TRABALLOS

   Nesta páxina inclúo pequenos traballos de investigación que fun desenvolvendo. Todos eles están pensados para poder utilizalos como material didáctico. Tamén proxectos de traballo realizados polo alumnado para a materia de lingua galega e literatura.

* Os muíños do Lambre.
* Alcumes de Sada e arredores
* Álbum de fotos.
* Refraneiro popular recollido en Sada.
* Adiviña ti se podes.
* Documento realizado para acompañar o documental "Fontes e lavadoiros no concello de Sada". 
* Retratos inéditos de Isaac Díaz Pardo.   
* Fotolibro da exposición "A Torre e o Xardín de Hércules". 
*Hórreos no concello de Sada.
* Tríptico turístico de Sada.
   * Guía do concello de Sada: A filla da Ría de Prata.
   * Cartelismo na Guerra Civil (1936-1939) e Estatuto de Galicia do 36.
* O Camiño de Santiago.
* O Entroido en Galicia.




OS MUÍÑOS DO LAMBRE
Relato de Manuel Couce Sánchez, alumno de 1ºA de Bacharelato do IES Isaac Díaz Pardo (2013/14)

Antón estaba esgotado. A xornada de traballo fora moi dura.
Tiña corenta e dous anos e levaba dende os vinte dedicándose á limpeza e desbroce de montes. Non era un traballo doado, nin demasiado ben pagado, pero a el gustáballe. Permitíalle estar preto da natureza e coidala. Sabía o importante que era o seu labor para evitar accidentes e incendios.
Na zona da que se ocupaba Antón non había incendios dende moitos anos atrás. Debía de sentirse satisfeito, pero non o estaba. O perigo podía aparecer en calquera momento.
Antón traballaba nos montes do río Lambre. Non era este un río importante, coma o seu veciño o Mandeo polo seu paso por Betanzos. Pero era un río fermoso, un remanso de paz. Un río que, como o Miño entre Galicia e Portugal, facía de fronteira entre os Concellos de Miño e Paderne. Tamén era berce da lenda de Roxín Roxal, paxe dos Andrade, transcorrida na Ponte do Porco que une as dúas ribeiras na súa desembocadura na ría.
Antón gardaba os aparellos na furgoneta mentres cavilaba sobre todo iso. Como podía ser que un lugar tan belido estivese ao mesmo tempo tan descoidado? Os eucaliptos mesturábanse cos escasos carballos, as silvas interrompían os camiños ás praias fluviais, as vellas ruínas dos muíños acumulaban fieitos e lembranzas dun tempo mellor... E o abandono dalgúns montes. Aquel era un dos seus maiores temores.
El limpaba os camiños comúns e os montes de quen o contratase, pero non todo o mundo o facía. Tremía por que algún día un deses montes comezase a arder e esnaquizase aquel diminuto paraíso.
Cando Antón rematou de recoller todo, a Lúa iluminaba xa a noite e brillaban os farois. Tiña o coche aparcado preto da pequena ponte medieval que atravesaba o río, preto dunhas casas. Dispúñase a saír -quedáballe un longo traxecto ata a casa-, cando unha muller comezou a chamalo e a achegarse ao coche. Coñecíaa. A señora Carme tiña oitenta anos e vivía co seu home , tamén ancián, naquel lugar.
  Boas noites, señora -saudou Antón cun sorriso.
  Boas noites, fillo. Moito tardaches hoxe, non?
  Pepe do Caio quería que lle limpase o monte da Cal. Foi máis traballo do que pensara, e precisaba acabar hoxe, porque mañá tamén ando ocupado...
