de liberdade. Conflúen nesta obra dúas liñas temáticas fundamentalmente: unha liña social, cívica, comunitaria de denuncia crítica, e outra, lírico-intimista, integrada por composicións na que o poeta canta os paraísos perdidos e volve a vista atrás para invocar a infancia e a mocidade, cando as cadeas e as inxustizas aínda non eran coñecidas.
En 1966 emigrou a Venezuela en busca dunha Galicia máis libre e concienciada e volveu defraudado. Contra esta realidade escribiu o libro Viaxe ao país dos ananos (1968), enfocado dende o sarcasmo e a ironía. Froito da mesma experiencia persoal que motivou Viaxe ao país dos ananos, son os seus libros de poesía satírica: Cantigas de escarnio e maldicir e Paco Pixiñas. Tamén segue esta liña Cemiterio privado, unha serie de epitafios, a maior parte deles condenatorios, cos que fustiga aos “ananos”, aos asasinos fascistas, aos especuladores, aos indiferentes á inxustiza… En Onde o mundo se chama Celanova (1975) predominan os poemas dedicados á súa muller, Moraima e tamén a saudade provocada pola lembranza da súa vila natal.
A chamada Promoción de enlace presenta as seguintes características:
-  Son poetas nados entre 1920-1930 que non constitúen un grupo homoxéneo e elaboran illadamente os seus discursos literarios nos anos máis negros da posguerra.
-   Formados na cultura castelá, comezan, polo xeral, publicando nesa lingua. Acusan as pegadas surrealistas da xeración do 27 española e das vangardas da literatura galega.
-   Colaboran nas mesmas revistas poéticas (Alba, Aturuxo, Posío, Cristal…) en que se dan a coñecer os autores das novas promocións de posguerra e do mesmo xeito ca eles a súa poesía caracterízase pola temática existencial e angustiada, sen que tampouco falte o compromiso social.
Constitúen esta xeración Antón Tovar, autor de Calados esconxuros (1980), obra pola que recibiu o Premio da Crítica e no que predomina a temática intimista: a soidade, a ausencia dos seres queridos, o paso do tempo, a morte, a preocupación relixiosa…, e no que revela unha visión tráxica e resignada da realidade e da propia vida. Luz Pozo Garza, autora de O paxaro na boca (1952), Verbas derradeiras (1972), Códice calixtino (1986), Prometo a flor de loto (1992) e A vida secreta de Rosalía (1996). O amor, tratado dun xeito delicado e sensual, con expresivas imaxes eróticas nas súas primeiras obras, tórnase máis tarde nun amor marcado pola nostalxia e pola presenza da morte. Manteñen as súas obras unha certa unidade baixo diversos motivos simbólicos como a luz, a música, a natureza e a referencia a códigos estéticos de diferentes autores. Manuel Cuña Novás é quizais o poeta máis representativo da temática de angustia persoal, do que se deu en chamar “Escola da Tebra”. En Fabulario novo (1952), ofrece a súa persoal concepción poética, caracterizada polo sentimento de angustia e unha actitude desesperada, que se manifesta no emprego de motivos recorrentes: as tebras, a escuridade, o terror, o vougo, o desacougo, o espanto… Este libro tivo especial significación pois apareceu cando o hilozoísmo e o neotrobadorismo eran correntes xa esgotadas e supuxo unha reacción fronte a elas, marcando novas liñas poéticas. 
A xeración de 1950 ou xeración das Festas Minervais, son os poetas nados entre 1930-1940. Son chamados con esta segunda denominación porque moitos deles foron premiados nestes certames restaurados en Santiago de Compostela a partir de 1953. Moitos deles participarán tamén no suplemento cultural do diario compostelán “La noche”. Empezan a publicar as súas obras na colección “Illa Nova”, creada pola editorial Galaxia.
Adóitanse distinguir dous grupos ben definidos: Por unha banda, un grupo compostelán próximo ao proxecto cultural de Galaxia (Xosé Luís Franco Grande, Salvador García-Bodaño, Xohana Torres…), e por outra, o grupo Brais Pinto, constituído en Madrid en 1958 por universitarios e emigrantes que crean unha colección de poesía na que publican as súas creacións, caracterizadas pola “Escola da Tebra”. Deste grupo formaron parte Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo e Alexandre Cribeiro.
A nómina de poetas desta xeración é extensa, polo que destacaremos de entre todos a Xosé Luís Méndez Ferrín, actual presidente da RAG. Publicou en 1976 Con pólvora e magnolias, Premio Nacional da Crítica, obra que supuxo a renovación da poesía galega estancada no realismo crítico dos imitadores de Celso Emilio Ferreiro. Nesta obra alíanse a poesía revolucionaria –a pólvora- co lirismo persoal ( a lembranza do pasado, o tempo, o amor, a morte) e mais o luxo estético –as magnolias-. Os poemas discorren en versos libres, salferidos por diversas resonancias culturais: o celtismo, a poesía medieval, o surrealismo, o movemento beat, a lírica de Cunqueiro… O ton xeral é nostálxico mostrando a imposibilidade de recuperación do tempo e o triunfo da decadencia. Estirpe (1992) converteuse nun esforzo reivindicativo por  restaurar o coñecemento da identidade nacional. Lévanos este poemario dende a poetización da paisaxe e a historiografía ao compromiso patriótico.
Autores destacados desta xeración son tamén Manuel María, o primeiro e máis prolífico poeta novo da posguerra. Autor de Muiñeiro de brétemas (1950), Terra Chá (1954), Documentos persoais (1958), e Versos de lume e o vagalume (1982), onde amosa unha preocupación pola renovación da linguaxe poética sen deixar de ser unha lírica de evidente contido ideolóxico. Bernardino Graña, autor de Profecía do mar (1966), obra coa que rompe co pesimismo que caracterizara o seu libro inicial e co que adopta unha afirmación vitalista do home e do universo. Neste libro recrea o mar, os mareantes, as vilas e os ambientes mariñeiros, ofrecéndonos unha cosmovisión moi persoal e íntima, afastada do mero descritivismo. Uxío Novoneyra, autor de Os eidos (libro do Courel), caracterizado pola condensada expresión e a brevidade na procura de reflectir a natureza espida, esencial, do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro desa inmensidade cósmica. Entre os seus recursos máis salientables destaca o fonosimbolismo, é dicir, a evocación de sensacións auditivas, visuais, tactís e anímicas mediante a combinación e repetición de fonemas. Xohana Torres ten en Do sulco (1957) unha poesía próxima á obra dos poetas do grupo Brais Pinto. Estacións ao mar (1980), premio da crítica española, é a súa obra de madurez na que reflicte a súa preocupación por Galicia, o paso do tempo, a memoria e a fugacidade das cousas. Avilés de Taramancos, autor de As moradías do vento (1955), obra que está marcada polo antes da súa emigración a Colombia e O tempo no espello (1980), dende o punto de vista do emigrante retornado. Completarían esta nómina de autores nomes como: Salvador García Bodaño, Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lourenzo, Alexandre Cribeiro e Manuel Álvarez Torneiro, entre outros.

(2.049 palabras)



Tema 8.
O teatro galego entre 1936 e 1976: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.

