ROTEIROS

     Os Roteiros son itinerarios, percorridos que dende hai moitos anos veño realizando cos meus alumnos. Creo que é unha maneira de vivirmos a experiencia que intentamos "vender" nas aulas. Co paso do tempo, estas actividades son as que marcan a aprendizaxe do alumnado e do que nunca se esquecen.

- Comentarios sobre San Amaro (A Coruña)
- A Torre e o parque escultórico de Hércules ( A Coruña)
- Percorrido literario pola cidade de cristal (A Coruña)
- Roteiro rosaliano (Santiago de Compostela-Padrón)
- Roteiro  pondaliano (Ponteceso)
- Roteiro Oteriano (Ourense)


CEMITERIO DE SAN AMARO (A CORUÑA)

Este venres e o xoves da vindeira semana, acompañerei ás profesoras de Filosofía do instituto e ao alumnado de 1º de bacharelato ao cemiterio de San Amaro, na Coruña. Estou seguro de que lle sacarán moito proveito á visita. Dá gusto participar en actividades multidisciplinares: Filosofía, Antropoloxía, Lingua Galega e Literatura, Historia e moito máis.
Hoxe publico unha primeira fotografía para ir abrindo boca. Trátase do  monólito que o Partido Comunista de Galicia colocou no cemiterio civil en honra dos que loitaron contra o fascismo. Coñeceremos a historia á que fai referencia.




  O venres 13, iniciaremos a visita a San Amaro no chamado "Campo da Rata", lugar situado entre a Agra de San Amaro e Punta Herminia. Hoxe, un monumento de Isaac Díaz Pardo, dedicado aos que alí foron inmolados por defender a II República tras os sucesos acontecidos a raíz da insurrección militar do 18 de xullo de 1936, permítenos recuperar a memoria colectiva. Ao seu carón está situado o cemiterio dos mouros, agora "Casa da Palabra", camposanto no que enterraban os marroquísmusulmáns mortos durante a Guerra Civil.
Constitúese o conxunto como un monumental paredón que nos lembra tamén a construción dos monumentos funerarios megalíticos, ou como dixo o seu autor "será como un cromlech". Está realizado con 21 grandes bloques graníticos de distintos tamaños procedentes de Cambados, algúns deles con manchas vermellas, que simbolizan o sangue deitado polos fusilados na valente e digna defensa dos seus ideais de liberdade. Os linteis centrais teñen dúas inscricións que gravou o escultor Escudero:


INMOLADOS DESTES CAMPOS FRONTE AO MAR 
TENEBROSO POR AMAR CAUSAS XUSTAS

PRESENTES  NA LEMBRANZA DO POVO 
E DO SEU CONCELLO DA CORUÑA

Foi inaugurado o 14 de abril de 2001, no setenta aniversario da proclamación da II República. Unha vez que esteamos alí, teremos ocasión de saber máis cousas.








   Os cemiterios son moito máis que as cidades dos mortos. Podemos aprender moitas cousas nos camposantos. Os seus interiores están cheos de referencias, de historias, de éxitos e tamén de fracasos. Neles xacen os homes e as mulleres que foron facendo a historia das nosas cidades, do noso país. Cada morto é unha vida, e foi outra. É unha obriga dos que aínda estamos aquí facer que os que xa marcharon sigan na nosa memoria. Nos nosos devanceiros atesóuranse moitas ensinanzas que poden axudarnos na resolución dos problemas da sociedade actual. 
  O termo morte oponse a vida, e tamén significa a separación do corpo e da alma, ou a chegada a un novo estado, ou o renacer... Na morte a persoa atópase baleira de cargas e de posesións, atópase soamente cos seus valores e coa súa dignidade. A partir da morte cada quen ocupa o lugar que en xustiza lle corresponde. 

  Todas as sociedades, tanto primitivas como modernas, establecen algún tipo de ritual sobre este acontecemento. Os homes prehistóricos construían grandes dolmens para enterrar os defuntos no seu interior. Dábanlle máis valor á vida de ultratumba que á terreal. Os celtas incineraban os cadáveres e gardaban sinxelamente as súas cinzas en olas de barro que enterraban preto das vivendas. Hai pouco máis de douscentos anos os mortos eran enterrados nas igrexas ou nos seus adros, nas mesmas entrañas da cidade. Porén, a partir de 1787 unha Real Orde do rei Carlos III obrigou a trasladar os cemiterios fóra das cidades, cada vez máis lonxe.
  O de San Amaro comezouse a construír en 1812, o mesmo ano das Cortes de Cádiz, o primeiro texto constitucional español. Foi proxectado polo arquitecto Fernando Domínguez y Romay. Prestaba servizo ás catro parroquias da cidade: Santiago, Santa María, San Nicolás e San Xurxo.
  Ao longo destes douscentos un anos de vida o cemiterio foi ampliado e reformado en varias ocasións. Aquí conviven ricos e pobres, católicos e protestantes, republicanos e non republicanos... A pesar de que hai quen tamén na morte quere establecer diferenzas, as grandes persoas non o son pola grandiosidade da súa sepultura, como ben podemos observar en San Amaro.

  No actual cemiterio municipal de San Amaro distínguense en realidade tres cemiterios: o cemiterio católico ou xeral, o británico e o civil. O cemiterio civil recibiu esa denominación por significar o oposto a relixioso. O cemiterio británico é de propiedade británica, legalmente construído no 1867 e que recibía tamén o nome de protestante. Fóra das denominacións, o certo é que hai católicos enterrados no civil e non católicos enterrados no católico; así como xente non británica no protestante e británica, no xeral. Hoxe en día podemos dicir sen medo a equivocarnos que o cemiterio é aconfesional, sobre todo pensando en que estamos ante un camposanto municipal. Precisamente esta idea é a que levou nos anos oitenta á corporación municipal a derrubar o muro que illaba o antigo cemiterio civil do xeral.
  Á parte do innegábel valor artístico das moitas esculturas que decoran os panteóns, do engado das frases e epitafios nas lápidas, a refrescante brisa mareira..., un paseo polo recinto sacro permitiranos lembrar a unha chea de persoeiros que nos explicarán parte dos momentos históricos máis significativos da nosa cidade da Coruña e tamén de Galicia. Realmente podemos afirmar que estamos ante o verdadeiro Panteón de Galegos Ilustres.

  Existen ademais na cidade outros lugares de grande interese relacionados con este cemiterio: A tumba do xeneral inglés John Moore, no xardín de San Carlos; o cemiterio dos Mouros, construído polo exército franquista no 1936 para enterrar os soldados mouros; o Campo da Rata, lugar no que foron paseados unha chea de republicanos e galeguistas nos inicios da Guerra Civil, e a Praza de España, a antiga Praza da Forca, onde foi axustizado o Xeneral Porlier. Podería sinalar ademais outros puntos de interese situados ao longo da cidade, como poden ser o monumento aos liberais na praza das Conchiñas, o monumento a Curros nos xardíns de Méndez Núñez, o busto de Suárez Ferrín, o Campo de Marte (que pasou a ser a praza dos axustizamentos públicos despois do aforcamento de Porlier), ou as rúas dedicadas aos persoeiros que descansan en San Amaro. A visita destes lugares sempre pode resultar interesante. 

   Acheguémonos pois ao camposanto, e co respecto debido, paseemos polo noso pasado máis inmediato e tomemos nota para o futuro, realmente merece a pena!



Cada vez que visito San Amaro, ou calquera outro cemiterio, sempre me vén á cabeza un poema de Celso Emilio Ferreiro. Sobran os meus comentarios, cada quen que tire as súas propias conclusións!


                             CIMENTERIO DE CIDÁ


A soberbia dos poderosos chega até os cimenterios
e trócase en mármores corintios
i en bronces propietarios.
         Cómpre chantar no mundo ista pancarta:
         Hai mortos de primeira e de segunda,
         e mortos que non teñen onde caírse mortos.
O esquelete dun rico
val por tres esqueletes
dises homes sinxelos que cobran os sábados
un xornal resuado de soños i esperanzas.
Os mortos poderosos
chegan ao cimenterio con boleto de palco
e métense nunha furna de mármol separatista,
pensando que as trompetas do xuício final
tocarán pra iles en escrusiva
unha fermosa diana froleada.
Un día despoxarémolos disa terra ofensiva
e faremos unha soia tumba igualitaria.
Deitaremos no mar os mármores noxentos
e os bronces orgulosos fundirémolos no lume.
Aos herdeiros dos soberbios mandarémoslles os ósos
dos seus devanceiros pra que coticen na Bolsa
cos nitratos, cos ferros, co carbón e o cobre,
i esí poidan vivir, coma sempre, de rendas.

Celso Emilio
Ferreiro, Longa noite de pedra, 1962



 Cemiterio Británico. 


     En agosto de 1836, por iniciativa do cónsul británico don Juan Crispín, iniciáronse os trámites para a construción dun cemiterio para súbditos ingleses. A morte do oficial de fragata inglés, B. Endymion e o seu humilde lugar de enterramento ao ar libre, determinará o lugar de edificación do chamado popularmente camposanto protestante.     En 1838 trazouse un cadrado de 36 varas de lado que tiña como centro a tumba do oficial inglés. En 1867 o arquitecto Ciórraga asinou os planos do cemiterio inglés e inaugurouse na primavera de 1868.
Este cemiterio non soamente acolle os restos dos cidadáns do Reino Unido, senón que tamén reúne enterramentos de franceses e alemáns que, sendo protestantes, non podían ser sepultados no cemiterio católico. O cemiterio, de propiedade británica, soamente se abre con ocasión de actos conmemorativos. Non obstante, o británico máis coñecido na cidade, Sir John Moore, está enterrado no xardín de San Carlos.


O Xardín de San Carlos: Tumba de Sir John Moore.


cidade vella formaba toda ela unha fortaleza, xa que estaba rodeada dunha muralla. A muralla integraba incluso o convento de San Francisco e outras construcións que foran derrubadas no asalto á cidade por parte das tropas inglesas ao mando de Drake en 1589 (defensa de María Pita da cidade). No lugar que hoxe ocupa o xardín de San Carlos estaba situada a fortaleza da cidade propiamente dita. Estaba defendida por seis torres. O seu polvorín estoupou o 3 de abril de 1658, provocando máis de 200 mortos e moitos desperfectos nas casas e edificios veciños.

