MATERIAIS PARA SELECTIVIDADE

Xorde esta nova sección para lle facilitar ao alumnado de 2º de bacharelato o acceso aos materiais de utilidade para a preparación da proba de Lingua Galega e Literatura de acceso á universidade (selectividade).

DOCUMENTOS:
1. Estrutura do exame de selectividade e criterios de corrección das ditas probas.
2. Seis temas de sociolingüística.
3. Doce temas de literatura galega.
4. Propiedades textuais. Modalidades textuais.
5. Recordatorio: O sistema vocálico.
6. Os valores de "SE".
7. Recordatorio: A posición dos pronomes persoais átonos (clíticos).
8. Recordatorio de léxico-semántica.
9. Apuntamentos de sintaxe (primeiro achegamento).
10. Estrutura interna da palabra.
11. Relacións semánticas. (ficha recordatorio).
12. Uso das maiúsculas.
13. O verbo.


1. ESTRUTURA XERAL DA PROBA DE SELECTIVIDADE DE LINGUA GALEGA E LITERATURA

I. Competencia comunicativa 5 puntos
a) Comprensión textual 2 puntos (2 preguntas de 1 punto)
b) Produción textual 3 puntos (1 pregunta)
II. Contidos específicos da materia 5 puntos
c) Lingua e gramática 2 puntos (2 preguntas de 1 punto)
d) Sociolingüística 1 punto (1 pregunta)
e) Literatura 2 puntos (1 pregunta)

I. Consideracións relativas á parte de competencia comunicativa
Trátase de avaliar a competencia comunicativa do/a alumno/a, na súa dupla dimensión de comprensión e produción de textos. Consonte o determinado polas propias directrices do DCB da materia, é “obxectivo fundamental” dela “a adquisición e mellora da competencia comunicativa, entendida esta como unha competencia ampla que lle debe reportar ao alumnado a capacidade para usar a lingua (tanto no nivel produtivo coma receptivo e interaccional) nas diversas esferas da actividade social e individual”.

a) Comprensión textual (preguntas 1 e 2)
Formularanse dúas cuestións breves —cunha valoración de 1 punto cada unha— sobre algún aspecto de interpretación e análise do texto proposto, na liña das que a continuación se indican a modo de exemplo:
·      Resumo breve do texto ou dunha parte del.
·      Estrutura do texto.
·      Ideas principais e secundarias.
·      Intencionalidade do texto. O alumado deberá comprender o sentido real do texto, máis alá da súa literalidade, percibindo recursos como, por exemplo, a ironía.
·  Opinión do autor sobre algún aspecto que se indique. Tamén aquí o alumnado deberá comprender o sentido real do texto, máis alá da súa literalidade, percibindo recursos como, por exemplo, a ironía.
·      Significado concreto no texto dalgunhas palabras ou expresións contidas nel.

b) Produción textual (pregunta 3)
Pediráselle ao alumno/a que constrúa un texto persoal cunha extensión aproximada de 200-250 palabras sobre un tema proposto, relacionado dalgún xeito co contido do texto do exame. Nesta pregunta valorarase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado e adecuado á situación comunicativa. A cualificación da pregunta (3 puntos) desagregarase en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito:

b.1 Construción textual: 1 punto. Valorarase:
·      A adecuada selección da información, coa presenza daquela que sexa pertinente e necesaria para que o texto resulte comprensible. Terase en conta a capacidade para evitar clixés, estereotipos, lugares comúns e ideas excesivamente previsibles, así como unha orixinalidade gratuíta e afastada do contido do texto da proba.
·      A coherencia discursiva. A sucesión de enunciados do texto debe presentar continuidade temática e progresión informativa. Non debe ademais introducir contradicións.
·      A organización da información: estruturación do texto (p. ex., introdución, desenvolvemento e conclusións), argumentación e organización en parágrafos.

b.2 Adecuación léxico-gramatical: 1 punto. Valorarase:
A capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Terase en conta o manexo apropiado dos rexistros da lingua nas escollas lexicais e nas construcións gramaticais. O texto deberá evitar polo tanto trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados, así como aqueles que amosen un requintamento afectado. En definitiva, valorarase o bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais coma léxicos.

b.3 Corrección ortográfica e gramatical: 1 punto. Valorarase:

·      O correcto dominio da ortografía e os signos de puntuación, así como a gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar.

·      A elaboración de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada suporá unha diminución proporcional da valoración global da pregunta.


II. Consideracións relativas á parte de contidos específicos da materia
c) Lingua e gramática (preguntas 4 e 5)
Formularanse dúas preguntas breves sobre contidos de:
·          fonética
·          fonoloxía 
·          morfoloxía
·          sintaxe
·          semántica
·          lexicoloxía
·          dialectoloxía
As preguntas gramaticais poderán conter algunha cuestión de gramática comprensiva, como xa aconteceu en exames anteriores (vid. tamén o modelo de exame e os criterios de corrección dese exame modelo incluídos nesta mesma páxina). Nelas comprobarase a capacidade do alumnado para explicar as diferenzas no uso dunhas ou outras construcións gramaticais.
Como vén sendo habitual, na resposta a estas preguntas poderá empregarse calquera das terminoloxías lingüísticas existentes, sempre que se faga de maneira coherente.

d) Sociolingüística (pregunta 6)
Formularanse dúas preguntas (das que o/a alumno/a deberá responder só unha) que versarán sobre os contidos que figuran no DCB baixo a epígrafe “A sociolingüística”. As posibles preguntas, que corresponden literalmente co enunciado dos temas tal e como figuran neste documento, son:
1.- As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos.
2.- Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.
3.- Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización.
4.- O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
5.- O galego de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
6.- O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
Agárdase do alumnado unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa puntuación que se lle concede á pregunta e co tempo do que se dispón para o exame. Sería desexable unha extensión aproximada dunhas 200 ou 250 palabras.
Ao se tratar dunha extensión breve para unha pregunta deste tipo, valorarase a capacidade para seleccionar e presentar a información máis relevante sobre o tema escollido, así como para evitar divagacións e xeneralidades.
e) Literatura (pregunta 7)
Formularanse dúas preguntas (das que o/a alumno/a deberá responder só unha) que versarán sobre os contidos que figuran no DCB baixo a epígrafe “A literatura”. A pregunta será necesariamente unha das seguintes:
1.- A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.
2.- A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas.
3.- A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo).
4.- O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós.
5.- A poesía entre 1936 e 1975: a Xeración do 36,a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas Minervais.
6.- A prosa entre 1936 e 1976: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas).
7.- A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas.
8.- O teatro galego entre 1936 e 1976: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.
9.- A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro.
10.- A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes.
11.- A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes.
12.- O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes.
Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
·  Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias,iniciativas, tendencias, etc.
·   Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
·  Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega. 

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.

Observacións comúns para as preguntas 6 e 7:
1) Nestas dúas preguntas ofreceranse dúas posibilidades para que o alumnado realice unicamente unha delas. Estas dúas posibilidades serán as mesmas nas Opcións A e B do exame. Deste xeito poderá escollerse unha ou outra opción sen que inflúan as preferencias nas preguntas de sociolingüística e de literatura.
2) A pesar de que as preguntas 6 e 7 serán formuladas sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase a elaboración dun texto persoal, e non dunha reprodución puramente memorística.

Consideracións relativas á corrección lingüística:
De igual maneira que se veu facendo nestes anos pasados, valorarase a corrección lingüística do exame. Os erros poderán descontar até un máximo de 2 puntos sobre a cualificación global. O cálculo levarase a cabo segundo a seguinte clasificación:
Moi graves: solucións que son alleas ao sistema lingüístico do galego, como tempos compostos, mala colocación do pronome persoal átono, etc. Descontaranse 0,2 puntos por cada un.
Graves: solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y, etc.) e acentuación diacrítica. Descontarase 0,1 punto por cada un.
Leves: solucións galegas alleas ao estándar vixente e acentuación non diacrítica. Descontaranse 0,05 puntos por cada un.

Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3 xa que, tal como se indicou, na propia valoración da pregunta está incluída a avaliación da corrección lingüística do texto producido.



2. SEIS TEMAS DE SOCIOLINGÜÍSTICA


PARA REFLEXIONARMOS PREVIAMENTE

 As linguas non existen sen a xente que as fala, e a historia dunha lingua é a historia dos seus falantes. Estamos ante a concepción social da lingua.
Imos facer un pequeno e modesto achegamento á sociolingüística do galego. ¿Cal é a situación da lingua galega en Galicia?
O mundo é plurilingüe, iso fai que as linguas estean constantemente en contacto. O marco destes contactos pode ser o individuo ou a comunidade.
¿Existe conflito lingüístico en Galicia? ¿Que futuro queremos para o galego?
Existe todo un conxunto de actitudes, de sentimentos dos falantes fronte ás linguas, e fronte a aqueles que as utilizan que teñen consecuencias sobre o comportamento lingüístico.
Os prexuízos lingüísticos conducen aos individuos a menosprezar a súa propia fala ou tamén aos seus falantes.
A globalización, o transnacionalismo, a cultura de masas… lévannos a un único espazo pluridimensional, con múltiples conexións entre distintos compoñentes de diferente nivel, conexións que configuran distintos tipos de redes. Estas mudanzas están a configurar un cambio das condicións de existencia das linguas (ecosistema lingüístico) que sen dúbida van afectar as perspectivas do idioma galego.
O futuro, ¿pasa por un bilingüismo “compensado”, un bilingüismo que permita o equilibrio das linguas en contacto?
As linguas non oficiais, aínda sendo historicamente propias dun pobo, (linguas minorizadas) sofren a competencia doutra lingua allea (asumida polo estado como oficial) e que constitúe unha ameaza para a súa sobrevivencia.
                                                 
O bilingüismo é un fenómeno individual que consiste no emprego non condicionado de dúas linguas nunha situación de inexistencia de conflito lingüístico.
A diglosia é un concepto aplicable a situacións de dualidade lingüística na que a convivencia idiomática é conflitiva: hai unha lingua dominante e outra dominada en función dos usos, oficialización, normalización…
Cómpre non perder de vista a historia do galego xa que hai uns séculos de opresión sobre a nosa lingua e de imposición doutra que non conseguiron acabar co galego, aínda que si conseguiron o seu desprestixio social e a perda de importantes usos así como tamén cortar a súa evolución.
Lembremos a historia da lingua, a expresión oral, o pobo, o rexurdimento e a necesidade de establecer unha norma común, estender os seus usos e vencer os prexuízos e complexos. Os vellos petrucios son os protagonistas, tamén nestes momentos. Durarán sempre?
A problemática lingüística é unha cuestión social, cultural e política. Un desafío para a cidadanía.
A situación do galego é complexa, as solucións non son doadas e presentan certos problemas. É certo que algúns veñen herdados da súa historia, pero outros son consecuencia de erros acumulados nestes últimos tempos:
·         As disputas normativas.
·         Exclusivismo sectario e identificación da lingua cunha ideoloxía determinada.
·         Denuncias e pesimismo. Non se salientaron nunca os avances.
·         Como os prexuízos lingüísticos se trasladan tamén aos seus falantes.
·         A necesidade de partir do propio para chegar ao universalismo do multiculturalismo.
As campañas de normalización lingüística foron mal planificadas?
Cales son os obxectivos da normalización lingüística: Monolingüismo, ou bilingüismo “harmónico”? Existen outros camiños?

A importancia da lingua inicial ou materna.
Despois de trinta anos de normalización lingüística: como podemos describir a situación actual do galego?

ALGUNHAS CONCLUSIÓNS TIRADAS DO MAPA SOCIOLINGÜÍSTICO DE GALICIA

· A lingua inicial de máis da metade dos galegos é a lingua propia e unha persoa de cada seis é bilingüe inicial.
· Os novos falantes poden adquirir ambas as dúas simultaneamente.
· Tres de cada cinco galegos son máis ben galego falantes.
• A inmensa maioría dos galegos declara entender o galego.
• Dous terzos aseguran saber falalo fluidamente.
• Algo máis da metade declara saber lelo.
• Menos dun terzo se declara competente para escribilo.
• De todos os xeitos, en xeral, o galego fálase máis no rural, por parte das persoas con profesións menos cualificadas e con menor nivel de estudos.
• A partir do tramo (26 a 35 anos) a caída do galego como lingua inicial fréase.

COMO CONSECUENCIA?
As linguas non son simplemente instrumentos de comunicación, senón recursos para o desenvolvemento integral das persoas, polo tanto teñen a consideración de bens culturais e son conformadores de identidade colectiva.
A recuperación do galego é unha tarefa colectiva. A cidadanía debe aspirar a un bilingüismo equitativo que permita o desenvolvemento da lingua propia.
En contextos de bilingüismo desigual, o predominio no sistema educativo da lingua ambiental dominante reforza a marxinación da lingua subordinada. A diglosia continúa vixente e a substitución lingüística, a pesar dos avances, aínda é unha ameaza. Debemos propugnar o monolingüismo defensivo dos galegofalantes como estratexia para acadar un bilingüismo igualitario.
Podemos hoxe describir a situación sociolingüística de Galicia recorrendo aos conceptos de diglosia e substitución lingüística?
O futuro pasará polo bilingüismo produtivo en galego e en castelán e por unha boa competencia en inglés?
O galego debe establecer contactos estreitos co portugués?
Precisa o galego dunha área territorial, funcional e comunicacional de especial protección na que terá estatus preferente?

PARA DESCRIBIRMOS UNHA LINGUA 

Perfil histórico e literario.
Análise da situación xurídica, política, administrativa e socioeconómica.
A súa práctica social.
Persoas que a falan por tramos de idade-
Niveis de uso no ensino.
Utilización nos medios de comunicación.
Presenza na vida profesional e comercial.

Tema 1.
As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos.

A función básica dunha lingua é a de servir como medio de comunicación entre os membros dunha comunidade. Dependendo do ámbito de uso da lingua, a función comunicativa concrétase ou non noutras funcións máis específicas. Falar galego, por exemplo, é algo máis que empregar un instrumento de comunicación; é un acto social no que, entre outras cousas, se pon de manifesto a vinculación a unha cultura, a un territorio…
O termo bilingüismo designa a capacidade que ten unha persoa para se expresar máis ou menos con igual destreza en dúas linguas (bilingüismo individual); en sentido colectivo (bilingüismo social) refírese á comunidade na que se empregan dúas linguas, sendo bilingües boa parte dos seus individuos. O bilingüismo é motivo de enriquecemento para o individuo, mais é difícil que as linguas se atopen en situación de igualdade e proporcionalidade totais dentro dunha comunidade.
A diglosia é un concepto lingüístico que se aplica a situacións de conflito lingüístico e desemboca na superposición dominante dunha lingua, no noso caso o castelán, sobre outra, o galego. Esta posición dominante maniféstase nos usos sociais, na oficialización e na normalización e difusión. A lingua dominada é pouco empregada na escrita e é propia da comunicación oral, familiar e de actividades de ámbito restrinxido.
O conflito lingüístico dáse cando nunha sociedade se produce unha convivencia lingüística desequilibrada e diglósica entre dúas ou máis linguas. Esa situación conduce ao dominio dunha lingua sobre outra e incide fundamentalmente na desigualdade do uso de ambas as dúas, no maior prestixio dunha en detrimento da outra e incluso na posible substitución dun idioma por outro.
En Galicia é obvia a presenza de dúas linguas: unha, o galego, é a propia do país e outra, o castelán, de fóra, imposta dende a Idade Media. Esta dualidade, ¿presenta unha situación de equilibrio, igualitaria e de non discriminación ou pola contra se manifesta conflitiva e discriminatoria?
A situación lingüística en Galicia dende o século XVI está determinada pola coexistencia diglósica, conflitiva e desequilibrada entre o castelán e o galego. O castelán substituíu o galego nos usos escritos e formais relegándoo á comunicación oral e informal. Produciuse deste xeito unha especialización lingüística e unha xerarquización que levou ao castelán á consideración de lingua alta, de poder e de prestixio e ao galego a ser considerada a lingua baixa, de segunda clase, menosprezada e minorizada.
Nestes momentos, a pesar de que existen disposicións legais que protexen e difunden o galego como lingua oficial de Galicia; a pesar de que o galego é lingua vehicular no ensino, que está presente (de desigual modo) nos medios de comunicación de masas, e a pesar das campañas de normalización lingüística, a lingua propia de Galicia segue a ser unha lingua de segunda, unha lingua de usos restrinxidos. O pretendido bilingüismo harmónico, é dicir, a convivencia das dúas linguas en pé de igualdade dentro de Galicia é probable que desemboque na substitución da máis feble.
É certo que o galego foi experimentando unha crecente presenza pública no seo da sociedade e estase a introducir en áreas e ámbitos de uso antes exclusivos do castelán, aínda así a existencia de prexuízos lingüísticos determina que na práctica cotiá a situación do galego segue a ser diglósica. Entre os prexuízos que existen sobre a lingua galega hai algúns que xa veñen de vello: O galego é lingua de pobres, o galego é lingua de aldeáns, o galego non serve fóra de Galicia, o galego é un idioma imposto…,  pero hainos tamén modernos, resultado do proceso de estandarización: o galego estándar é un idioma inventado, o galego dos libros non o entendo. Todas estas ideas preconcibidas inflúen na percepción e nos usos lingüísticos dos cidadáns, que poden provocar mesmo un complexo de inferioridade con respecto á súa lingua inicial (autoodio). Os prexuízos cumpren unha función defensiva, xa que se utilizan co fin de xustificar e manter a posición dominante de certos grupos sobre outros. Son ademais difíciles de detectar porque a xente intenta ocultalos ou polo menos “disfrazalos”, sexa de xeito consciente ou inconsciente. O certo é que malia que a gran maioría da poboación ten competencia lingüística en galego, usa cada vez máis o castelán.
A alternativa a esta situación conflitiva pasa necesariamente por un proceso de normalización lingüística que restaure o unilingüismo natural eliminando as situacións diglósicas, o cal non debe ser incompatible co bilingüismo ou trilingüismo que todo individuo debe procurar. A  cidadanía debe aspirar a un bilingüismo equitativo que permita o desenvolvemento da lingua propia. A diglosia continúa vixente e a substitución lingüística, a pesar dos avances, aínda é unha ameaza. Por esa razón debemos propugnar o monolingüismo  defensivo dos galegofalantes como estratexia para acadar un bilingüismo igualitario.
                                                                                                                                   (794 palabras)

Tema 2.
Linguas minorizadas e linguas minoritarias. A normalización do galego.