O teatro galego anterior ao 36 non achega grandes novidades estilísticas. Pero, aínda que os autores andaban mergullados na tarefa de refacer a lingua, a xeración Nós xa supuxo un achegamento ao teatro europeo. Tras a suplantación da orde constitucional no ano 36, a cultura galega inicia unha vez máis unha nova travesía do deserto xa que as liberdades son secuestradas e a palabra silenciada. Ata mediados da década dos 50, a actividade teatral desprazouse ao exilio, onde conseguiu unha continuidade fundamental para a recuperación do discurso literario galego. Foi precisamente en Bos Aires onde se estrou, en 1941, a peza Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, cun considerable éxito e cunha grande importancia simbólica.
Entre os anos 1950-1970 aparece en Galicia un teatro que presenta como trazo común caracterizador o desexo de transcender a propia realidade física e social na que viven para presentar conflitos, situacións e personaxes cunha proxección universal, ben que ofrecendo unha visión escura e conflitiva do mundo e da existencia. Non hai lugar para o realismo, non existe un compromiso político de denuncia directa, senón un compromiso co home, con ese home que vive angustiado pola frustración dun presente cheo de acedume e dun futuro imposible. Trátase de teatro máis para ler que para ser representado, pois as posibilidades de seren plasmadas esas obras no escenario eran máis ben escasas.
Os autores máis relevantes desta etapa son:
Álvaro Cunqueiro (1911-1981) recolleu parte da súa obra dramática no libro Don Hamlet e tres pezas máis (1974), onde se inclúen O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959), A noite vai coma un río (1965), Palabras de víspera (1974) e Función de Romeo e Xulieta (1956). O seu teatro caracterízase polo clasicismo, sendo Shakespeare o autor preferido a partir do cal ofrece unha nova versión da historia de Hamlet. Estas obras amosan o xenio dramático dun autor que non chegou a desenvolver a súa evidente vocación dramática debido á escasa transcendencia escénica que suscitaron as súas pezas nun país no que o teatro era unha conquista social e política aínda por chegar.
Ricardo Carballo Calero (1911-1990) compuxo diversas pezas que aparecen recollidas no volume Teatro Completo (1982) que contén: A sombra de Orfeu, A farsa das zocas, A árbore e Auto do  prisioneiro, entre outras. A súa obra dramática é experimental e está composta por pezas próximas ao teatro do absurdo ou de orientación psicolóxica e existencial nas que predomina o simbolismo.
Xenaro Mariñas del Valle (1908-2000) serve de ponte entre esta xeración e a seguinte, pois é o verdadeiro iniciador do teatro social, co volume A revolta e outras farsas (1965), no que se inclúen A revolta, A obriga e un conxunto de pezas curtas. A súa creación dramática presenta catro ámbitos ben diferenciados: Por unha banda temos os dramas de carácter simbólico nos que se recrean os problemas transcendentais do home e da mesma existencia (A revolta, A obriga, Loucura e morte de Peregrino); da outra atopamos un grupo de pezas que posúen unha vertente máis social ( A chave na porta, Acurrados, A gaiola); logo ha que considerar as farsas (A serpe), para finalmente salientar textos máis experimentais e vangardistas (O triángulo ateo).
Outros autores que cómpre considerar  son Ánxel Fole Sánchez, Ramón González-Alegre e Xosé Luís López Cid.
A publicación do Don Hamlet de Cunqueiro constituíu unha proba incontestable de que era posible unha literatura dramática de calidade. O seu exemplo vai ser seguido por un importante grupo de escritores/as que dende diferentes ámbitos literarios, e tendo como referente as novas tendencias e correntes que triunfaban en Europa, inician a aventura no eido da dramática cuns resultados verdadeiramente salientables. O texto dramático serve para realizar unha reconstrución crítica da realidade, analizando aqueles factores que determinan e condicionan esa realidade, e convértese nun instrumento de loita, de intervención, mais procúrase non soamente un produto socialmente útil senón un produto literariamente válido. Esa é a transcendencia deste grupo de escritores entre os que debemos citar a Bernardino Graña (20 mil pesos crime, 1962),  Tomás Barros (O dragón, 1972), Xohana Torres (A outra banda do Iberr, 1965) e Daniel Cortezón (Prisciliano, 1970).
Ao remate dos anos sesenta empezan a constituírse en Galicia colectivos teatrais cunha clara actitude de ruptura respecto das prácticas escénicas que viñan desenvolvendo as agrupacións do teatro de cámara, as de carácter folclórico e recreativo e outras asociacións cunha maior proxección. Con estes grupos nace o que se chama “novo teatro”; novo canto aos principios estéticos que sustentan as súas montaxes, no seu posicionamento ideolóxico na defensa sen concesións da lingua e das liberdades e no seu devezo de proxección profesional. Este novo período iníciase arredor de 1969, ano no que Manuel Lourenzo estrea a súa primeira obra.
Un feito de capital importancia, tanto dende o punto de vista literario como teatral, vai ser a celebración da Mostra de Teatro de Ribadavia que se inicia no 1973, baixo a organización da Organización Cultural Abrente, e que se prolongará ata o ano 1980. A actividade dinamizadora xurdida arredor da devandita Mostra foi fundamental para a recuperación do teatro nestes anos. Foi tal a importancia destes encontros que se adoita empregar a denominación Xeración Abrente para agrupar autores que se deron a coñecer grazas ás distincións recibidas na Mostra:
Manuel Lourenzo (1943) é autor dunha extensa obra que podemos clasificar en tres grandes tendencias: ciclo mítico, composto por obras da tradición dramática grega; ciclo histórico, no que recupera determinadas figuras históricas, e ciclo da dramática urxente, máis numeroso e diversificado para o traballo diario cos actores e actrices.
Euloxio Rodríguez Ruibal (1945), autor de Zardigot,  que dedicou parte da súa obra ao teatro infantil.
Roberto Vidal Bolaño (1950-2002), autor, director, actor e fundador do grupo Antroido. Autor, entre outras moitas, de Laudamuco, señor de ningures (1977),e  Memoria de mortos e ausentes (1978). A súa obra podemos incluíla en dous grupos: no primeiro, os textos que destacan pola incorporación de personaxes, accións, elementos e técnicas da dramaturxia popular. No segundo, aqueles que amosan unha maior complexidade formal e temática e unha visión pesimista da existencia humana mesturada con aceda ironía e a aguda retranca da que sempre fixo gala.
Outros autores que debemos citar son: Xosé Agrelo, Francisco Taxes, Camilo Valdehorras e Millán Picouto.
A iniciativa da Mostra de Ribadavia estendeuse a outras cidades e vilas de Galicia, como A Coruña, cidade na que O Facho convoca o Concurso Nacional de Teatro Infantil, ou o Concurso de Teatro do Ateneo Ferrolán, en Ferrol.
(1.088 palabras)


Tema 9.
A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas.