  Pois mira, eu íache preguntar unha cousiña... Ti saberías dicirme se viches algo raro no muíño das Fervenzas?
  No muíño das Fervenzas? Xa hai que non vou pero, que eu saiba, non pasou nada -a Antón non se lle escapou o estraño ollar da señora Carme, que se esforzou en sorrir de novo-. Preocúpalle algo?
  Non, nada. O meu neto, que é un traste e foi xogar polo río. Ten unha imaxinación...! Volvo para dentro, que xa vexo a Xan rosmando!
Antón despediuse de Carme e volveu ao coche. Mirou o reloxo. Xa pasaban das once. Arrincou rapidamente. Na radio soaba a súa canción favorita. Non tardou en esquecerlle a súa peculiar conversa coa anciá do Lambre.
Antón xa estaba de novo en camiño ás oito da mañá. Vivía en Monfero, moi preto do mosteiro, e chegar á zona onde tiña o encargo íalle levar moito tempo. En todo o traxecto, apenas se cruzou con media ducia de coches. Notábanse as vacacións de verán.
O monte Formigueiro era un dos máis grandes da zona de Miño, con case doce ferrados. Fora propiedade dun dos donos do antigo serradoiro. Antón sabía que ese era traballo de máis dun día, por iso quería comezar canto antes.
Á hora de xantar Antón achegouse á cafetería de Xosé, onde adoitaba comer cando andaba moi apurado. Xosé era o xenro da señora Carme e vivía na mesma ringleira de casas coa muller e o fillo.
Pediu a súa ración habitual de callos e comezou a comela en silencio. Estaba canso (esforzárase en cumprir o obxectivo que decidira para a mañá) e non tiña ganas de falar con ninguén, así que colleu unha mesa apartada. Malia iso, puido escoitar perfectamente a conversa que mantiñan Eva, a muller de Xosé, e a súa nai:
 Si, outra vez! O cativo esta obsesionado co muíño e hoxe volveu. Un día aínda ha esvarar nunha pedra... -Dicía a señora Carme, preocupada.
 Ai, mamá, tranquila! David ten máis sentido do que parece. Ten quince anos, é normal que vaia cos amigos por aí. A mágoa é que non teñan limpas as praias do río, porque daquela si que non se movería de alí. Cantas veces fun de rapaza con Charo ao acabarmos de traballar!
Antón non seguía atendendo. O muíño outra vez! El xa fora velo algunha vez, era moi antigo, polo visto tiña máis de dous séculos, e empregárase para fabricar fariña de trigo. Pero, pensou, a día de hoxe pouco interese podía ter. O tempo e o abandono deixaran só parte das paredes e algúns cascallos. Que atoparía ese rapaz? Antón mirou a hora. Aínda era cedo para volver traballar. Decidiu que faría unha nova visita ás Fervenzas.
O primeiro que viu Antón ao chegar ao muíño foi a un alto mozo, cunha rechamante camiseta vermella, que examinaba atentamente as ruínas. Supuxo que sería David.
 Boas, rapaz! - saudou. David sobresaltouse ao descubrir que estaba acompañado.
 O...ola... -tatexou, pero recompúxose deseguida-. Ti es Antón?
 Son -respondeu el, sorprendido-. Por que o preguntas?
 Miña avoa díxome que falara contigo do muíño, e pensei que talvez virías. Ti saberías dicirme que é isto? -e volveu internarse nas ruínas. Antón seguiuno.
O mozo limpara de fieitos e silvas toda a zona, polo que se podía ver toda a estrutura do edificio. David achegárase a unha das paredes interiores, sinalando un pequeno símbolo. Antón examinouno con coidado. Estudara Historia dous anos, pero abandonárao porque a súa familia precisaba os cartos. A pesar do tempo transcorrido, aínda se lembraba dalgunhas cousas.