Actualmente existen no mundo unhas seis ou sete mil linguas. En canto ao número de falantes, as linguas máis estendidas son o chinés mandarín, o inglés, o hindi, o español, o ruso, o árabe, o portugués… Esta gran diversidade lingüística correspóndese tamén cunha gran variedade de situacións nas que se poden atopar as linguas dende o punto de visto político:
Linguas con estado e linguas sen estado: as que representan de forma oficial e legal un estado e as propias de territorios que non teñen independencia política.
Linguas oficiais en máis dun estado: portugués, español, inglés…
Estados unilingües: nos que se fala unha soa lingua.
Estados plurilingües: nos que se falan varias linguas.
As linguas hexemónicas gozan dun gran prestixio social, determinado pola existencia dun poder político-económico que as potencia.
Consideramos linguas minoritarias aquelas que no territorio de seu teñen un número realmente reducido de falantes (o aragonés en Aragón, por exemplo). Pola contra, catalogamos como linguas minorizadas aquelas variedades lingüísticas de pequena extensión pero claramente maioritarias no seu territorio propio, que están sometidas a condicións sociais tales que ven restrinxidas as súas funcións de uso.  A competencia desigual cunha ou varias linguas alleas de maior prestixio constitúe o factor básico desencadeante desta situación.
O galego, un idioma que nunca perdeu a súa condición de lingua maioritaria no seu territorio propio, padeceu durante séculos unha marxinación que o mantivo afastado dos usos institucionais e oficiais e relegado a condición de lingua oral familiar, situación que o converteu en lingua minorizada.
O conflito lingüístico que se produce pola primacía social entre un idioma hexemónico e unha lingua minorizada soamente coñece dúas saídas posibles: A substitución lingüística, e a normalización lingüística, é dicir, o establecemento de medidas políticas, legais, sociais e lingüísticas para a recuperación do idioma marxinado que posibiliten a posterior convivencia harmónica de ambas as dúas linguas.
Denominamos, polo tanto, normalización lingüística o proceso de adquisición por parte do galego de funcións e ámbitos de uso e recuperación daqueles que lle foron usurpados polo castelán. A normalización pretende restaurar na sociedade o unilingüismo natural eliminando as situacións diglósicas.
O galego, lingua natural e propia de Galicia, foi desprazado polo castelán, lingua foránea, dos espazos que naturalmente ocupaba. Normalizar o galego significa, pois, recuperar a súa presenza exclusiva en todo tipo de ocasións e actividades da vida social, cultural, comercial, administrativa, de relación…
O novo marco político deseñado a partir da Constitución de 1978, do Estatuto de Autonomía de Galicia (1981), da Lei de normalización lingüística de 1983 e das demais disposicións e decretos que a desenvolven provocaron importantes avances cualitativos no seu prestixio e recuperación social ocupando terreos ata entón pouco propicios: actuación política institucional, ensino, medios audiovisuais… Porén hai quen entende que este proceso é aínda minoritario e pouco cristalizado xa que se dá unha certa reticencia e resistencia, cando non oposición frontal, en relación ao galego.
O galego chega ao século XXI con presenza en todos os ámbitos e emprego real en todas as funcións da sociedade que constitúe o seu espazo cultural natural. Pero, polo de agora non podemos considerar rematado o proceso de normalización lingüística xa que existen actitudes que seguen a considerar o galego como unha lingua máis acaída para falar cos amigos e familiares, na aldea e coa xente de máis idade, e o castelán a lingua que debe empregarse de maneira preferente no comercio, na igrexa, no xulgado, na universidade e, en xeral, nos intercambios sociais máis formalizados.
Segundo os datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia, a porcentaxe dos que falan galego decrece drasticamente conforme diminúe a idade das persoas. Desta maneira, de non mudaren os indicadores, a situación evolucionaría de maneira moi negativa para o galego, xa que un descenso tan severo do número de falantes podería mesmo facer perigar a propia supervivencia da lingua. Aínda que estudos máis recentes confirman un estancamento desa tendencia de diminución, a creba do proceso que transmitía o idioma de pais a fillos segue a constituír unha seria ameaza para o futuro da lingua.
(681 palabras)

Tema 3.
Historia da normativización: A construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.

Entendemos por normativización dun idioma a regulación do tipo de idioma a empregar, é dicir, unha variedade unificada, común a todos os seus falantes. Está estreitamente emparellada coa súa normalización, coa súa implantación xeral na sociedade. O proceso de normativización ou estandarización lingüística ten a súa plasmación concreta na determinación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario do idioma.
O galego, sometido dende o século XVI a unha situación diglósica que o reduciu a ser unha lingua oral, experimentou un proceso de deterioro do seu sistema lingüístico, alterado pola intromisión do castelán e asistiu a unha disolución da súa unidade básica ao carecer dun referente culto que servise como modelo uniformizador. As consecuencias disto foron a castelanización e a dialectalización do idioma.
Cando no século XIX o galego gaña outra vez o espazo escrito, os seus cultivadores encóntranse cun idioma fragmentado, rústico, de vocabulario limitado e que suplía as súas insuficiencias co modelo do castelán. A pesar de estar xa presente dende os primeiros momentos a necesidade de lograr unha unificación da lingua escrita, cómpre esperar ao século XX para que xurdan as primeiras propostas dunhas normas comúns.
Nos anos 1970-71 a Real Academia Galega (RAG) fai públicas unhas Normas ortográficas e Morfolóxicas  que recollían gran parte das solucións que se xeneralizaran, máis ou menos espontaneamente, no galego escrito. En 1971 créase na Universidade de Santiago de Compostela o Instituto da Lingua Galega (ILG) que publica nesa década os primeiros métodos de aprendizaxe do noso idioma. En 1980 a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG) edita as Orientacións para a escrita no noso idioma, que terán unha versión reintegracionista no ano 1982. Nese mesmo ano de 1982, o ILG e a RAG elaboran as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, declaradas oficiais pola Xunta de Galicia. Dende aquela, estas normas foron actualizadas e revisadas en 1995 e en 2003.
Existen dúas grandes tendencias no que se refire á normativización do galego. A tendencia reintegracionista propugna a aproximación do estándar galego ao do portugués de Lisboa. Fronte á postura reintegracionista, os partidarios da normativa oficial, sen negaren a existencia dun estreito parentesco e dunha fase común galego-portuguesa, defenden a identidade do galego como lingua autónoma e independente do portugués e toman como punto de partida o galego oral, depurado dos elementos espurios provocados pola convivencia desequilibrada co castelán.
A normativa representa o galego común ou estándar, que a través dunha gramática e dun dicionario normativos, fixa uns usos apropiados da lingua e exclúe as chamadas interferencias e desviacións da norma.
Os hipergaleguismos ou hiperenxebrismos son formas creadas artificialmente por reacción diferencialista con relación ao castelán. Consiste en galeguizar aínda máis aquelas palabras que o galego comparte co castelán en virtude de falsas analoxías. É o caso de primaveira (por primavera), humán (por humano), gasoliña (por gasolina), labourar (por laborar), etc.
Os vulgarismos  afectan case sempre á fonética e son propios do galego oral. Consiste na alteración do vocalismo ou consonantismo das palabras por cambio dun fonema por outro. É o caso de marmurar (por murmurar), probe (por pobre), espranza (por esperanza)…
Os arcaísmos son o resultado de querer depurar a lingua botando man de formas medievais para substituír palabras plenamente galegas, aínda que idénticas ou parecidas ao castelán. Algúns arcaísmos son: vegada (por vez), nascer (por nacer), tíduo (por título), etc.
Por outra banda, as linguas adoitan incorporar ao seu léxico termos procedentes doutras, que se coñecen por ese motivo co nome de préstamos. Hainos necesarios e aceptables que cobren lagoas léxicas que van xurdindo. Pero hai outros que son innecesarios xa que para o seu significado si existe unha palabra propia na lingua receptora. Estes últimos son os que se denominan interferencias e son debidos á presión sociocultural dunha lingua dominante. Na nosa lingua a maior parte das interferencias proceden do castelán (castelanismos), aínda que tamén veñen do inglés (anglicismos) e tamén do portugués (lusismos).
A peculiar convivencia, de matices diglósicos, entre galego e castelán determina que esta última se vexa máis protexida que o galego fronte ás interferencias e poida manter mellor a súa identidade lingüística. O grao e intensidade das interferencias varía segundo os individuos e as situacións, mais poden afectar a todos os planos da lingua: fónico, ortográfico, morfosintáctico e léxico.  Son castelanismos parexa (por parella), conexo (por coello)… boda (por voda), atmósfera (por atmosfera)… a leite (por o leite), o calor (por a calor)… o sentía na alma (por sentíao na alma), vou a contar un conto (por vou contar un conto)… escoba (por vasoira), grifo (por billa)…
Dende o momento en que existe a variedade estándar dun idioma, esta adoita a converterse na variedade de máis prestixio e, en consecuencia influirá nas distintas variedades tradicionais (xeográficas e sociais). As dúas variedades poden coexistir sen problema nunha distribución axeitada de funcións. Mentres as tradicionais se utilizan en situacións comunicativas informais, á variedade estándar correspóndenlle as funcións públicas e formais e, por suposto, as escritas.
(830 palabras)

Os temas 4, 5 e 6 comparten o primeiro parágrafo de presentación.

HISTORIA DA LINGUA: SÉCULOS XX E XXI.
Ao longo do século XX foise consolidando o proceso de normalización da lingua galega ao acceder a novos ámbitos de uso que ata ese momento lle estaban vedados: ensaio, narrativa, actos públicos, ensino, administración pública, correspondencia privada… En termos xerais, a consideración pública acerca do galego foi mellorando pouco a pouco ata acadar nestes últimos anos o recoñecemento oficial como lingua propia de Galicia. Con todo, existen notables diferenzas no transcorrer do século XX e na actualidade os datos de galegofalantes monolingües en galego e as porcentaxes do seu uso en termos absolutos determinan, cando menos, unha certa preocupación en canto á supervivencia da nosa lingua.
(109 palabras)
Tema 4.
O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

Neste período que vai dende o 1900 ata a Guerra Civil de 1936/39, continúase o labor dignificador da lingua galega iniciado no século anterior grazas a unha serie de iniciativas orientadas a superar os moitos atrancos cos que se atopaba a cultura galega.
En 1906 fúndase a Real Academia Galega (RAG), unha iniciativa iniciada polos intelectuais decimonónicos e que se fará realidade a principios do século XX con dous claros obxectivos: a elaboración dun dicionario e unha gramática.
Coa aparición das Irmandades da Fala (1916) prodúcese un salto cualitativo no emprego do idioma a nivel cultural e o galego utilizarase nos actos públicos, no xornalismo, no ensaio político, nos textos científicos… Creadas para a defensa, dignificación e cultivo do idioma, tiveron o seu momento cume en 1918  na celebración da “I Asemblea Nazonalista Galega” onde, sen abandonar o obxectivo lingüístico, formulan  un plan máis amplo de recuperación política, social e económica de Galicia que se resume en dous grandes obxectivos: autonomía para Galicia e o galego lingua oficial.
En 1920 xorde en Ourense a revista “Nós”, integrada por Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, e que conta coa colaboración de Lousada Diéguez, Castelao e outros e que pretende servir de canle de expresión para a posta ao día e potenciación da cultura galega ata entón moi localista e excesivamente marcada pola lírica, o ruralismo e o costumismo. Para actualizar, normalizar e universalizar a cultura galega, os homes de “Nós” acollen nas súas páxinas colaboracións de autores estranxeiros, traducións, informacións e noticias do que se facía noutras literaturas, e ademais tamén se preocupaban da arqueoloxía, antropoloxía, filosofía, música…, demostrando na práctica a validez do galego para todo tipo de ámbitos, algúns dos cales lle estaban totalmente vedados como o ensaio, a lección universitaria, o discurso político, o tratado científico, a tribuna oratoria…
Precisamente, coa creación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos vaise potenciar o uso do galego na prosa científica e técnica. O Seminario vai poñer de manifesto a preocupación dun sector do mundo universitario por Galicia, que será obxecto de investigación como fenómeno natural, histórico, social, político, cultural, etc.
Coa instauración da República (1931), o galeguismo vaise reagrupar en torno ao Partido Galeguista que pretenderá conseguir a autodeterminación política para Galicia, e que se verá materializada na elaboración do Estatuto de Autonomía do 1936, que recollía no seu articulado a cooficialidade de galego e castelán na Administración e un ensino bilingüe nas escolas primarias que en niveis superiores se centraba en impartir Lingua, Historia e Literatura Galegas. Por vez primeira, despois de catro séculos, o galego parecía recuperar algunhas cotas de oficialidade.
Desta etapa podemos destacar algúns estudos lingüísticos, entre outros: Dicionario galego castelán (1928) de Leandro Carré Alvarellos Gramática do idioma galego (1922) de Manuel Lugrís Freire.
Non obstante, esta rehabilitación social do idioma coincide cunha perda porcentual de falantes monolingües en galego e o inicio dunha extensión social da diglosia. Por unha banda, o sistema de ensino que emprega o castelán como lingua única e que reprime o galego en calquera situación escolar. Por outra banda, a sangría da emigración levou fóra de Galicia a milleiros de persoas que tiñan o galego como lingua inicial. Estas circunstancias, xunto co transvasamento demográfico do rural ao urbano provoca que o proceso de recuperación de ámbitos de uso iniciados a principios de século se vexa seriamente danado.
A nivel lingüístico, o contacto co galego medieval a raíz das edicións e publicacións de documentos, cantigas e textos en prosa unido ao desexo de depuración e á necesidade de cubrir os baleiros léxicos do galego patrimonial levaron a que, cada vez máis frecuentemente, aparecesen formas arcaicas. Tamén se produce un achegamento ao portugués a onde se van buscar as referencias para a solución de problemas léxicos ou morfolóxicos. Así, o galego dos escritores deste primeiro terzo do século é un galego que a penas está marcado dialectalmente e no que se adoptan solucións tomadas da tradición literaria ou ben restauradas do portugués, o que dará orixe a numerosos arcaísmos e lusismos. Por outra banda, o diferencialismo en relación co castelán e a busca da pureza idiomática provocarán os hipergaleguismos e a pseudoevolución, configurando dese xeito un galego afastado da práctica falada normal, arbitrario e como de laboratorio, que continuará con certa vixencia posteriormente á Guerra Civil.
(713 palabras)
Tema 5.
O galego de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

A partir do ano 1939, finalizada a guerra civil, iníciase en Galicia, unha vez máis, un período de interrupción das actividades culturais e lingüísticas propias. A nova orde imposta caracterízase pola represión de todo aquilo que supoña un feito diferencial tanto a nivel político, como cultural ou lingüístico. A igrexa, a escola, a Administración pública, os medios de comunicación… van empregar exclusivamente o castelán. Galicia somérxese nun silencio profundo e o galego convértese nunha lingua clandestina e pouco a pouco vai ir perdendo prestixio social e, por suposto, ámbitos de uso que non sexan os exclusivamente familiares.
Prosegue o proceso de substitución lingüística durante os anos da ditadura a pesar da superioridade demográfica da lingua galega, pois a maioría da poboación segue a ser monolingüe en galego ou bilingüe galego-castelán. Non obstante, vanse afianzando os prexuízos lingüísticos que levarán ao galego á consideración de lingua inferior. A transmisión do galego como lingua materna vai ir diminuíndo na medida en que se produce a integración dos individuos de procedencia rural nas áreas urbanas e os seus fillos van ser escolarizados nun sistema lingüisticamente homoxeneizador.
Entre 1936 e 1950, anos da máis dura e pechada etapa do franquismo, a penas se publican libros en galego. Sen editoriais, mortos, silenciados ou exiliados os galeguistas a Galicia territorial cede a súa palabra á Galicia Americana: editoriais (Galiza, Nova, Citania…), reedición e edición de libros, conferencias, publicacións periódicas, emisións de radio, representacións teatrais, actos cívicos… converten Bos Aires na capital cultural e espiritual de Galicia.
No ano 1950, un grupo de galeguistas entre os que se encontraban Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Ferro Couselo e outros, nace a editorial Galaxia, que axiña se converterá nun dos principais instrumentos da recuperación cultural galega. Outras empresas literarias destacables son a revista Grial, a colección de poesía Benito Soto (dirixida por Celso Emilio Ferreiro), a colección Xistral en Lugo e o suplemento literario do diario compostelán La Noche.
Galicia vai recuperando pouco a pouco a súa voz e xorden arredor dos anos sesenta diferentes institucións e asociacións culturais O Facho, na Coruña; O Galo, en Santiago de Compostela; a Asociación Cultural de VigoAgrupación Cultural Auriense, en Ourense, e Agrupación Cultural Abrente, de Ribadavia)  que se empeñan no traballo de recuperación lingüística e cultural, de afirmación da personalidade nacional e de resistencia fronte ao franquismo. A contestación política ao réxime franquista reactívase coa fundación da UPG (Unión do Pobo Galego) en 1964 e o Partido Socialista Galego (1965) que representan un novo galeguismo que reclama o dereito á autodeterminación e adopta unha defensa decidida da lingua galega, denunciando o bilingüismo e establecendo o galego como lingua oficial de Galicia.
En 1963, co gallo do centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a Real Academia Galega institúe a efeméride das Letras Galegas cada 17 de maio. No ano 1965 a lingua e literatura galegas entran nos plans de estudo da Universidade de Santiago, sendo o primeiro catedrático Ricardo Carballo Calero, quen publica en 1966 o importante estudo lingüístico Gramática elemental del gallego común. De significación semellante é o Diccionario galego castelán (1968) de Xosé Luís Franco Grande. En 1971 créase o Instituto da Lingua Galega, organismo universitario que irá participando activamente na definición da norma culta do galego moderno.
(546 palabras)
Tema 6.
O galego a finais do século XX e comezos do XXI:  características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

Morto Franco (1975) e instaurada, despois da transición política, unha democracia parlamentaria (Constitución de 1978), Galicia dótase dun Estatuto de Autonomía (1981) e de institucións propias como a Xunta de Galicia e o Parlamento. A situación do idioma vai estar, a partir de aí, definida polo marco xurídico-legal que emana da Constitución, do Estatuto e das leis do Parlamento de Galicia.
O galego incorpórase ás máis variadas funcións: xornais e revistas (divulgativas, científicas ou culturais), ao ensino, á radio e televisión, ao libro didáctico (filosofía, matemáticas, xeografía…); é empregado na Universidade, na Administración, na Igrexa, na publicidade… Mais a pesar desta presenza semella que aínda se está lonxe de conseguir  a recuperación total do idioma.
A calidade de utilización do galego mellorou moito a partir dos anos setenta. Ademais do xa iniciado en anos anteriores, a creación do Departamento de Lingüística e Literatura Galegas na Universidade, así como a publicación de gramáticas e manuais de aprendizaxe, os cursos de galego promovidos por diferentes entidades e, en xeral, a maior preocupación tanto individual como colectiva pola calidade do galego empregado, contribuíron notablemente a aumentar o nivel de corrección da lingua.
 En 1982, froito do acordo entre a Real Academia Galega e mais o Instituto da Lingua Galega, publícanse as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que definen o estándar da lingua contemporánea e que a Xunta de Galicia adoptou como oficiais. Aínda que a aceptación desta normativa non foi unánime e existe por parte de determinados colectivos unha oposición que se traduce na aparición doutros sistemas ortográficos e morfolóxicos de carácter reintegracionista, o certo é que dende a revisión das normas no 2003, este rexeitamento é mínimo.
No ano 1983 promúlgase a Lei de Normalización Lingüística, que vai a supoñer entre outras cousas a incorporación da Lingua Galega ao sistema educativo oficial, o cal supón un fito histórico xa que por vez primeira os galegos comezan a ser alfabetizados sistematicamente na propia lingua. No ano 2004 apróbase por unanimidade no Parlamento galego o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, documento que deseña actuacións de promoción e defensa do idioma para o converter en lingua de uso normal en Galicia.
Malia estes cambios, a situación social da lingua galega nestes últimos anos non sufriu grandes cambios. O galego segue a perder falantes iniciais e habituais, e tampouco consegue desterrar vellos e novos estereotipos lingüísticos negativos que fan que o seu uso habitual, sobre todo nos máis novos, diminúa día a día. O galego abálase hoxe entre o positivo dos avances que se acadaron e a preocupante persistencia de síntomas moi negativos para o futuro da lingua. Na situación de conflito lingüístico que aínda estamos a vivir, de non cambiar as tendencias, o galego pode chegar a desaparecer, aínda que por outra banda, a nosa lingua xa superou ao longo da súa historia outras situacións desfavorables máis complexas.
(477 palabras)


3. DOCE TEMAS DE LITERATURA GALEGA

Tema 1:
A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.