No ano 1834, o gobernador da Coruña, don Francisco Mazarredo promoveu o actual xardín de San Carlos, que se converteu no primeiro xardín público moderno da cidade. O nome de xardín de San Carlos provén de don Carlos F. de Croix, marqués de Croix, virrei de México (1699-1786) e Capitán Xeneral de Galicia, xa que foi o primeiro que artellou transformar a antiga Fortaleza Vella en xardín.

As obras proxectadas polo arquitecto José María Noya foron executadas grazas á subscrición pública dalgúns veciños. Naceu coa idea de proporcionar un lugar de paseo para os coruñeses e tamén coa vocación de acoller a Sir John Moore, o xeneral británico de 47 anos que morreu na batalla de Elviña, ou da Coruña, o 16 de xaneiro de 1809. Ferido de morte en Elviña, foi trasladado á casa número 16 do Cantón Grande, a casa do comerciante Xenaro Fontela. Sobre as dez e media da noite morreu. Foi enterrado no baluarte de San Carlos. No ano 1830 instalouse a arca que contén os seus restos e en 1864  o enreixado que a protexe.

xardín está dividido en oito cuarteiróns ao redor da tumba do xeneral que se atopa na posición central. Estes cuarteiróns forman sete camiños aliñados con sebes de buxo. A tumba está encadrada por catro olmos, a árbore simbólica da revolución francesa. Tamén se atopan azaleas, camelias, roseiras e outros arbustos e flores. Nos seus inicios servía o lugar de xardín botánico. Na porta de entrada ao xardín atópase a representación das armas do marqués de Croix. Nada máis entrar, á esquerda, no muro, hai unha lápida que reproduce as palabras que Wellington lles dirixiu aos soldados galegos que aliados cos ingleses derrotaron aos exércitos napoleónicos en Arapiles e San Marcial o 31 de agosto de 1813:
Guerreros del mundo civilizado, aprended a serlo de los individuos del 4º ejército que tengo la dicha de mandar: cada soldado de él merece con más justo motivo que yo el bastón de mando que empuño. Todos somos testigos de un valor desconocido hasta ahora. Españoles: Dedicaos todos a imitar a los inimitables gallegos.

Ao seu carón hai outra lápida escrita en inglés que lembra o naufraxio do buque escola Serpent, preto da praia do Trece na Costa da Morte, o 10 de novembro de 1890 (nesa zona da Costa da Morte atópase o denominado cemiterio dos ingleses).

Xunto ao miradoiro do xardín, que nos ofrece unha vista panorámica sobre o porto e o castelo de San Antón, hai unha lápida na que se atopa reproducido un anaco do poema Na tomba do xeneral Sir John Moore de Rosalía de Castro (figura o poema completo na escolma literaria). Tamén se reproducen fragmentos do poeta inglés Charles Wolfe. Entre ambas as dúas, outraque nos informa sobre a data de construción do miradoiro e das placas, feito acontecido en 1927, sendo alcalde da cidade Manuel Casás.
En 1994 inaugurouse unha rúa en honra de Moore, O paseo do Xeneral Sir John Moore, que bordea as murallas do Xardín de San Carlos e o antigo Hospital Militar; é o camiño que as tropas inglesas seguiron para embarcar rumbo ao seu país, logo da Batalla de Elviña ou da Coruña. No ano 2000 plantouse un pequeno gallo dun carballo que Sir John Moore plantara na súa terra, antes de vir a España a loitar contra os franceses.



O xoves 19 deste mes de decembro visitaremos de novo o camposanto, é por iso que esta sexta entrega será a última para este ano. 

PANTEÓNS DE INTERESE


Existen no camposanto de San Amaro moitos panteóns de interese arquitectónico, con elementos construtivos e decorativos característicos dos estilos artísticos máis recoñecidos. Case todos eles foron realizados a finais do século XIX e a principios do XX. Os expedientes consultados no arquivo municipal son bastante completos e xunto coa solicitude de compra da superficie necesaria para a súa edificación -a razón de 125 pesetas metro cadrado, todo un capital na época, cumpría presentar os planos de construción asinados por un arquitecto colexiado e nomear un director de obra. En moitos casos era necesario abrir un paso entre os muros exteriores do cemiterio para facilitar o traslado dos materiais necesarios, todo baixo a supervisión do arquitecto municipal.
Quixera destacar de igual xeito que o pon de manifesto o poema cimenterio de cidá de Celso Emilio Ferreiro, que a grandeza das persoas non se mide polotamaño, nin polo valor das súas sepulturas, que non hai mortos de primeira e de segunda. Hai panteóns de indubidable valor que non teñen as frescas flores dalembranza que sempre se renovan noutras sepulturas máis modestas.

No departamento II destaca un panteón funerario neogrego construído en mármore branco. Segundo os datos recollidos no expediente número 159 do ano 1901, as irmáns Antonia e Ana González Morris (esta última autorizada polo seu esposo) solicitan unha parcela de 36 metros cadrados, pola que pagan 4.500 pesetas das daquel tempo, para a súa construción e para que descansen os restos do seu pai José Mariano González.

O panteón foi deseñado polo arquitecto municipal de Cidade Real e académico de San Fernando, Florián Calvo Rodríguez. As obras foron dirixidas polo arquitecto Pedro Mariño y Ortega. As obras, que tiveron un custo de 26.000 pesetas, remataron en outubro de 1902.






A TORRE E O PARQUE ESCULTÓRICO DE HÉRCULES

A Torre de Hércules é o símbolo por excelencia da Coruña. A súa construción está estreitamente ligada ás lendas que explican a fundación da cidade. Está presente no escudo institucional e serve incluso para crear un xentilicio coruñés único e orixinal: herculinos e herculinas.

A contorna na que está situada é estratéxica e vixía a entrada por mar á cidade. O faro romano foi testemuña ao longo da súa vida de moitos sucesos e acontecementos que marcaron o devir da historia da cidade, tanto que nalgún momento era coñecida co nome de Faro. Hoxe en día representa o pasado e as arelas de futuro dunha urbe en plena efervescencia.

É un dos reclamos turísticos da cidade e todos os visitantes acoden nun peregrinar relixioso e devoto á Torre, pero poucos descobren a fermosura dos seus arredores e, moito menos, o parque escultórico que se espalla entre a cala dos Piratas e a praia de San Amaro. O chamado Xardín de Hércules está decorado por unha chea de monumentos espallados que nos van ofrecendo un sinxelo e didáctico percorrido pola nosa historia.

Deteñámonos na contemplación da Torre e non deixemos de pasear polos seus arredores e descubrir o engado das pedras, do aceiro..., do mar en perfecta simbiose.

Esta pequena guía soamente pretende facilitar este paseo proposto e animar aos visitantes a que descubran por si mesmos os encantos deste parque escultórico ao ar libre que sempre mira o mar.


A TORRE DE HÉRCULES

Está erixida nun outeiro situado entre a praia das Lagoas e Punta Herminia, a 60 m sobre o nivel do mar.


As referencias a este monumento, símbolo da nosa cidade, remóntanse a Paulo Orosio, historiador visigodo (390-418). Ao seu redor xorden moitas lendas que atribúen a súa construción a heroes coma Breogán, considerado rei de España, construtor da cidade de Brigantia e da torre que nela existe, a Tor Breoghaim, como figura no manuscrito irlandés escrito en gaélico cara ao ano 1100 Leabhar Ghabhàla, ou Libro das invasións.

Orixinariamente este monumento romano tería unha planta cadrada de 10 m de lado e tres pisos de distinta altura, dos cales o superior sería máis alto. Existía unha rampla que ascendía por todo o edificio. Estaba coroado por un corpo redondo con remate en cúpula.


Na actualidade o faro é un edificio de planta cadrada de 11,40 m de lado por 53 m de altura, logo da reforma realizada por orde de Carlos III.

Construíuse a finais do século I d.C. e a principios do século II d.C. (no tempo de Traxano) baixo a dirección do arquitecto lusitano Gaio Sevio Lupo, tal e como figura nunha inscrición gravada na rocha ao pé do monumento:


MARTI/AVG SACR/C SEVIVS/LVPVS/ ARCHITECTVS/AEMINIENSIS/LVSITANVS EX VO


A denominación de Torre de Hércules débese á lenda de Hércules como fundador da cidade da Coruña. Hércules enfróntase ao xigante Xerión. Trala morte do xigante, Hércules manda construír unha torre onde enterra a cabeza cortada do seu inimigo. A torre serviu de faro de orientación e guía para a navegación, de punto de observación para a protección da cidade e incluso como fortaleza medieval. O aspecto actual débese á última reforma realizada en 1790.


A Torre de Hércules foi dende o século XVIII o símbolo da nosa cidade e o seu contorno lugar de paseo e evasión.


O ilustrado coruñés Xosé Cornide Saavedra reproduciu en 1792 as diferentes formas da Torre ao longo dos séculos.


En 1944, Luís Seoane publicou en Bos Aires un álbum con 49 debuxos titulado Homenaje a la Torre de Hércules. Só aparece a Torre, ergueita, pequena, amozada, nun recuncho da primeira lámina. As gaivotas, as redes mariñeiras, as mulleres,os homes, as rochas, as cunchas, as embarcacións... a mar evocan as lembranzas deste ilustre artista. Rafael Dieste prologou este álbum que foi obxecto dunha edición fascimilar por Ediciós do Castro en 1989.


O tres de decembro de 1992, o tristemente lembrado Mar Exeo tinxiu de fume negro e tóxico o ceo e a nosa alma.


O mércores 13 de novembro de 2002, a chamada de auxilio do petroleiro Prestige iniciou unha longa noite de chapapote que volveu a petrolear as nosas almas, aínda que esta vez a conciencia cívica e solidaria dos cidadáns marcou xa para sempre un novo tempo no que a submisión deu paso á dignidade e á acción. O berro NUNCA MÁIS pasará para sempre a formar parte da nosa historia.


En 2009, a Torre de Hércules, o faro romano en activo máis antigo do mundo, foi declarada Patrimonio da Humanidade.


O PARQUE ESCULTÓRICO DE HÉRCULES



En 1994, a Demarcación de Costas de Galicia iniciou un ambicioso proxecto de recuperación medioambiental do contorno da Torre de Hércules.