Aplícase a imprecisa denominación de Nova Narrativa Galega a un grupo de escritores que comezan a escribir a fins dos anos 50 e na década dos 60. Mozos de formación  universitaria que incorporan ás nosas letras novos modelos culturais e novos procedementos técnicos, nos que están presentes a asimilación de Joyce, Kafka, Faulkner…
O ano 1954 en que sae do prelo o primeiro libro de relatos de Gonzalo R. Mourullo, Nasce unha árbore, aparece como a data de inicio do movemento da nova narrativa galega. Nestes textos iníciase unha nova forma de narrar, moi diferente da narrativa tradicional galega.
A nova narrativa galega non se circunscribe a un feito único e concreto e non ten un mestre iniciador. O que une aos autores deste grupo é que todos eles teñen intención de aplicar nos seus textos novas formas narrativas e manifestan unha clara vontade de ruptura co que se viña facendo na literatura galega anterior. Tratan de construír unha literatura artificial como recurso para fuxir do mundo hostil que os rodeaba. O mundo das carencias de todo: carencias de literatura, carencias de arte, mesmo carencias de alimentos.
Esta xeración de novos narradores (nados entre a década dos trinta e os primeiros 40) está vinculada por catro acontecementos da cultura galega que tiveron lugar naquela etapa histórica: A celebración das Festas Minervais dende 1953 no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, a colaboración periodística no xornal “La Noche” de Santiago, a creación da colección “Illa Nova” da editorial Galaxia e a fundación do grupo “Brais Pinto” en Madrid, de carácter anarcoide e de pensamento nacionalista.
As características literarias comúns deste grupo de narradores maniféstanse, fundamentalmente, nos seguintes aspectos:
¾    Fuxida da localización concreta nos espazos narrativos.
¾    Creación de mundos literarios artificiais, evitando a descrición realista do agro galego, que caracterizaba a narrativa anterior.
¾    Emprego dos mesmos recursos técnicos: Monólogo interior, personaxes anónimos, diferentes voces narradoras nun mesmo relato e redución temporal.
¾    Tratamento intensivo do tema do absurdo existencial, intentando producir un sentimento de anguria no lector.
¾    Hai unha presenza reiterada da violencia. A tortura aparece como unha manifestación máis da xenreira que invade aos personaxes. As relacións humanas fanse tensas, rodeadas por unha forte agresividade ambiental.
¾    O tema sexual, tabú na literatura anterior, trátase aquí con liberdade.
¾    Fusión dos mundos real e fantástico ou sobrenatural, confundindo a realidade vivida polo protagonista coa ficción que este mesmo crea.
Os autores e obras que adoitan adscribirse a este movemento son:
Camilo González Suárez-Llanos (Sarria, 1931 – Vigo, 2008). Publicou Lonxe de nós e dentro, libro de relatos nos que a angustia, a soidade e o absurdo están presentes, e Como calquer outro día, unha novela longa que transcorre en dous espazos e tempos distintos.
Xohana Torres (Santiago de Compostela, 1931). A súa única novela Adiós, María amosa o enfrontamento entre o mundo rural e o urbano a través das experiencias dunha rapaza.
Gonzalo Rodríguez Mourullo (Calo, Teo, 1935). Autor de Nasce unha árbore, obra que se ten considerado como a iniciadora deste cambio de rumbo na narrativa galega, e Memorias de Tains, relatos que aparecen baixo a forma de 7 cartas que o narrador dirixe a diferentes destinatarios, onde os personaxes actúan movidos por un destino tráxico que os atolda e crea un clima de angustia.
Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938). Autor de extensa obra, contribuíu á Nova Narrativa con obras como Percival e outras historias, catorce relatos nos que se atopan as características salientables da súa narrativa; O crepúsculo e as formigas, a súa segunda colección de relatos nos que insiste na recreación dun ambiente de terror, onde as persoas camiñan como formigas en fila, movidas por forzas cegas que impoñen un tráxico destino, e Arrabaldo do Norte, a súa primeira novela.
María Xosé Queizán (Vigo, 1939). Figura destacada do feminismo galego e ligada ao nacionalismo, facetas ambas as dúas que van marcan boa parte da súa actividade. Iníciase na literatura galega coa novela A orella no buraco, única contribución da escritora a este movemento literario. Trátase dunha narración na que, con rupturas da secuencia temporal, se amosan tres situacións autobiográficas parellas do protagonista, desenvolvéndose en tres espazos fundamentais, París, un porto galego e unha pequena vila.
Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941 – Vigo, 2002). A obra de Carlos Casares marca o punto de inflexión da Nova Narrativa, ata entón preocupada pola experimentación técnica para levar a cabo unha renovación dende presupostos afastados do realismo. Casares inicia un retorno ao país concreto sen deixar de incorporar os novos procedementos narrativos. Dentro deste período podemos destacar Vento ferido, libro de relatos nos que emprega as innovacións técnicas da nova narrativa inseríndoas nunhas realidades galegas. Cambio en tres é a súa primeira novela. Nela mestura experimentalismo e un certo realismo crítico. A novela articula os monólogos internos dun emigrante ourensán, que de volta na súa cidade natal lembra situacións do pasado enfiándoas coas vivencias presentes. Xoguetes para un tempo prohibido, xa do 1975, é unha novela baseada en datos autobiográficos e en experiencias persoais.
Outros autores relacionados coa Nova Narrativa Galega son: Vicente Vázquez Diéguez, Xohán Casal e Xosé Fernández Ferreiro.
(865 palabras)


Tema 10.
A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes.

O mundo cultural galego vive, xa dende os últimos anos 70, un momento especialmente dinámico e emprendedor motivado en boa medida pola recuperación das liberdades cidadás e pola creación do novo marco administrativo autonómico. Nacen numerosas empresas editoriais e medra considerablemente a cantidade de títulos editados. Aparecen numerosas revistas culturais e de poesía nas que se dan a coñecer os novos escritores e as novas tendencias. Tamén van ser innumerables os certames, os premios e os encontros de poesía que darán lugar a antoloxías e escolmas poéticas publicadas dende finais dos 70 ata hoxe.
A poesía galega inicia una nova etapa a partir de Con pólvora e magnolias, que supuxo una ruptura co socialrealismo, movemento que comezaba a ser rexeitado como forma inoperante pola súa falta de rigor estético supeditado a una mensaxe social repetitiva. Vai ser nos anos 80 cando se poida considerar a nosa poesía máis universal e actual, una poesía caracterizada pola multiplicación temática e formal. Reivindícase a poetas esquecidos, tanto das nosas letras (Manuel Antonio e Cunqueiro) así como doutras universais.
A poesía dos 80 presenta unas características que se determinan nos seguintes trazos:
Culturalismo
Empréganse referencias literarias, filosóficas, mitolóxicas, musicais, pictóricas, artísticas, etc.

Experimentalismo
Os poetas desta época céntranse na pescuda de novas formas rítmicas e retóricas e na investigación idiomática á procura dunha nova linguaxe poética de elaborado rexistro e nivel culto.

Esteticismo
Predomina a beleza construtiva sobre os aspectos morais, sociais ou de calquera outra índole. Extrema preocupación polas cuestión formais.

Europeísmo e cosmopolitismo
O espírito renovador e aperturista leva a estes poetas a mirar ao exterior e a interesarse por outros países e culturas. Prodúcese deste xeito un redescubrimento do espírito das vangardas e a incorporación dos movementos artísticos modernos, cunha inclinación cara á lírica anglosaxona e á de expresión portuguesa.

Apertura temática
Vanse multiplicando os temas. Os universais e ineludibles como o paso do tempo, a norte, o amor… son abordados dende perspectivas que van dende a intimista ata a metafísica ou existencial. Redescóbrese o erotismo e ofrécese una nova visión da paisaxe e da natureza.