A literatura galega nas portas do século XX recolle a herdanza do Rexurdimento, pero as novas ideas e a nova situación social van modificando o panorama literario. A sociedade galega coñeceu nas primeiras décadas do século XX unha actividade sen precedentes dende había moito tempo e a nova literatura será reflexo da nova situación. Os poetas do tempo das Irmandades da Fala (1916) van superando os esquemas da literatura decimonónica e abrindo novos horizontes cunha clara apertura aos movementos literarios da época.
Asistimos nos primeiros anos do século XX a profundos cambios sociais en Galicia: o derrube definitivo da fidalguía, a consolidación dunha pequena burguesía industrial e financeira e sobre todo, o movemento agrario, no que o campesiñado participou activamente a través das sociedades agrarias e dos sindicatos agrícolas. Basilio Álvarez, crego ourensán que en 1910 fundou Acción Gallega, vai estar relacionado directamente cos dous máximos representantes desta xeración que se move a cabalo entre dous séculos: Antón Noriega Varela e Ramón Cabanillas
Por outra banda, as Irmandades da Fala constituíronse en 1916. Os irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte foron dous dos seus líderes. A Nosa Terra, periódico voceiro das irmandades, espalla o ideario deste movemento que podemos resumir en dous grandes obxectivos: autonomía integral para Galicia no camiño dunha federación de pobos libres da Península Ibérica e oficialización da lingua galega no noso país.
Neste contexto social e político xorden Antón Noriega Varela, Ramón Cabanillas Enríquez, Gonzalo López Abente e Xerardo Álvarez Limeses como os máis xenuínos representantes dos poetas que serven de ponte entre o legado decimonónico e a literatura galega do século XX, aínda que sen conciencia de grupo xeracional, illados e sen conexión. Quizais o único aglutinante foi o agrarismo de Basilio Álvarez.
Antón Noriega Varela, mestre en Foz, faise amigo de Antón Vilar Ponte quen o pon en contacto co movemento agrarista. Compón poemas cívicos alentando á loita agraria e forma parte da redacción do periódico local  Guau Guau, de carácter anticaciquil. Trasladado a Ourense, coñece a Otero Pedrayo quen o poñerá en contacto coa literatura portuguesa que deixará unha innegable pegada na súa produción poética. Posteriormente, Noriega reacciona contra o modernismo e reafirma a súa estética de lirismo paisaxístico renegando das novas tendencias poéticas ao tempo que se desvencella progresivamente do movemento agrarista.
É autor dun único libro, que coñeceu sucesivas transformacións e que apareceu co título Montañesas (1904 e 1910) e logo co de Do ermo (1920, 1929 e 1946). Os aspectos máis salientables da súa obra son:
·         Poesía costumista. Composicións que se manteñen na liña do realismo costumista característico do século XIX a través das que expresa nun ton popular a dura vida dos labregos e tamén as alegrías festeiras da aldea.

·         Lirismo da natureza. A actitude dominante nestas breves composicións é a tenrura polas cousas humildes da paisaxe montesía. O poeta identifícase coa soidade do ermo, que alimenta a súa lírica de humildade franciscana. Nos sonetos, o poeta abandona a fala popular e introduce numerosos cultismos, moitos deles tirados do portugués, coidando a musicalidade do verso e cunha actitude esteticista e culturalista que os diferenza das composicións breves.
Ramón Cabanillas Enríquez, o poeta da raza, publica o seu primeiro libro na Habana, en 1913, co título No desterro. Dous anos máis tarde, pouco antes de volver a Galicia, publica o segundo: Vento mareiro. Na Habana mantivo contacto con Basilio Álvarez (quen escribe o prólogo de No desterro). De volta en Galicia colabora nas Irmandades da Fala e no seu periódico A Nosa Terra, converténdose na máis importante voz lírica do momento. En 1917 publica Da terra asoballada. Máis tarde chegarán Na noite estrelecida A rosa de cen follas. Virán máis obras e recompilacións ata que finalmente aos oitenta e dous anos publica a súa derradeira obra: o poema extenso Samos, composto no mosteiro do mesmo nome.
Na súa obra poética podemos diferenciar dúas grandes liñas:
·         Poesía lírica.
Dende o seu primeiro libro, No desterro, a poesía lírica de Cabanillas maniféstase en tres direccións principais: a poesía social ou combativa, de carácter agrarista e anticaciquil (o que lle vale o apelativo de sucesor de Curros); a poesía de tipo intimista (que pode lembrar a Rosalía), e a poesía costumista onde se poden observar as pegadas do Modernismo.

·         Poesía narrativa.
Un dos aspectos máis significativos da poesía de Cabanillas é a súa épica. Xa publicara en 1925 O bendito San Amaro, un poema que narra brevemente a lenda dese santo galego, pero a súa contribución principal a este xénero son os libros titulados Na noite estrelecida e  Samos.
Na Noite estrelecida (1926) recolle temas da Materia de Bretaña. A espada Escalibur, o cabaleiro do Santo Grial e o sono do rei Artur son as tres sagas que conforman este poema. Cabanillas galeguiza esta tradición da Materia de Bretaña e insúflaa coas arelas de redención e liberdade da nosa Terra. Galicia convértese en protagonista da obra.
O Poema Samos (1958)  pode ser considerado épica, pero ten un carácter máis descritivo que narrativo, e moitas partes son puramente líricas.

A produción poética de Gonzalo López Abente, natural de Muxía, está constituída por seis libros que conteñen lírica amorosa, poemas de loita, con algúns elementos modernistas ao xeito da poesía de Cabanillas, e tamén poemas nos que o motivo principal é o mar e a paisaxe da súa terra.

Xerardo Álvarez Limeses é autor de composicións de gran liberdade métrica, sumido nun lirismo agarimoso e superficial que fai gala dun galego rico e rexo. Posúe tamén unha alegre, viva e moderna visión da paisaxe.

(935 palabras)



Tema 2:
A prosa do primeiro terzo do século XX.
As Irmandades e o Grupo Nós: narrativa, ensaio e xornalismo.

A prosa galega acadou por obra dos homes da xeración das Irmandades un desenvolvemento que non tivera ata entón. Hai neste tempo unha abundante prosa didáctica ou propagandística: discursos, conferencias, ensaios, tratados de política…, como medio de expresión da ideoloxía nacionalista. A este labor desenvolvido polo movemento das Irmandades da Fala sumáronse varios grupos de intelectuais. O grupo ourensán deste grupo xeracional, composto por Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas, conferiulle á cultura galega unha altura que non tivera ata entón. Con eles a narrativa galega ábrese a horizontes novos, máis universais e, ao mesmo tempo, máis enraizados na nosa cultura.  O Grupo Nós, así chamado polo título da revista que publicaron, son os representantes dunha xeración de “inadaptados” que descubrirían e se achegarían a Galicia despois dun período intelectual por culturas estrañas. En estreita relación con este grupo, chamado tamén cenáculo ourensán, sitúase a figura inmensa de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
A figura de Antón Villar Ponte (fundador no 1916 das Irmandades da Fala) cobra especial relevancia polo seu labor periodístico e por iniciar o ensaísmo político. Foi autor de numerosas prosas de propaganda nacionalista baixo a forma de discursos, conferencias e artigos, recollidos na escolma Pensamento e sementeira, 1971. Nesta liña debemos situar tamén a Lois Porteiro Garea, do que quedan sobre todo pezas oratorias sobre o galeguismo. Hai que sinalar a Xoán Vicente Viqueira, catedrático de filosofía e autor de numerosas prosas de carácter galeguista, ensaios, artigos e conferencias, como outro dos autores destacados deste tempo das Irmandades.
O labor de creación das canles de expresión necesarias para a difusión literaria e cultural foi fundamental no proceso de modernización da narrativa galega que se desenvolveu neste período. A actividade editorial adquiriu un pulo sen precedentes. Ademais de A Nosa Terra (Idearium das Irmandades da Fala) e a Revista Nós “Revista mensual da cultura galega” (publicouse o seu primeiro número en 1920, en Ourense. O último, o 144, en 1936 en Santiago; non se chegou a distribuír por causa da guerra), a prensa en castelán contaba con frecuentes seccións en galego. A máis importante, a sección “¡Terra a nosa!” do xornal coruñés El Noroeste. A revista Céltiga (creada por Xaime Quintanilla en Ferrol) e a editorial Lar (fundada en 1924 por Ánxel Casal e Leandro Carré) resultaron tamén decisivas para a consolidación da prosa.
O Grupo Nós supuxo a consolidación e modernización da prosa galega nos seus máis variados rexistros (narrativa curta, novela, ensaio, discurso científico…). Con Nós, os inadaptados, Arredor de si e Dos nosos tempos, Risco, Otero e Cuevillas sintetizan a descuberta de Galicia e a súa xente como a máis apaixonante aventura intelectual destes individualistas que inician un traballo sistemático e colectivo de estudo, desenvolvemento e dignificación da realidade de Galicia, conectándoa directamente con Europa nun afán de modernización e de superación do illamento rural da cultura galega. Conxugan enxebrismo e europeización a través dun atlantismo celtista, como o amosa o interese prestado pola revista Nós á literatura irlandesa e á cultura bretoa.
Vicente Martínez-Risco e Agüero, autor en 1920 de Teoría do Nacionalismo Galego, tivo unha evolución ideolóxica que o afastou do Partido Galeguista e o levou, despois da Guerra Civil, a mostrar o seu apoio ao réxime franquista. A súa produción narrativa ten un carácter intelectual que se vencella coa súa obra ensaística e vén ser unha continuación do seu pensamento filosófico: esoterismo, atlantismo, visión cíclica da historia…, todo articulado como materia prima dos relatos, que supoñen unha ruptura coa narración galega de tipo folclórico ou costumista. Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919) foi a súa primeira novela, unha narración humorística con notas críticas referidas ás materias ocultistas tratadas no texto. O porco de pé (1928) é unha novela longa que supón o cume narrativo de Risco. Don Celidonio, comerciante de orixe castelá que chega a ser alcalde dunha cidade galega, configura a vulgaridade e o materialismo dunha familia da nova burguesía. A el contraponse o intelectual e espiritualista Doutor Alveiros.
Ramón Otero Pedrayo, don Ramón, o Patriarca das Letras Galegas…, converteuse nun modelo ético e nun símbolo do galeguismo para as xeracións máis novas. As claves do seu pensamento, cristianismo –entendido como esencia da nosa identidade- e tradición –observada como sabedoría acumulada por sucesivas xeracións-, son fundamentais para entender a súa ampla obra literaria, na que reflicte a oposición a conceptos como materialismo e modernidade, rexeitando a penetración do capitalismo e mais do Estado como perturbadores das formas de vida tradicionais.
A súa narrativa céntrase nos distintos aspectos da historia e da realidade de Galicia. Os camiños da vida (1928) está dividida en tres partes: “Os señores da terra”, “A maorazga” e “O estudante”, e amósanos a sociedade galega rural no transo da súa transformación durante o século XIX, dende os tempos da desamortización ata a revolución de 1868 que nos conduciría á  I República. Arredor de si publicouse en 1930. Nesta obra Otero Pedrayo retrata a súa xeración e retrátase a si mesmo na figura do seu protagonista, o intelectual Adrián Solovio. Este, despois de debullar as súas inquedanzas pola cultura europea, escéptico e desacougado, vive unha crise que o leva ao encontro de Galicia e de si mesmo. Despois, unha serie de narracións realistas (Pantelas, home libre, Contos do camiño e da rúa, O mesón dos ermos) que relatan a vida rural galega do século XIX  e outras narracións culturalistas, nas que os personaxes perden relevancia en prol da exposición de ideas e referencias culturais (Escrito na néboa, Fra Vernero, A romaría de Xelmírez, Devalar). A narrativa oteriana revela a súa cosmovisión e o seu compromiso galeguista. Algúns temas recorrentes na súa obra son: a tradición, a fidalguía e a paisaxe.
De entre a súa fecunda produción ensaística na que hai dende estudos xeográficos a biografías, guías, libros de viaxes, ensaios sobre a paisaxe, a aldea, a literatura, a arte…, destaca especialmente o seu Ensaio histórico sobre a cultura galega (1939), síntese do desenvolvemento histórico e cultural de Galicia dende os tempos prehistóricos ata os comezos do século XX.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é, en moitos aspectos, a figura máis relevante da historia da cultura galega do século XX. A súa biografía está intimamente vinculada aos acontecementos históricos que lle tocou vivir no plano político e cultural. A súa obra plural –debuxante, pintor, narrador, ensaísta e autor teatral- soubo conectar coa esencia máis profunda da forma de ser da poboación galega. A diferenza doutros autores da xeración Nós, Castelao non parte dun corpus ideolóxico para proxectalo na súa narrativa. Opta por mostrar a realidade daquel tempo amosando as diferentes facetas das clases populares, que son os protagonistas fundamentais das súas obras. A súa é unha prosa substantiva, depurada de adubos, na que se decanta pola sinxeleza. Xunto co humor, o lirismo constitúe outra das claves da súa obra. A técnica narrativa de Castelao maniféstase mediante uns trazos narrativos esenciais que denotan o fundamental da historia, deixando o resto da información suxerida dun xeito connotativo. Consegue deste xeito uns textos breves e sintéticos.
A primeira obra narrativa de Castelao é Un ollo de vidro, publicada en 1922 na colección Céltiga co subtítulo de “Memorias dun esqueleto”. No prólogo diríxese ao lector o propio Castelao, que explica como atopou as memorias do esqueleto que veñen a continuación. O seu humor non é alleo á sátira social de carácter anticaciquil. Cousas é a fórmula literaria máis orixinal de Castelao. En 1926 apareceu o primeiro libro de Cousas: un conxunto de prosas con ilustracións publicadas con anterioridade na prensa. A editorial Nós, en 1929, publicou unha segunda colección, e en 1934 unha edición que recolle o contido dos libros precedentes. O libro Retrincos, publicado en 1934, é unha colección de cinco contos que se nos presentan como autobiográficos e ordenados cronoloxicamente. Os dous de sempre é a única novela de Castelao e consiste nunha sucesión de relatos que gardan unidade entre eles pola referencia a dous protagonistas constantes: Pedriño e Rañolas.
O labor ensaístico de Castelao vén representado principalmente polo seu libro Sempre en Galiza. Nesta obra sintetiza o seu pensamento político, ademais de ofrecernos unhas memorias da actividade política durante os anos da República. Nel atopamos unha ollada anovadora sobre Galicia e as súas potencialidades, así como a crítica contra o modelo centralista do Estado e a proposta alternativa dun federalismo ibérico. Destacan tamén os seus traballos sobre a arte popular: As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza.
Outro dos grupos xeracionais importantes anteriores á guerra Civil creouse arredor do Seminario de Estudos Galegos, fundado en 1923 por profesores e estudantes da Universidade de Santiago co obxecto de promover o estudo científico da realidade galega. Próximos a este grupo, aínda que sen constituír un grupo homoxéneo, están varios escritores nados en torno ao 1900 que son coñecidos cos nomes de Novecentistas ou Xeración de 1925. O máis destacado narrador é Rafael Dieste, rianxeiro como Castelao. Dos arquivos do trasno, libro publicado en 1926, contiña inicialmente oito relatos; dende a segunda edición, en 1962, Dieste ampliou o número a vinte. O libro ábrese cunha introdución que condensa unha moderna teoría do conto exposta en forma de proverbios. Dous son os principios que a gobernan: unidade emotiva e remate esencial. O eixo temático da narrativa de Dieste xira arredor da psicoloxía e das experiencias extraordinarias da xente galega.
(1.573 palabras)



Tema 3:
A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas.

Os escritores nados arredor do 1900, que constitúen a xeración seguinte á xeración das Irmandades e do Grupo Nós, levaron a cabo a renovación das letras galegas. Coñecidos co nome de novecentistas, vangardistas ou xeración do 25 incorporaron á nosa literatura os principios estéticos e as novidades característicos dos principais movementos vangardistas europeos.

As vangardas responden a unha reformulación teórica das artes. As diferentes solucións reciben o nome de ismos: futurismo, cubismo, dadaísmo, creacionismo, surrealismo… Todos teñen en común:
·         A reivindicación da materia artística como algo autónomo, sen conexión co mundo real.
·         Percepción simplemente intelectual da realidade e actitude antisentimental, tentando eludir calquera palpitación emocional na obra de arte.
·         Innovación da linguaxe figurada: sintaxe e imaxes fanse irracionais, mesmo absurdas, por veces.
Os poetas galegos danse a coñecer contra o 1925, publicando ademais unha serie de revistas (Ronsel, Alfar, Resol, Papel de Color, Yunque, Cristal) que se constituíron como a súa principal canle de expresión. Esta xeración de autores incorporan as novidades das vangardas, mais sen renunciar ao sentimento, fornecido non soamente pola tradición senón tamén pola pegada do saudosismo de Teixeira de Pascoaes, poeta portugués que influíu decisivamente na mocidade intelectual de principios do século XX. Pero ademais, tamén inflúen nas vangardas galegas o espírito nacionalista, herdado da xeración precedente e mais a descuberta dos Cancioneiros medievais.
Deste xeito, e tendo en conta as circunstancias específicas de Galicia, podemos falar de varias correntes poéticas, aínda que non todas se poderían incluír dentro da denominación de vangardas.
 A vangarda plena está representada polo creacionismo de Manuel Antonio Pérez Sánchez, autor de De catro a catro  (1928), único libro que chegou a publicar en vida. Antes, en 1922, asinara conxuntamente co artista plástico Álvaro Cebreiro o manifesto ¡Máis Alá! onde propoñía unha ruptura total coa literatura galega que se viñera facendo ata a data. En 1924, nas páxinas do xornal Galicia publicou un novo texto, Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu, no que incide novamente nos afáns vangardistas.
De catro a catro, composto durante a primeira navegación de Manuel Antonio, constitúe unha sorte de caderno de bitácora (follas sen data dun diario de abordo). Está composto por dezanove poemas e reflicte, seguindo unha liña temporal, a viaxe marítima que realizou. Principia con “Intencións”, o eu poético abandona a beiramar e lánzase ilusionado a unha nova experiencia. Continúan dezasete poemas nos que manifesta unha vivencia intensa do mar e unha experiencia íntima en contacto co cosmos que o rodea. No medio da navegación unha escala en terra, os poemas oito e nove. Rematando a viaxe coa volta a terra, o poema “Adeus”, unha despedida saudosa e o regreso á vila natal. No texto creacionista a xustaposición de imaxes é a auténtica creadora; unha imaxe baseada na prosopopea que nos presenta a realidade desde distintos puntos de vista, nunha completa fragmentación da perspectiva e reducindo o poema a unha superposición de visións.
Álvaro Cunqueiro (1911-1981) será o poeta galego que conecte máis decididamente co surrealismo, corrente promovida por André Bretón, publicando dous libros de contido vangardista, Mar ao norde (1932) e Poemas do si e non (1933).  
A segunda vía seguida pola xeración novecentista é o chamado hilozoísmo, escola que ten como principal representante ao pontevedrés Luís Amado Carballo, autor de dous poemarios Proel e O Galo, quen tivo unha ampla aceptación e múltiples seguidores. Está claramente influenciado polas vangardas europeas e mestura imaxes de raíz vangardista con metros e ritmos populares para nos ofrecer unha visión plástica e animada da paisaxe. Na descrición que nos ofrece da paisaxe, o elemento humano case desaparece, humanizando en troques o inanimado.
A terceira gran corrente, que se vén chamando tradicionalmente neotrobadorismo, xorde polo influxo da lectura dos Cancioneiros medievais. O abraio e conmoción que a lectura da lírica medieval provoca nos poetas novos, fai que viren os seus ollos cara á tradición, introducindo na súa poesía numerosos elementos estilísticos e temáticos medievais. Prodúcese, polo tanto, unha recreación e reformulación de estilos e temas, engadindo imaxes propias da poesía moderna. Os representantes sobranceiros desta corrente son Fermín Bouza Brey, que dá ao prelo Nao senlleira en 1933, e Álvaro Cunqueiro, autor de Cantiga nova que se chama ribeira, editado o mesmo ano, e quizais o libro máis significativo do movemento.
Outras voces poéticas importantes desta xeración vangardista son Manuel Luís Acuña, autor de Fírgoas  e Roberto Blanco Torres coa obra Orballo da media noite.
Finalmente, non se pode deixar de mencionar a figura de Luís Pimentel, presente nas iniciativas da vangarda galega dende a aparición da revista Ronsel (1924), aínda que autor de serodia difusión en libro; Triscos é de 1950 e Sombra do aire na herba aparece un ano despois da súa morte en 1959.
(794 palabras)



Tema 4:
O teatro do primeiro terzo do século XX:
As Irmandades, o Grupo Nós e as vangardas.