Consistía, ademais da limpeza xeral da maleza, na colocación dunha serie de grupos escultóricos para crear un verdadeiro museo ao ar libre, o coñecido Xardín de Hércules.

Diferentes artistas galegos, e algúns non galegos, crearon en distintos materiais as súas obras. Todas teñen un elemento común: A Coruña. Dende diversos enfoques recrean parte dos mitos e lendas da construción da torre e fan referencia a acontecementos e persoeiros vinculados á cidade herculina.


1. Caronte, Ramón CondeRamón Conde é autor dunha obra certamente singular. A súa achega a este parque escultórico é Caronte. É outro dos gardas do parque.
Está realizado en bronce e érguese sobre un pedestal granítico na entrada ao parque escultórico. Caronte, o barqueiro de Hades na mitoloxía grega, cargaba na súa barca a alma dos mortos e axudábaos a pasar o río sagrado. Caronte é tamén o gardián das portas do inferno. As esculturas de Ramón Conde caracterízanse pola súa exuberancia e pola voluptuosidade esaxerada da anatomía humana.



2. Breogán, Xosé Cid
Breogán está labrado en granito polo escultor ourensán Xosé Cid. Breogán, heroe celta a quen atribúe a lenda a construción da torre. Esta monumental escultura de máis de catro toneladas eríxese coma o verdadeiro gardián do parque.
3. Hidra, Fidel GoásConforme subimos cara á Torre, á man esquerda, está situada esta escultura de Fidel Goás. Trátase dunha orixinal ensamblaxe de sete cubos graníticos en perfecto equilibrio e harmonía que simbolizan unha hidra, o monstro acuático mitolóxico con forma de serpe que Hércules matou nunha das súas doce tarefas.

4. Carlos III, Pablo Serrano
Posteriormente á creación do Xardín de Hércules fóronse colocando outras esculturas representativas polo contorno. É o caso desta que representa a Carlos III, o monarca responsábel da última reforma da Torre, e que semella estar de garda ao pé das escalinatas de acceso á Torre.

5. Portas, Paco Leiro
A propia Torre ten unhas novas Portas. Son en realidade portas-esculturas que contan cuns altorrelevos en bronce realizados polo escultor Paco Leiro e que representan, a xeito de viñetas, diversas escenas inspiradas nas lendas sobre a Torre: a vitoria de Hércules sobre Xerión, o espello marabilloso, as naves con ramallos que enganaron ao espello, o espolio da Torre na Idade Media, a caveira e os ósos de Xerión...


6. Rosa dos ventos, Xabier Correa
Na vella canteira que existía diante da Torre realizouse un grande mural que simboliza o desexo de harmonía dos illados países celtas. O resultado é a Rosa dos ventos, de Xabier Correa.
O diámetro desta rosa dos ventos non chega aos vintecinco metros, para así non superar o diámetro da planta da Torre.
Aínda que non é celta, inclúese tamén Tarsis, a cidade mítica dos tartesos nas beiras do Guadalquivir, que estivo gobernada polo rei Xerión. De aí o símbolo da caveira.
Galiza está representada por unha vieira. Eire; simbolizada polo trevo, en homenaxe a San Patricio, cristianizador de Irlanda. Alba; o cardo, símbolo da fidelidade escocesa. Manin; a Illa de Man simbolizada coas tres pernas. Cymru, o País de Gales simbolizado cunha serpe alada. Kernow; Cornualles, simbolizado por un cáliz. Breiz; un tríscele moi peculiar, simboliza á Bretaña.

7. Espiñento, Enrique Saavedra
Está pendurada nun dos cantís do contorno por cables de arame e semella estar suspendida sobre as ondas que baten bravamente nas penas da furna. É unha fusión entre raspa de sardiña e estrutura de barco invertida.

8. Ara Solis, Silverio Rivas
Unha grande e monumental porta de pedra situada sobre un camiño, o Ara Solis. As portas simbolizan a entrada a unha nova dimensión; atrás deixamos o pasado. Conforme nos imos achegando á porta, imos descubrindo o mar e o horizonte. A porta, o altar solar, podémola atravesar pola mañá, de oeste a leste, e veremos o amencer. Polo serán, de leste a oeste, o solpor.


9. Gardiáns, Soledad Penalta
Os Gardiáns é un conxunto de tres esculturas férreas que simbolizan as cabezas dos tres Xerións que gardan celosamente a Torre. Obra da escultora coruñesa Soledad Penalta. Os gardiáns está realizados en aceiro cortén. Os seus riscos faciais son mínimos, chamando poderosamente a atención, pola súa condición de vixilantes, que non teñan ollos. De seguirmos as proporcións das cabezas podemos imaxinarnos a grandiosidade destes vixilantes da Torre que a protexen na cara da Cala dos Piratas.

10. Menhir pentacefálico, Ramón MirandaAs cinco faces simbolizan as sucesivas xeracións de pobos que habitaron estas terras.
Os ártabros eran os que habitaban os castros de Elviña, Nostián, Os Castros, etc., formaban parte da comunidade brigantina e pertencían á tribo ártabra. Os ártabros ou os arrotrebas constituían unha tribo celta que se estendía dende o Barbanza ata a Serra Faladoira.

11. Ártabros, Arturo AndradeEste grupo escultórico fai referencia aos antigos poboadores celtas desta bisbarra. Ao pé da torre semellan estar en animada conversa. Os tres personaxes: a muller, o mariñeiro e o guerreiro, expresan as ilusións, desexos e esforzos dun vello pobo combativo.

12. Combate entre Hércules e Xerión, Tim Behrens e Xosé EsponaO célebre e sanguento Combate entre Hércules e Xerión está representado por unha especie de labirinto, de estanque, no que as súas canles perfilan a loita lendaria. Hércules e Xerión loitaron durante tres días. Hércules venceu e cortoulle a cabeza ao xigante. Mandou facer naquel lugar unha torre moi grande e fixo meter nos cimentos a cabeza de Xerión; logo mandou poboar alí unha cidade, Crunia.
Tim Behrens, pintor inglés, e Xosé Espona, pintor coruñés, axuntaron a súa capacidade creativa para construír este conxunto que xoga coas formas, coa luz, coa auga e coa perspectiva. Dende o alto da Torre pódese apreciar a feroz loita.


13. Guitarra, Pablo Serrano
Rende cumprida homenaxe a Picasso, o pintor que foi alumno da Escola de Artes e Oficios da Coruña, onde pintou a Torre de Hércules.
Pablo Picasso chegou á Coruña en setembro de 1891, cidade na que o seu pai, José Ruíz Blasco, foi profesor de Debuxo e Adorno na Escola Provincial de Belas Artes.

14. Caracola, Moncho Amigo
Situada en Punta Herminia, o máis preto do mar posíbel, para así recoller todas as súas vibracións. Dende a súa situación podemos captar un fermoso plano da Torre.
Está realizada en aceiro cortén e formada por aros que van aumentando progresivamente ata conseguir constituírse coma unha caracola mariña que recolle e amplifica o son do mar, harmonizando o vento, o mar e a terra.

15. A Copa do Sol, José Galán
A peculiar embarcación que Hércules pediu prestada para cruzar os océanos nas súas viaxes heroicas. O Sol embarcaba nela cada noite ao chegar ao océano para poder regresar ao seu palacio situado no oriente do mundo. Esta orixinal peza realizada en aceiro cortén, semella ser tamén o mascarón de proa dunha embarcación, e ao mesmo tempo a copa que contén a poción máxica da eterna xuventude.

16. Hércules na nave dos Argonautas, Gonzalo Viana
Recorda a tradición das barcas de pedra vinculadas ás lendas galegas coma a da Virxe da Barca de Muxía ou a de Iria Flavia na que chegaron os restos do apóstolo Santiago.
Hércules chega a Brigantia na nave dos míticos Argonautas, os heroes aqueos que capitaneados por Jasón conquistaron o vellocino de ouro (lenda grega do 250 a. X.).
Hércules aparece axeonllado na barca de pedra. A proa está perfectamente aliñada coa Torre. A popa, de costas a San Amaro.


17. Familia de menhires, Manolo Paz
O conxunto de Menhires harmoniza o ceo e a terra e encadra a Torre dende varias perspectivas. As pedras fitas constitúense no megalítico, xunto cos dolmens, coma un dos monumentos máis característicos. Podían aparecer illados, como o da Lapa de Gargantáns, en Moraña, ou ben formando círculos líticos, ou aliñados.
Son en total 12 menhires de distinto tamaño que representan tamén a unidade familiar, correspondéndose os máis grandes co pai e a nai. Este orixinal e moderno círculo lítico está perfectamente aliñado entre a saída e a posta do sol. O escultor aplicoulles uns buratos aos menhires para que a través deles puidésemos observar a Torre, o ceo, a terra e o mar.


18. Cemiterio dos mouros/casa das palabrasA carón do monumento dedicado aos fusilados no 36 está o Cemiterio dos Mouros, camposanto no que enterraban aos marroquís musulmáns mortos durante a guerra civil. Os restos óseos que aquí se atopaban foron trasladados nos anos 60 ao cemiterio civil, en San Amaro. Este lugar converteuse na casa da palabra. No ano 2006 restaurouse a edificación e converteuse na Casa das Palabras. Todo un símbolo de diálogo e tolerancia. En azulexos reprodúcense diversos fragmentos da historia da cidade en varias linguas.


19. Campo da Rata
Constitúese o conxunto coma un monumental paredón que nos lembra tamén a construción dos monumentos funerarios megalíticos, ou como dixo o seu autor (Isaac Díaz Pardo) será coma un cromlech. Está realizado con 21 grandes bloques graníticos de distintos tamaños procedentes de Cambados, algúns deles con manchas vermellas, que simbolizan o sangue deitado polos fusilados na valente e digna defensa dos seus ideais de liberdade. Os linteis centrais teñen dúas inscricións que gravou o escultor Escudero:

INMOLADOS DESTES CAMPOS FRONTE AO MAR
TENEBROSO POR AMAR CAUSAS XUSTAS
PRESENTES NA LEMBRANZA DO POVO
E DO SEU CONCELLO DA CORUÑA

Foi inaugurado o 14 de abril de 2001, no setenta aniversario da proclamación da II República.
Nas grandes laxes verticais da esquerda segundo se mira, están gravados dous textos, dous poemas moi significativos. Un, de García Lorca; outro, de Uxío Carré Alvarellos. Os dous, vítimas dos paseos falanxistas. Tamén se atopa unha fotografía dos fusilamentos, roubada por un soldado, sentinela do cárcere, que facía garda na garita.