Moitos dos poetas dos 80, nados a partir da segunda metade dos 40 e de todo os 50, danse a coñecer no seo de determinados colectivos poéticos; trátase de movementos de vangarda na retagarda do século XX. Os principais son:

Rompente (Vigo, 1976-1983): Alberto Avendaño, Manuel Romón, Antón Reixa e Alfonso Pexegueiro.
Cravo Fondo (Santiago, 1977): Ramiro Fonte, Xesús Rábade Paredes, Xavier Rodríguez Barrio, Xulio L. Valcárcel, Fiz Vergara Vilariño e Helena Villar Janeiro.
Alén (Santiago, 1977): Miguel Anxo Mato Fondo, Francisco Salinas Portugalk e Xosé Ramón Pena.
Revista Loia (Madrid 1977-1978): Manuel Rivas, Vicente Araguas, Lois Pereiro.
A axitación  creativa que caracteriza o ambiente poéticos dos anos 80 comeza a esmorecer a partir de 1987. A irrupción, a comezos dos 90, dunha nova promoción de autores procedentes de diferentes territorios literarios ou intelectuais que se estrean como poetas, devólvelle una certa vitalidade ao mundo da poesía galega, que, con todo, mantén as liñas básicas e os fundamentos poéticos iniciados na década precedente.
Algúns dos factores que determinan a nova situación nos anos 90 son: aparición de novos premios literarios, creación de novas coleccións de poesía, recuperación de festivais e recitais poéticos, nacemento de novas publicacións literarias, notable nivel de competencia lingüística e de formación literaria e desenvolvemento dunha destacada creación poética feminina cun discurso feminista.
A poesía dos 90 continúa en esencia a ruta creativa comezada polos poetas da Xeración dos 80, aínda que se tende a mostrar preferencia por una expresión máis directa e menos alambicada, rexeitando o excesivo culturalismo e procurando chegar máis sinxela e doadamente ao lector. Nesa mesma liña están o recurso ao ton coloquial, a maior carga narrativa e o aproveitamento poético do cotián. Obsérvase, por outra banda, un certo renacer da temática social, orientada agora cara ás actuais modas e modos de manifestar o compromiso: ecoloxismo, pacifismo, feminismo, causas solidarias…
As tendencias máis salientables da última poesía galega son:
Poética feminina-feminista. Chus Pato, Ana Romaní, Xela Arias, Marta Dacosta, Iolanda Castaño e Olga novo.
Poética do cotián. Caracterizada polo uso dunha linguaxe directa. Fran Alonso, Enma Couceiro e Estevo Creus.
Poética experimental. Antón Reixa (procedente dunha etapa anterior), Xavier Santiago e Arturo Regueiro.
Poética do coñecemento. Elaboración formal e gravidade dos temas tratados. É a liña que máis se aproxima á anterior. Miro Villar, Martín Veiga, Arturo Casas…
(755 palabras),
referencia a autores á parte.


Aínda que é moi difícil facer unha selección dos autores máis importantes do momento (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica) nin unha clasificación dos mesmos, faremos unha selección utilizando un criterio moi subxectivo de gustos persoais e buscando non recargar a exposición de nomes e títulos.
A cabalo aínda entre o social-realismo e as novas tendencias está DARÍO XOHÁN CABANA (1952), moitas das súas poesías serán cantadas por grupos como Fuxan os Ventos; gran dominador do verso e a linguaxe, é tamén tradutor ao galego de Dante e Petrarca, ademais de nome recoñecido na narrativa actual. Os primeiros tanteos renovadores (1976-78) virán da man de varios colectivos poéticos de curta duración: Rompente (entre os seus membros Antón Reixa e Manuel Romón), Alén e Cravo Fondo. A partir de 1980 consolídase a renovación coas características antes citadas pero non compartidas por todos, non hai unha escola, son diferentes escollas estéticas e voces singulares. Entre eles están:
- MANUEL VILANOVA (1944), mítico e simbolista, escribe E direivos eu do mester de cobras (1980), etc.
- XOSÉ Mª ÁLVAREZ CÁCCAMO (1950), aberto á realidade a través de vivencias familiares, escribe Praia das furnas (1983), etc.....
- MIGUEL ANXO FERNÁN-VELLO (1958): o amor, corpo, o desexo... e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos.
A partir dos anos noventa é máis difícil aínda falar de tendencias comúns, dado o carácter individualista de cada poeta. A pluralidade é a tónica dominante. Desde o punto de vista formal, achamos desde propostas clásicas (os sonetos de Miro Villar) ata o versolibrismo. Ao lado da expresión contida, o minimalismo e a depuración máxima atopamos poetas torrenciais, case narrativos. Ao lado da expresión directa e sinxela, a presenza do símbolo e o hermetismo. Desde o punto de vista temático, uns autores adoptan unha actitude desmitificadora, combativa ou provocadora (no sexual, no ideolóxico, no literario...), mentres outros teñen enfoques máis tradicionais (amor, desamor, soidade, morte...)  Algunhas máis ou menos compartidas poderían ser:
- Linguaxe máis directa e coloquial, que resulta máis próxima ao lector.
- Predominio dos recitais, para producir un contacto entre o poeta e o ouvinte, máis que entre o  poeta e o lector, nun intento de democratizar a poesía.
- Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades: Insubmisión, ecoloxismo, feminismo…
- Algúns difunden tamén os seus versos a través de Internet, tanto en versión texto como en audio e vídeo.
Prodúcese tamén unha importante incorporación da muller á poesía, xa iniciada na década precedente, que proporciona unha nova vertente feminina e feminista (deconstrución do universo masculino-machista, erotismo e sexualidade femininos...): Luísa Villalta, Chus Pato, Iolanda Castaño, Lupe Gómez... Evidentemente, seguen publicando a maioría dos autores anteriores e xorden multitude de novos autores: Xosé Carlos Caneiro, Anxo Quintela, Millán Otero, Miro Villar, etc., etc.


Tema 11.
A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes.