O teatro galego recibe no tempo das Irmandades un pulo extraordinario. No seo das Irmandades créase en 1919 o Conservatorio Nacional de Arte Galega coa intención de promover o teatro galego. O 22 de abril dese mesmo ano de 1919, o Conservatorio Nacional de Arte Galega ofrece a súa primeira función representando A man da Santiña de Ramón Cabanillas.
A Man da Santiña (publicada en 1921) é unha comedia de asunto amoroso que se desenvolve nun ambiente de clase alta. Ricardo volve das Américas con fortuna, despois de sete anos. Marirrosa, que aínda lle conserva o antigo amor, coida que que el está namorado da súa curmá Santiña. O enredo resólvese finalmente co encontro de ambos.
Cabanillas compuxo O Mariscal en 1926 a petición de Antón Vilar Ponte, que quería unha peza política coa lenda do mariscal Pardo de cela, mitificado como bandeirante da oposición galega ao centralismo, polo seu enfrontamento histórico cos Reis Católicos.
Ademais de Cabanillas e Vilar Ponte, Leandro Carré, Armando Cotarelo e Xaime Quintanilla cultivaron o teatro.
Os membros do Grupo Nós coinciden co afán xurdido nas Irmandades de crear unha dramaturxia galega capaz de ofrecer produtos de calidade e que puidesen interesar a un público culto, co ánimo de interesalos na causa galeguista.
Vicente Risco foi o primeiro en presentar a obra O bufón d’El-Rei, editada en 1928 e estreada en Bos Aires en 1933. Trátase dun drama en catro pasos que desenvolve a súa acción na época medieval, con mencións diversas á Materia de Bretaña. O bufón está definido como un ser deforme, que medita sobre a súa propia condición maléfica.
Otero Pedrayo, consciente da importancia do teatro como elemento normalizador da cultura galega, cultivou tamén este xénero literario. A lagarada (1929) é a súa primeira peza dramática. Trátase dunha traxedia dionisíaca na que a vendima e o viño fan agromar a forza das paixóns máis elementais: a cobiza e a luxuria. Os personaxes son populares e están deseñados con gran realismo. O desengano do prioiro (1952) é unha peza humorística que ten como asunto a implantación da industria dos cadaleitos no Ribeiro. Na obra mestúranse vivos e mortos con diálogos satíricos en contra do novo comercio. Tamén escribiu Noite compostelana (1973) e dezaseis pezas breves que foron publicadas en 1975 co título Teatro de máscaras.
A farsa Os vellos non deben de namorarse foi estreada en Bos Aires en 1941. Segundo o seu autor, Castelao, “é unha obra imaxinada por un pintor e non por un literato”, consideración que gaña importancia se temos en conta o relevantes que son na obra os artificios escenográficos. O motivo do vello namorado repítese tres veces en versións diferentes nos tres lances dos que consta a obra. A morte, que aparece como un personaxe, advirte en cada un dos lances ao vello do risco que leva consigo o seu namoramento serodio. A obra remata cun epílogo no que os tres vellos se encontran no cemiterio despois de mortos. Láianse do seu imprudente namoramento e coñecen grazas a un defunto chegado alí, noticias das súas mozas respectivas.
Rafael Dieste ( Xeración do 22) contribuíu á historia do teatro galego coa obra A fiestra baldeira (1927), unha comedia de estrutura clásica en tres lances e de carácter simbólico. O personaxe principal, don Miguel, e un cadro onde aparece retratado este ollando a través dunha fiestra un fondo mariñeiro constitúen o centro da acción. Don Miguel é un indiano que fora mariñeiro e a súa muller e a súa filla opóñense a que no cadro aparezan motivos mariñeiros para ocultar a súa humilde orixe. O desenlace é feliz ao reconciliarse don Miguel co seu pasado e reivindicar os valores do pobo mariñeiro.
(628 palabras)


Tema 5:
A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro.

Como consecuencia da diáspora á que se viron obrigados unha boa parte dos intelectuais galegos por mor da represión iniciada no 36, o centro da actividade literaria galega trasládase a México e Bos Aires. Nesta última cidade entrarán en contacto cos emigrados antes da sublevación militar (E. Blanco Amor, Emilio Pita…) e comezarán a publicar revistas, libros e reimpresións, para establecer deste xeito a continuidade dunha cultura ameazada, gozando da simpatía dos emigrantes galegos, situados a prol da liberdade e da República, que fixera posible o plebiscito do Estatuto de autonomía.
Autores como Luís Seoane, Emilio Pita, Lorenzo Varela, Castelao, Blanco Amor, Rafael Dieste, Manuel Varela Buxán, etc. mantiveron acesa a chama da tradición literaria e cultivaron os máis diversos xéneros. Castelao escribe no exilio parte da súa obra Os vellos non deben de namorarse, que é estreada en Bos Aires en 1941. Publica tamén no exilio Sempre en Galiza, en 1944. Blanco Amor publica A esmorga no ano 1959 e Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego, en 1961. Baixo o mecenado do exilio leváronse a cabo iniciativas como a Historia de Galicia (1963) dirixida por Otero Pedrayo e publicacións periódicas como Galicia emigrante (Bos Aires, 1954) e Vieiros (México, 1959).
A poesía.
Emilio Pita. Naceu na Coruña e emigrou de neno á Arxentina. A primeira obra publicada no exilio foi o seu libro de poemas Jacobusland (1942), ilustrado por Castelao. É un libro testemuña que pon de relevo a traxedia da guerra civil en Galicia en medio dunha nostálxica visión da natureza galega. Posteriormente publicaría Cantigas de nenos (1944), Os relembros (1959) e O ronsel verdegal (1964).
Luís Seoane. Fillo de emigrantes galegos, naceu en Bos Aires, pero estudou na Coruña e Santiago. Exiliouse en Bos Aires no 36. Home polifacético, dedicouse ao debuxo, pintura, gravado, mural, poesía… Regresou á Coruña en 1963 fundando con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Galicia. A súa obra poética iníciase coa publicación de Fardel de exiliado, unha visión moi persoal da epopea anónima da emigración galega. Posteriormente publica Na brétema, Sant-Iago (1955), As cicatrices (1959) e A maior abondamento (1972). Tres son as grandes preocupacións que inzan a súa poesía: a social e política, o coñecemento histórico e cultural e o reflexo do mundo artístico.
Lorenzo Varela. Fillo de galegos emigrantes, naceu na Habana en 1917. Volveu a Galicia para cursar os seus estudos e exiliouse en México tras a guerra civil. Marcha posteriormente a Bos Aires, onde inicia a súa produción poética. En 1944 publica Catro poemas para catro gravados obra coñecida xeralmente co título de María Pita e tres retratos medievais (álbum de gravados de Luís Seoane ao que se lle engadiron os poemas de Lorenzo Varela). Contén a exaltación de María Pita e a súa fazaña no cerco inglés á Coruña en 1589; de Roi Xordo (dirixente fidalgo na guerra dos irmandiños); do bispo Adaúlfo, e de María Balteira (soldadeira referida no cancioneiro de escarnio e maldicir). En 1954 publica Lonxe, a súa obra máis importante. Unha obra marcada pola anguria do desterro, tinguida pola visión onírica da lonxanía de Galicia.
A prosa.
Ramón Valenzuela Otero. Naceu en Silleda e despois da guerra exiliouse en Bos Aires. Colaborou en Galicia emigrante con narracións que máis tarde se publicarían no libro O naranxo (1974). En 1957 publica a novela Non agardei por ninguén, narrada en primeira persoa por un fidalgo galeguista republicano. A acción desenvólvese nos anos da guerra civil. Esta temática continúa tamén en Era tempo de apandar (1980). Constitúen ambas as dúas novelas un documento narrativo desta época e teñen moito de autobiográficas.
Silvio Santiago. Ourensán. Foxe a Portugal a raíz da guerra e de alí a Venezuela. Escribiu no exilio unha novela que publicaría ao seu regreso a Galicia en 1961: Vilardevós. Escrita con sinxeleza técnica e con intención crítica e social. ë unha pintura de costumes na que exalta o popular, servíndose das súas lembranzas de neno e de mozo nun medio rural. Postumamente publicouse O silencio redimido (1976), novela autobiográfica na que relata a época da súa condena, fuxida e desterro.
O teatro.
Manuel Varela Buxán. Naceu en 1909 na Estrada. Emigrou á Arxentina en 1930 e alí foi onde se formou dun xeito autodidáctico. Fundou a compañía “Aires da Terra” que estreou a súa primeira obra Se o sei… non volvo a casa  con grande éxito en 1938 en Bos Aires. Castelao confioulle a estrea de Os vellos non deben de namorarse, alternando a súa representación –cada dez días- con outra obra do propio Buxán: Taberna sen dono. En 1950 volta a Galicia. Dende aquela publicáronse tres tomos do seu teatro: O ferreiro de Santán-Taberna sen dono (1975) e O cego de Fornelos e outras comedias curtas, diálogos e monólogos (1981). O seu teatro caracterízase por ser un teatro directo, popular, de liña cómica e sentimental (sen refugar por iso o problema social de Galicia) e encadrado nun ambiente rural.
(833 palabras)



Tema 6:
A prosa entre 1936 e 1976.
Os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas).

Xa se ten comentado como a Guerra Civil puxo fin a unha das etapas políticas e culturais máis brillantes da nosa historia. A represión afectou a todos os ámbitos da cultura, dende a lingua ata as editoriais, prensa, institucións, etc. A produción literaria en galego desapareceu por completo. Unha boa parte da cultura subsistiu na Galicia exterior, especialmente en Bos Aires, onde houbo unha intensa actividade. Este estancamento vai prevalecer ata a década dos 50, ano da fundación da editorial Galaxia de man de persoas como Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Ferro Couselo… Tamén en 1950 aparece a primeira novela escrita en galego, A xente da Barreira, de Ricardo Carballo Calero.

Neste contexto e para entendermos globalmente a narrativa galega deste período deberemos ter en conta as seguintes circunstancias:

a)   Mestura xeracional: Autores de distintas cronoloxías, biografía, formación, gustos estéticos… coinciden na construción dunha obra narrativa.

b)   Variación do rexistro literario: Característica da literatura deste período é unha especie de cambio de rexistro xa que autores que teñen realizado a súa actividade antes da guerra no campo da lírica ou do teatro, agora, despois da guerra, dedícanse preferentemente á narrativa.

c)    Presenza notable do conto e do relato curto. Soamente a partir dos anos 70 vaise afianzando a novela longa.

d)   Certa insularidade creativa. Os autores desta época non participan en tarefas colectivas e abordan a literatura dun xeito absolutamente solitario.

e)   A narrativa móvese pendularmente entre a tradición e a renovación: persisten os moldes narrativos anteriores (Otero); prodúcese unha aproximación ao mundo rural dende unha dobre perspectiva (Fole e Neira Vilas); recréase un mundo de ensoñacións máxicas (Cunqueiro); convértese en testemuño social dunha época (Blanco Amor) e por último prodúcese a renovación temática e técnica (Nova Narrativa Galega).

En 1950, como dixemos, Galaxia abre unha nova etapa na literatura galega. A partir destes anos, a narrativa coñece vieiros novos. Baseándonos nas características anteriores, podemos delimitar entre 1950 e 1976 algunhas correntes narrativas:

¾  Escritores procedentes da etapa anterior, como Otero Pedrayo e outros que continúan na liña da Xeración Nós, como o mencionado Ricardo Carballo Calero.

¾  Un grupo de autores que fan literatura de circunstancias, tratando o tema da guerra e da posterior represión franquista. Autores como Ramón Valenzuela e Silvio Santiago que constrúen as súas novelas en clave documental e autobiográfica para dar testemuño histórico desta época.

¾  Un grupo de narradores fundamentais nas nosas letras, caracterizados dende o punto de vista literario pola súa individualidade:

·    Eduardo Blanco Amor (1897-1979), escritor realista de marcado carácter social, autor de tres obras ambientadas no seu Ourense natal: A esmorga (1959), editada en Bos Aires e considerada obra cume da nosa literatura, que narra en clave de traxedia o percorrido que fan tres esmorgantes marxinais polas rúas e arrabaldos de Ourense;   Os biosbardos (1962),  e Xente ao lonxe (1972).

·    Ánxel Fole (1903-1986), quen retomando a tradición da narrativa oral en Galicia nos amosa unha Galicia rural e misteriosa. A súa obra narrativa está formada por Á lus do candil (1953), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981).

·    Álvaro Cunqueiro (1911-1981). Na súa obra conxúganse os mundos mitolóxicos e literarios cos espazos galegos. Elabora unha literatura de grande orixinalidade, inzada de elementos fantásticos nos que se re formulan temas universais. Pon o lector nun mundo no que se combinan realidade e fantasía. As novelas son: Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956) e Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Os relatos breves están integrados por Escola de menciñeiros (1960), xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979), unha triloxía de retratos galegos que no seu conxunto perfilan o ser do rural galego.

·    Xosé Neira Vilas (1928-…), autor dunha grande produción que chega ata os nosos días. Dende un realismo que mantén sempre unha actitude crítica coa realidade social, reflectiu nas súas obras dunha maneira constante os temas da vida do neno rural e da emigración. É autor de Memorias dun neno labrego (1961), Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), Cartas a Lelo (1971), Querido Tomás (1980)…

¾  Un grupo de mozos que xorde en torno ao ano 1960, que integran o movemento coñecido como Nova Narrativa Galega, por incorporaren as innovacións técnicas que coñecera a novela europea. Trátase dunha xeración que supón a renovación total das estruturas da nosa narrativa. Os seus representantes son Gonzalo R. Mourullo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos Casares, Xohana Torres e María Xosé Queizán, fundamentalmente. Aínda que non existe unanimidade á hora de fixar os límites cronolóxicos finais da Nova Narrativa, adoita sinalarse o 1970.

(787 palabras)





Tema 7:
A poesía entre 1936 e 1976. Xeración do 36 e poesía do exilio. Promoción de enlace. Xeración das Festas Minervais.