 É unha especie de cruz con adornos... -comezou a dicir-. Moita xente tiña este tipo de cousas nas súas casas para sentirse protexidos, e supoño que o encargado do muíño non foi unha excepción.
 E xa está? Non hai máis? -David semellaba decepcionado.
Antón engurrou o cello e rozou os bordos do signo.
 Paréceme que non. Se iso era todo... - fixo aceno de marchar, pero, de súpeto, a cruz comezou a emitir un brillo dourado...
O tempo detívose. Todo quedou paralizado: os paxaros no seu voo, a auga nas fervenzas... Todo. Agás Antón e David, que se ollaban un ao outro mudos de asombro. O home ía falar cando das augas do río empezaron a emerxer media ducia de estraños seres. Medirían apenas un metro e eran transparentes. Antón e David palideceron mortalmente.  Un dos seres adiantouse.
 Non vos preocupedes, non vos imos facer dano -dixo. A súa “voz” soara nas mentes dos homes. Malia teren forma humana, ningún daqueles seres amosaba ollos, nin boca-. Estamos moi agradecidas pola vosa axuda. Levabamos moito tempo presas por esa cruz. Agora por fin somos ceibes.
David pareceu recuperar as forzas con aquelas frases.
 Quen sodes? Por que se parou o tempo?... -as preguntas amontoábanselle.
 Somos mouras. Paramos o tempo porque temos que viaxar e os homes non debedes vernos. Pero tranquilos, que deseguida todo volverá ao equilibrio... -as mouras  dirixíronse de novo ao río, cando Antón as interrompeu.
 Agardade! Por que estabades presas? -inquiriu.
 Porque hai algúns dos vosos que se cren os amos do mundo, mesmo por riba da Natureza, e non aturaron os nosos consellos. Esa cruz xa estaba gravada na pedra moito antes de que se levantase o muíño, pero quen o construíu decidiu mantela como símbolo protector, polo que ata agora ninguén se molestou en examinala -respondera a mesma moura de antes.
Antón creu percibir amargura nas súas verbas, pero non tivo tempo de comprobalo.
Un novo resplandor dourado cegounos e o tempo volveu fluír.
David seguía moi pálido, pero os seus ollos brillaban de emoción. A Antón aquilo non lle pasou desapercibido e agarrou ao mozo polos ombreiros, mirándoo con seriedade.
 Non lle podemos dicir nada disto a ninguén -David ía protestar, pero os duros ollos azuis de Antón non admitían réplica-. Nunca.
O mozo asentiu.
Horas despois, Antón remataba co Formigueiro por ese día. Aplicárase a fondo naquel traballo, principalmente para esquecer o que lle acontecera aquela tarde. Aínda non estaba moi seguro de que non soñara aquilo; o único que tiña claro era que debía falar de novo con David. O rapaz confesáralle o moito que lle gustaba percorrer os bosques e investigar todo o que vía. Por iso mesmo mostrara tanto interese polo muíño, preocupando á súa avoa. Antón estaba seguro de que o mozo descubrira moitos máis segredos do Lambre que el.
De calquera xeito, quedara con Xosé o sábado seguinte para pescar no coto. Confiaba en que podería convencer tamén a aquel fascinante rapaz para que os acompañase.
Antón estaba seguro de que se entenderían moi ben. Os dous tiñan o mesmo desexo: comprender a Natureza e protexela.