O panorama social galego evolucionou ostensiblemente no período democrático respecto da etapa anterior, o cal se ve reflectido na nosa narrativa. Os autores tratarán temas que acadan especial relevancia nos últimos tempos como a corrupción, o narcotráfico, o paro, a delincuencia, etc.
Polo que respecta ás técnicas empregadas, xa vimos que dende os anos cincuenta a nosa narrativa comezara a explorar novos camiños –influencias de de Kafka, J. Joyce, Faulkner, etc.- proporcionados por outras literaturas. Estes novos modelos seguen a desenvolverse dende os anos oitenta e poden resumirse deste xeito:
¾      Ás veces pode chegar a desaparecer o argumento nunha obra.
¾      Os personaxes deixan de ser os héroes centrais arredor dos cales xira o relato.
¾      Prodúcense rupturas na presentación cronolóxica dos feitos.
¾      O narrador deixa de ser omnisciente.
¾      Emprégase o multiperspectivismo.
A novela sofre tamén importantes modificacións dende o punto de vista estilístico e formal:
¾      Desapaarecen os seus límites e inclúense nela textos de diferentes tipos (anuncios, informes, textos xornalísticos, etc.).
¾      Suprímense os capítulos.
¾      Preséntanse varias historias combinadas (contrapunto).
Dende a década dos oitenta a nosa narrativa vai seguir dous camiños básicos, que ás veces se cruzan: por una parte, a denominada literatura de “quiosco” na que se exploran novas modalidades narrativas; por outra, unha literatura “máis autóctona”, que entronca coa tradición galega.
Literatura “de quiosco”
Xénero Policial: É un dos xéneros máis cultivados deste grupo. Crime en Compostela (1984), de Carlos G. Reigosa; O crime da rúa da moeda vella (1989), de Román Raña; As regras do xogo (1990), de Ramiro Fonte; Sangue sobre a neve (1991), de Manuel Forcadela, ou Un home xaceu aquí (1993), de Aníbal C. Malvar son algún exemplos.
Ficción científica: Xénero iniciado na nosa literatura por Lois Diéguez en 1976 coa novela Galou Z-28. Destaca nesa fórmula Ramón Caride con Soños eléctricos (1992), Lumefrío (1994) e Perigo vexetal (1996). Outros exemplos: Reportaxe cósmico (1982), de Xosé Fernández Ferreiro; As flores radiactivas (1990), de Agustín Fernández Paz; Mutacións xenéticas (1991), de Fina Casalderrey, ou A sombra cazadora (1994), de Suso de Toro.
Novela do oeste: Fórmula pouco empregada na nosa literatura. A morte de Frank González (1975), de Xosé Fernández Ferreiro; Os outros disparos de Billy (1991), de Carlos G. Reigosa, e –dende a parodia- Por unha presa de machacantes (1997), de Isidro Novo son as únicas obras publicadas.
Relato erótico: O máis claro expoñente deste tipo de literatura é Anel de mel (1991) de Xulio López Valcárcel.
Literatura “autóctona”
Literatura realista: Pode centrar a acción no rural (Morrer en Castrelo de Miño, de Xosé fernández Ferreiro; Morrer en Vilaquinte, de Xesús Rábade Paredes e Helena Villar) ou no urbano (Froito das lembranzas, de Tucho Calvo). O realismo pode aparecer, así mesmo, baixo a forma de crónica (Mulleres, de Úrsula Heinze) ou de crónica novelada (Tráiler, de Francisco Alonso; Viaxes no país de Elal, de Xavier Alcalá).
Novela histórica: Tivo o seu momento de auxe na primeira metade da década dos oitenta e foi cultivada por algúns dos máis notables autores da nosa literatura contemporánea. O triángulo inscrito na circunferencia (1982), de Víctor F. Freixanes; Beiramar (1983), de Xosé Manuel Martínez Oca; Xa vai o grifón no vento (1984), de Alfredo Conde, e Morte de rei (1996), de Darío Xohán Cabana son algunhas das obras máis relevantes.
Novela de aventuras: Este tipo de fórmula é moi cultivada por Xavier Alcalá nas novelas en que a acción se sitúa en Sudamérica: Nos pagos de Huinca Loo (1981), Cárcere verde (1990) e Latitude austral (1991). Outras obras deste xénero son A expedición do pacífico (1994) de Marilar Aleixandre, ou A armada invencible (1996) de Manuel Forcadela.
Novela feminina ou feminista: A muller exerce un case total protagonismo fronte ao home. O soño perdido de Elvira M. (1982), de Úrsula Heinze, e Amantia (1984), de Mª Xosé Queizán serven de mostra.
Narrativa intimista: Fórmula frecuentemente empregada por Marina Mayoral en novelas como Unha árbore, un adeus (1988), O reloxio da torre (1988) e Querida amiga (1995), ou por Manuel Rivas en O lapis do carpinteiro (1998).
Narrativa artúrica: Recupérase e recréanse os vellos mitos do ciclo Bretón. Amor de Artur (1982), de Xosé Luís Méndez Ferrín, ou Galván en Saor (1989), de Darío Xohán Cabana son os modelos máis característicos.
Narrativa de misterio ou terror: En Tres historias para ler á noite (1992), de Paco Martín, A neve e a cadeira (1994) de Xosé Miranda, e O capitán Lobo Negro (1995) de Xesús Manuel Valcárcel, estes elementos teñen gran relevancia.
Narrativa humorística: O humor é unha característica coa que nace a nosa literatura. Nos tempos modernos aparece moitas veces dende a ironía, a parodia ou o esperpento, e emprégase adoito para provocar o sorriso. Algunhas obras son As baleas de Eduardo Reinoso (1990), de Alfonso Álvarez Cáccamo; Amálgama de desquiciados (1992) de Xosé L. Martinez Pereiro, ou Eros e Tánatos (1996), de Gonzalo Navaza.
Narrativa centrada no tema da Guerra Civil: Ademais dos autores de posguerra, retomaron este tema escritores como Ricardo Carballo Calero (Scórpio, 1987), Carlos Casares (Os mortos daquel verán, 1987) Francisco Fernández Naval (O bosque das antas, 1988) ou Xosé Fernández Ferreiro (Agosto do 36, 1991).
Cunqueirismo: Trátase da literatura na que se mestura o fantástico e o real, ao estilo de Álvaro Cunqueiro. As obras de Paco Martín Muxicas no espello (1971), No cadeixo (1976) e Agora cun ceo de lama (1981); as de Darío Xohán Cabana  Fortunato de Trasmundi (1990) e Libro dos moradores (1990); ou a novela Historia dun paraugas azul (1991), de Xosé Miranda son representativas deste estilo.
Narrativa experimentalista: O afán de buscar novas fórmulas levou a moitos autores a escribir obras complexas e minoritarias, pero de gran transcendencia, como A semancia (1981), de Xoán Ignacio de Taibo ou Porta blindada (1990), de Margarita Ledo Andión, ambos precursores dunha xeración máis nova: Suso de Toro (Polaroid, 1986; Tic-Tac, 1993), Antón Reixa (Transporte de superficie, 1991), Xelís de Toro (Non hai misericordia, 1990; Terminal, 1995), Xosé Carlos Caneiro (O infortunio da soidade, 1992) ou Xurxo Borrazás (Criminal, 1994).
A implantación das materias de Lingua Galega e Literatura no ensino primario e secundario a comezos dos oitenta vai favorecer especialmente a proliferación de títulos destinados aos lectores máis novos. Os camiños seguidos polos autores son diversos e así van aparecendo obras de distinto signo:
¾      As que presentan un mundo fantástico (Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín).
¾      Obras de carácter simbólico e alegórico (Arnoia, Arnoia, de X.L. Méndez Ferrín).
¾      Novelas de aventuras (O misterio das badaladas, de Xabier P. Docampo; Todo a cen, de Santiago Jaureguizar).
¾      Obras de ficción científica (As flores radiactivas, de Agustín Fernández Paz; Mutacións xenéticas, de Fina Casalderrey).
¾      Obras pertencentes ao xénero detectivesco (Mambo negro, de Cristina Frasié; 091, de Pepe Carballude, Días de desterro, de Xavier López Rodríguez).
¾      Historias de amor (Anagnórise, de Mª Victoria Moreno).
¾      Novelas de viaxe (O dragón de Gondomil, de Xoán Babarro).
Polo que respecta aos autores, son maioría os que, dedicados a escribir para un público adulto, realizan esporádicas incursións na literatura infantil e xuvenil. Entre eles destacan Mª Victoria Moreno, Xabier Puente Docampo, Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey.
En canto aos autores destacados destes últimos anos podemos diferencialos segundo a súa data de nacemento e o inicio da súa traxectoria como narradores. De acordo con isto podemos distinguir:
Autores de longa traxectoria: Ferrín e Casares
Primeira promoción: Autores nados nas décadas dos trinta e dos corenta que comezan a publicar na década dos 70: Xosé Fernández Ferreiro, Paco Martín, Alfredo Conde, Xavier Alcalá, Manuel Riveiro Loureiro, Xoán Ignacio Taibo, Anxo Rei Ballesteros…
Segunda promoción: Nados na década dos 40 e dos 50 que empezan a publicar a comezos dos oitenta: Xosé Manuel Martínez Oca, Xesús Rábade Paredes, Úrsula Heinze, Tucho Calvo, Víctor Freixanes, Margarita Ledo Andión, Xosé Ramón Pena, Darío Xohán Cabana, Suso de Toro, Marilar Aleixandre, Manuel Rivas…
Terceira promoción: Conforman este grupo os autores nados na década dos cincuenta e sesenta que, ou ben comezan no mundo da narrativa nos anos noventa, ou achegan o mellor da súa produción nesta década: Xosé Miranda, Xesús Manuel Valcárcel, Manuel Forcadela, Xelís de Toro, Ramón Caride, Aníbal C. Malvar, Gonzalo Navaza, Antón Riveiro Coello, Xosé Cid Cabido, Xurxo Borrazás, Xosé Carlos Caneiro, Miguel Anxo Murado…