DOUS POEMAS

-Esta torre fai mil anos
que a fixeron os fenicios.
-Tamén hai algúns indicios
de que é obra dos romanos.
-Sodes na historia profanos
e en sentenciar mui lixeiros,
pois nin foron os primeiros
nin os segundos, ¡aposto!
-Tíranos da duda, Agosto;
Di ¿quen foron?
-¡Os canteiros!

Francisco Añón.




¡Ouh!, meiga cibdá da Cruña,
cibdá da torre herculina,
de xeneracións recordo
máis fortes que as de hoxe en día;
Cibdá que por sobre os mares
ergues a cabeza altiva,
cal onte nas túas murallas
o brazo de María Pita:
¿Que tes nese teu recinto,
que tes prós que te visitan,
que coñecerte non poden
sen que deixarte non sintan?

M. Curros Enríquez




PERCORRIDO LITERARIO POLA CIDADE DA CORUÑA



Iniciamos o noso percorrido nos Xardíns de Méndez Núñez, chamados tamén Paseo do Recheo. Foron proxectados por Narciso García de la Torre en 1868. En 1871 recibiron o nome de xardíns de Méndez Núñez. Acollen numerosas esculturas e un orixinal palco da música. Destacan as distintas especies arbóreas e os nobres edificios que franquean o paseo propiamente dito do Recheo, con 59 palmeiras.

Estamos situados na Rosaleda, diante do monumento a Aureliano Linares Rivas, obra de Agustín Querol. Linares Rivas é o cidadán que máis recoñecementos ten na Coruña. Naceu en Santiago. Foi deputado, ministro conservador da Restauración e destacado valedor da cidade. Coroando o monumento, unha figura feminina suxeita nas mans un libro no que aparece a palabra “Patria”. Dende aquí podemos observar a Praza da Mina e o inicio da rúa Juana de Vega. Lembrámonos do Xeneral Espoz y Mina, da súa dona, Juana de Vega, dos primeiros xogos florais da Coruña no 1861, do Álbum de la caridad en 1862 e da raíña Isabel II.

Vemos a escultura dedicada a Castelao, obra de Manuel Ferreiro Badía. Castelao é o grande persoeiro de Galicia. Membro fundador do Partido Galeguista en 1931 e autor de Sempre en Galiza. Morreu no exilio bonaerense en 1950. O monumento foi inaugurado en 1986. Na parte posterior ten tallados un hórreo e un cruceiro.

O de Eduardo Pondal é de Fernando Cortés Bugía. Eduardo Pondal Abente, un dos grandes poetas do Rexurdimento galego do XIX. Autor do poema Os pinos, letra do Himno de Galicia. Morreu na cidade en 1917 e está enterrado no cemiterio de San Amaro. No Álbum de la Caridad, 1862, aparece o poema A Campana de Anllóns, de Pondal:

E ti, campana de Anllóns,
que vagamente tocando
derramas nos corazóns
un bálsamo triste e brando,
de pasadas ilusións.
Alá nos pasados ventos
primeiros da miña vida,
oio os teus vagos concertos,
reló dos tristes momentos
da miña patria querida.
¡Cantas veces te lembrou
o que marchou para a guerra,
cando á súa nai deixou,
e partindo a extraña terra
de Baneira de escoitou!
¡Cantas do mar africano,
cautivo bergantiñán,
oio nun soño tirano
o teu tocar soberano,
aló nas tardes do vran!
Cando te sinto tocar,
campana de Anllóns doente,
nunha noite de luar...
rompo triste a suspirar,
por cousas dun mal ausente.
Cando doída tocabas
polas tardes á oración,
campana, sempre falabas
palabras con que cortabas
as cordas do corazón.
Estabas contando ós ventos
cousas do meu mal presente,
os meus futuros tormentos,
que dabas cos sentimentos
según tocabas doente.
Campana, se polo vran
ves lumiar na Ponte-Ceso
a cachela de San Xoán,
dille a todos que estou preso
nos calabozos de Orán.
E a aquela rula inocente
que me morría de amor
no regazo docemente,
tremendo como unha flor
sobre a escondida corrente;
diraslle que unha de ferro
arrastro, rouca cadea,
castigo atroz do meu erro;
e que dentro deste encerro
o seu amor me alumea.
Ei ti, golondrina errante
dos longos campos de Arxel,
se á miña terra distante
te leva o voxo constante
dille o meu penar cruel.
Se alguén por min preguntar,
dille que estou en prisións;
e unha noite de luar
iraste unha vez pousar
no campanario de Anllóns".
Así, triste en terra allea,
aló nas prisións de Orán,
cantaba un mozo de aldea;
e nos grillóns da cadea
levaba o compás coa man.
"Oh, nai da miña vida,
adios, adios, meu pai;
prenda de min querida,
adiós, oh, miña nai:
sombras dos meus avós,
río da Ponte-Ceso,
pinal de Tella espeso...,
acordávos dun preso
como el o fai
de vós:
campana de Anllóns,
noites de luar,
lúa que te pos
detrás do pinar;
adios...
adios...
adioooos...'

O busto de Murguía, de Fernando Cortés Bugía. Manuel Antonio Martínez Murguía, historiador e primeiro presidente da Real Academia Galega. Na placa do monólito observamos a cumprida homenaxe que os galegos da emigración lle dedicaron ao esposo de Rosalía de Castro.

“Queren que empecemos polo estudo do idioma que falamos hai máis de dez séculos. Fan ben: pobo que esquece a súa lingua é un pobo morto”, pronunciou o 30 de setembro de 1906 o gran concienciador da historia nacional de Galicia, Manuel Murguía.

A carón do estanque dos peixes, o monumento dedicado a Concepción Arenal, de Rafael González del Vilar. Esta ferrolá de berce foi a primeira muller en acudir á universidade. A aguia representa a intelixencia, e vence á serpe que simboliza a incultura e o atraso. O monumento ergueuse en 1916 baixo a iniciativa do Círculo de Artesáns que recoñece o labor desta muller que en 1863 foi nomeada visitadora de prisións de mulleres.

Un pouquiño máis adiante vemos a réplica do monumento orixinal a Emilia Pardo Bazán, de L. Coullaut – Valera. A Condesa de Pardo Bazán foi unha das primeiras españolas en amosar interese no eido dos dereitos das mulleres. Cultivou a novela e o ensaio e de sempre estivo vinculada á súa cidade natal. A obra foi realizada en arenisca. Inaugurouse o monumento sendo alcalde D. Manuel Casás, o coñecido “alcalde xardineiro”. Naceu na Coruña en 1852; faleceu en Madrid en 1921. Trátase da autora de “Los pazos de Ulloa”. A cidade conta coa súa casa museo, sede tamén da Real Academia Galega.

Antes de pasar ao Paseo das Palmeiras (59), detémonos para observar una das árbores non autóctonas que máis abundan na cidade, o Metrosidero. Árbore orixinaria de Nova Zelandia. De madeira moi dura. As súas follas e pólas teñen grande cantidade de pelos. Nos exemplares adultos fórmanse raíces aéreas que penduran ao longo do tronco e pólas principais. O máis antigo da cidade atópase no actual cuartel da Policía Municipal.

Aínda que a nós o que nos conmove é a forza do Piñeiro Bravo, coñecido fóra do país como piñeiro galego. A súa orixe é mediterránea occidental.Ten casca avermellada, grosa e moi fendida. As follas son aciculares e agrúpanse de dúas en dúas. As pinas están suxeitas ás pólas por un curto pedúnculo e están formadas por escamas saíntes. O máis coñecido é o piñeiro marítimo, aínda que hai moitas variedades ao longo de Galicia.

Pasamos agora ao Paseo das Palmeiras. Lembrémonos da Palmeira Canaria, a palmeira datileira procedente das Illas Canarias. Ten o tronco coas cicatrices foliares a xeito de rombo e dispostas de maneira helicoidal. As follas poden chegar a medir ata sete metros. Os seus froitos son de cor alaranxada cando maduran. Na Illa da Gomera extraen o coñecido mel de palmeira.

Detémonos no busto de Suárez Ferrín, de Ramón Conde. Alfredo Suárez Ferrín, último alcalde republicano da cidade, foi fusilado o 31 de agosto de 1936. Tomou posesión por primeira vez no ano 1934. Ten dedicada unha rúa no barrio dos Rosais.

Nos xardíns podemos observar edificios singulares, como por exemplo A Terraza. Construción ecléctica e modernista erguida en 1922, obra do arquitecto Antonio de Mesa. Substituíu outra máis antiga de madeira que se trasladou ao concello veciño de Sada. Acolle as instalacións de Radio Nacional de España. Na parte superior das fachadas pódense observar bustos de persoeiros coruñeses e galegos como Murguía, Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez e outros.

O Quiosco Alfonso é obra do arquitecto coruñés Rafael González Villar para substituír os antigos locais de refrescos. Proxectado en 1912 e inaugurado en 1913. Robusta edificación en cemento armado e cristal. Presenta unha orixinal ornamentación en ferro fundido da casa Wonemburger. En 1985 foi reformada para acoller a Sala Municipal de Exposicións.

O Palco da música, o orixinal foi construído por José Sellier (que introduciu o cine na cidade en 1897) en 1884 e proxectado por Juan de Ciórraga. O actual é de 1985.

Pero o que máis poderosamente chama a nosa atención é o monumento a Curros Enríquez, de Francisco Asorey, un dos monumentos máis importantes da cidade, o cal demostra a admiración que o poeta espertou na cidade máis liberal e progresista de Galicia. Curros, erguido, mira triunfante. Ten unha lira, símbolo do poeta que ten a misión de abrirlle os ollos ao pobo. Tras del está a imaxe núa de Galicia, e a cada lado, o pobo, as mulleres e os nenos nunha banda, e os homes coas ferramentas na outra. Tras deles, a Galicia megalítica. Na parte posterior, un altar para as ofrendas e as homenaxes. Curros mantivo un vínculo moi significativo coa nosa cidade. Os seus restos mortais foron trasladados á Coruña onde recibiron sepultura nun acto multitudinario.