Xullo de 1936 supón unha creba histórica e cultural en Galicia. O galeguismo sobrevive na clandestinidade ata 1950 en que comeza unha nova xeira, abandonando a praxe política e centrándose na cultural. A literatura galega ficará amordazada ata que a fronte cultural Galaxia inicia en 1950 a recuperación das letras. No exilio, a pesar da distancia e das dificultades editoriais proseguiuse o labor político e cultural a prol de Galicia e da súa identidade. Bos Aires será durante moitos anos a capital espiritual de Galicia. Neste renacer do labor poético na posguerra é moi difícil establecer agrupamentos xeracionais, aínda así podemos establecer tres xeracións ou promocións poéticas:
·            Xeración de 1936.
·            Promoción de enlace ou xeración ponte.
·            Xeración de 1950 ou das Festas Minervais.
Forman a Xeración de 1936 un grupo de autores nados entre 1910 e 1920, que viviron de cheo a guerra civil, formados no tempo da República e discípulos directos da Xeración Nós. A obra destes poetas callará definitivamente despois de 1936. Unha póla reverdecerá en América, onde cantan os poetas Luís Seoane, Emilio Pita e Lorenzo Varela. A outra farase evidente, aínda que serodiamente, arredor das novas revistas e sobre todo na colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro.
Como consecuencia da diáspora á que se viron obrigados unha boa parte dos intelectuais galegos por mor da represión iniciada no 36, o centro da actividade literaria galega trasládase a México e Bos Aires. Aquí comezan a se publicar revistas, libros e reimpresións para establecer a continuidade dunha cultura ameazada. Destacan como poetas Luís Seoane, autor de Fardel de exiliado (1952), obra na que dende un punto de vista moi persoal canta a epopea anónima da emigración galega. Posteriormente publica Na brétema, Sant-IagoAs cicatrices e A maior abondamento. Tres son as preocupacións que inzan a súa poesía: a social e política, o coñecemento histórico e cultural e o reflexo do mundo artístico.
Emilio Pita publicou en 1942 Jacobusland, ilustrado por Castelao, onde pon de manifesto a traxedia da guerra civil en Galicia en medio dunha nostálxica visión da natureza galega. Posteriormente publica Cantigas de nenos e O Ronsel verdegal
Lorenzo Varela, logo da súa estadía en México, trasládase a Bos Aires e inicia a súa produción poética galega. En 1944 publica Catro poemas para catro gravados.Poemas que conteñen a exaltación de María Pita e a súa fazaña no cerco inglés á Coruña en 1589; de Roi Xordo (dirixente fidalgo na guerra dos irmandiños); do bispo Adaúlfo e de María Balteira (soldadeira á que se fai referencia no cancioneiro de escarnio e maldicir). En 1954 publicou Lonxe, un libro dominado pola anguria do desterro, tinguido pola saudade e por unha visión onírica da distante Galicia.
A poesía dos anos de recuperación cultural do galego na posguerra maniféstase en diversas direccións:
-  A continuación da poesía da tradición paisaxística galega, ben seguindo a orientación hilozoísta ou ben nunha dirección máis clásica, humanista.  
- A continuación de certas manifestacións vangardistas propias como o Neotrobadorismo.
-   Unha poesía angustiada, existencial, de ton pesimista, que daría lugar ao que se denominou a “Escola da Tebra”.
-   A poesía de compromiso social que encheu o panorama poético dos anos sesenta e setenta e que tivo como principal representante a Celso Emilio Ferreiro.
O silencio que seguiu á sublevación militar de 1936 rompeuno en 1947 Aquilino Iglesia Alvariño coa publicación de Cómaros verdes, libro onde aparecen poemas na liña do neotrobadorismo e do hilozoísmo e outros nos que o autor se mergulla na paisaxe natal e no mundo rural. É o xenuíno representante do paisaxismo iniciado por Antón Noriega Varela, pero a diferenza deste, o seu paisaxismo está cargado de humanismo. Por outra banda, a súa formación clásica deixou nel un pouso que se manifesta na grande perfección formal dos seus versos.
Xosé María Díaz Castro é autor de Nimbos (1961) é o poeta do home, do home como individuo e dos seus problemas transcendentais: o amor, a vida e a morte, o tema relixioso, a paisaxe e Galicia constitúen o núcleo temático da súa poesía.
Álvaro Cunqueiro publicara antes da guerra civil tres libros con pegadas vangardistas onde logra fundir as formas populares e a cantiga de amigo medieval coas atrevidas imaxes das vangardas: Mar ao norde (1932), Poemas do si e non(1933) e Cantiga nova que se chama riveira (1933). Dona do corpo delgado (1950) é unha das primeiras obras publicadas tras a paréntese da guerra civil. O libro incorpora composicións de corte clásico ademais de continuar explorando a liña neotrobadoresca. A súa derradeira obra Herba aquí ou acolá (1980) é a súa derradeira obra poética, un conxunto heteroxéneo de poemas, pertencentes a distintas épocas, onde aborda os temas transcendentais do ser humano a través dunha recreación persoal de mitos lendarios, personaxes históricos e figuras literarias. Na segunda parte do libro, o poeta reflexiona sobre o tempo, as mudanzas e a morte.
Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912- Vigo, 1979) é considerado o máximo representante en Galicia da poesía social. Rematada a guerra instálase en Pontevedra onde dirixe a colección de poesía Benito Soto.
Realmente a súa primeira obra é de 1954, O soño sulagado. Aparece nesta obra unha voz persoal, inscrita na chamada Escola da Tebra, que ten en común certos aspectos temáticos: intimismo, desacougo, extravío existencial…, pero tamén alusións ao amor a súa nai e a súa muller, Moraima.
A publicación de Longa noite de pedra (1962) supuxo o grande acontecemento da poesía galega do século XX, pola resonancia que tivo. O título do poema inicial e do propio libro foi interpretado como un símbolo da situación de España durante a ditadura: a longa noite de pedra da opresión , insolidariedade e falta de liberdade. Conflúen nesta obra dúas liñas temáticas fundamentalmente: unha liña social, cívica, comunitaria de denuncia crítica, e outra, lírico-intimista, integrada por composicións na que o poeta canta os paraísos perdidos e volve a vista atrás para invocar a infancia e a mocidade, cando as cadeas e as inxustizas aínda non eran coñecidas.
En 1966 emigrou a Venezuela en busca dunha Galicia máis libre e concienciada e volveu defraudado. Contra esta realidade escribiu o libro Viaxe ao país dos ananos(1968), enfocado dende o sarcasmo e a ironía. Froito da mesma experiencia persoal que motivou Viaxe ao país dos ananos, son os seus libros de poesía satírica: Cantigas de escarnio e maldicir e Paco Pixiñas. Tamén segue esta liña Cemiterio privado, unha serie de epitafios, a maior parte deles condenatorios, cos que fustiga aos “ananos”, aos asasinos fascistas, aos especuladores, aos indiferentes á inxustiza… En Onde o mundo se chama Celanova (1975) predominan os poemas dedicados á súa muller, Moraima e tamén a saudade provocada pola lembranza da súa vila natal.
A chamada Promoción de enlace presenta as seguintes características:
-  Son poetas nados entre 1920-1930 que non constitúen un grupo homoxéneo e elaboran illadamente os seus discursos literarios nos anos máis negros da posguerra.
-   Formados na cultura castelá, comezan, polo xeral, publicando nesa lingua. Acusan as pegadas surrealistas da xeración do 27 española e das vangardas da literatura galega.
-   Colaboran nas mesmas revistas poéticas (Alba, Aturuxo, Posío, Cristal…)en que se dan a coñecer os autores das novas promocións de posguerra e do mesmo xeito ca eles a súa poesía caracterízase pola temática existencial e angustiada, sen que tampouco falte o compromiso social.
Constitúen esta xeración Antón Tovar, autor de Calados esconxuros (1980), obra pola que recibiu o Premio da Crítica e no que predomina a temática intimista: a soidade, a ausencia dos seres queridos, o paso do tempo, a morte, a preocupación relixiosa…, e no que revela unha visión tráxica e resignada da realidade e da propia vida. Luz Pozo Garza, autora de O paxaro na boca (1952), Verbas derradeiras(1972), Códice calixtino (1986), Prometo a flor de loto (1992) e A vida secreta de Rosalía (1996). O amor, tratado dun xeito delicado e sensual, con expresivas imaxes eróticas nas súas primeiras obras, tórnase máis tarde nun amor marcado pola nostalxia e pola presenza da morte. Manteñen as súas obras unha certa unidade baixo diversos motivos simbólicos como a luz, a música, a natureza e a referencia a códigos estéticos de diferentes autores. Manuel Cuña Novás é quizais o poeta máis representativo da temática de angustia persoal, do que se deu en chamar “Escola da Tebra”. En Fabulario novo (1952), ofrece a súa persoal concepción poética, caracterizada polo sentimento de angustia e unha actitude desesperada, que se manifesta no emprego de motivos recorrentes: as tebras, a escuridade, o terror, o vougo, o desacougo, o espanto… Este libro tivo especial significación pois apareceu cando o hilozoísmo e o neotrobadorismo eran correntes xa esgotadas e supuxo unha reacción fronte a elas, marcando novas liñas poéticas. 
xeración de 1950 ou xeración das Festas Minervais, son os poetas nados entre 1930-1940. Son chamados con esta segunda denominación porque moitos deles foron premiados nestes certames restaurados en Santiago de Compostela a partir de 1953. Moitos deles participarán tamén no suplemento cultural do diario compostelán “La noche”. Empezan a publicar as súas obras na colección “Illa Nova”, creada pola editorial Galaxia.
Adóitanse distinguir dous grupos ben definidos: Por unha banda, un grupo compostelán próximo ao proxecto cultural de Galaxia (Xosé Luís Franco Grande, Salvador García-Bodaño, Xohana Torres…), e por outra, o grupo Brais Pinto, constituído en Madrid en 1958 por universitarios e emigrantes que crean unha colección de poesía na que publican as súas creacións, caracterizadas pola “Escola da Tebra”. Deste grupo formaron parte Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo e Alexandre Cribeiro.
A nómina de poetas desta xeración é extensa, polo que destacaremos de entre todos a Xosé Luís Méndez Ferrín. Publicou en 1976 Con pólvora e magnolias, Premio Nacional da Crítica, obra que supuxo a renovación da poesía galega estancada no realismo crítico dos imitadores de Celso Emilio Ferreiro. Nesta obra alíanse a poesía revolucionaria –a pólvora- co lirismo persoal ( a lembranza do pasado, o tempo, o amor, a morte) e mais o luxo estético –as magnolias-. Os poemas discorren en versos libres, salferidos por diversas resonancias culturais: o celtismo, a poesía medieval, o surrealismo, o movemento beat, a lírica de Cunqueiro… O ton xeral é nostálxico mostrando a imposibilidade de recuperación do tempo e o triunfo da decadencia. Estirpe (1992) converteuse nun esforzo reivindicativo por  restaurar o coñecemento da identidade nacional. Lévanos este poemario dende a poetización da paisaxe e a historiografía ao compromiso patriótico.
Autores destacados desta xeración son tamén Manuel María, o primeiro e máis prolífico poeta novo da posguerra. Autor de Muiñeiro de brétemas (1950), Terra Chá (1954), Documentos persoais (1958), e Versos de lume e o vagalume (1982), onde amosa unha preocupación pola renovación da linguaxe poética sen deixar de ser unha lírica de evidente contido ideolóxico. Bernardino Graña, autor de Profecía do mar (1966), obra coa que rompe co pesimismo que caracterizara o seu libro inicial e co que adopta unha afirmación vitalista do home e do universo. Neste libro recrea o mar, os mareantes, as vilas e os ambientes mariñeiros, ofrecéndonos unha cosmovisión moi persoal e íntima, afastada do mero descritivismo. Uxío Novoneyra, autor de Os eidos (libro do Courel), caracterizado pola condensada expresión e a brevidade na procura de reflectir a natureza espida, esencial, do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro desa inmensidade cósmica. Entre os seus recursos máis salientables destaca o fonosimbolismo, é dicir, a evocación de sensacións auditivas, visuais, tactís e anímicas mediante a combinación e repetición de fonemas. Xohana Torres ten en Do sulco (1957) unha poesía próxima á obra dos poetas do grupo Brais Pinto. Estacións ao mar(1980), premio da crítica española, é a súa obra de madurez na que reflicte a súa preocupación por Galicia, o paso do tempo, a memoria e a fugacidade das cousas. Avilés de Taramancos, autor de As moradías do vento (1955), obra que está marcada polo antes da súa emigración a Colombia e O tempo no espello (1980), dende o punto de vista do emigrante retornado. Completarían esta nómina de autores nomes como: Salvador García Bodaño, Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lourenzo, Alexandre Cribeiro e Manuel Álvarez Torneiro, entre outros.
(2.049 palabras)


Tema 8:
O teatro galego entre 1936 e 1976: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.

O teatro galego anterior ao 36 non achega grandes novidades estilísticas. Pero, aínda que os autores andaban mergullados na tarefa de refacer a lingua, a xeración Nós xa supuxo un achegamento ao teatro europeo. Tras a suplantación da orde constitucional no ano 36, a cultura galega inicia unha vez máis unha nova travesía do deserto xa que as liberdades son secuestradas e a palabra silenciada. Ata mediados da década dos 50, a actividade teatral desprazouse ao exilio, onde conseguiu unha continuidade fundamental para a recuperación do discurso literario galego. Foi precisamente en Bos Aires onde se estrou, en 1941, a peza Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, cun considerable éxito e cunha grande importancia simbólica.
Entre os anos 1950-1970 aparece en Galicia un teatro que presenta como trazo común caracterizador o desexo de transcender a propia realidade física e social na que viven para presentar conflitos, situacións e personaxes cunha proxección universal, ben que ofrecendo unha visión escura e conflitiva do mundo e da existencia. Non hai lugar para o realismo, non existe un compromiso político de denuncia directa, senón un compromiso co home, con ese home que vive angustiado pola frustración dun presente cheo de acedume e dun futuro imposible. Trátase de teatro máis para ler que para ser representado, pois as posibilidades de seren plasmadas esas obras no escenario eran máis ben escasas.
Os autores máis relevantes desta etapa son:
Álvaro Cunqueiro (1911-1981) recolleu parte da súa obra dramática no libro Don Hamlet e tres pezas máis (1974), onde se inclúen O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959), A noite vai coma un río (1965), Palabras de víspera (1974) Función de Romeo e Xulieta (1956). O seu teatro caracterízase polo clasicismo, sendo Shakespeare o autor preferido a partir do cal ofrece unha nova versión da historia de Hamlet. Estas obras amosan o xenio dramático dun autor que non chegou a desenvolver a súa evidente vocación dramática debido á escasa transcendencia escénica que suscitaron as súas pezas nun país no que o teatro era unha conquista social e política aínda por chegar.
Ricardo Carballo Calero (1911-1990) compuxo diversas pezas que aparecen recollidas no volume Teatro Completo (1982) que contén: A sombra de Orfeu, A farsa das zocas, A árbore e Auto do  prisioneiro, entre outras. A súa obra dramática é experimental e está composta por pezas próximas ao teatro do absurdo ou de orientación psicolóxica e existencial nas que predomina o simbolismo.
Xenaro Mariñas del Valle (1908-2000) serve de ponte entre esta xeración e a seguinte, pois é o verdadeiro iniciador do teatro social, co volume A revolta e outras farsas (1965), no que se inclúen A revolta, A obriga e un conxunto de pezas curtasA súa creación dramática presenta catro ámbitos ben diferenciados: Por unha banda temos os dramas de carácter simbólico nos que se recrean os problemas transcendentais do home e da mesma existencia (A revolta, A obriga, Loucura e morte de Peregrino); da outra atopamos un grupo de pezas que posúen unha vertente máis social ( A chave na porta, Acurrados, A gaiola); logo ha que considerar as farsas (A serpe), para finalmente salientar textos máis experimentais e vangardistas (O triángulo ateo).
- Outros autores que cómpre considerar  son Ánxel Fole Sánchez, Ramón González-Alegre e Xosé Luís López Cid.
A publicación do Don Hamlet de Cunqueiro constituíu unha proba incontestable de que era posible unha literatura dramática de calidade. O seu exemplo vai ser seguido por un importante grupo de escritores/as que dende diferentes ámbitos literarios, e tendo como referente as novas tendencias e correntes que triunfaban en Europa, inician a aventura no eido da dramática cuns resultados verdadeiramente salientables. O texto dramático serve para realizar unha reconstrución crítica da realidade, analizando aqueles factores que determinan e condicionan esa realidade, e convértese nun instrumento de loita, de intervención, mais procúrase non soamente un produto socialmente útil senón un produto literariamente válido. Esa é a transcendencia deste grupo de escritores entre os que debemos citar a Bernardino Graña (20 mil pesos crime, 1962),  Tomás Barros (O dragón, 1972), Xohana Torres (A outra banda do Iberr, 1965) e Daniel Cortezón (Prisciliano, 1970).
Ao remate dos anos sesenta empezan a constituírse en Galicia colectivos teatrais cunha clara actitude de ruptura respecto das prácticas escénicas que viñan desenvolvendo as agrupacións do teatro de cámara, as de carácter folclórico e recreativo e outras asociacións cunha maior proxección. Con estes grupos nace o que se chama “novo teatro”; novo canto aos principios estéticos que sustentan as súas montaxes, no seu posicionamento ideolóxico na defensa sen concesións da lingua e das liberdades e no seu devezo de proxección profesional. Este novo período iníciase arredor de 1969, ano no que Manuel Lourenzo estrea a súa primeira obra.
Un feito de capital importancia, tanto dende o punto de vista literario como teatral, vai ser a celebración da Mostra de Teatro de Ribadavia que se inicia no 1973, baixo a organización da Organización Cultural Abrente, e que se prolongará ata o ano 1980. A actividade dinamizadora xurdida arredor da devandita Mostra foi fundamental para a recuperación do teatro nestes anos. Foi tal a importancia destes encontros que se adoita empregar a denominación Xeración Abrente para agrupar autores que se deron a coñecer grazas ás distincións recibidas na Mostra:
Manuel Lourenzo (1943) é autor dunha extensa obra que podemos clasificar en tres grandes tendencias: ciclo mítico, composto por obras da tradición dramática grega; ciclo histórico, no que recupera determinadas figuras históricas, e ciclo da dramática urxente, máis numeroso e diversificado para o traballo diario cos actores e actrices.
- Euloxio Rodríguez Ruibal (1945), autor de Zardigot,  que dedicou parte da súa obra ao teatro infantil.
Roberto Vidal Bolaño (1950-2002), autor, director, actor e fundador do grupo Antroido. Autor, entre outras moitas, de Laudamuco, señor de ningures (1977), Memoria de mortos e ausentes (1978). A súa obra podemos incluíla en dous grupos: no primeiro, os textos que destacan pola incorporación de personaxes, accións, elementos e técnicas da dramaturxia popular. No segundo, aqueles que amosan unha maior complexidade formal e temática e unha visión pesimista da existencia humana mesturada con aceda ironía e a aguda retranca da que sempre fixo gala.
Outros autores que debemos citar son: Xosé Agrelo, Francisco Taxes, Camilo Valdehorras e Millán Picouto.
A iniciativa da Mostra de Ribadavia estendeuse a outras cidades e vilas de Galicia, como A Coruña, cidade na que O Facho convoca o Concurso Nacional de Teatro Infantil, ou o Concurso de Teatro do Ateneo Ferrolán, en Ferrol.
(1.088 palabras)


Tema 9:
A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas.

Aplícase a imprecisa denominación de Nova Narrativa Galega a un grupo de escritores que comezan a escribir a fins dos anos 50 e na década dos 60. Mozos de formación  universitaria que incorporan ás nosas letras novos modelos culturais e novos procedementos técnicos, nos que están presentes a asimilación de Joyce, Kafka, Faulkner…
O ano 1954 en que sae do prelo o primeiro libro de relatos de Gonzalo R. MourulloNasce unha árbore, aparece como a data de inicio do movemento da nova narrativa galega. Nestes textos iníciase unha nova forma de narrar, moi diferente da narrativa tradicional galega.
A nova narrativa galega non se circunscribe a un feito único e concreto e non ten un mestre iniciador. O que une aos autores deste grupo é que todos eles teñen intención de aplicar nos seus textos novas formas narrativas e manifestan unha clara vontade de ruptura co que se viña facendo na literatura galega anterior. Tratan de construír unha literatura artificial como recurso para fuxir do mundo hostil que os rodeaba. O mundo das carencias de todo: carencias de literatura, carencias de arte, mesmo carencias de alimentos.
Esta xeración de novos narradores (nados entre a década dos trinta e os primeiros 40) está vinculada por catro acontecementos da cultura galega que tiveron lugar naquela etapa histórica: A celebración das Festas Minervais dende 1953 no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, a colaboración periodística no xornal “La Noche” de Santiago, a creación da colección “Illa Nova” da editorial Galaxia e a fundación do grupo “Brais Pinto” en Madrid, de carácter anarcoide e de pensamento nacionalista.
As características literarias comúns deste grupo de narradores maniféstanse, fundamentalmente, nos seguintes aspectos:
·         Fuxida da localización concreta nos espazos narrativos.
·         Creación de mundos literarios artificiais, evitando a descrición realista do agro galego, que caracterizaba a narrativa anterior.
·         Emprego dos mesmos recursos técnicos: Monólogo interior, personaxes anónimos, diferentes voces narradoras nun mesmo relato e redución temporal.
·         Tratamento intensivo do tema do absurdo existencial, intentando producir un sentimento de anguria no lector.
·         Hai unha presenza reiterada da violencia. A tortura aparece como unha manifestación máis da xenreira que invade aos personaxes. As relacións humanas fanse tensas, rodeadas por unha forte agresividade ambiental.
·         O tema sexual, tabú na literatura anterior, trátase aquí con liberdade.
·         Fusión dos mundos real e fantástico ou sobrenatural, confundindo a realidade vivida polo protagonista coa ficción que este mesmo crea.
Os autores e obras que adoitan adscribirse a este movemento son:
Camilo González Suárez-Llanos (Sarria, 1931 – Vigo, 2008). Publicou Lonxe de nós e dentro, libro de relatos nos que a angustia, a soidade e o absurdo están presentes, e Como calquer outro día, unha novela longa que transcorre en dous espazos e tempos distintos.
Xohana Torres (Santiago de Compostela, 1931). A súa única novela Adiós, María amosa o enfrontamento entre o mundo rural e o urbano a través das experiencias dunha rapaza.
Gonzalo Rodríguez Mourullo (Calo, Teo, 1935). Autor de Nasce unha árbore, obra que se ten considerado como a iniciadora deste cambio de rumbo na narrativa galega, e Memorias de Tains, relatos que aparecen baixo a forma de 7 cartas que o narrador dirixe a diferentes destinatarios, onde os personaxes actúan movidos por un destino tráxico que os atolda e crea un clima de angustia.
Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938). Autor de extensa obra, contribuíu á Nova Narrativa con obras como Percival e outras historias, catorce relatos nos que se atopan as características salientables da súa narrativa; O crepúsculo e as formigas, a súa segunda colección de relatos nos que insiste na recreación dun ambiente de terror, onde as persoas camiñan como formigas en fila, movidas por forzas cegas que impoñen un tráxico destino, e Arrabaldo do Norte, a súa primeira novela.
María Xosé Queizán (Vigo, 1939). Figura destacada do feminismo galego e ligada ao nacionalismo, facetas ambas as dúas que van marcan boa parte da súa actividade. Iníciase na literatura galega coa novela A orella no buraco, única contribución da escritora a este movemento literario. Trátase dunha narración na que, con rupturas da secuencia temporal, se amosan tres situacións autobiográficas parellas do protagonista, desenvolvéndose en tres espazos fundamentais, París, un porto galego e unha pequena vila.
Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941 – Vigo, 2002). A obra de Carlos Casares marca o punto de inflexión da Nova Narrativa, ata entón preocupada pola experimentación técnica para levar a cabo unha renovación dende presupostos afastados do realismo. Casares inicia un retorno ao país concreto sen deixar de incorporar os novos procedementos narrativos. Dentro deste período podemos destacar Vento ferido, libro de relatos nos que emprega as innovacións técnicas da nova narrativa inseríndoas nunhas realidades galegas. Cambio en tres é a súa primeira novela. Nela mestura experimentalismo e un certo realismo crítico. A novela articula os monólogos internos dun emigrante ourensán, que de volta na súa cidade natal lembra situacións do pasado enfiándoas coas vivencias presentes.Xoguetes para un tempo prohibido, xa do 1975, é unha novela baseada en datos autobiográficos e en experiencias persoais.
Outros autores relacionados coa Nova Narrativa Galega son: Vicente Vázquez Diéguez, Xohán Casal e Xosé Fernández Ferreiro.
(865 palabras)



Tema 10:
A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes.