(1.404 palabras)
Sen ter en conta a referencia a autores


Neste período fecundo da nosa historia cultural, que corresponde co final da vida dos vellos mestres nados nas primeiras décadas do século (Blanco Amor, Cunqueiro...) e mais coa obra de madureza dos mozos que participaron na recuperación cultural dos anos 50 e 60 (Ferrín, Casares, Neira Vilas...) incorpóranse á literatura galega moitos novos narradores.
Aínda que é moi difícil facer unha selección dos autores actuais (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica) nin unha clasificación dos mesmos, citaremos algúns utilizando un criterio moi subxectivo de gustos persoais e buscando non recargar de nomes e títulos.
CARLOS CASARES (Ourense, 1941-Vigo, 2002) comezou coa Nova Narrativa Galega, mais as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. A súa prosa é (tal como defendía Castelao) sinxela pero moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de lectores.
Ilustrísima (1980) é unha breve novela na que un bispo de principios de século en Ourense se ve obrigado por unha sociedade retrógrada e fanática a condenar o cine contra a súa vontade. O sol de verán, publicada pouco despois da súa morte está narrada por unha muller, Helena, que lembra un amor imposíbel, afectada polo repentino suicidio de Carlos.
XOSÉ MANUEL MARTÍNEZ OCA (A Estrada, 1942) é para moitos o mellor narrador desta xeración. Ten unha extensa obra de novelas e relatos curtos. Destacaremos Beiramar (1983), Premio Blanco Amor, na que combina realismo con elementos do mítico popular galego
ALFREDO CONDE (Allariz, 1945), cunha ampla obra na que destacamos Xa vai o Griffón no vento (1984), premio Blanco Amor e Premio Nacional da Crítica (1ª vez que se lle concedía este último premio a unha obra en galego): narra alternativamente dúas historias; unha que acontece na Compostela do s. XVI, no ambiente da Inquisición, e outra na Provenza actual.
XAVIER ALCALÁ (Miguelturra-Cidade Real, 1947): A novela que, ata o momento, gozou de maior éxito foi A nosa cinza (1980) na que nos ofrece unha visión da infancia e a mocidade da xeración da posguerra. Xa no s. XXI publicou unha triloxía sobre a historia das comunidades evanxélicas en Galicia.
CARLOS G. REIGOSA (Pastoriza, 1948), coñecido principalmente polas súas novelas detectivescas: Crime en Compostela (1984), O misterio do barco perdido (1988) -sobre tráfico de armas-, A guerra do tabaco (1996) e Narcos (2001),  as dúas sobre o narcotráfico.
DARÍO XOHÁN CABANA (1952): O seu mundo narrativo está fortemente influenciado por Cunqueiro: construción sinxela, fusión de fantasía e realidade, reutilización da materia de Bretaña e da mitoloxía popular, Galván en Saor (1989) é a máis representativa. Morte de Rei (1996) é una ambiciosa e modélica novela histórica.
SUSO DE TORO (1956): É, xunto con Manuel Rivas, o máis importante dos narradores actuais. Ten unha obra extensa e moi variada. As súas primeiras obras son libros fragmentarios, transgresores, con personaxes marxinais, múltiples voces narrativas (entre as que sobresae Nano, un personaxe esquizofrénico que reinterpreta vida e obras literarias), fragmentos de cadernos... Tic-Tac (1993) é o seu máximo expoñente e a que pon fin a esta tendencia. As súas obras posteriores son máis convencionais. A sombra cazadora (1994) é unha exitosa novela xuvenil de ciencia-ficción, ao mesmo tempo que un relato iniciático e unha reflexión sobre o poder manipulador dos medios de comunicación.
MANUEL RIVAS (1957): É o escritor actual con maior proxección editorial e mediática, dentro e fóra das nosas fronteiras. As súas primeiras obras no campo da narrativa foron libros de relatos, cheos de humor e lirismo -Que me queres, amor? (1995)-; entre as novelas sobresae O lapis do carpinteiro. (1998) onde narra unha historia de amor ambientada na guerra civil e na inmediata posguerra; ambas as dúas obras foron levadas con éxito ao cine.
ANTÓN RIVEIRO COELLO (1964) cultiva unha temática moi variada (desde o xénero negro ata a evocación da infancia) nos moitos relatos e novelas publicados ata o momento. As rulas de Bakunin está protagonizada por un vello loitador anarquista e desenvólvese ao longo de case todo o s. XX.

Nos últimos anos desta etapa está a producirse un boom de narrativa de mulleres (como sucedera pouco antes na poesía) que aínda sendo moi variada posúe algúns trazos comúns:
protagonismo feminino, cuestionamento dos valores patriarcais e dos roles tradicionais, as relación entre mulleres... Os nomes máis destacados son ROSA ANEIROS (1976), TERESA MOURE (1969) con Herba moura ambientada no s. XVI en Suecia e Ámsterdam e MARÍA REIMÓNDEZ (1975), cuxa obra O club da calceta trata sobre a condición feminina na sociedade actual a través de seis protagonistas moi diferentes. 

Mención á parte merece a literatura infantil e xuvenil (frecuentemente premiada fóra das nosas fronteiras). Algúns dos seus autores, aínda que ningún deles se dedica en exclusiva a este xénero son:
PACO MARTÍN (1940): A máis lida, premiada e traducida de toda a súa obra é Das cousas de Ramón Lamote (1985), humorística e fantástica, os eu protagonista fai cousas extraordinarias, como debuxar soños ou organizar carreiras nas nube sen contraste coa xente común coa que convive. Ultimamente publicou Das novas cousas de Ramón Lamote (2008).
MARILAR ALEIXANDRE (Madrid, 1947): Incorporouse serodiamente á literatura galega coa publicación en 1989 de A formiga coxa, infantil; outra obra xuvenil, de aventuras é A expedición do Pacífico (1994).
FINA CASALDERREY (Xeve, 1951): Mestra pontevedresa e autora de grande éxito con moitas das súas obras, desde nenos pequenos ata adolescentes, con multitude de premios e traducida a todas as linguas da península. ¡Asústate, Merche! (1994) O misterio dos fillos de Lúa (1995), Dúas bágoas por Máquina (1991) ...
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947): Entre os numerosos títulos que escribiu ata agora, atopamos unha ampla variedade temática: dende narracións de medo (Cartas de inverno, Aire negro) ata novelas de anticipación (O centro do labirinto), pasando por outros que recollen historias realistas (Trece anos de Branca, Rapazas). Unha característica presente nunha boa parte dos seus libros é a irrupción dalgún elemento fantástico no mundo real (Cos pés no aire, As flores radiactivas, Amor dos quince anos, Marilyn, Avenida do Parque, 17, As fadas verdes), moitas veces adobada cunha abondosa carga de ironía e humor (O laboratorio do doutor Nogueira, Contos por palabras). O seu último libro, polo de agora, é Noite de voraces sombras, unha novela onde aborda o qué significou a guerra civil desde os ollos dunha rapaza de hoxe.


Tema 12.
O teatro de fins do XX e comezos do XXI. temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes.