E o Lambre aínda agochaba tanto...

ALCUMES DE SADA E ARREDORES


Compilación realizada polo alumnado de 1º da ESO do IES Isaac Díaz Pardo.





ÁLBUM DE FOTOS


Fotografías comentadas polo alumnado de 1º da eso do IES Isaac Díaz Pardo de Sada como actividade de lingua galega e literatura. 

Embed code





REFRANEIRO POPULAR RECOLLIDO EN SADA


Proxecto de traballo para a materia de Lingua Galega e Literatura realizado polos alumnos e alumnas de 1ºA de bacharelato do IES Isaac Díaz Pardo. Recollen os refráns máis coñecidos polas persoas do seu entorno familiar.






ADIVIÑA TI SE PODES


66 adiviñas recollidas polo alumnado de 1ºA de bacharelato do IES Isaac Díaz Pardo como proxecto de traballo para a materia de Lingua Galega e Literatura. Non son adiviñas orixinais do pobo de Sada. A actividade consistía en recoller soamente aquelas máis coñecidas polas persoas maiores do seu entorno. Pretenden servir de excusa para que de novo vexamos nos parques da vila aos avós propoñerlles aos netos estes enigmas divertidos que ademais  fomentan a súa axilidade mental.






FONTES E LAVADOIROS NO CONCELLO DE SADA





RETRATOS INÉDITOS DE ISAAC DÍAZ PARDO


     Teño a enorme satisfacción de presentar en "galego da estación" dous retratos inéditos da autoría de Isaac Díaz Pardo. Sirva esta entrada como a miña achega persoal á homenaxe que o vindeiro venres día once de xaneiro, na casa da cultura Pintor Lloréns, a cidadanía de Sada lle vai render ao ilustre galego.
     Isaac Díaz Pardo (nacido en Santiago en 1920), fillo do galeguista Camilo Díaz Baliño, tivo que se refuxiar na casa coruñesa do seu tío Indalecio ao pouco de iniciarse a guerra civil (1936). Nese tempo traballou de rotulista nun taller de pintura industrial. Alí coincidiu con Eduardo Faraldo Alfonso, con quen entablou amizade.
    Contoume Eduardo hai moitos anos que Isaac e mais el ían no Castromil a Santiago para facer un traballo, cando nada máis chegar, déronlle a noticia ao mozo Isaac de que aparecera en Palas de Rei o corpo do seu pai (inmolado -como el dicía- polos franquistas o 14 de agosto de 1936). Xunto co de Camilo, apareceu tamén o corpo dun estudante de Medicina, Sixto Aguirre.
     Os retratos que reproduzo son desa época. Un está feito a lapis, o outro é unha acuarela. Ambos os dous están asinados por Isaac Díaz Pardo e retratan a Eduardo Faraldo Alfonso.
     Reprodúzoos grazas á colaboración dos seus propietarios, os netos de Eduardo, Cristina e Bernardo Riveira Faraldo.







FOTOLIBRO DA EXPOSICIÓN "A TORRE E O XARDÍN DE HÉRCULES"




Open publication - Free publishing - More galego





HÓRREOS NO CONCELLO DE SADA

O hórreo, canastro ou cabaceiro é unha construción destinada a secar e gardar o millo antes de mallalo. Hai moitos tipos, pero todos obedecen a un mesmo fin para o que necesitan certas condicións específicas que podemos concretar en dúas: ventilación para secar o gran e defensa contra os roedores.

O prototipo de hórreo consiste nunha construción illada da casa. Presenta unha planta rectangular sostida sobre pés ou cepas que se cobre de xeito semellante ás casas. O piso é de táboas en nun dos lados menores, normalmente, atópase a porta. Para acceder ao seu interior utilizarase unha escada. 

As partes máis relevantes dun hórreo son: tornaformigas, pés, tornarratos, lintel, penal, porta, doelas, faixa, cornixa, pinche, sobrepenas, tellado e remates.

Os hórreos poden estar sobre cepas no canto de pés, incluso o espazo inferior pode estar pechado formando así un celeiro ou rocho que se utiliza para gardar apeiros de labranza e outros aparellos. Tanto os pés como as cepas poden estar sobre unha base ou soleira, ou directamente asentados no chan.

Tendo en conta os materias empregados na súa construción, os hórreos poden ser de varas, madeira, pedra ou mixtos, combinando varios materias distintos.

 A forma, tamaño e materiais que se usan para a construción do hórreo sempre depende da cantidade de millo, trigo… que se quere almacenar, do clima da zona, do gusto estético do construtor e sobre todo dos cartos que se teñen para construílos.

Sobre o tellado adoitan levar remates ou pináculos sinxelos, ou ornamentais, segundo o tipo de construción. Son de formas diversas  e os máis característicos son as cruces e os de forma piramidal. O hórreo é unha construción tan sagrada como a igrexa.

Os hórreos característicos de Sada son os do tipo mariñán, é dicir, pequenos hórreos sobre elevadas cepas, con corpo de madeira pechado con doelas en vertical e con tellado a dúas augas de tella do país ou curva. Son os característicos de toda a zona das Mariñas.

A agricultura neste concello é fundamentalmente de autoconsumo, e soamente se necesita almacenar o trigo, millo… que se vai consumir no ano. Por esa razón os hórreos son de reducidas dimensións se os comparamos con outros tipos característicos doutras zonas de Galicia.

A pesar diso, contamos con varios exemplos de hórreos de pedra ou mixtos, aínda que en moitos casos son hórreos ornamentais que nunca se destinaron realmente para secar e gardar o gran. Hai tamén algúns hórreos moi peculiares, como o do Tarabelo, construído en L e soportado por cepas e pés.



                                                    Hórreo en L no Tarabelo, Sada.


    HÓRREO DA CASA DOS BARBEITO

Hórreo de corpo de madeira sobre tres pares de pés graníticos, con cuberta de tella do país e sen remates. Está situado na casa dos Barbeito, no lugar de Souto Vello, parroquia de Mosteirón.

Quizais un dos máis antigos e peculiares hórreos do concello.  Probablemente fora construído no século XIX (en torno ao 1810-1812). Soamente o tellado foi reformado na actualidade.