Aí vén o maio
de frores cuberto...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min extendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e credos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do povo galego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non mo quiten
trabucos e prestemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado haberá entón
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sen bruxas nin demos;
un maio sen segas,
usuras nen preitos,
sen quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Pasamos por diante do Obelisco, a zona 0 da Coruña, e adentrámonos pola rúa Real, historicamente o camiño real de acceso á cidade vella. Ten esa denominación por ser rúa principal. Hoxe é rúa peonil e centro dunha das principais áreas comerciais da cidade: Área Obelisco. Nesta rúa estaba situada a imprenta de Ánxel Casal, editor de libros galegos e da revista Nós; fundador tamén da primeira escola en galego para nenos pobres. Tamén está a casa na que o mozo Picasso presentou a súa primeira exposición en 1895.

Pero tamén pasaremos polo actual Café Vechio, lugar onde podemos observar un magnífico mural do pintor surrealista coruñés Urbano Lugrís, fillo de Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da Real Academia Galega. Urbano Lugrís tamén estivo vinculado ás misións pedagóxicas, ás que chegou da man de Rafael Dieste.

Na rúa Rego de Auga está o teatro Rosalía de Castro. Ocupa o lugar deixado polo Teatro Novo ou Principal do 1838, que ardera en 1867. Anteriormente ao teatro, neste solar estaba ubicada a igrexa de San Xurxo. O Teatro Rosalía de Castro foi edificado en 1868 cos cartos da póliza de seguros e unha suscrición popular. Foi adaptado para proxeccións cinematográficas en 1905. Hai uns anos que foi novamente reformado e restaurado. A denominación primitiva desta rúa foi a de Rego d’Augoa. Este nome obedeceu a que nun tempo esta rúa recollía todas as vertentes de todas as demais rúas por medio dun rego. Nunha das vellas casas xa derrubadas naceu dona Emilia Pardo Bazán.

Tamén nesta rúa, a noite do dezaseis ao dezasete de maio de 1916, os irmáns Villar Ponte e outros fundaron a primeira Irmandade de Amigos da Fala. Pretendían estudar e dar a coñecer a lingua e cultura galegas e no político, a autonomía de Galicia e o galego como lingua oficial.

Debemos facer referencia ás galerías, á primeira fábrica de vidro plano e, polo tanto, á cidade de cristal. Unha das notas que mellor definen a cidade é precisamente a orixinal e sorprendente solución arquitectónica para protexer do vento as solainas e balcóns característicos da arquitectura popular galega. A primeira fábrica de vidro plano de Galicia fundouse na cidade en 1804. Este feito influíu sen dúbida no espallamento das galerías e na denominación de cidade de cristal.

A Praza de María Pita é cuadrangular e aberta unicamente por un curruncho polo que se accede á igrexa de San Xurxo. O edificio máis singular é sen dúbida o Pazo de María Pita, construción de estilo modernista que acolle as dependencias municipais. Recibe o seu nome de María Fernández de la Cámara y Pita, heroína coruñesa que defendeu a cidade do ataque de Drake no 1589. A estatua central representa este feito histórico. A partir dos deseños de decembro de 1901 do arquitecto municipal Pedro Mariño comezaron as obras do actual concello en 1904 e duraron ata 1918, ano no que se trasladaron as oficinas procedentes do vello convento de San Agustín. Era alcalde da cidade Gerardo Abad Conde. O edificio municipal ten un claro carácter de pazo, a pesar de ser unha obra administrativa e burocrática, adaptando eclecticamente o estilo clásico do renacemento. A súa profusa decoración pretendía dar cumprida resposta ao cosmopolitismo que buscaba a municipalidade.

Dende María Pita vemos a igrexa de San Xurxo. Foi a antiga igrexa dos xesuítas, que tiñan o seu colexio nas dependencias anexas. O templo actual comezou a construírse en 1734. A fachada iniciouse cara ao 1750, obra do arquitecto compostelán Clemente Sarela. En 1836 o antigo convento dos xesuítas acolleu as casas consistoriais e, dous anos máis tarde, a súa igrexa converteuse en parroquia xa que a de San Xurxo demoleuse para construír o actual Teatro Rosalía.

Deixamos xa o antigo Barrio da Pescadería, o lugar de residencia dos mariñeiros, comerciantes, soldados e empregados. Este barrio que a partir do século XVIII creceu considerablemente. Estaba delimitado pola cidade vella e unha muralla que ía dende o Orzán ata a baía, na que destacaban os baluartes defensivos do Caramanchón e o de Malvecín no porto. Estirábase ao longo das dúas vías principais que a cruzaban, a estrada de Madrid e a Avenida de Fisterra. Dentro deste barrio as igrexas de San Nicolás e de San Xurxo constituíanse no verdadeiro centro.
Entramos agora na antiga cidade da Coruña, a cidade vella. Coñecida polos romanos como Brigantium ou Brigancia, unha cidade cun porto que era o centro neurálxico do Portus Magnus Artabrorum. Estaba amurallada e tiña varias portas de acceso. Estaba defendida con varios torreóns, o máis importante era o situado no actual xardín de San Carlos. No seu interior atópanse os edificios máis antigos da cidade. Na actualidade un novo plan de urbanismo pretende lograr a súa axeitada rehabilitación.

Á dereita deixamos a Casa de Emilia Pardo Bazán. É unha construción do século XVIII. Presenta unha sinxela fachada na que destaca un pequeno balcón de moito voo que é soportado por dúas potentes ménsulas e que marca a entrada ao edificio. A casa museo atópase no segundo andar. En 1975 construíuse unha nova 3ª planta para albergar a sede da Real Academia Galega.

Antes de chegar á praza de Azcárraga, pasaremos pola Igrexa de Santiao, templo dunha soa nave (tres orixinariamente) e tres ábsidas. Ten planta rectangular e tres portadas: unha con arquivoltas semicirculares e tímpano esculpido co Agnus Dei; a principal é de arquivoltas apuntadas e tímpano coa figura do Apóstolo Santiago a cabalo. A referencia máis antiga que se conserva da súa construción é o 1217. En 1501 ardeu a súa teitume.

A praza do Xeneral Azárraga débelle o seu nome a este xeneral que sendo ministro da Guerra devolveulle en 1896 á Coruña a Capitanía Xeneral que se trasladara a León. A praza era coñecida como praza da Fariña. Antigamente a praza de Azcárraga comprendía todo o espazo entre Capitanía e a rúa Santiago. En 1936 fragmentouse en dúas: a de Azcárraga e a do xeneral Franco, hoxe da Constitución.Ten un fermoso xardín, con grandes árbores que enmarcan a fonte do Desexo. Na rúa que sae da praza da Constitución e que nos leva á igrexa de Santo Domingo atopamos dúas placas en senllas casas contiguas que nos lembran a estadía de Rosalía de Castro na cidade e a casa Da autora Francisca Herrera Garrido, primeira muller académica da Real Academia Galega.

Imos agora para o Xardín de San Carlos, lugar onde se atopa a tumba de Sir John Moore.A cidade vella formaba toda ela unha fortaleza, xa que estaba rodeada dunha muralla. A muralla integraba incluso o convento de San Francisco e outras construcións que foran derrubadas no asalto á cidade por parte das tropas inglesas ao mando de Drake en 1589 (defensa de María Pita da cidade). No lugar que hoxe ocupa o xardín de San Carlos estaba situada a fortaleza da cidade propiamente dita. Estaba defendida por seis torres. O seu polvorín estoupou o 3 de abril de 1658, provocando máis de 200 mortos e moitos desperfectos nas casas e edificios veciños. No ano 1834, o gobernador da Coruña, don Francisco Mazarredo promoveu o actual xardín de San Carlos, que se converteu no primeiro xardín público moderno da cidade. O nome de xardín de San Carlos provén de don Carlos F. de Croix, marqués de Croix, virrei de México (1699-1786) e Capitán Xeneral de Galicia, xa que foi o primeiro que artellou transformar a antiga Fortaleza Vella en xardín.

As obras proxectadas polo arquitecto José María Noya foron executadas grazas á subscrición pública dalgúns veciños. Naceu coa idea de proporcionar un lugar de paseo para os coruñeses e tamén coa vocación de acoller a Sir John Moore, o xeneral británico de 47 anos que morreu na batalla de Elviña, ou da Coruña, o 16 de xaneiro de 1809. Ferido de morte en Elviña, foi trasladado á casa número 16 do Cantón Grande, a casa do comerciante Xenaro Fontela. Sobre as dez e media da noite morreu. Foi enterrado no baluarte de San Carlos. No ano 1830 instalouse a arca que contén os seus restos e en 1864 o enreixado que a protexe.

O xardín está dividido en oito cuarteiróns ao redor da tumba do xeneral que se atopa na posición central. Estes cuarteiróns forman sete camiños aliñados con sebes de buxo. A tumba está encadrada por catro olmos, a árbore simbólica da revolución francesa. Tamén se atopan azaleas, camelias, roseiras e outros arbustos e flores. Nos seus inicios servía o lugar de xardín botánico. Na porta de entrada ao xardín atópase a representación das armas do marqués de Croix. Nada máis entrar, á esquerda, no muro, hai unha lápida que reproduce as palabras que Wellington lles dirixiu aos soldados galegos que aliados cos ingleses derrotaron aos exércitos napoleónicos en Arapiles e San Marcial o 31 de agosto de 1813:

Guerreros del mundo civilizado, aprended a serlo de los individuos del 4º ejército que tengo la dicha de mandar: cada soldado de él merece con más justo motivo que yo el bastón de mando que empuño. Todos somos testigos de un valor desconocido hasta ahora. Españoles: Dedicaos todos a imitar a los inimitables gallegos.

Ao seu carón hai outra lápida escrita en inglés que lembra o naufraxio do buque escola Serpent, preto da praia do Trece na Costa da Morte, o 10 de novembro de 1890 (nesa zona da Costa da Morte atópase o denominado cemiterio dos ingleses).