A importante recuperación do teatro galego a partir da década dos setenta vaise ver fortalecida nas seguintes. Ademais da consolidación de autores como Manuel Lourenzo, Roberto Vidal Bolaño ou Euloxio Ruibal, aparecen outros novos como Xesús Pisón, Joao Guisan Seijas, Miguel Anxo Fernán-Vello, Cándido Pazó, Miguel Anxo Murado e Inma A. Souto que van posibilitar a progresiva normalización da nova dramaturxia.
Paralelamente, a produción escénica vai gozar dunha boa saúde mercé á gran diversidade de grupos que comezan a súa singradura a comezos dos oitenta (Uvegá Teatro, Teatro de Ningures, Tranvía teatro, Teatro do Morcego, Sarabela teatro, etc.) e ao mantemento en activo doutras compañías xa existentes (Antroido, Teatro do Noroeste…). Por outra banda, o Centro Dramático Galego vén desempeñando dende 1984 un labor esencial como centro artístico, posibilitando que diversos creadores e profesionais poidan desenvolver a súa actividade.
Esta nova xeración dos oitenta vai ir abandonando paseniño o teatro de temática social da década anterior para abordar novos problemas dende perspectivas diferentes. A heteroxeneidade será, pois, o que defina a este grupo de autores que se caracterizan por presentar nas súas obras unha predominante vocación cultista, materializada nuns textos de alta densidade lírica e de forte contido simbólico. A isto pódenselle engadir outras características xerais como o emprego da ironía e o humor, a usual presenza da parodia, ou o anonimato que caracteriza os personaxes.
Os autores desta xeración máis destacados son:
§  Xesús Pisón (1954), un dos autores máis representados no ámbito do teatro para a infancia e a mocidade, deu ao prelo obras como O xigante don Gandulfo, señor de Tentequedo (1980); o pauto (1983) e O rei aborrecido (1984). A obra de pisón, que nas primeiras pezas se decantaba pola farsa satírica e esperpéntica, oriéntase na actualidade á recreación de conflitos máis complexos, que teñen que ver coas sempre difíciles relacións humanas.
§  Manuel Guede Oliva (1956). Tradutor e adaptador de autores clásicos (Molière, Shakespeare, Ibsen...) foi director do Centro Dramático Galego durante tres lustros, foi premio Álvaro Cunqueiro (o máis prestixioso en teatro) no ano 2006 cunha obra protagonizada por La Bella Otero.
§  Joao Guisan Seijas (1957), actor, director, investigador etnoteatral, narrador e dramaturgo, escribiu Crónica dunha amante feia, premiada en ferrol en 1978, e Un cenário chamado Frederico (1985), peza esta última que constitúe un dos textos máis anovadores e interesantes da dramática galega máis contemporánea no que Guisan retoma técnicas e recursos propios do teatro de máscaras de Otero Pedrayo para elaborar unha situación dramática na que o propio escenario se converte no verdadeiro protagonista dun conflito imposible.
§  Miguel Anxo Fernán-Vello (1958) desenvolve un intenso traballo como poeta, ensaísta e dramaturgo; publica A tertulia das máscaras, Cuarteto para unha noite de verao e A casa dos afogados, un drama fantástico no que o autor recrea a realidade sempre fronteiriza da fisterra, rexión poboada de brumas, pantasmas, seres enigmáticos da Galicia máxica.

Nos anos 90 o teatro galego caracterízase pola continuidade (e consolidación) de autores de promocións anteriores e pola presenza doutros máis novos que, a través dunha interesante traxectoria profesional, se preocupan por crear obras literarias de coidada estrutura, de fácil representación e cunha menor carga simbólica que as da xeración anterior.
Unha característica fundamental desta xeración de novos autores vai ser a estreita vinculación coa práctica teatral de moitos deles, feito que porén non vai incidir nos trazos formais ou temáticos dos seus textos, xa que o texto dramático convértese nun produto literario cun valor propio, produto que para ser consumido xa non precisa do abeiro da escena.
Ademais doutros autores, destacan neste período Cándido Pazó, que inicia a súa traxectoria como actor no grupo vigués A Farándula para logo, xa como director, crear Tranvía e posteriormente participar na aventura cooperativa de Ollomoltranvía, grupo co que puxo en escena Commedia, un xoguete para Goldoni, persoal adaptación dun guión dramático do autor italiano. Lino Braxe publica unha serie de textos nun volume que leva por título A promesa. Co monólogo A actriz gaña o XII Concurso de Teatro Breve da Escola Dramática Galega; un fermoso texto no que unha actriz, mentres realiza un exercicio de improvisación, crea situacións que dan conta dunha imaxinaria traxectoria vital e profesional. Miguel Anxo Murado ten publicadas dúas interesantes pezas nas que recrea vellos argumentos partindo da reelaboración das situacións e propondo novas solucións a conflitos coñecidos. Outros autores a ter en conta son Quico Cadaval, Raúl Dans e Inma António Souto.
 (721 palabras)


CANCIONEIRO DO MAR


Open publication - Free publishing - More literatura


MANUEL MARÍA FALA DE DON RAMÓN OTERO




Open publication - Free publishing - More historia


ACHEGAMENTO ESQUEMÁTICO Á HISTORIA DA LITERATURA GALEGA

Especialmente indicado para o alumnado de segundo ciclo de ESO e bacharelato. Ofrece unha visión globalizada da historia da literatura galega, fundamental antes de nos introducirmos en cada época en concreto. Lembrade que o achegamento á literatura sempre se debe facer dende os textos literarios.





LIÑAS DE ESTUDO DA LITERATURA MEDIEVAL

LÍRICA MEDIEVAL (liñas de estudo)                                   
==========================================

INTRODUCIÓN:
Logo da formación no noroeste peninsular dunha lingua romance diferenciada aparece a literatura galega escrita a finais do século XII. Na baixa idade media non se distingue da portuguesa, aínda que Portugal era un reino independente e en expansión cara ao sur.

PRODUCIÓN LITERARIA:
Lírica: a cantiga de amigo, a cantiga de amor, a cantiga de escarnio e maldicir, outros tipos... O cancioneiro relixioso: as cantigas de Santa María.
Prosa: A Materia de Bretaña, o Ciclo Clásico, Os Miragres de Santiago.
Teatro: Non se conservan textos aínda que é evidente a súa existencia.

CRONOLOXÍA:
Etapa primitiva: Derradeiros anos do s.XII e os comezos do XIII.
Esplendor ou idade de ouro: período afonsino (1240 - 1280; Afonso X en Castela e Afonso III en Portugal); período dionisíaco (reinado de Don Dinís de Portugal ata a morte do Conde Barcelos 1354.)
Decadencia: Finais do século XIV e o século XV: Escola galego castelá; Escola castelán portuguesa.

AUTORES E INTÉRPRETES:
Trobador. Xograr. Segrel. Menestrel. Soldadeiras.

TEXTOS CONSERVADOS:
Cancioneiro da Ajuda (310 cantigas, case todas de amor)
Cancioneiro da Vaticana (máis de 1200 cantigas de diferentes xéneros. Ten os nomes dos autores)
Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (antigo Colocci-Brancuti. 1647 composicións de todos os tipos. Ten o tratado “A Arte de Trovar”)
Cancioneiro de Berkeley ou Cancioneiro dun Grande d’Hespanha (copia do Cancioneiro da Vaticana)
Pergamiño Vindel (as sete cantigas de amigo de Martín Códax con notacións musicais)
Pergamiño Sharrer (sete cantigas de amor de D. Dinís de Portugal con notacións musicais)
Catro Códices que recollen as 427 composicións en honor á Virxe (cancioneiro relixioso, ademais da súa importancia literaria teñen grande valor pictórico e musical).