O mundo cultural galego vive, xa dende os últimos anos 70, un momento especialmente dinámico e emprendedor motivado en boa medida pola recuperación das liberdades cidadás e pola creación do novo marco administrativo autonómico. Nacen numerosas empresas editoriais e medra considerablemente a cantidade de títulos editados. Aparecen numerosas revistas culturais e de poesía nas que se dan a coñecer os novos escritores e as novas tendencias. Tamén van ser innumerables os certames, os premios e os encontros de poesía que darán lugar a antoloxías e escolmas poéticas publicadas dende finais dos 70 ata hoxe.
A poesía galega inicia una nova etapa a partir de Con pólvora e magnolias, que supuxo una ruptura co socialrealismo, movemento que comezaba a ser rexeitado como forma inoperante pola súa falta de rigor estético supeditado a una mensaxe social repetitiva. Vai ser nos anos 80 cando se poida considerar a nosa poesía máis universal e actual, una poesía caracterizada pola multiplicación temática e formal. Reivindícase a poetas esquecidos, tanto das nosas letras (Manuel Antonio e Cunqueiro) así como doutras universais.
A poesía dos 80 presenta unas características que se determinan nos seguintes trazos:
Culturalismo
Empréganse referencias literarias, filosóficas, mitolóxicas, musicais, pictóricas, artísticas, etc.
Experimentalismo
Os poetas desta época céntranse na pescuda de novas formas rítmicas e retóricas e na investigación idiomática á procura dunha nova linguaxe poética de elaborado rexistro e nivel culto.
Esteticismo
Predomina a beleza construtiva sobre os aspectos morais, sociais ou de calquera outra índole. Extrema preocupación polas cuestión formais.
Europeísmo e cosmopolitismo
O espírito renovador e aperturista leva a estes poetas a mirar ao exterior e a interesarse por outros países e culturas. Prodúcese deste xeito un redescubrimento do espírito das vangardas e a incorporación dos movementos artísticos modernos, cunha inclinación cara á lírica anglosaxona e á de expresión portuguesa.
Apertura temática
Vanse multiplicando os temas. Os universais e ineludibles como o paso do tempo, a norte, o amor… son abordados dende perspectivas que van dende a intimista ata a metafísica ou existencial. Redescóbrese o erotismo e ofrécese una nova visión da paisaxe e da natureza.
Moitos dos poetas dos 80, nados a partir da segunda metade dos 40 e de todo os 50, danse a coñecer no seo de determinados colectivos poéticos; trátase de movementos de vangarda na retagarda do século XX. Os principais son:
Rompente (Vigo, 1976-1983): Alberto Avendaño, Manuel Romón, Antón Reixa e Alfonso Pexegueiro.
Cravo Fondo (Santiago, 1977): Ramiro Fonte, Xesús Rábade Paredes, Xavier Rodríguez Barrio, Xulio L. Valcárcel, Fiz Vergara Vilariño e Helena Villar Janeiro.
Alén (Santiago, 1977): Miguel Anxo Mato Fondo, Francisco Salinas Portugalk e Xosé Ramón Pena.
Revista Loia (Madrid 1977-1978): Manuel Rivas, Vicente Araguas, Lois Pereiro.
A axitación  creativa que caracteriza o ambiente poéticos dos anos 80 comeza a esmorecer a partir de 1987. A irrupción, a comezos dos 90, dunha nova promoción de autores procedentes de diferentes territorios literarios ou intelectuais que se estrean como poetas, devólvelle una certa vitalidade ao mundo da poesía galega, que, con todo, mantén as liñas básicas e os fundamentos poéticos iniciados na década precedente.
Algúns dos factores que determinan a nova situación nos anos 90 son: aparición de novos premios literarios, creación de novas coleccións de poesía, recuperación de festivais e recitais poéticos, nacemento de novas publicacións literarias, notable nivel de competencia lingüística e de formación literaria e desenvolvemento dunha destacada creación poética feminina cun discurso feminista.
A poesía dos 90 continúa en esencia a ruta creativa comezada polos poetas da Xeración dos 80, aínda que se tende a mostrar preferencia por una expresión máis directa e menos alambicada, rexeitando o excesivo culturalismo e procurando chegar máis sinxela e doadamente ao lector. Nesa mesma liña están o recurso ao ton coloquial, a maior carga narrativa e o aproveitamento poético do cotián. Obsérvase, por outra banda, un certo renacer da temática social, orientada agora cara ás actuais modas e modos de manifestar o compromiso: ecoloxismo, pacifismo, feminismo, causas solidarias…
As tendencias máis salientables da última poesía galega son:
Poética feminina-feminista. Chus Pato, Ana Romaní, Xela Arias, Marta Dacosta, Iolanda Castaño e Olga novo.
Poética do cotián. Caracterizada polo uso dunha linguaxe directa. Fran Alonso, Enma Couceiro e Estevo Creus.
Poética experimental. Antón Reixa (procedente dunha etapa anterior), Xavier Santiago e Arturo Regueiro.
Poética do coñecemento. Elaboración formal e gravidade dos temas tratados. É a liña que máis se aproxima á anterior. Miro Villar, Martín Veiga, Arturo Casas…
(755 palabras),

(Referencia a autores á parte)
Aínda que é moi difícil facer unha selección dos autores máis importantes do momento (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica) nin unha clasificación dos mesmos, faremos unha selección utilizando un criterio moi subxectivo de gustos persoais e buscando non recargar a exposición de nomes e títulos.
A cabalo aínda entre o social realismo e as novas tendencias está DARÍO XOHÁN CABANA (1952), moitas das súas poesías serán cantadas por grupos como Fuxan os Ventos; gran dominador do verso e a linguaxe, é tamén tradutor ao galego de Dante e Petrarca, ademais de nome recoñecido na narrativa actual. Os primeiros tanteos renovadores (1976-78) virán da man de varios colectivos poéticos de curta duración: Rompente (entre os seus membros Antón Reixa e Manuel Romón),Alén e Cravo Fondo. A partir de 1980 consolídase a renovación coas características antes citadas pero non compartidas por todos, non hai unha escola, son diferentes escollas estéticas e voces singulares. Entre eles están:
MANUEL VILANOVA (1944), mítico e simbolista, escribe E direivos eu do mester de cobras (1980), etc.
XOSÉ Mª ÁLVAREZ CÁCCAMO (1950), aberto á realidade a través de vivencias familiares, escribe Praia das furnas (1983), etc.....
MIGUEL ANXO FERNÁN-VELLO (1958): o amor, corpo, o desexo... e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos.
A partir dos anos noventa é máis difícil aínda falar de tendencias comúns, dado o carácter individualista de cada poeta. A pluralidade é a tónica dominante. Desde o punto de vista formal, achamos desde propostas clásicas (os sonetos de Miro Villar) ata o versolibrismo. Ao lado da expresión contida, o minimalismo e a depuración máxima atopamos poetas torrenciais, case narrativos. Ao lado da expresión directa e sinxela, a presenza do símbolo e o hermetismo. Desde o punto de vista temático, uns autores adoptan unha actitude desmitificadora, combativa ou provocadora (no sexual, no ideolóxico, no literario...), mentres outros teñen enfoques máis tradicionais (amor, desamor, soidade, morte...)  Algunhas máis ou menos compartidas poderían ser:
- Linguaxe máis directa e coloquial, que resulta máis próxima ao lector.
- Predominio dos recitais, para producir un contacto entre o poeta e o ouvinte, máis que entre o  poeta e o lector, nun intento de democratizar a poesía.
- Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades: Insubmisión, ecoloxismo, feminismo…
- Algúns difunden tamén os seus versos a través de Internet, tanto en versión texto como en audio e vídeo.
Prodúcese tamén unha importante incorporación da muller á poesía, xa iniciada na década precedente, que proporciona unha nova vertente feminina e feminista (deconstrución do universo masculino-machista, erotismo e sexualidade femininos...): Luísa Villalta, Chus Pato, Iolanda Castaño, Lupe Gómez...Evidentemente, seguen publicando a maioría dos autores anteriores e xorden multitude de novos autores: Xosé Carlos Caneiro, Anxo Quintela, Millán Otero, Miro Villar, etc., etc.
(462 palabras)



Tema 11:
A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes.

O panorama social galego evolucionou ostensiblemente no período democrático respecto da etapa anterior, o cal se ve reflectido na nosa narrativa. Os autores tratarán temas que acadan especial relevancia nos últimos tempos como a corrupción, o narcotráfico, o paro, a delincuencia, etc.
Polo que respecta ás técnicas empregadas, xa vimos que dende os anos cincuenta a nosa narrativa comezara a explorar novos camiños –influencias de de Kafka, J. Joyce, Faulkner, etc.- proporcionados por outras literaturas. Estes novos modelos seguen a desenvolverse dende os anos oitenta e poden resumirse deste xeito:
·         Ás veces pode chegar a desaparecer o argumento nunha obra.
·         Os personaxes deixan de ser os heroes centrais arredor dos cales xira o relato.
·         Prodúcense rupturas na presentación cronolóxica dos feitos.
·         O narrador deixa de ser omnisciente.
·         Emprégase o multiperspectivismo.
A novela sofre tamén importantes modificacións dende o punto de vista estilístico e formal:
·         Desaparecen os seus límites e inclúense nela textos de diferentes tipos (anuncios, informes, textos xornalísticos, etc.).
·         Suprímense os capítulos.
·         Preséntanse varias historias combinadas (contrapunto).
Dende a década dos oitenta a nosa narrativa vai seguir dous camiños básicos, que ás veces se cruzan: por unha parte, a denominada literatura de “quiosco” na que se exploran novas modalidades narrativas; por outra, unha literatura “máis autóctona”, que entronca coa tradición galega.
Literatura “de quiosco”
Xénero Policial: É un dos xéneros máis cultivados deste grupo. Crime en Compostela (1984), de Carlos G. Reigosa; O crime da rúa da moeda vella (1989), de Román Raña; As regras do xogo (1990), de Ramiro Fonte; Sangue sobre a neve(1991), de Manuel Forcadela, ou Un home xaceu aquí (1993), de Aníbal C. Malvar son algún exemplos.
Ficción científica: Xénero iniciado na nosa literatura por Lois Diéguez en 1976 coa novela Galou Z-28. Destaca nesa fórmula Ramón Caride con Soños eléctricos (1992), Lumefrío (1994) e Perigo vexetal (1996). Outros exemplos:Reportaxe cósmico (1982), de Xosé Fernández Ferreiro; As flores radiactivas(1990), de Agustín Fernández Paz; Mutacións xenéticas (1991), de Fina Casalderrey, ou A sombra cazadora (1994), de Suso de Toro.
Novela do oeste: Fórmula pouco empregada na nosa literatura. A morte de Frank González (1975), de Xosé Fernández Ferreiro; Os outros disparos de Billy (1991), de Carlos G. Reigosa, e –dende a parodia- Por unha presa de machacantes (1997), de Isidro Novo son as únicas obras publicadas.
Relato erótico: O máis claro expoñente deste tipo de literatura é Anel de mel (1991) de Xulio López Valcárcel.
Literatura “autóctona”
Literatura realista: Pode centrar a acción no rural (Morrer en Castrelo de Miño, de Xosé fernández Ferreiro; Morrer en Vilaquinte, de Xesús Rábade Paredes e Helena Villar) ou no urbano (Froito das lembranzas, de Tucho Calvo). O realismo pode aparecer, así mesmo, baixo a forma de crónica (Mulleres, de Úrsula Heinze) ou de crónica novelada (Tráiler, de Francisco Alonso; Viaxes no país de Elal, de Xavier Alcalá).
Novela histórica: Tivo o seu momento de auxe na primeira metade da década dos oitenta e foi cultivada por algúns dos máis notables autores da nosa literatura contemporánea. O triángulo inscrito na circunferencia (1982), de Víctor F. Freixanes; Beiramar (1983), de Xosé Manuel Martínez Oca; Xa vai o grifón no vento (1984), de Alfredo Conde, e Morte de rei (1996), de Darío Xohán Cabana son algunhas das obras máis relevantes.
Novela de aventuras: Este tipo de fórmula é moi cultivada por Xavier Alcalá nas novelas en que a acción se sitúa en Sudamérica: Nos pagos de Huinca Loo(1981), Cárcere verde (1990) e Latitude austral (1991). Outras obras deste xénero son A expedición do pacífico (1994) de Marilar Aleixandre, ou A armada invencible(1996) de Manuel Forcadela.
Novela feminina ou feminista: A muller exerce un case total protagonismo fronte ao home. O soño perdido de Elvira M. (1982), de Úrsula Heinze, e Amantia (1984), de Mª Xosé Queizán serven de mostra.
Narrativa intimista: Fórmula frecuentemente empregada por Marina Mayoral en novelas como Unha árbore, un adeus (1988), O reloxio da torre (1988) eQuerida amiga (1995), ou por Manuel Rivas en O lapis do carpinteiro (1998).
Narrativa artúrica: Recupérase e recréanse os vellos mitos do ciclo Bretón.Amor de Artur (1982), de Xosé Luís Méndez Ferrín, ou Galván en Saor (1989), de Darío Xohán Cabana son os modelos máis característicos.
Narrativa de misterio ou terror: En Tres historias para ler á noite (1992), de Paco Martín, A neve e a cadeira (1994) de Xosé Miranda, e O capitán Lobo Negro(1995) de Xesús Manuel Valcárcel, estes elementos teñen gran relevancia.
Narrativa humorística: O humor é unha característica coa que nace a nosa literatura. Nos tempos modernos aparece moitas veces dende a ironía, a parodia ou o esperpento, e emprégase adoito para provocar o sorriso. Algunhas obras son As baleas de Eduardo Reinoso (1990), de Alfonso Álvarez Cáccamo; Amálgama de desquiciados (1992) de Xosé L. Martinez Pereiro, ou Eros e Tánatos (1996), de Gonzalo Navaza.
Narrativa centrada no tema da Guerra Civil: Ademais dos autores de posguerra, retomaron este tema escritores como Ricardo Carballo Calero (Scórpio, 1987), Carlos Casares (Os mortos daquel verán, 1987) Francisco Fernández Naval (O bosque das antas, 1988) ou Xosé Fernández Ferreiro (Agosto do 36, 1991).
Cunqueirismo: Trátase da literatura na que se mestura o fantástico e o real, ao estilo de Álvaro Cunqueiro. As obras de Paco Martín Muxicas no espello (1971),No cadeixo (1976) e Agora cun ceo de lama (1981); as de Darío Xohán Cabana  Fortunato de Trasmundi (1990) e Libro dos moradores (1990); ou a novela Historia dun paraugas azul (1991), de Xosé Miranda son representativas deste estilo.
Narrativa experimentalista: O afán de buscar novas fórmulas levou a moitos autores a escribir obras complexas e minoritarias, pero de gran transcendencia, como A semancia (1981), de Xoán Ignacio de Taibo ou Porta blindada (1990), de Margarita Ledo Andión, ambos precursores dunha xeración máis nova: Suso de Toro (Polaroid, 1986; Tic-Tac, 1993), Antón Reixa (Transporte de superficie, 1991), Xelís de Toro (Non hai misericordia, 1990; Terminal, 1995), Xosé Carlos Caneiro (O infortunio da soidade, 1992) ou Xurxo Borrazás (Criminal,1994).
A implantación das materias de Lingua Galega e Literatura no ensino primario e secundario a comezos dos oitenta vai favorecer especialmente a proliferación de títulos destinados aos lectores máis novos. Os camiños seguidos polos autores son diversos e así van aparecendo obras de distinto signo:
·         As que presentan un mundo fantástico (Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín).
·         Obras de carácter simbólico e alegórico (Arnoia, Arnoia, de X.L. Méndez Ferrín).
·         Novelas de aventuras (O misterio das badaladas, de Xabier P. Docampo; Todo a cen, de Santiago Jaureguizar).
·         Obras de ficción científica (As flores radiactivas, de Agustín Fernández Paz; Mutacións xenéticas, de Fina Casalderrey).
·         Obras pertencentes ao xénero detectivesco (Mambo negro, de Cristina Frasié; 091, de Pepe Carballude, Días de desterro, de Xavier López Rodríguez).
·         Historias de amor (Anagnórise, de Mª Victoria Moreno).
·         Novelas de viaxe (O dragón de Gondomil, de Xoán Babarro).
Polo que respecta aos autores, son maioría os que, dedicados a escribir para un público adulto, realizan esporádicas incursións na literatura infantil e xuvenil. Entre eles destacan Mª Victoria Moreno, Xabier Puente Docampo, Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey.
En canto aos autores destacados destes últimos anos podemos diferencialos segundo a súa data de nacemento e o inicio da súa traxectoria como narradores. De acordo con isto podemos distinguir:
Autores de longa traxectoria: Ferrín e Casares.
Primeira promoción: Autores nados nas décadas dos trinta e dos corenta que comezan a publicar na década dos 70: Xosé Fernández Ferreiro, Paco Martín, Alfredo Conde, Xavier Alcalá, Manuel Riveiro Loureiro, Xoán Ignacio Taibo, Anxo Rei Ballesteros…
Segunda promoción: Nados na década dos 40 e dos 50 que empezan a publicar a comezos dos oitenta: Xosé Manuel Martínez Oca, Xesús Rábade Paredes, Úrsula Heinze, Tucho Calvo, Víctor Freixanes, Margarita Ledo Andión, Xosé Ramón Pena, Darío Xohán Cabana, Suso de Toro, Marilar Aleixandre, Manuel Rivas…
Terceira promoción: Conforman este grupo os autores nados na década dos cincuenta e sesenta que, ou ben comezan no mundo da narrativa nos anos noventa, ou achegan o mellor da súa produción nesta década: Xosé Miranda, Xesús Manuel Valcárcel, Manuel Forcadela, Xelís de Toro, Ramón Caride, Aníbal C. Malvar, Gonzalo Navaza, Antón Riveiro Coello, Xosé Cid Cabido, Xurxo Borrazás, Xosé Carlos Caneiro, Miguel Anxo Murado…
(1.404 palabras)