Xunto ao miradoiro do xardín, que nos ofrece unha vista panorámica sobre o porto e o castelo de San Antón, hai unha lápida na que se atopa reproducido un anaco do poema Na tomba do xeneral Sir John Moore de Rosalía de Castro. Tamén se reproducen fragmentos do poeta inglés Charles Wolfe. Entre ambas as dúas, outra que nos informa sobre a data de construción do miradoiro e das placas, feito acontecido en 1927, sendo alcalde da cidade Manuel Casás.

En 1994 inaugurouse unha rúa en honra de Moore, O paseo do Xeneral Sir John Moore, que bordea as murallas do Xardín de San Carlos e o antigo Hospital Militar; é o camiño que as tropas inglesas seguiron para embarcar rumbo ao seu país, logo da Batalla de Elviña ou da Coruña. No ano 2000 plantouse un pequeno gallo dun carballo que Sir John Moore plantara na súa terra, antes de vir a España a loitar contra os franceses.

O 16 de xaneiro de 2004 foi inaugurado no xardín de San Carlos un busto en bronce do xeneral, da autoría do escultor Fernando Groeiro. O xardín de San Carlos segue a ser para os coruñeses e coruñesas o contorno máis romántico da cidade.

Dende o Xardín podemos observar o edificio que acolle a Fundación Luís Seoane. Luís Seoane López naceu en 1910 en Bos Aires no seo dunha familia de emigrantes galegos. Como pintor expuxo con éxito internacional unha produción moi diversa: gravados, litografías, deseños, óleos, murais, cerámicas, etc. Tamén encontrou oco para o cultivo da literatura, que iniciou en 1952 coa publicación do poemario Fardel de eisilado. En 1979 o intelectual galego-arxentino, membro da Academia de Belas Artes arxentina, morreu na Coruña. Dedicáronselle as Letras Galegas do ano 1994.

A fundación foi creada en agosto de 1996 polo concello da Coruña e Maruxa Seoane, viúva do ilustre poeta e pintor. Conserva esta fundación o grande legado de Seoane: obra gráfica, libros e demais documentos. Nas súas salas tamén se amosan exposicións temporais. O moderno edificio está situado na antiga horta do convento de San Francisco, entre o antigo Hospital MIlitar e o Museo Militar, xusto a carón dos xardíns da Maestranza.

O castelo que alberga o Museo Arqueolóxico construíuse no ano 1528 no lazareto de San Antón. Xunto cos castelos de Santa Cruz e San Diego (hoxe desaparecido) formaba o triángulo defensivo da cidade. A casa do gobernador foi construída en 1776/77. Durante os séculos XVIII e XIX foi utilizado como presidio e en 1960 foi declarado sede do museo arqueolóxico. A casa do boteiro foi restaurada en 1994 e alberga a biblioteca e as salas de investigación do museo.

O Museo Militar Rexional atópase situado xusto enfronte do Xardín de San Carlos. Foi inaugurado o día 1 de decembro de 1986. É un dos poucos que hai en España e conserva armas, escudos, gravados, canóns e pezas de artillería. Ten algunhas pezas curiosas coma o mosquetón do guerrilleiro Foucellas.

Se nos queda tempo podemos ir á igrexa de Santo Domingo. Existiu extramuros da cidade unha igrexa de Santo Domingo de estilo románico que foi destruída no ataque de Drake á cidade en 1589. A actual iniciouse en 1762. Foi proxectada polo dominico Frei Manuel dos Mártires. É de estilo barroco e ten unha torre de aparencia un pouco rara xa que non está situada a pano coa fachada. No interior atopamos o retablo churrigueresco da capela da Virxe do Rosario, patroa da cidade.

Na Praza de Santo Domingo, praciña de singular engado situada fronte á igrexa onde se venera a patroa da cidade, a Virxe do Rosario,o son que produce a súa fonte cantareira dálle un aire de paz e tranquilidade a este recuncho moi apreciado polos veciños.

Camiñando un pouco máis, logo de pasar pola casa museo de María Pita, chegamos á igrexa de Santa María do Campo, templo de orixe románica que se construíu na segunda metade do século XII. Sufriu varias reformas ao longo dos séculos. A última no ano 1945.

Orixinariamente era un templo dunha soa nave e ábisda semicircular. No ano 1302 iniciáronse as obras de ampliación construíndose as tres naves actuais. Sobre o muro da fachada principal había dúas torres, a carraca (sen rematar) e a das campás. É coñecida popularmente co nome de “Colexiata”, por ser sede do máis alto cargo eclesiástico da cidade.

Xusto enfronte da igrexa de Santa María está o Pazo de Xosé Cornide, este nobre caserón onde naceu en 1734 o xeógrafo e historiador José Cornide Saavedra. Neste edificio barroco de comezos do século XVIII destaca o brasón nobre da familia que sobresae do aleiro da fachada principal.




A RUTA ROSALIANA

         Trátase dun itinerario que segue parte da vida de Rosalía de Castro, aínda que de xeito desordenado, dende o seu nacemento en Santiago de Compostela, o 24 de febreiro de 1837, ata o 15 de xullo de 1885 en que se produce a súa morte en Padrón.
         Unha sinxela ruta que percorre os camiños que ela percorreu, que fai meditar nos recantos nos que meditou. Un camiño que nos permite identificarnos intimamente con Rosalía e con Galicia, aínda que nos limitemos á cidade de Santiago de Compostela e á vila de Padrón.

        ROSALÍA DE CASTRO: APUNTAMENTOS BÁSICOS

·      O 24 de febreiro de 1837 nace en Santiago de Compostela María Rosalía Rita.

·      É filla de Teresa de Castro Abadía, de familia fidalga rural vida a menos e de José Martínez Viojo, sacerdote nacido no Castro de Ortoño.

·      A súa casa natal estaba situada entre a actual praza de Vigo (onde se inaugurou un monólito conmemorativo no 1982) e o Camiño Novo, hoxe rúa Rosalía de Castro.

·      Foi bautizada na capela do antigo Hospital Real (Hostal dos Reis Católicos). Na partida bautismal figuran dúas apreciacións: Filla de padres incógnitos e No entró en la inclusa.

·      Os anos de infancia pásaos coas súas tías paternas, Teresa e María Xosefa. Con elas vive, primeiro en Lestedo (aldea ao pé do Pico Sacro) e logo no Castro de Ortoño.

·      En 1850 Rosalía vive en Santiago coa súa nai. Adquire coñecementos de música, debuxo e francés na Sociedade Económica de amigos do País, antigo colexio de San Clemente e hoxe instituto Rosalía de Castro.

·      En 1853 acode á romaría da Virxe da Barca en Muxía e colle o tifos, a primeira manifestación dunha saúde fráxil, que tanto incidiu no seu carácter, provocando momentos de desalento e depresión.

·      No Liceo de la Juventud de Santiago participa da vida cultural e entra en contacto con mozos intelectuais como Aurelio Aguirre ou Eduardo Pondal.

·      En 1856 marcha a Madrid. Alí vive cunha familiar (hai unha placa que recorda a súa estadía na capital de España).

·      En 1857 aparece La Flor, a súa primeira obra. Trátase dun breve conxunto poético de corte romántico escrito en castelán. Murguía fai unha crítica favorable no diario La Ibérica.

·      En 1858 casa con Manuel Martínez Murguía na igrexa madrileña de San Ildefonso.

·      Inicia unha longa peregrinación detrás do seu marido por mor dos distintos destinos na Coruña, Santiago, Lestrove, A Mancha, Murcia, Salamanca, Simancas...

·      En 1959 aparece La hija del mar, primeira novela de Rosalía. No prólogo reivindica a capacidade estético-intelectual da muller e indica que se trata dunha obra escrita ao chou, sen tino e sen pretensións de ningunha clase.

·      En 1859, en Santiago nace a súa primeira filla, Alexandra. Logo virían Aura, Gala e Ovidio (xemelgos), Amara, Adriano Honorato e Valentina. O seu fillo Adrián Honorato morreu accidentalmente cando contaba un ano; Valentina naceu morta. Alexandra foi a encargada de destruír, antes de morrer Rosalía e por expreso mandado desta, algúns escritos inéditos. Ovidio despuntou como pintor, pero morreu novo.

·      En 1861 publícase Flavio, a súa segunda achega narrativa ás letras españolas. Foi editado como folletín por entregas nun xornal madrileño.

·      En 1862 morre a súa nai,  Teresa, que vivía xunto dela na rúa do Vilar, en Santiago.

·      Un ano máis tarde aparece A mi madre, breve conxunto de poemas de signo fúnebre e elexíaco.

·      En 1863 aparece Cantares gallegos, primeiro grande título da lírica rosaliana. Na primeira edición eran 32 poemas, que se ampliaron a 36 na segunda (1872), e xa na terceira e póstuma 38 (1909). Leva unha dedicatoria en castelán  á escritora Fernán Caballero  e un prólogo da propia Rosalía.

·      En 1866 aparece El cadiceño, un escrito en prosa, de carácter satírico-costumista e Ruinas, a súa terceira novela, escrita en castelán, como o resto da súa obra novelística.

·      El caballero de las botas azules, a súa última novela, publícase en 1867. Un par de anos máis tarde reside en Simancas e Madrid. Segundo Murguía, compuxo os poemas que dez anos máis tarde se publicarían baixo o título Follas Novas.

·      En 1870 Murguía é nomeado xefe do Arquivo Xeral de Galicia, na Coruña. Rosalía retorna a Galicia e xa non a abandonará nunca. Antes de se instalar definitivamente na súa casa da Matanza, pasará tempadas na Coruña, Santiago e Lestrove.

·      En 1880 aparece Follas novas. O libro leva unhas palabras de agradecemento da autora á Sociedade de Beneficencia d’os naturales de Galicia n’Habana. O prólogo do político Emilio Castelar suprimiuse nas edicións modernas. Son moi interesantes as Dúas palabras da autora.

·      En 1881 Rosalía séntese duramente criticada por un texto titulado Costumbres gallegas e decide non escribir máis en galego.

·      En 1884 aparece En las orillas del Sar, último libro de poemas que escribiu.

·      Antes de morrer en 1884, procura a brisa do mar e trasládase por uns días á vila mariñeira de Carril.

·      Morre na súa casa da Matanza na mañá do 15 de xullo de 1885. Antes ordénalle a Alexandra a destrución dalgúns manuscritos inéditos. Abre esa ventana, que quiero ver el mar, foron as súas últimas palabras.