A LINGUA:
Situación lingüística normalizada. Lingua de todos os galegos. Non existe unha fronteira lingüística entre Galicia e Portugal. O sistema lingüístico empregado era unha especie de “koiné”, resultado de variantes dialectais ao norte e sur do Miño, á que habería que acrecentar elementos ocasionais, normalmente no léxico, do castelán, leonés, provenzal, francés antigo... Os rexistros lingüísticos nos xéneros amorosos son máis limitados e artificiosos e resultan dunha menor riqueza lingüística do que no cancioneiro satírico, ou mesmo nas cantigas relixiosas de tipo narrativo.
  
A CANTIGA DE AMIGO (liñas de estudo)                                         
===============================
 DEFINICIÓN:
As cantigas de amigo son breves cancións postas en boca dunha muller namorada. Proceden dunha tradición autóctona anterior ao trobadorismo.

CARACTERÍSTICAS XERAIS:
Fala unha muller. O tema máis frecuente é a ausencia do amigo. A palabra “amigo” é característica deste xénero.
O paralelismo: procedemento repetitivo que enlaza as estrofas de dúas en dúas, facendo que os versos da segunda estrofa sexan unha pequena variante dos versos da primeira.
O leixaprén, que consiste na repetición dos segundos versos dun par de estrofas como primeiros versos do par seguinte.
Cada unha das estrofas presenta dous versos seguidos dun refrán.
Elementos da natureza e topónimo.
Confidentes da namorada que se laia da ausencia do amigo, amado.
Escaseza de metáforas e presenza do simbolismo (cervos, noite, aves cantoras, auga, cabelos, vento...)

VARIEDADES:
Bailadas: as máis ledas, con frecuentes incitacións ao baile.
Mariñas ou barcarolas: nas que se atopa a presenza do mar.
De romaría: presentan o ambiente da festa a carón da ermida.
Albas ou alboradas: teñen como asunto a separación dos amantes ao amencer.

XOGRARES E TROBADORES:
Martín Códax, Mendiño, Xoán Zorro, Pero Meogo (especialistas de cantiga de amigo).
Bernal de Bonaval, Airas Nunes, Xohán Airas, Afonso Eanes do Cotón, Pero da Ponte, Pero Amigo de Sevilla, Paio Gómez Chariño, Fernando Esquío...

 A CANTIGA DE AMOR:
==================

DEFINICIÓN:
Constitúe unha imitación da cançó provenzal. Trátase dunha composición destinada ao canto na que o trobador se dirixía á súa dama para lle expresar o seu amor.

CARACTERÍSTICAS XERAIS:
Presenza da palabra “senhor”.
A paixón amorosa cumpre todas as leis do amor cortés: submisión total á dama, tópico de morrer de amor.
A dama descríbese como un ser case sobrenatural, perfecto na orde moral e física.
O namorado debe estar ao servizo permanente da súa señora.
O pseudónimo poético ou senhal.
                                                                                             
TIPOLOXÍA E FORMA:
Cantigas de mestría: Normalmente tres cobras ou estrofas de sete palavras ou versos cada unha.
Cantigas de refrán: Normalmente cobras de catro palavras; ao final de cada cobra aparece un estribillo ou refrán. Aparecen características formais peculiares das cantigas de amigo, como o paralelismo e o propio refrán.
Rima femia, cando os versos acaban en palabra grave. Rima macho, cando acaban en palabra aguda. O verso solto, sen rima recibía o nome de palavra perduda.
Cobras unissonans, cando todas as estrofas manteñen un único esquema de rimas. Cando o esquema de rimas varía cada dúas estrofas, cobras doblas. Cando era diferente para cada unha das estrofas, cobras singulars.
O dobre é un artificio que consiste na repetición dunha mesma palabra ou grupo de palabras en lugares simétricos dentro da mesma estrofa.
O mordobre é outro artificio que consiste na repetición dun mesmo lexema con variación de sufixos. A atá-fiinda é un sistema de concatenación de estrofas polo cal pode ser indispensábel para a comprensión dunha estrofa algunha palabra ou verso da estrofa seguinte. A fiinda é unha especie de conclusión ou remate final que aparece en dous versos ao final da cantiga.


 AS CANTIGAS DE ESCARNIO E MALDICIR
====================================

DEFINICIÓN:
Este tipo de composicións presentan unha grande importancia sociolóxica, histórica, literaria e lingüística. Proveñen dun xénero da lírica provenzal que recibía o nome de “sirventés”. A Arte de Trovar establece unha distinción entre cantigas de escarnio e cantigas de mal dicir segundo a cal as primeiras empregarían a alusión, os dobres sentidos e os eufemismos, mentres que as segundas utilizarían a sátira directa, chamando as cousas polo seu nome.

TEMÁTICA:
Sátira moral e relixiosa,  sátira política e militar, sátira literaria, sátira social, sátira de costumes e crenzas, sátira de tipos ou  persoal.


OUTROS XÉNEROS
================

PASTORELAS: Cantigas que refiren o encontro dun cabaleiro cunha pastora. O cabaleiro solicitaba o favor da moza e remataba a composición coa aceptación ou o rexeitamento por parte dela das demandas amorosas do cabaleiro.
                                                                                             
A TENZÓN: Debate entre dous autores sobre un tema defendendo diferentes posturas. Mesmo número de cobras e findas por cada un dos autores.

O PRANTO: Composición elexíaca en que o poeta canta as virtudes dun personaxe morto.


 AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA
================================

Son 427 composicións que constitúen o cancioneiro relixioso promovido por Afonso X.
As cantigas poden agruparse en dous grandes tipos: líricas (oracións, loanzas e cantos en honor da Virxe. As de loor intercálanse entre cada noves cantigas e son verdadeiras cantigas de amor nas que a Virxe é a dona a quen ama e canta o rei trobador) e narrativas (cancións nas que se contan milagres atribuídos a calquera advocación da Nosa Señora. Inícianse cun refrán lírico que se vai repetindo ao final de cada estrofa).


 A PROSA MEDIEVAL
=====================

O latín foi substituído polo castelán. Galicia, dependente primeiro da monarquía astur-leonesa e logo da castelá, non dispuxo dunha corte nin duns monarcas que ordenaran aos seus escribáns a substitución do latín polo romance, contribuíndo á fixación da lingua , como aconteceu en Castela ou en Portugal.
As materias máis importantes tratadas neste período foron as relacionadas co Ciclo Bretón (lenda de Artur, lenda de Tristán e Isolda, a lenda do Graal) o Ciclo Clásico (lendas sobre o asedio e destrución de Troia e posteriores aventuras dalgún dos heroes que participaron nela), o Ciclo Carolinxio (Os Miragres de Santiago).
Tamén hai que salientar as translacións de textos latinos ou casteláns como: “Crónica Xeral Galega”, Libros de Liñaxes, “A Crónica Galega”, “Crónica de Santa María de Iria” e escritos legais, obras relixiosas e textos didácticos.



CALIGRAMAS 

Caligramas orixinais, únicos... Construídos co xenio creador dos alumnos e alumnas de 4ºA do IES Isaac Díaz Pardo. Merece a pena abrir o libro e deixarse levar pola maxia da palabra que se ve.




Open publication - Free publishing - More arte

RETRATOS








No hay comentarios:

Publicar un comentario