A súa peculiaridade está nos seus pés graníticos, xa que non son característicos nos hórreos mariñáns. Os pés, chantados directamente sobre o chan, teñen tornarratos en forma de disco. Accédese á súa única cámara por unha porta situada no centro dun dos seus laterais.

A casa actual dos Barbeito conserva a porta de entrada orixinal, rematada nunha sinxela cruz, e un reloxo de sol coa inscrición “1810”. Foi posiblemente a casa grande do lugar e a que lle deu nome á parroquia, pois semella que puido ser en tempos da Inquisición española (séculos XV-XIX) un pequeno mosteiro.


HÓRREO MARIÑÁN EN SAMOEDO

Hórreo de estilo mariñán con corpo de madeira sobre cepas de pedra recebadas de cemento e situadas enriba do muro que pecha a propiedade. Localizámolo no número 142 de Samoedo. É propiedade de Josefa Souto Souto. Ten unha antigüidade de máis de 80 anos.

O tellado é de tella do país e non presenta remates. Na actualidade está en desuso e precisa reparación.

A protección lateral das escaleiras de subida ao hórreo é de cemento e relativamente actual. No momento en que protexeron a subida ao hórreo, pola elevada altura, recebaron tamén as cepas que conservan nunha única peza o tornarratos. A porta de acceso está situada no penal.

HÓRREO NAS TORRES DE MEIRÁS

Na finca de influencia do Pazo de Meirás hai dous hórreos de pedra moi interesantes que se constitúen en exemplos de hórreos de cantería propios da área pontevedresa.
O primeiro é un hórreo de planta rectangular de 10 m x 2 m construído sobre un celeiro, con tornarratos corrido e corpo de cinco tramos formado por doelas graníticas perfectamente talladas. Ten dúas portas de acceso: unha no penal e outra no medio dun dos laterais. O pinche é semicircular e está tallado nunha peza que inclúe a sobrepena.
No tellado, a dúas augas e con tella curva do país, sobresaen dous remates, unha cruz sobre un pequeno pedestal e un estilizado pináculo piramidal de base estreita rematado nunha pequena bóla.
Tendo en conta a cronoloxía das Torres de Meirás e a inscrición do outro hórreo da propiedade, probablemente foi construído en 1884.

HÓRREO NAS TORRES DE MEIRÁS
Este segundo hórreo do Pazo de Meirás é de dimensións máis reducidas que o anterior aínda que do mesmo canteiro, con doelas graníticas perfectamente talladas. O pinche é en forma de frontón e nel figura gravada a data de construción, 1884. Sobre el as sobrepenas nas que repousa unha interesantísima cruz con coroa de loureiro sobre unha base que semella ser unha pía bautismal da que sobresaen catro cabezas de anxos. Non se conserva o outro remate.
Ten unha única porta que presenta a mesma feitura que os laterais graníticos, mais con doelas de madeira. O corpo do hórreo está asentado sobre tres pares de pés chantados directamente no chan con tornarratos circulares nos pés centrais e cadrados nos restantes. 
HÓRREO NO CASTRO (OSEDO)
Atopamos este interesante hórreo de pedra na casa rural do Castro, na parroquia de Osedo. Construído orixinariamente a finais do século XIX.
Os seus cinco pares de pés descansan sobre unha pequena soleira. Os tornarratos son circulares. O corpo ou cámara é completamente de granito con fendas para a ventilación. O piso está formado por grandes laxes de granito. A porta de entrada está situada no centro dun dos laterais. Conta cunha pequena base onde se situará a escada para acceder ao seu interior.
O tellado é a dúas augas e con tella curva do país. Presenta dous remates: unha cruz e un pináculo piramidal. É un hórreo característico da comarca do Xallas, Soneira e Nemancos.
   HÓRREO EN MANDÍN (SOÑEIRO)
Este hórreo abandonado formaba parte dunha herdade situada no lugar de Mandín, na parroquia de Soñeiro, que foi adquirida por unha empresa construtora coa intención de edificar chalés. O proxecto non se levou a cabo e soamente se conserva este exemplo característico do estilo mariñán, é dicir, un corpo de tres tramos con doelas de madeira, sen pinche, con tellado a dúas augas e sen remates, que descansa sobre dúas cepas, chantadas directamente sobre o terreo.
Os linteis están alombados polo peso e o paso do tempo. As cores utilizadas para pintar as doelas e linteis son as que predominan na zona. 
HÓRREO DA CASA GUITIÁN, ALBORELLE (SOÑEIRO)