·      É enterrada no cemiterio de Adina, cabo dos restos da súa nai.

·      En 1891 son trasladados os seus restos ao Panteón de Galegos Ilustres na Capela do Convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.

·      En 1963, conmemóranse por vez primeira as Letras Galegas. Cumpríase o primeiro centenario da aparición do libro Cantares Gallegos.

·      En 1971 a casa da Matanza convértese en Casa-Museo de Rosalía de Castro.

O PERCORRIDO

1.   SANTIAGO DE COMPOSTELA

Iniciamos a andaina no antigo convento de San Domingos de Bonaval, situado nun outeiro extramuros da cidade histórica, ao pé do camiño polo que os peregrinos chegaban a Compostela, acolle hoxe o Museo do Pobo Galego, que a través dun amplo e variado conxunto de pezas ofrece unha panorámica das manifestacións máis representativas da cultura propia de Galicia. Nas súas salas permanentes móstranse diversos aspectos do mundo do mar, os oficios tradicionais, o campo, a indumentaria e a arquitectura popular. Dispón, ademais, de seccións de arqueoloxía, pintura e escultura galegas.

O Museo do Pobo Galego constituíuse baixo os auspicios dun Padroado integrado por entidades e persoas que traballan nas distintas áreas da cultura galega e por representacións de institucións públicas e académicas. Inaugurouse en outubro de 1977, no edificio cedido polo Concello de Santiago de Compostela.
O antigo convento de Bonaval, fundado no século XIII por San Domingos de Guzmán, foi reconstruído en estilo Barroco nos séculos XVII e XVIII. A parte máis notable foi proxectada polo arquitecto Domingo de Andrade. No interior pódese admirar unha orixinal escaleira helicoidal triple.

A igrexa data da época da fundación. É de estilo gótico, e sufriu diversas reformas e adicións ata o século XVI. Nela está situado o Panteón de Galegos Ilustres, no que repousan os restos da poetisa Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso R. Castelao.

Actividades para o alumnado:

1.  Cita algunhas salas visitadas.
2.  Peculiaridade dunhas escaleiras únicas.
3.  Nome dos ilustres que repousan no Panteón da Igrexa de San Domingos de Bonaval.

Saímos do Museo do Pobo Galego e de camiño para o antigo Hospital de San Roque, atopámonos co CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, creado en 1993.

No alto da Rúa das Rodas, onde comeza a Rúa de San Roque, encontrámonos co Antigo Hospital de San Roque, un edificio orixinario do século XVI e transformado no XVIII. Ergueuse con fins asistenciais debido as epidemias de peste do século XVI, dedicándose a San Roque por ser este un dos santos máis evocados para protexer contra esta enfermidade. Do século XVI conserva a fachada renacentista atribuída a Gaspar de Arce. A súa estrutura conta con planta rectangular e un claustro de dúas galerías. Trala súa recente rehabilitación funciona como sede provisional e exposición do proxecto de Peter Eisenman para a futura Cidade da Cultura e outras dependencias administrativas.
Formando conxunto co hospital, está a Igrexa de San Roque, de planta tamén rectangular e de estilo barroco. No seu interior acolle un dos máis importantes retablos de Simón Rodríguez.

 Baixamos pola rúa do Hospitaliño e pola rúa Porta da Pena e xa nos atopamos no casco histórico. Ä dereita atopámonos coa Igrexa e o Mosteiro de San Martiño Pinario. A igrexa, obra dos arquitectos o portugués Mateo López, que se encargou das primeiras trazas; o granadino Bartolomé Fernández Lechuga, que constrúe a magnífica cúpula nervada e organiza o espazo interior conseguindo unha grande maxestuosidade; o salmantino Peña y Toro, que se encarga das obras de contención pois cederan os muros e, finalmente, frei Tomás Alonso e frei Gabriel Casas, con distintas contribucións na fachada do mosteiro, claustros, campanario e dependencias monacais. Sobre a porta desprégase unha vistosa fachada plateresca. Presiden na parte central, entre a porta e o óculo, a Virxe, San Bieito e San Bernardo, mentres que no frontón que coroa a portada está San Martiño repartindo a súa capa cun pobre. As torres érguense só ata a altura da fachada, debido á oposición do cabido catedralicio, temeroso de que a basílica perdese visibilidade. Para vencer o desnivel do terreo, o beneditino Plácido Camiña construíu a fermosa escaleira de acceso á porta, sen dúbida inspirada na que dá acceso á catedral desde a fachada do Obradoiro. O templo posúe planta de cruz latina con tres naves no brazo principal e unha no transversal, percorridas por unha balconada. Emprégase a bóveda de canón na que se enmascaran os nervios a xeito de falsos casetóns. Varias capelas comunicadas entre si, ábrense a cada lado do brazo lonxitudinal. No interior chama poderosamente a atención o fastoso retablo maior de estilo barroco deseñado por F.de Casas e Novoa e executado por Romai. Pechando os frontispicios do cruceiro atopamos o Retablo de San Bieito no norte e o Retablo da Virxe Inglesa no sur. Ademais dos anteriores, tamén podemos contemplar o Retablo da capela do Socorro, o de Santa Escolástica, o do Cristo da Paciencia e o de Santa Xertrude. É preciso destacar así mesmo, o cadeirado do coro, realizado en nogueira por Mateo de Prado, e que é recoñecido como o máis importante dos realizados en Galicia e un dos principais a nivel peninsular.

Na praza da Inmaculada érguese este mosteiro, fundado por un grupo de beneditinos que pouco despois do descubrimento dos restos do Apóstolo se estableceron no lugar chamado Pignario, próximo á capela da Corticela (hoxe integrada dentro da catedral), onde celebraban os seus oficios. O maior desenvolvemento comeza cando en 1494 pasa a depender da congregación bieita de Valladolid. A partir de aquí acadarán a riqueza que lles vai permitir sufragar as impoñentes obras da igrexa, que constitúe, xunto á catedral, o máis valioso conxunto do barroco galego.
O mosteiro é de grande sinxeleza e frialdade de liñas, só interrompidas pola fachada, á que se accede por unha grande escalinata. A fachada divídese en tres partes cun eixe central flanqueado por dous grandes lenzos de catro pisos. A torre de cinco corpos contribúe a romper a monotonía da fachada. A portada enmarcada por severas columnas dóricas, acolle a San Bieito, rematando coa estrutura engadida por Fernando de Casas na que está o escudo de España entre vieiras e a figura de San Martiño de Tours. Dentro do mosteiro atópanse o claustro das oficinas, o máis primitivo e o claustro procesional. Deixou de ser mosteiro a mediados do século XIX. Debido ao seu tamaño (é o segundo mosteiro máis grande de España despois de "O Escorial"), o seu interior acolle distintos usos. Ademais de Seminario Maior e de aloxar a Escola de Traballo Social e os estudos de Teoloxía, é residencia universitaria durante o curso e hostal no verán. Tamén acolle o Arquivo Diocesano e diferentes dependencias administrativas relacionadas coa Igrexa.

Continuamos pola rúa da Troia e atopámonos coa coñecida Casa da Troia. Este museo recrea o ambiente estudantil da afamada pensión rexentada por dona Generosa en Santiago de Compostela a finais do século XIX, e inmortalizada polo escritor don Alexandre Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya.  É unha típica construción do casco antigo da cidade, edificada a mediados do século XVIII e decorada ao gusto daquela época.

 A Catedral de Santiago, concibida como unha pequena cidade de pedra en torno a unhas reliquias e dotada de vida propia, evolucionou con vitalidade ao longo dos anos, amosándose hoxe como un conxunto heteroxéneo de estilos e tendencias de diferente signo e cronoloxía que se foron superpoñendo sucesivamente.
A Catedral románica, trazada seguindo o modelo francés das igrexas da peregrinación, ergueuse (1075-1211) sobre os restos das primitivas igrexas construídas no lugar onde apareceran as cinzas do Apóstolo, a última destruída por Almanzor no verán do ano 997.
A auxe das peregrinacións e as riquezas dun dos señoríos feudais máis grandes da Península Ibérica permitiron o inicio da construción da Catedral baixo o episcopado de Diego Peláez. Organízase o espazo sobre a tradicional planta de cruz latina e tres naves. O deambulatorio rodea o altar maior coa finalidade de facilitar o acceso ás reliquias a través dun pequeno corredor transversal onde se atopan as cinzas apostólicas. As naves érguense sobre piares cruciformes con columnas anexas. Os volumes distribúense sobre elegantes arcos de medio punto.
A tribuna constrúese sobre as naves laterais. O seu espazo percorre o tramo lonxitudinal do templo e continúa polos brazos do cruceiro e o deambulatorio. Na parte exterior ou triforio consta de arcadas con tramos que inscriben dous arcos máis pequenos. A tribuna é unha construción característica das igrexas de peregrinación, pola necesidade de ampliar o aforo para acoller moitos visitantes.
A nave central de 97 m. de longo e 20 de alto, está cuberta por bóveda de canón e as laterais con bóvedas de aresta. O actual ciborio gótico substituíu a antiga torre románica que se erguía sobre o altar maior. Baixo o ciborio sitúase a estrutura deseñada no século XVI para accionar o botafumeiro, un grande incensario de latón prateado que voa de extremo a extremo do cruceiro, e que se usou para purificar o ambiente cando os peregrinos durmían dentro da Catedral.
No conxunto ábrense tres portas: a da Acibecheira, a de Praterías e a que dá paso ao Pórtico da Gloria desde o Obradoiro. Ideouse un recorrido segundo o cal o acceso debía facerse desde a porta do norte antes coñecida como porta do Paraíso, continuando polo cruceiro ata a o altar maior e o deambulatorio para visitar a tumba do Apóstolo, desembocando no brazo leste con iconografía escultórica baseada no Novo Testamento. 
A porta oeste, na que se situou o Pórtico da Gloria, identificada como a do solpor, simboliza o remate dos tempos e o xuízo final. A porta norte foi reformada totalmente no século XVIII e na oeste levantouse a fachada do Obradoiro tamén no século XVIII. Na porta sur ou das Praterías, a única que se conserva das primitivas, debeu existir un programa iconográfico facilmente entendible, pero sucesivas reformas e alteracións fixeron que resulte incomprensible, pois nos cambios perdéronse figuras e encaixáronse outras da desaparecida porta románica do norte substituída pola da Acibecheira. 