(Sen ter en conta a referencia a autores)
Neste período fecundo da nosa historia cultural, que corresponde co final da vida dos vellos mestres nados nas primeiras décadas do século (Blanco Amor, Cunqueiro...) e mais coa obra de madureza dos mozos que participaron na recuperación cultural dos anos 50 e 60 (Ferrín, Casares, Neira Vilas...) incorpóranse á literatura galega moitos novos narradores.
Aínda que é moi difícil facer unha selección dos autores actuais (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica) nin unha clasificación dos mesmos, citaremos algúns utilizando un criterio moi subxectivo de gustos persoais e buscando non recargar de nomes e títulos.
CARLOS CASARES (Ourense, 1941-Vigo, 2002) comezou coa Nova Narrativa Galega, mais as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. A súa prosa é (tal como defendía Castelao) sinxela pero moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de lectores.
Ilustrísima (1980) é unha breve novela na que un bispo de principios de século en Ourense se ve obrigado por unha sociedade retrógrada e fanática a condenar o cine contra a súa vontade. O sol de verán, publicada pouco despois da súa morte está narrada por unha muller, Helena, que lembra un amor imposíbel, afectada polo repentino suicidio de Carlos.
XOSÉ MANUEL MARTÍNEZ OCA (A Estrada, 1942) é para moitos o mellor narrador desta xeración. Ten unha extensa obra de novelas e relatos curtos. Destacaremos Beiramar (1983), Premio Blanco Amor, na que combina realismo con elementos do mítico popular galego
ALFREDO CONDE (Allariz, 1945), cunha ampla obra na que destacamos Xa vai o Griffón no vento (1984), premio Blanco Amor e Premio Nacional da Crítica (1ª vez que se lle concedía este último premio a unha obra en galego): narra alternativamente dúas historias; unha que acontece na Compostela do s. XVI, no ambiente da Inquisición, e outra na Provenza actual.
XAVIER ALCALÁ (Miguelturra-Cidade Real, 1947): A novela que, ata o momento, gozou de maior éxito foi A nosa cinza (1980) na que nos ofrece unha visión da infancia e a mocidade da xeración da posguerra. Xa no s. XXI publicou unha triloxía sobre a historia das comunidades evanxélicas en Galicia.
CARLOS G. REIGOSA (Pastoriza, 1948), coñecido principalmente polas súas novelas detectivescas: Crime en Compostela (1984), O misterio do barco perdido (1988) -sobre tráfico de armas-, A guerra do tabaco (1996) e Narcos (2001),  as dúas sobre o narcotráfico.
DARÍO XOHÁN CABANA (1952): O seu mundo narrativo está fortemente influenciado por Cunqueiro: construción sinxela, fusión de fantasía e realidade, reutilización da materia de Bretaña e da mitoloxía popular, Galván en Saor(1989) é a máis representativa. Morte de Rei (1996) é una ambiciosa e modélica novela histórica.
SUSO DE TORO (1956): É, xunto con Manuel Rivas, o máis importante dos narradores actuais. Ten unha obra extensa e moi variada. As súas primeiras obras son libros fragmentarios, transgresores, con personaxes marxinais, múltiples voces narrativas (entre as que sobresae Nano, un personaxe esquizofrénico que reinterpreta vida e obras literarias), fragmentos de cadernos... Tic-Tac (1993) é o seu máximo expoñente e a que pon fin a esta tendencia. As súas obras posteriores son máis convencionais. A sombra cazadora (1994) é unha exitosa novela xuvenil de ciencia-ficción, ao mesmo tempo que un relato iniciático e unha reflexión sobre o poder manipulador dos medios de comunicación.
MANUEL RIVAS (1957): É o escritor actual con maior proxección editorial e mediática, dentro e fóra das nosas fronteiras. As súas primeiras obras no campo da narrativa foron libros de relatos, cheos de humor e lirismo -Que me queres, amor? (1995)-; entre as novelas sobresae O lapis do carpinteiro. (1998) onde narra unha historia de amor ambientada na guerra civil e na inmediata posguerra; ambas as dúas obras foron levadas con éxito ao cine.
ANTÓN RIVEIRO COELLO (1964) cultiva unha temática moi variada (desde o xénero negro ata a evocación da infancia) nos moitos relatos e novelas publicados ata o momento. As rulas de Bakunin está protagonizada por un vello loitador anarquista e desenvólvese ao longo de case todo o s. XX.
Nos últimos anos desta etapa está a producirse un boom de narrativa de mulleres (como sucedera pouco antes na poesía) que aínda sendo moi variada posúe algúns trazos comúns: protagonismo feminino, cuestionamento dos valores patriarcais e dos roles tradicionais, as relación entre mulleres... Os nomes máis destacados son ROSA ANEIROS (1976), TERESA MOURE (1969) con Herba moura ambientada no s. XVI en Suecia e Ámsterdam e MARÍA REIMÓNDEZ (1975), cuxa obra O club da calceta trata sobre a condición feminina na sociedade actual a través de seis protagonistas moi diferentes. 
Mención á parte merece a literatura infantil e xuvenil (frecuentemente premiada fóra das nosas fronteiras). Algúns dos seus autores, aínda que ningún deles se dedica en exclusiva a este xénero son:
PACO MARTÍN (1940): A máis lida, premiada e traducida de toda a súa obra é Das cousas de Ramón Lamote (1985), humorística e fantástica, o seu protagonista fai cousas extraordinarias, como debuxar soños ou organizar carreiras nas nube sen contraste coa xente común coa que convive. Ultimamente publicou Das novas cousas de Ramón Lamote (2008).
MARILAR ALEIXANDRE (Madrid, 1947): Incorporouse serodiamente á literatura galega coa publicación en 1989 de A formiga coxa, infantil; outra obra xuvenil, de aventuras é A expedición do Pacífico (1994).
FINA CASALDERREY (Xeve, 1951): Mestra pontevedresa e autora de grande éxito con moitas das súas obras, desde nenos pequenos ata adolescentes, con multitude de premios e traducida a todas as linguas da península. ¡Asústate, Merche! (1994) O misterio dos fillos de Lúa (1995), Dúas bágoas por Máquina (1991) ...
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947): Entre os numerosos títulos que escribiu ata agora, atopamos unha ampla variedade temática: dende narracións de medo (Cartas de inverno, Aire negro) ata novelas de anticipación (O centro do labirinto), pasando por outros que recollen historias realistas (Trece anos de Branca, Rapazas). Unha característica presente nunha boa parte dos seus libros é a irrupción dalgún elemento fantástico no mundo real (Cos pés no aire, As flores radioactivas, Amor dos quince anos, Marilyn, Avenida do Parque, 17, As fadas verdes), moitas veces adobada cunha abondosa carga de ironía e humor (O laboratorio do doutor Nogueira, Contos por palabras). Un dos seus últimos libros, polo de agora, é Noite de voraces sombras, unha novela onde aborda o qué significou a guerra civil desde os ollos dunha rapaza de hoxe.
(1050 palabras)



Tema 12.
O teatro de fins do XX e comezos do XXI. temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes.

A importante recuperación do teatro galego a partir da década dos setenta vaise ver fortalecida nas seguintes. Ademais da consolidación de autores como Manuel Lourenzo, Roberto Vidal Bolaño ou Euloxio Ruibal, aparecen outros novos como Xesús Pisón, Joao Guisan Seijas, Miguel Anxo Fernán-Vello, Cándido Pazó, Miguel Anxo Murado e Inma A. Souto que van posibilitar a progresiva normalización da nova dramaturxia.
Paralelamente, a produción escénica vai gozar dunha boa saúde mercé á gran diversidade de grupos que comezan a súa singradura a comezos dos oitenta (Uvegá Teatro, Teatro de Ningures, Tranvía teatro, Teatro do Morcego, Sarabela teatro, etc.) e ao mantemento en activo doutras compañías xa existentes (Antroido, Teatro do Noroeste…). Por outra banda, o Centro Dramático Galego vén desempeñando dende 1984 un labor esencial como centro artístico, posibilitando que diversos creadores e profesionais poidan desenvolver a súa actividade.
Esta nova xeración dos oitenta vai ir abandonando paseniño o teatro de temática social da década anterior para abordar novos problemas dende perspectivas diferentes. A heteroxeneidade será, pois, o que defina a este grupo de autores que se caracterizan por presentar nas súas obras unha predominante vocación cultista, materializada nuns textos de alta densidade lírica e de forte contido simbólico. A isto pódenselle engadir outras características xerais como o emprego da ironía e o humor, a usual presenza da parodia, ou o anonimato que caracteriza os personaxes.
Os autores desta xeración máis destacados son:
·         Xesús Pisón (1954), un dos autores máis representados no ámbito do teatro para a infancia e a mocidade, deu ao prelo obras como O xigante don Gandulfo, señor de Tentequedo (1980); o pauto (1983) e O rei aborrecido (1984). A obra de pisón, que nas primeiras pezas se decantaba pola farsa satírica e esperpéntica, oriéntase na actualidade á recreación de conflitos máis complexos, que teñen que ver coas sempre difíciles relacións humanas.
·     Manuel Guede Oliva (1956). Tradutor e adaptador de autores clásicos (Molière, Shakespeare, Ibsen...) foi director do Centro Dramático Galego durante tres lustros, foi premio Álvaro Cunqueiro (o máis prestixioso en teatro) no ano 2006 cunha obra protagonizada por La Bella Otero.
·         Joao Guisan Seijas (1957), actor, director, investigador etnoteatral, narrador e dramaturgo, escribiu Crónica dunha amante feia, premiada en ferrol en 1978, e Un cenário chamado Frederico (1985), peza esta última que constitúe un dos textos máis anovadores e interesantes da dramática galega máis contemporánea no que Guisan retoma técnicas e recursos propios do teatro de máscaras de Otero Pedrayo para elaborar unha situación dramática na que o propio escenario se converte no verdadeiro protagonista dun conflito imposible.
·         Miguel Anxo Fernán-Vello (1958) desenvolve un intenso traballo como poeta, ensaísta e dramaturgo; publica A tertulia das máscaras, Cuarteto para unha noite de verao e A casa dos afogados, un drama fantástico no que o autor recrea a realidade sempre fronteiriza da fisterra, rexión poboada de brumas, pantasmas, seres enigmáticos da Galicia máxica.
Nos anos 90 o teatro galego caracterízase pola continuidade (e consolidación) de autores de promocións anteriores e pola presenza doutros máis novos que, a través dunha interesante traxectoria profesional, se preocupan por crear obras literarias de coidada estrutura, de fácil representación e cunha menor carga simbólica que as da xeración anterior.
Unha característica fundamental desta xeración de novos autores vai ser a estreita vinculación coa práctica teatral de moitos deles, feito que porén non vai incidir nos trazos formais ou temáticos dos seus textos, xa que o texto dramático convértese nun produto literario cun valor propio, produto que para ser consumido xa non precisa do abeiro da escena.
Ademais doutros autores, destacan neste período Cándido Pazó, que inicia a súa traxectoria como actor no grupo vigués A Farándula para logo, xa como director, crear Tranvía e posteriormente participar na aventura cooperativa de Ollomoltranvía, grupo co que puxo en escena Commedia, un xoguete para Goldoni,persoal adaptación dun guión dramático do autor italiano. Lino Braxe publica unha serie de textos nun volume que leva por título A promesa. Co monólogo A actriz gaña o XII Concurso de Teatro Breve da Escola Dramática Galega; un fermoso texto no que unha actriz, mentres realiza un exercicio de improvisación, crea situacións que dan conta dunha imaxinaria traxectoria vital e profesional. Miguel Anxo Murado ten publicadas dúas interesantes pezas nas que recrea vellos argumentos partindo da reelaboración das situacións e propondo novas solucións a conflitos coñecidos. Outros autores a ter en conta son Quico Cadaval, Raúl Dans e Inma António Souto.
 (721 palabras)



4. O TEXTO E AS SÚAS PROPIEDADES. MODALIDADES TEXTUAIS

O TEXTO E AS SÚAS PROPIEDADES           (resumo-recordatorio)

Un texto é un enunciado ou un conxunto de enunciados, enlazados de maneira coherente, que posúen sentido completo. O texto, xa sexa oral ou escrito, debe reunir tres propiedades básicas:

·         Adecuación: Establece que calquera texto se debe adaptar a un contexto ou situación comunicativa determinada. A adecuación pódese establecer respecto do contexto (unha gráfica estatística resulta adecuada para un traballo matemático, mais resulta estraña no medio dunha novela) ou da situación comunicativa (expresarse nun rexistro coloquial na exposición dun traballo académico pode resultar moi inadecuado).
Xa que logo, o texto debe cumprir dúas condicións:
Presentación. Debe estar distribuído de maneira axeitada (disposición das marxes e dos parágrafos), empregar recursos tipográficos (letra grosa, cursiva...) e respectar a normativa (estándar lingüístico).
Rexistro. Un texto é adecuado se o seu rexistro (formal ou informal) se axusta á situación comunicativa en que se produce: a canle que emprega (oral ou escrita), o destinatario a que vai dirixido e a intención do emisor (persuadir, deleitar, informar, etcétera).

·         Coherencia: É unha propiedade que pon en relación  todos os elementos dun texto, dotándoo dun significado global que permite entender a información. Depende de dous factores:
- Que resulte adecuado.
- Que teña unidade de sentido. Os enunciados que o constitúen débense referir a un mesmo tema, e non saltar arbitrariamente dun asunto a outro. As ideas deben ser compatibles entre si, isto é, non se poden contradicir unhas a outras.
Para conseguir a coherencia textual, a información debe organizarse e estruturarse segundo unha orde. Nalgúns casos esa estrutura está determinada polo tipo de texto (por exemplo, unha carta consta de tres partes: encabezamento, corpo e remate; unha instancia consta dos apartados de EXPÓN e SOLICITA; un texto legal divídese en títulos, capítulos, seccións e artigos; un texto teatral divídese en actos, cadros e escenas...).
A estruturación máis frecuente é a que divide o texto en tres partes:
Introdución: enunciado ou presentación do tema.
 Corpo do escrito: exposición detallada dos aspectos incluídos nese tema.
.  Conclusión.
Sexa cal sexa esa estrutura, o texto está formado por varios parágrafos e cada parágrafo por varias oracións.

·         Cohesión: Os enunciados que forman un texto preséntanse conectados ou enlazados (cohesionados) entre si mediante diferentes procedementos lingüísticos:
- Os conectadores ou marcadores discursivos son pezas lingüísticas que enlazan os parágrafos e as oracións dun texto, contribuíndo, así, para a súa cohesión.

TIPOS DE CONECTADORES
Temporais
Ordenan as distintas accións ás que se alude nun texto.
logo, despois, a seguir, por outra banda, así mesmo...
Explicativos
Aclaran palabras, ideas ou expresións aparecidas con anterioridade.
isto é, ou sexa, a saber, noutras palabras, por certo, en resumo...
De orde
Indican as distintas partes nas que se organiza ou se distribúe o texto.
en primeiro / segundo lugar; pola unha banda, pola outra...
De contraste
Expresan a oposición entre dúas ideas ou ben matizan unha conclusión.
en troques/ troca, pola contra, porén, non obstante, iso si...
Aditivos
Engaden información, permitindo a dedución de conclusións.
ademais, á parte, é máis, incluso / inclusive, máis aínda...
De causa ou consecuencia
Establecen unha relación de causa-efecto entre dúas ideas sucesivas.
(así) pois, entón, daquela, xa que logo, en consecuencia...
De reforzo ou concreción
Reforzan un argumento ou exemplifican unha parte do discurso.
en realidade, en rigor, de feito, a verdade, e logo!, por exemplo...
De contacto
Reforzan ou xustifican un razoamento e establecen a relación entre os falantes.
ho, anda, oe, olla, non é?, non si?, entendes?

Recorrencia. No discurso, certos elementos remiten a outros, que resultan necesarios para a súa interpretación. Existen varios procedementos:
A repetición de palabras ou substitución por sinónimos: O seu noivo era asturiano. Os pais do seu mozo, porén, eran galegos.
O uso de substantivos hiperónimos (palabra que lle dá nome a un campo semántico): Xacobe tiña moita paciencia. Outra das súas virtudes era a constancia.
O uso de pronomes persoais, posesivos ou demostrativos que se refiren a substantivos aparecidos previamente: Xoana e Xandra son actrices. Elas veñen de estrear unha película.

Substitución: Consiste na colocación dun elemento en lugar doutro ou doutros no texto, evitando a súa repetición: Algúns pensan que os alimentos transxénicos son sans, mais eu non penso así.

Elisión. É a omisión dun elemento (palabra, sintagma, proposición ou enunciado), recuperable polo contexto: Vai vir Alberte? Debería (vir Alberte).

AS MODALIDADES TEXTUAIS                (resumo-recordatorio)

A NARRACIÓN
É un texto no que se conta unha sucesión de acontecementos. Se os feitos son ficticios, a narración é literaria (conto, novela, poema épico...); se son reais, é non literaria (noticia, biografía...).
Nunha narración pódense distinguir os seguintes elementos:
Narrador. É a voz que relata a historia. Diferéncianse dous tipos:
En 1ª persoa. O relato cóntao xa o personaxe principal (narrador protagonista), xa un personaxe secundario (narrador testemuña).
En 3ª persoa. A historia non a refire personaxe ningún. É omnisciente cando coñece todos os detalles da acción e dos personaxes.
Argumento. É a serie de acontecementos que configura a historia.
Personaxes. Segundo a súa importancia, son principais ou secundarios.
Tempo. A acción ambiéntase nunha época (a Idade Media, a actualidade, o futuro...) e ten unha duración (unha hora, dez días...).
Espazo. O lugar onde se desenvolven os feitos pode ser real ou imaxinario, urbano ou rural, aberto ou cerrado...

A DESCRICIÓN
É un texto  no que se di como é algo ou alguén.
Ao describirmos, reflectimos con palabras o que perciben os nosos sentidos (formas, cores, sons...), ou ben trazos que deducimos desas percepcións (por exemplo, o carácter dunha persoa a partir do seu xeito de falar).
Segundo a realidade descrita, establécense tres tipos de descricións:
Descrición de personaxes. Pódese limitar aos trazos físicos da persoa descrita (prosopografía), reflectir a súa forma de ser (etopea) ou referirse tanto ao seu aspecto físico como á súa personalidade (retrato).
Descrición de lugares. Céntrase nunha vila, nunha paisaxe, nunha cidade, nunha habitación... Recibe o nome de topografía.
Descrición de obxectos, de plantas, ou de animais.
As descricións pódense clasificar tamén consonte á actitude, ao punto de vista ou á intención do emisor. Distínguense asemade, dúas clases:
Descrición científica. O emisor ofrece unha visión obxectiva da realidade, sen incluír opinións ou valoracións, xa que a súa intención é transmitir información.
Descrición literaria. O emisor presenta unha visión subxectiva da realidade, cunha intención artística. Dentro destas descricións podemos atoparnos coas humorísticas ou irónicas, cunha intencionalidade crítica e sutil.

O DIÁLOGO
É un texto no que dous ou máis interlocutores intercambian mensaxes, adoptando alternativamente os papeis de emisor e receptor. Os diálogos pódense agrupar nas seguintes modalidades:
Diálogos literarios. Neles participan personaxes ficticios. Aparecen no teatro, nos textos pertencentes ao xénero narrativo e, con menor frecuencia, nos textos líricos.
Diálogos non literarios. Pertencen a este grupo os seguintes tipos:
Conversa. Intercambio comunicativo espontáneo que manteñen, por medio de intervencións curtas, dous ou máis interlocutores. Os textos literarios adoitan incluír diálogos que tratan de imitar as conversas reais.
Entrevista. Diálogo, polo xeral xornalístico, no que unha persoa (a entrevistadora) lle formula preguntas a outra (a entrevistada) para obter desta última informacións ou opinións.
Debate. Discusión sobre un tema decidido previamente que se establece entre varios interlocutores con opinións distintas. Un moderador controla as quendas de palabra.
Tertulia. Diálogo no que participan interlocutores máis ou menos fixos cun interese común (cinema, arte, política...).
Nos diálogos adoitan aparecer os seguintes trazos lingüísticos: Uso de pronomes persoais, verbos e posesivos de segunda persoa; abundancia de oracións interrogativas e exhortativas, e emprego de vocativos ou de expresións que nomean explicitamente o receptor.

A EXPOSICIÓN
Unha exposición é un texto cuxa finalidade é informar ou proporcionarlle coñecementos ao receptor sobre un tema determinado.
A través dun texto expositivo pódese definir un concepto, explicar un proceso ou clasificar un conxunto de obxectos ou de seres vivos.
Para expoñer unha información hai que:
Definir ben o tema.
-  Explicalo con claridade, concisión, precisión e sinxeleza.
-  Presentar as ideas ordenadas con lóxica e coherencia. A información deberá distribuírse en parágrafos breves e ben diferenciados polo contido.
- Ter en conta o destinatario para adecuar a exposición ao seu nivel de coñecementos, intereses...

A exposición ten as seguintes partes:
Introdución ou presentación do texto.
Desenvolvemento ou explicación ordenada.
Conclusión ou resumo.
Os textos expositivos (manuais, enciclopedias, dicionarios...) non inclúen xuízos de valor ou opinións do emisor. A obxectividade propia desta modalidade textual tradúcese nos seguintes trazos lingüísticos.
TRAZOS LINGÜÍSTICOS DOS TEXTOS EXPOSITIVOS
Predominio da 3.ª persoa e do presente de indicativo con valor atemporal (presente gnómico)
A intoxicación por toxinas ASP (Amnesic Shelfish Poison) provoca trastornos gastrointestinais que aparecen nas primeiras 24 h.
Emprego de adxectivos cualificativos non valorativos.
O ácido domoico, presente nas toxinas ASP, é un aminoácido neuroexcitador que actúa a nivel do hipocampo.
Inclusión de datos e cifras.
O límite máximo permitido pola normativa vixente é de 20 mg de ácido domoico / kg de vianda.

A ARGUMENTACIÓN
Unha argumentación é un texto en que se achegan razóns para xustificar unha opinión.
Nos textos argumentativos, o emisor pretende convencer ou persuadir o receptor da validez do seu punto de vista. As razóns que se aducen reciben o nome de argumentos; a opinión que se defende denomínase tese.
Ademais, unha argumentación consistente debe incluír a refutación dos contraargumentos ou argumentos que serven para apoiar a tese contraria.
Os textos argumentativos presentan a seguinte estrutura:
·      Tese ou opinión cuxa validez se pretende defender. Pode ir encabezada por expresións como na miña opinión, do meu punto de vista...
·      Desenvolvemento ou corpo da argumentación, en que se presentan as razóns ou os argumentos (datos, cifras, citas, citas de autores considerados unha autoridade na materia, exemplos, experiencias persoais) que serven para apoiar a tese. Cada argumento adoita ir introducido por un marcador de orde (en primeiro / segundo lugar; por outra parte, por último...).
·      Conclusión, en que se volve enunciar a tese e se engade algunha idea adicional que se poida deducir dos argumentos. Pode ir encabezada por un marcador de consecuencia ( por tanto, así que...).