Hórreo estilo mariñán localizado no lugar de Alborelle, parroquia de Soñeiro. Forma parte da Casa Guitián, unha das casas grandes do lugar.
Hoxe en día o hórreo atópase situado na outra banda da estrada, afastado polo tanto da eira da casa.
Presenta todas as características que determinan o coñecido estilo mariñán. Corpo de madeira, con doelas e faixa. O pinche é semicircular e sobre el as sobrepenas. Non presenta remates.
O tellado, orixinalmente de tella, é na actualidade de uralita.
As tres cepas sobre as que se sustenta son de pedra, aínda que posteriormente foron recebadas. Na súa base son máis anchas para se adaptaren mellor ao terreo fondal no que se atopa o conxunto.
Accédese ao interior a través dunha porta situada nun dos laterais.
HÓRREO EN TRASÍN (MONDEGO)

É frecuente observar como co paso do tempo os linteis vanse curvando polo peso e como para evitar o derrubamento colocan pés (de cemento ou madeira, e sempre con tornarratos) na súa parte central.


HÓRREO EN CARTA (MONDEGO)

A pesar de que este é un hórreo moderno, construído en 1992, e que os seus materiais son cemento e ladrillo, queremos destacalo pola orixinalidade da súa porta de acceso e sobre todo polo empeño que na súa construción puxo José Luís, un carpinteiro xubilado orixinario das Angustias, Betanzos, coñecido como o “cirurxián da madeira”, quen o edificou enteiramente.
A Torre de Hércules está tallada en relevo e a escala da real, tomando como modelo un plano facilitado polo concello da Coruña. O hórreo pertence á casa de “Toñita de Salvadora”, situada no lugar de Carta, parroquia de Mondego.

HÓRREO NO COLEXIO MOSTEIRÓN
Hórreo mixto sustentado sobre catro pares de pés que repousan sobre unha soleira de granito. Os pés das esquinas son máis grosos que os dous pares de pés centrais, aínda que da mesma feitura. Teñen cadanseu tornarratos circular, por unha banda, e cadrado, pola outra.
A cámara é de granito con doelas de madeira pintadas en cor verde. Os penais son de pedra e a porta de madeira pintada de cor verde. O pinche é triangular e presenta unha cruz gravada.
O tellado é a dúas augas. Nas sobrepenas descansan dous remates: unha cruz sobre unha pequena base e un pináculo piramidal.
Este hórreo característico da área pontevedresa está localizado no Colexio Mosteirón, complexo construído en 1958 polo Instituto Social da Mariña. A construción do hórreo data de 1972, tal e como figura na inscrición do pinche.
HÓRREO EN MUÍÑO DO VENTO (MEIRÁS)
Hórreo mariñán, sinxelo e de reducidas dimensións, pero con máis de 150 anos. Destacan os seus tornarratos de cantería sobre cepas de pedra hoxe integradas no muro que pecha a propiedade da Casa de Eduardo do Lilo, en Muíño do Vento.
Nas fotografías de detalle podemos observar como co paso do tempo se van protexendo os linteis con láminas de lata. Malia ser de reducidas dimensións conta cunha porta de acceso no penal e con outro pequeno acceso a xeito de xanela nun dos seus laterais. 
HÓRREO EN FORTIÑÓN (MONDEGO)
      
Hórreo mariñán característico da zona. Corpo de madeira, con doelas lonxitudinais e faixas transversais que serven de reforzo, soportado en dúas cepas de pedra que asentan directamente sobre o chan. O tellado a dúas augas con tella do país e sen remates.
HÓRREO EN OSEDO
Magnífico exemplo de hórreo de pedra característico da comarca de Xallas, de onde procede, concretamente do concello de Zas, preto de Santa Comba. Ten máis de 150 anos, aínda que soamente uns catro anos na súa situación actual en Osedo. O seu propietario rescatouno e impediu que se convertera en cascallos para recheo. Soubo apreciar o seu valor para -logo de moitos esforzos para desmontalo, transportalo e volvelo a construír- devolverlle todo o seu esplendor.