Actividades para o alumnado:

1.     Nome da praza na que se atopa situada a catedral.
2.     Edificios que encadran esta praza.
3.     Estilo arquitectónico da fachada da catedral.
4.     Nome do pórtico de acceso á catedral.
5.     Autor do pórtico.
6.     Describe sinxelamente o que podemos observar no tímpano do pórtico.
7.     ¿A quen representa o denominado “Santo dos Croques”?
8.     ¿Cantas naves ten a catedral?
9.     ¿Como é a súa planta?
10. ¿Cantas portas ou entradas ten a catedral?
11. ¿Cantas capelas hai na xirola ou deambulatorio?
12. ¿Con que nome son coñecidos as persoas que manexan o grandioso botafumeiro da catedral?

A Praza do Obradoiro está franqueada, ademais da catedral, por catro edificios importantes: O Hostal dos Reis Católicos. O actual edificio foi mandado construír en 1501 polos Reis Católicos para atender aos enfermos e peregrinos do divino Xacobe, segundo se pode ler na inscrición latina que percorre o friso superior da portada. A súa construción, non obstante, decidiuse xa en 1492 coincidindo co descubrimento de América. O proxecto das obras débese ao arquitecto real Enrique Egas. Diante da fachada podemos ver unha rexa cadea do século XVI sostida por piares esmeradamente tallados que delimita a propiedade do hospital e que ten a súa orixe nas disputas de propiedade entre o Concello e as autoridades do Hospital. Conta cunha fermosa portada plateresca obra dos mestres franceses Martín de Blas e Guillén de Colás. Nas pilastras desta portada podemos ver de abaixo a arriba, as figuras de Adán, Santa Catarina e San Xoán Bautista na esquerda e as de Eva, Santa Lucía e María Madalena na dereita. No friso da porta, estruturada a xeito de arco triunfal romano, aparecen aliñadas as figuras dos doce apóstolos. Nas pectinas sobre o arco podemos ver os medallóns que recollen os bustos dos reis Isabel e Fernando. Sobre o friso, no corpo superior, ábrese a ventá do apousento real, reservado para hospedar aos monarcas cando acudisen a Compostela e flanqueada polas imaxes de Cristo, a Virxe, Santiago, San Xoán Evanxelista, San Pedro e San Pablo. Dous grandes escudos, coas armas de Castela flanquean, así mesmo, a portada. Percorrendo toda a fronte do edificio vemos os balcóns deseñados por frei Tomás Alonso, apoiados en ménsulas moi traballadas que representan figuras fantasiosas. A cornixa decórase cunha minuciosa cadea na que sobresaen grotescas e obscenas gárgolas.
O espazo interior está estruturado nunha planta rectangular con catro patios. O máis artístico destes patios é o primeiro que atopamos entrando á esquerda, no que destaca sobre todo, a porta que conduce á antiga sala de San Luís. O interior do Hostal alberga unha fermosa capela oxival, declarada Monumento Nacional en 1912. A parte máis interesante desta capela de planta de cruz latina, situada entre os catros patios, é o cruceiro ao que se accede a través dunha enreixada de ferro de fermosa factura, obra do cerralleiro francés Guillén. A bóveda do cruceiro, confeccionada en pedra litográfica de Coimbra, é dunha belísima filigrana.

Pechando a Praza do Obradoiro e situado fronte á fachada oeste da Catedral, érguese o Pazo de Raxoi, mandado construír polo arcebispo Raxoi en 1766 para residencia dos nenos do coro e seminario. As obras foron executadas polo enxeñeiro francés Charles Lemaur. A longa fachada aberta cun elegante soportal, dota ao edificio dunha marcada horizontalidade. No centro da fachada pode verse un frontón con un relevo en mármore, no que se representa a batalla de Clavijo, obra de Gambino e Ferreiro, coroado pola estatua ecuestre de Santiago. No interior destaca a escaleira rococó deseñada tamén por Lemaur. Na actualidade é sede do Concello compostelán, do Consello da Cultura Galega e dalgunhas dependencias do Goberno da Xunta de Galicia, incluído o despacho do Presidente de Galicia.

O Colexio de San Xerome era o chamado Estudio Vello, establecido polo arcebispo Fonseca III para estudantes pobres, cerca do Convento de San Martiño. Cando os monxes de San Martiño Pinario o compraron para ampliar o convento, levantouse este novo edificio na praza do Obradoiro. Na súa entrada instalouse a portada románico-gótica do antigo colexio. No centro da arquivolta figura a Virxe co Neno rodeada de numerosos santos. O tímpano está presidido pola Inmaculada. Sobre a portada atopamos o escudo do fundador, o arcebispo Fonseca. No interior, que na actualidade alberga o Reitorado da Universidade, hai un patio clasicista que hoxe vemos acristalado.

Apoiado no costado norte da Catedral, e de cara á Praza do Obradoiro, érguese o Pazo Episcopal que mandou construír o arcebispo Diego Xelmírez para substituír a antiga residencia episcopal derrubada durante as revoltas. No século XVIII engadíuselle un novo andar sobre os dous inicias, que desentoa da primitiva construción románica, e que obrigou a reforzar os muros cunha nova fachada a modo de contraforte.
Accédese ao interior deste edificio a través da porta que dá á praza do Obradoiro. Ao traspasar a porta podemos ver o primitivo pórtico románico que quedou oculto trala nova fachada do século XVIII. No segundo andar destacan a interesante cociña medieval e o salón de festas e comidas do século XIII. Destacan neste salón as ménsulas encol das que se apoian os nervios dos arcos que sustentan a bóveda de crucería, todas elas decoradas con escenas dun festín medieval.

Imos agora pola rúa do Vilar, pasamos pola Praza do Toural e imos cara a Alameda e a carballeira de Santa Susana. Pasamos polo Colexio San Clemente de Pasantes, hoxe IES Rosalía de Castro. Fundouse en 1610 polo arcebispo Xoán de Sanclemente e Torquemada para ensinar teoloxía, e foi denominado San Clemente de Pasantes porque nel só se admitían doutores, é dicir, persoas que xa terminaran a carreira. Dende a súa fundación albergou numerosas institucións públicas e privadas tales como a Real Sociedad Económica de Amigos del País, o Museo Arqueolóxico, a facultade de Dereito, etc. Ten planta cuadrangular, en sillaría de granito, con dúas alturas e disposta en torno a un patio central clásico, acorde co seu destino universitario. Na fachada hai elementos decorativos innovadores no barroco galego de inicios do século XVII.

No paseo da Ferradura atopámonos con este monumento homenaxe a Rosalía de Castro.















Actividades para o alumnado:

1.  Descrición xeral do monumento.
2.  Esculturas.
3.  Inscricións e placas conmemorativas.




2. PADRÓN

·         O pazo de Arretén: A chamada “Casa Grande”, na aldea de Arretén, a 3 quilómetros de Padrón. É o pazo dos devanceiros maternos de Rosalía.

     ·         A rúa do Sol: A placa da Real Academia Galega recorda a curta estadía de Rosalía, xa coa súa nai, nesta casa antes de marchar para Santiago en 1850.
     
       ·         O monumento a Rosalía no Espolón:



Actividades para o alumnado:

1.       Descrición xeral do monumento.
2.       Inscricións.
3.        Nome da igrexa que se atopa enfronte do monumento. ¿Que restos garda no seu interior?
4.       Nome do río que pasa a carón do monumento.

   ·         Casa Museo de Rosalía: situada na aldea de A Matanza. Dende 1971 sede da Fundación Rosalía de Castro.










Actividades para o alumnado:
1.   Cita o que se atopa en cada unha das salas visitadas.
 2.     Copia o texto dalgunha das placas de homenaxe a Rosalía que se atopan na fachada posterior da casa.
3.     ¿Quen erixiu un monólito de homenaxe a Rosalía que se atopa no xardín da casa?
4.     Nunha das camas hai unha rosa pousada sobre a colcha, ¿cal é o motivo?
5.     Cita algún libro que estea nos andeis da biblioteca do despacho de Manuel Murguía.
6.     Describe un dos cadros asinados polo fillo Ovidio.
7.     ¿Que foi o que chamou máis a túa atención?
8.     Faille unha pregunta orixinal, relacionada con Rosalía, ao noso guía.


Roteiro Pondaliano

     Podemos iniciar o percorrido no Dolmen de Dombate. Visitamos a peculiar aldea de Borneiro para logo deixarnos engaiolar co encanto do castro "A Cibdá", o máis antigo de Galicia. Despois imos cara a Ponteceso e subimos ata a igrexa de San Fiz de Anllóns. Logo detémonos en Ponteceso, no monumento dedicado a Pondal e na súa casa natal. Máis tarde imos ao Monte Branco e á enseada da Ínsua. Podemos xantar en Balarés. Despois de xantarmos, xogos na praia e unha ruta de sendeirismo ao pé do Monte Branco. Pola tarde imos a Punta Nariga para ver o faro máis moderno de España e as rochas-esculturas do seu contorno. Antes de volver para A Coruña, detémonos en Buño e no dolmen Pedra da Arca, na aldea de Cerqueda. Para cada parada, un poema do bardo.


Open publication - Free publishing - More historia


Roteiro Oteriano
   
Caderno de traballo para o alumnado que participe no roteiro oteriano. Iniciamos o percorrido no mosteiro de Oseira. Despois o Pazo de Trasalba e xa por último a cidade de Ourense. O percorrido pola cidade das Burgas faise por equipos autónomos; teñen que seguir o itinerario e cumprir os horarios previstos, por iso levan un plano do casco histórico.
     Pódese completar co roteiro de "A Esmorga" elaborado por A. Monxardín e Marcos Valcarcel, entre outros.
     Inclúo tamén un pequeno traballo de documentación básica sobre a figura de don Ramón Otero Pedrayo. Trátase de dúas ducias de fotografías que nos permiten trazar un perfil básico da inmensa figura do patriarca das Letras.
     Tamén se pode ler o relatorio de Manuel María sobre Otero. Pódelo atopar na sección LITERATURA.




Open publication - Free publishing - More histori






Open publication - Free publishing - More histori







Open publication - Free publishing - More histori







No hay comentarios:

Publicar un comentario