5. O sistema vocálico

Como sabes, o alfabeto galego está constituído por vinte e tres letras das cales cinco son vogais e dezaoito son consoantes. Estas vinte e tres letras representan vinte e seis sons, é dicir, no galego hai mais sons que letras.
No sistema vocálico galego temos que diferenciar sete sons, aínda que só existan cinco letras para representalos.
Fíxate nestes exemplos:
pe (letra do alfabeto) / pé (parte do corpo)
Estas dúas palabras escríbense igual, a única diferenza que presentan é o acento gráfico, para marcar que o e ten dúas pronuncias diferentes, que son polo tanto dous fonemas diferentes. Iso fai que o significado das dúas palabras
tamén sexa diferente. Observa estoutros exemplos:
oso (animal) / óso (cada unha das pezas duras e ríxidas que forman o esqueleto dos vertebrados)
pola (galiña que aínda non pon ovos) / póla (rama dunha árbore)
As vogais poden aparecer soas, acompañadas dunha ou máis consoantes ou doutra vogal.

As vogais son todas sonoras. Polo tanto opóñense entre elas soamente por dous trazos: a) punto de articulación, b) Modo de articulación.




PUNTO DE ARTICULACIÓN
Está constituído polo lugar do aparato fonador onde se produce o fonema en cuestión e os órganos que interveñen na súa articulación.


palatais (anteriores)    centrais       velares (posterior)
MODO DE ARTICULACIÓN
pechadas
/i/                                                                 /u/
Determinado pola posición dos órganos
semipechadas

      /e/                                                       /0/                                                             
articulatorios e a abertura que deixan para a saída do aire no momento da
semiabertas
              /E/                                        /O/
realización do fonema.
abertas
                                     /a/


·         Existen numerosos pares de palabras que só se diferencian por posuír vogal media semiaberta ou semifechada:

/e/   -      /e/:            pega (paxaro)                      /              pega (dificultade)
                               presa (manchea)                 /               présa (apuro)
                               selo (substantivo)                /              selo (verbo)
                               ten (imperativo)                  /              ten (presente)

/o/   -   /o/               bola (de pan)                       /              bóla (esfera)
                               mollo (prebe)                      /              mollo (feixe)
                               podo (podar)                       /              podo (poder)
                               pola (galiña nova)                /             póla (rama)


·         Presentan vogal tónica semiaberta:

-      os substantivos rematados en –el ou –ol e os seus plurais: anel, aneis, caracol, caracois.
-      os verbos da segunda conxugación con vogal radical –e- ou –o- que presentan alternancia vocálica, nas persoas 2ª, 3ª e 6ª do presente de indicativo: bebes, bebe, beben, comes, come, comen.
-      os verbos da terceira conxugación con vogal radical –e- ou –u- que presentan alternancia vocálica nas persoas 2ª, 3ª e 6ª do presente de indicativo: serves, serve, serven, foxe, foxes, foxen.
-      as formas verbais de tema de perfecto irregular: coubeches, coubera, coubese, couber.
-      os nomes das seguintes letras: e, efe, ele, eme, ene, eñe, erre, ese, o.

·         Presentan vogal tónica semifechada:

-      os verbos da segunda conxugación con vogal radical –e- ou –o- que presentan alternancia vocálica, na 1ª persoa do presente de indicativo, no presente de subxuntivo e no imperativo: bebo, beba, bebas, como, coma, comas.
-      as formas dos verbos da primeira conxugación nos que a vogal –e- ou –o- vai seguida de –i- ou de consoante x, ch, ll e ñ , e nos verbos rematados en –ear ou –oar: deite, axexa, pechas, tellan, empeña, coxean, loita, despexas, acocha, ollan, soñas, voas.
-      as formas verbais de tema de perfecto dos verbos ser e ir: fomos, fora, fose, for…
-      as formas de infinitivo: coller, collermos, pór, pormos…
-      os nomes das seguintes letras: be, ce, de, gue, pe, te, xe, zeta.
-      a maior parte das palabras rematadas en –és: coruñés, montañés, vigués.
-      as palabras en que –o- forma ditongo con –u-: touro, tesouro.
-      os nomes acabados en –edo (medo), -ello (cortello, agás vello, que é semiaberta), -eo (feo), -eza (grandeza), -ón (corazón), -or (matador), -oso (fermoso).

Ditongo
Cando dúas vogais se pronuncian nun só golpe de voz temos un ditongo. Para que isto suceda, unha das dúas vogais ten que ser obrigatoriamente i ou u (vogais febles). Segundo a vogal feble apareza en primeiro ou en segundo lugar falamos de ditongos crecentes ou decrecentes, respectivamente. Se as dúas son febles, é un ditongo homoxéneo. Exemplos: camn, aguia (crecentes); auga, ouro (decrecente); fuxiu, cuincar (homoxéneos).

Tritongo
Recibe o nome de tritongo a combinación de tres vogais (a primeira e a última fechadas, e a interior, aberta ou media) nunha mesma sílaba. Exemplos: industriais, usuais.

Hiato

É o encontro de dúas vogais que pertencen a sílabas diferentes e está formado por dúas vogais abertas ou medias (caer, feo) e tamén por unha aberta ou media e unha fechada tónica (caída, peúgo) ou viceversa (actúo, día).



FENÓMENOS VOCÁLICOS FRECUENTES NA LINGUA ORAL:
- Aférese: Perda dunha vogal ao principio da palabra (inda, topar... por aínda e atopar...).
- Síncope: Perda da vogal no medio da palabra (espranza, vran, pra... por esperanza, verán, para...).
- Prótese: Engadir unha vogal ao principio da palabra ( abidueiro, arradio, arremedar... por bidueiro, radio, remedar...).
- Epéntese: Intercalación dun i entre dúas vogais que forman hiato (a iauga, a ialma, comeraio... por a auga, a alma, comerao...).
- Paragoxe: Aparición dunha vogal ao final da palabra. (mullere, fácile, corazonhe... por muller, fácil, corazón...).



6. OS VALORES DE "SE"

1. PRONOME

1.1 " Se " como reflexivo

O pronome reflexivo ten o valor de complemento directo: A rapaza peitéase. Vestiuse devagar. O xastre fíxose un traxe para a festa (para el). O rapaz córtase o pelo (a si mesmo). Traizoouse a si mesma. Queimouse (a si mesmo) e tivo que ir ao médico. Manolo peitéase con coidado. Lavouse en media hora.

OLLO! Non son posibles en galego construcións reflexivas nas que a acción se exerza unicamente sobre unha parte do suxeito (por exemplo son incorrectas formas como *laveime as mans, *queimeime un dedo*, *fíxenme un traxe na costureira).

1.2 " Se " con valor recíproco

Similar ao reflexivo, agás que neste caso o que se intenta remarcar é que dous suxeitos realizan a acción entre eles ou dun cara ao outro. Neste caso pode  desempeñar a función de CD ou CI. Por exemplo: Pepe e María quérense moito (CD). Telefónanse todos os días (CD). Escríbense cartas a miúdo (CI). Déronse un abrazo (CI).  Aloumiñábanse con tenrura (CD). Aínda se seguían escribindo cartas de amor (CI).

1.3 " Se " con valor pronominal

Un verbo pronominal é basicamente aquel que esixe sempre a presenza dun pronome reflexivo, de forma que non pode aparecer sen el. Acompaña a verbos que necesitan do pronome para manter o seu significado. Non teñen función nin de CD nin de CI, forman parte inseparable do verbo. O pronome vén a ser un morfema non transitivo ou un formante lexical. Por exemplo: Sempre se queixa do mesmo.  Arrepentiuse do que dixo.  Lembrouse da súa infancia. Botouse de cabeza. Moveuse de sitio. Lanzouse á auga. Prohibido descalzarse na aula. Pórtase ben. A xanela abriuse co vento. Queixábase de que lle doía o pé.

1.4 " Se " impersoal activa


Nas oracións impersoais, aquelas que carecen de suxeito, "se" é o elemento que remarca a impersonalidade (pero se lle quitamos o “se” podemos transformar a oración cun suxeito). Non ten ningunha outra función e o seu uso é doadamente distinguible xa que este tipo de oracións adoitan ser unimembres. Só se emprega co verbo en 3º persoa de singular. Non admite o plural. Non varían coa persoa verbal.  

Por exemplo: Nesta cidade vívese ben. Valorouse aos concursantes. Fálase de que subirán os impostos. Auxiliouse aos feridos.Estase ben aquí. Admírase ao heroe. En Galicia lese pouco.Maltrátase ao contribuínte.

1.5 "Se" en impersoal pasiva ou pasiva reflexa

Poden confundirse coas anteriores, pero a maior diferenciación é que estas oracións son bimembres e contan con suxeito e predicado. O uso do "se" incrementa o significado pasivo do verbo. Por exemplo: Aprobouse o decreto por ampla maioría; necesítanse empregados; véndese automóbil antigo.

2. CONXUNCIÓN

2.1 " Se " con valor de condicional

Inicia unha oración que expresa unha hipótese ou unha condición necesaria para que algo teña lugar, ou funciona como nexo de oración subordinada: Se non teño vacacións no verán, tereinas no Nadal. Se coidas o coche, durarache máis. Se collen o tren das doce chegarán a Vigo ás tres. Este rapaz sempre fai como se non oíse. Pregúntalle se vai ir á voda de Xurxo. Non lle fagas caso se che di que vaias con el.

  
FÍXATE! PARA ENTENDERMOS MELLOR OS VALORES DE “SE” PRONOME

Dentro das Oracións Predicativas podemos distinguir (entre outras):
¾      Predicativas reflexivas: O Suxeito e o CD coinciden na mesma persoa ou obxecto: María dúchase.
¾      Predicativas recíprocas: Dous suxeitos son á vez Axentes e Pacientes do proceso indicado polo verbo: Os dous irmáns odiábanse a morte.
¾      Predicativas pasivas reflexivas: Non sabemos ou non queremos manifestar o Complemento Axente ( exclusivo da construción pasiva; dado que o suxeito é paciente, este complemento opcional permite expresar quen realiza a acción). O verbo vai en terceira persoa, do singular ou do plural. (Alúgase apartamento. Alúganse apartamentos)
¾   Predicativas impersoais (aquelas que carecen de suxeito) podemos distinguir, entre outras as Reflexas ou impersoais activas. Levan o pronome se como marca de impersonalidade. (Estase ben aquí. Fálase de suspender a excursión) Hai que ter moito coidado e non confundirmos estas oracións impersoais coas pasivas reflexas, que teñen suxeito e nas que o pronome se funciona como marca da voz pasiva. 



7. RECORDATORIO:  A posición do pronomes persoais átonos (clíticos)
O trazo máis característico do pronome persoal é a existencia de formas diferentes para diferentes funcións. Existen así unhas formas tónicas e outras átonas (en función de acusativo (CD) e dativo (CI)). As formas átonas deben apoiarse nunha forma tónica do sintagma, e por iso reciben o nome de pronomes clíticos, que poden ser proclíticos (apóianse na palabra seguinte) ou enclíticos (apóianse na palabra anterior).
A posición normal dos clíticos é a posverbal (énclise), e soamente en determinadas condicións se traslada o pronome para a posición anteverbal (próclise). En calquera caso, un clítico nunca pode iniciar un enunciado: Subiulle a paga mensual. Tróuxome un agasallo polo Nadal. Quérote moito, miña rula. Sonche de Sada...
O pronome persoal átono vai enclítico:
         - Nas oracións simples (coordenadas ou non) así como nas dominantes das complexas, cando presentan entoación enunciativa afirmativa, interrogativa (sen pronome interrogativo) e imperativa:
                         déixao
                         díxenllo cando volveu
                         dixéchesllelo?
                         mércao e gárdallo no armario
                         facilitoume moito as cousas

         Pero prodúcese a próclise:
         - Nas oracións desiderativas nas que o suxeito precede o verbo sendo ou non introducidas por que:
                         (espero que) o demo te leve!
                         que te parta un raio!

         - Nas oracións enfáticas nas que o elemento inicial (suxeito) adquire relevancia (significativa e fónica):
                         vós o quixestes
         - Cando se dá unha orde non lineal dos elementos da oración ao antepoñer un CD ou outro sintagma que non adoite ocupar esa posición:
                         gaña che me deron de matalo
                         cousas fermosas lles regalaron
                         ben se lle notan os anos

         - Nas oracións interrogativas ou exclamativas con pronome específico:
                         que lle contaches?
                         que ben che senta!

         - Nos enunciados total ou parcialmente negativos:
                         non llo deixarei
                         nunca llelo pedín nin ela mo deu
                         ninguén me aconsellou tal cousa

         Pero...
                         non, fíxeno pola miña conta.

         - Certos indefinidos ao non permitiren pausa forzan a próclise do pronome átono: algo, alguén, ambos, bastante, calquera, mesmo, todo, ninguén, nada, ningún:
                         calquera lles di nada agora
                         alguén cho ten que confirmar

O comportamento dos adverbios é moi complexo. Os que admiten pausa esixen a énclise; os que non a admiten provocan a próclise do pronome persoal.
         - O pronome vai enclítico cos adverbios e locucións adverbiais hoxe, onte, mañá, antonte...; antano, hogano, hoxe en día; antes, daquela, entón, noutrora, despois, ao pouco...; a reo, de seguido, ás veces, de cando en vez, ao raro, de tempo en tempo, aos poucos, pouco a pouco, a miúdo...; encima, arriba, derriba, enriba, abaixo, debaixo, embaixo, diante, adiante,  atrás, detrás, arredor, ao redor; dentro, fóra, enfronte; lonxe, preto, cerca; ao lado, a carón, a rentes, ao pé, a desmán; de socato, de súpeto, de repente, de golpe, ademais, a modo...
                         embaixo mandárono aquí
                         mañá darémosche a resposta
                         de repente pechoulle a porta na cara

         - O pronome vai proclítico, ao non admitir pausa detrás dos adverbios acaso, ata, case, disque,  igual (se cadra), incluso, mesmo, quizais, seica, si, velaquí, velaí, xa; aínda, axiña, en seguida, de seguida, sempre, só, tamén; algures, ben, cedo, igual (do mesmo xeito), mal, peor, tarde...:
                         case llo espeta no lombo
                         quizais a leu ás agachadas

         - Os adverbios que orixinan próclise ou énclise do pronome segundo admitan ou non pausa tras si son aquí, aí, alí, aló, alá, acó, acá; así, logo, agora, sequera, e os adverbios en -mente. Normalmente prodúcese un cambio de significado segundo permitan ou non a pausa:
                         logo, lévoche o café (logo = despois)
                         logo che levo o café (logo = axiña)
                         a carta, efectivamente, tróuxome recordos
                         seguramente o vexa mañá na clase

O pronome vai proclítico
         - Nas oracións dominadas con nexo explícito ou non:
                         sei que o estás pensando
                         cando se decatou rompeu a chorar
                         se llo alugas, pídelle factura mensual

         ¡OLLO! 
- Ao realizarmos unha pausa despois do nexo subordinante nunha especie de rectificación sobre a marcha, feito relativamente frecuente na linguaxe oral:
                         xa sabes que, ... fíxolle moito dano o fillo
Nas perífrases o pronome pode ir enclítico ou proclítico, segundo os casos:
                         teño que cho dar
                         teño que darcho
                         téñocho que dar





8. RECORDATORIO DE LÉXICO-SEMÁNTICA

A orixe do galego está no latín. Del proceden a maior parte das nosas palabras. Pero, ademais de vocábulos de orixe latina, o galego –como calquera outra lingua románica- ten aportes léxicos doutros idiomas.
Un neoloxismo é unha palabra ou expresión nova creada ou adaptada modernamente nunha lingua.
Un anglicismo é unha forma lingüística inglesa incorporada a outra lingua.
Os neoloxismos e os anglicismos convértense en préstamos léxicos necesarios cando temos necesidade de nomear un concepto ou un obxecto antes descoñecido para nós. Cando transcorre certo tempo a palabra adopta a fonética e a morfoloxía propias da lingua receptora.
Ás veces os préstamos son innecesarios porque a lingua receptora posúe xa un termo axeitado para designar ese obxecto ou concepto. Nese caso o préstamo recibe o nome de barbarismo. Os barbarismos están rexeitados xa que debemos darlle preferencia á palabra galega (grifo por billa, escoba por vasoira, adiós por adeus...). Ademais as linguas posúen mecanismos para crear novas palabras como a composición, derivación e parasíntese.

Do conxunto do léxico galego, hai unhas palabras que están na nosa lingua desde o primeiro momento da colonización romana e que sufriron todas as evolucións fonéticas características do paso do latín ao galego e tamén importantes cambios de significado. Estas palabras denomínanse populares ou patrimoniais. Son palabras patrimoniais, ademais das de orixe latina, aquelas que o latín tomou doutras linguas e que sufriron toda a evolución do idioma (as de substrato e superestrato).
Pero o latín, despois da colonización, seguiu sendo fonte para a incorporación de palabras novas ao galego que sufriron soamente algunhas evolucións ou mantiveron a forma latina case inalterada. En función da época na que se introduciron estas palabras e, consecuentemente, da evolución parcial ou da case ausencia da mesma, temos os semicultismos ou os cultismos. A existencia destes tres tipos de palabras atendendo á súa evolución orixina as familias léxicas irregulares: aquelas que presentan unha mesma raíz con diferentes formas (patrimonial, culta, semiculta). Así, por exemplo, a palabra artello procede do latín articulu; esa mesma raíz está presente nas palabras artellar e desartellar, pero tamén en artigo, articular, articulación, articulatorio, articulista e articulado, entre outras.

As normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, do ILG-RAG, de carácter rexeneracionista, publicadas no ano 1982 representan o galego estándar ou común que selecciona como correctas unhas determinadas características da lingua por medio dunha gramática e dun dicionario normativos. Malia iso e debido a múltiples circunstancias, constitúense as denominadas desviacións da lingua:
¾     Castelanismos: mencionados anteriormente.
¾     Lusismos: Deben servirnos para recuperar a forma galega de palabras castelanizadas (liberdade –non libertade-, frouxo –non floxo-, xuño –non xunio- ...), para restituír formas galegas desaparecidas (alugar, avaliar, orzamento, grella, vacina...), aínda que debemos ter coidado de non introducir lusismos que substitúan formas propias do galego (frango por polo, comboio por tren, conteúdo por contido...).
¾     Arcaísmos: Substitución de palabras plenamente galegas por formas medievais (nacer, non nascer; dor, non door; conseguir, lograr, non conquerir; vez, non vegada; título, non tíduo...).
¾     Dialectalismos: Responden ás diversas variedades xeográficas do galego; aínda que aceptables na fala, deben evitarse na lingua escrita (iste, ghrande, ilusiós...)
¾     Vulgarismos: Afectan case sempre á fonética e son propios do galego oral, aínda que algúns chegan a aparecer na lingua escrita (polígano, marmurar, espranza, probe, apousar...).
¾     Pseudoevolucións ou inventos: Ocorren en palabras moi cultas, idénticas ao castelán, ás que se aplican as leis de evolución histórica do galego como se  se tratase de vocábulos patrimoniais (cadeirádego –catedrático-, outura –altura- ...)

¾     Hiperenxebrismos ou hipergaleguismos: Formas creadas artificialmente por reacción diferencialista con relación ao castelán. Consisten en galeguizar aínda máis aquelas palabras que o galego comparte co castelán debido á común orixe latina (ambente –ambiente-, gasoliña –gasolina-, brilar -brillar-, labourar –laborar- ...). 

9. APUNTAMENTOS BÁSICOS DE SINTAXE

Primeiro achegamento á sintaxe.

http://issuu.com/xoanseca/docs/apuntamentos_b__sicos_de_sintaxe_6794517e966848

10. ESTRUTURA INTERNA DA PALABRA
Esquema básico.

http://issuu.com/xoanseca/docs/estrutura_interna_da_palabra


11.RELACIÓNS SEMÁNTICAS
Ficharecordatorio.

http://issuu.com/xoanseca/docs/relaci__ns_sem__nticas

12. USO DAS MAIÚSCULAS

3 comentarios:

  1. Esta página es perfecta, muchísimas gracias.

    ResponderEliminar
  2. Canto nos poden descontar en selectividade por levar os temas chapados?

    ResponderEliminar
  3. Demasiado rollo os temas. En selectividade pídenos máis cortos

    ResponderEliminar