HÓRREO DO TARABELO (SADA)
      
O hórreo máis singular de todos os que atopamos en Sada sitúase no Tarabelo. Pertence á casa matriz dos Taibo. A súa orixinalidade consiste na súa forma en “L” e en combinar como soporte os pés e as cepas, salvando deste xeito o desnivel existente no terreo e acadando un maior aproveitamento do espazo, delimitando a eira da casa. A orixinalidade reside tamén no cataventos de forxa que serve de remate (raposo, galiña e cruz).
HÓRREO EN CASTELO (OSEDO)
     
Hórreo mariñán por excelencia na casa de Meniño, en Castelo, parroquia de Osedo. Construído por Manuel do Meniño hai máis de cen anos.

Atópase en moi bo estado. Orixinariamente tiña o tellado cuberto con tella curva do país, feitas nas telleiras das Brañas, en Sada. Posteriormente foron substituídas por tellas romanas (planas). Tamén aproveitaron para cambiarlles as cores das doelas, orixinalmente amarelas.

As cepas son de pedra aínda que reforzadas con cemento. As “capas” (tornarratos) son de cantería.

A pesar de non ser un hórreo de grandes dimensións, no seu interior caben carros e carros de millo. Ao seu abeiro, a pedra de afiar os fouciños, coitelos… Debaixo do corpo, entre as cepas, temos un lugar protexido para tender a roupa.



HÓRREO EN CASTELO (OSEDO)

Hórreo veciño dos dous anteriores e co antigo lavadoiro de Castelo. Pertence á casa de Ferreño.



Chama a atención a protección de cemento dun dos seus laterais, o máis próximo ao tellado do lavadoiro. Foi precisamente cando construíron o novo lavadoiro, en 1956, cando protexeron o hórreo con ese pequeno muro de cemento para evitaren a subida dos ratos dende o tellado do lavadoiro.

HÓRREO EN LÁCERE (CARNOEDO)


Hórreo ornamental de pedra, de seis pares de pés, con tornarratos circulares, agás o cuadrangular que serve de apoio á escada de acceso. Trátase dun hórreo característico da zona de Bergantiños ou do Xallas. Trasladado por pezas e restaurado. Os pinches e os remates semellan ser novos. A parte superior do corpo foi completada con lousas máis pequenas e toscalleiras. A soleira sobre a que se sustenta é de cemento.

HÓRREO EN SERRA (SADA)

Estamos ante un dos hórreos do tipo mariñán de maior lonxitude dos vistos. Hórreo centenario de tres cepas. Orixinalmente constaba dun único corpo, pero uns anos despois incluíuse outro montando o novo lintel sobre o machón do antigo. Os cravos de machuco foron feitos na forxa de Aranga, unha forxa que contaba con tres mazos movidos por auga. A madeira é de castiñeiro e aínda que non conserva a cor, orixinariamente estaban as doelas tratadas cunha pintura castaña mesturada con aceite de liñaza. A tella é romana. Este hórreo atopámolo na casa de Agra, familia coñecida antigamente como “os do manco”, malia non haber ningún na familia.


HÓRREO EN MUÍÑO DO VENTO (MEIRÁS)

Hórreo en Muíño do Vento. Procede de Baio. Foi desmontado, transportado e reconstruído sobre unha soleira de pedra. Os catro pares de pés presentan o tornaformigas, o esteo e o tornarratos. Accédese á porta a través dunha escada que se apoiaría no tornarratos do segundo pé, de forma rectangular. 

HÓRREO EN SOUTO DA IGREXA (MEIRÁS)


Con preto de douscentos anos, quizais o hórreo de máis antigüidade de todos os que hai no concello. Chegou á súa situación actual hai 40 anos procedente de Candame (Arteixo), terra natal da súa propietaria. Orixinalmente o hórreo era máis grande. É un claro exemplo de hórreo mixto sobre cepas. As escaleiras graníticas de acceso son tamén as orixinais. Destacan os seus remates, pináculos de maior tamaño que os observados noutros hórreos semellantes.

HÓRREO EN LÁCERE (CARNOEDO)

Hórreo característico das Mariñas, con corpo de madeira de castiñeiro. Ten uns 85 anos. Non se utiliza dende que os seus propietarios se desfixeron das vacas. As tellas eran do país aínda que posteriormente se substituíron por tellas romanas. Non presenta remates. Na fotografía de detalle podemos observar como se fixaban as doelas aos linteis.

HÓRREO EN VILANOVA (OSEDO)


  Hórreo situado no lugar de Vilanova, en Osedo. A pesar de que este topónimo non figura na relación de lugares da parroquia de Osedo, é o que figura nas escrituras da casa, nas que tamén se menciona o hórreo, que pode ser do ano 1846. A cepa central derruíuse parcialmente e modificouse a cuberta ao substituíren as tellas do país por fibrocemento. 

HÓRREO NA RÚA ENCASCADOIRO (FONTÁN)


    Estamos ante o único hórreo mariñán que se conserva no barrio de Fontán. Está situado sobre o muro que pecha a eira da casa, á que se accede por unha portela situada debaixo do hórreo. Os tornarratos situados sobre as cepas (capas) están feitos con lousa.

HÓRREO NA CHABURRA (SADA)

Hórreo mariñán sobre cepas e pés de cantería, probablemente colocados posteriormente nunha ampliación da cámara e para reforzar a suxeición do corpo. As escaleiras de acceso son de bloque e a cuberta de fibrocemento.

HÓRREO EN COIRO (SOÑEIRO)

Hórreo mariñán sobre tres cepas. Localizado no lugar de Coiro, é o de maior lonxitude de todos, máis incluso que o localizado en Serra. Os linteis están realizados en dúas pezas, ensambladas xusto na súa parte central, sostida sobre a cepa central, lugar tamén no que se sitúa a porta de acceso.

 HÓRREO NO ESPÍRITO SANTO (SOÑEIRO)

Hórreo de setenta anos de antigüidade. Foi trasladado dende a casa familiar situada noutro lugar da parroquia. As cepas de formigón son tamén as orixinais. Os linteis, de castiñeiro mal secado, foron restaurados hai uns anos. O seu propietario, un experto labrego que ten árbores froiteiras do país de máis de douscentos anos enxertadas, aínda cultiva algo de millo que, por suposto, garda no hórreo xunto coas mazás de inverno.

HÓRREOS EN XAN AMIGO (OSEDO)

Hórreos abandonados. Cando a lonxitude do hórreo é grande adóitanse utilizar pés centrais para reforzar o corpo do hórreo.

HÓRREO DO PAZO DE TRASÍN (MONDEGO)

Hórreo de cantería sobre soleira. Ten oito pares de pés. Cabazo impoñente no que destaca o reloxo de sol sostido por un home, o “Home do Sol”, que constitúe o remate principal.







TRÍPTICO DE SADA

Tríptico turístico sobre Sada: "A filla da Ría de Prata". Unha pequena mostra dun pequeno traballo que se lle pode propoñer ao alumnado.


GUÍA DE SADA: A filla da Ría de Prata


Esta guía forma parte do proxecto didáctico que desenvolvín co alumnado de 4º de diversificación curricular do IES O Mosteirón de Sada durante o curso escolar 2011/2012. Complementa o documental "A filla da Ría de Prata" e os folletos turísticos deste concello "Ártabro".


CARTELISMO NA GUERRA CIVIL (1936-1939) E ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA DO 36



   Trátase dunha pequena mostra dos carteis fascistas e republicanos que se empregaron durante a Guerra Civil española como medio propagandístico. Un traballo de investigación levado a cabo con Pilar Facal, historiadora.
    Tamén se inclúen algúns dos carteis máis representativos da campaña a prol do Estatuto de Galicia de 1936.

O CAMIÑO DE SANTIAGO

     Trátase dun libro-guía sobre O(s) Camiño(s) de Santiago e algúns temas relacionados. Forma parte dun proxecto didáctico que desenvolvín con alumnado de 3º de diversificación curricular no IES Ramón Otero Pedrayo da Coruña.


*********************
Aquí vos deixo un proxecto de traballo realizado por alumnos e alumnas de 1º da ESO do IES Isaac Díaz Pardo para a materia de Lingua Galega e Literatura.
Que sirva como preparación para estes tempos de Entroido que nos chegan. Coidado co lacón!








No hay comentarios:

Publicar un comentario